Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Mércores, 21 de xuño de 2000 Páx. 9.676

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 150/2000, do 7 de xuño, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia.

O Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia, reunido en asemblea xeral extraordinaria que tivo lugar o 31 de marzo de 2000, procedeu á aprobación dos seus estatutos, solicitando da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal informou favorablemente sobre a súa adecuación á legalidade.

Na súa virtude, de acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado na materia de colexios oficiais e profesionais, no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia sobre asunción de funcións e competencias a que se refire o real decreto citado, e no Decreto 161/1997, do 5 de xuño, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais e se crea o Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos; por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xuño de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia.

Disposición adicional

Dispoñe-la publicación no Diario Oficial de Galicia dos indicados estatutos, que figuran como anexo a este decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xuño de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Natureza xurídica.

O Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia é unha corporación de dereito público de carácter representativo da profesión, amparada pola lei e recoñecida polo Estado, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2º.-Composición.

O Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia integra no seu ámbito territorial as persoas que teñan a titulación de diplomados/as universitarios/as en traballo social e/ou de asistentes sociais, sendo obrigatoria a incorporación ó colexio para o exercicio da profesión.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

O ámbito territorial deste colexio é o da Comunidade Autónoma de Galicia. Para un mellor funcionamento, o colexio poderá establecer delegacións nas catro provincias de Galicia, que dependerán, en todo caso, do colexio.

Artigo 4º.-Relacións coa Administración.

O Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia relacionarase directamente coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no referente ós aspectos institucionais, e a través da/s consellería/s competentes en relación coa profesión, no referente ós contidos dela.

Artigo 5º.-Normativa reguladora.

O Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia regularase por estes estatutos particulares; polo Regulamento de réxime interior, se existe; polos estatutos xerais dos colexios oficiais; así como polos acordos dos seus órganos de goberno e polos adoptados no seo do Consello Xeral de Colexios Oficiais, e de acordo coas respectivas competencias atribuídas nas normas estatais e autonómicas.

Artigo 6º.-Emblema oficial.

O emblema oficial será o descrito na orde ministerial do 25 de outubro de 1966, circundado pola inscrición «Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia», co logotipo oficial establecido polo colexio.

TÍTULO II

Fins e funcións do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia

Artigo 7º.-Fins do colexio oficial.

Son fins esenciais do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia a ordenación do exercicio da actividade profesional, a representación exclusiva da profesión no seu ámbito territorial, a observancia dos principios xurídicos, éticos e deontolóxicos e a formación permanente dos seus colexiados /as, así como a a defensa dos seus intereses profesionais.

Artigo 8º.-Funcións do colexio oficial.

Correspóndelle ó Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia o exercicio das seguintes funcións:

a) Desempeña-la representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins.

b) Colaborar coas administracións públicas mediante a realización de estudios, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins, que poidan serlles solicitadas ou acorden formular por propia iniciativa, así como realizar informes dos proxectos de lei e disposicións de calquera outro rango que se refiran ás condicións do exercicio da profesión.

c) Promove-la acción asociada de individuos, grupos e comunidades afectados por unha problemática, co fin de logra-la súa participación activa para transforma-la súa situación.

d) Participar nos consellos e organismos consultivos das administracións públicas do seu ámbito territorial en materias de competencia da profesión.

e) Participar na elaboración dos plans de estudio e, se é o caso, realizar informes das normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión, mantendo contacto permanente con eles, así como prepara-la información necesaria para facilita-lo acceso á actividade profesional dos novos profesionais.

f) Desempeñar no seu ámbito territorial a representación e defensa da profesión ante as administracións públicas, institucións públicas e privadas, tribunais e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten ós intereses profesionais, e exerce-lo dereito de petición conforme a lei, sen prexuízo do disposto na lexislación sobre colexios profesionais.

g) Facilitarlles ós tribunais, conforme as leis, a relación de colexiados/as que poderán ser chamados

para intervir como peritos nos asuntos xudiciais, ou designalos por si mesmos, segundo proceda.

h) Regular e organiza-la actividade profesional dos colexiados/as no ámbito da súa competencia, velando pola ética e dignidade profesional e polo respecto debido ós dereitos dos particulares, e exerce-la facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

i) Regular e organizar actividades e servicios comúns de interese para os colexiados/as de carácter cultural, asistencial e de previsión, contribuíndo ó seu sostemento económico mediante os medios necesarios.

j) Procura-la harmonía e colaboración entre os colexiados/as e impedi-la competencia desleal entre eles.

k) Perseguir e denuncia-lo intrusismo profesional e a ilegalidade no exercicio da profesión, podendo exercer ante os tribunais de Xustiza as accións pertinentes contra quen, sen te-lo debido título, exerza ou trate de exercer funcións que competen exclusivamente ós diplomados en traballo social e ós asistentes sociais, e ós que, téndoo, non se ateñan no seu labor profesional ós requisitos legais establecidos para o efecto.

l) Intervir mediante conciliación ou arbitraxe nos asuntos que se susciten entre os colexiados/as por motivos profesionais por petición deles, podendo resolver por laudo, por instancia das partes interesadas, as discrepancias que poidan xurdir sobre o cumprimento das obrigas resultantes nos traballos realizados polos colexiados e colexiadas no seu exercicio profesional.

m) Establecer, no seu ámbito, baremos de honorarios de carácter meramente orientativo.

n) Encargarse do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais cando o colexiado/a o solicite libre e expresamente, cando o colexio teña creados os servicios adecuados .

o) Emitir informe nos procedementos xudiciais ou administrativos nos que se discutan honorarios profesionais.

p) Visar, por petición deles, os traballos profesionais dos colexiados/as. O colexio poderá regula-lo pagamento das taxas correspondentes para satisfacer polos referidos visados segundo se estableza no Regulamento de réxime interior. O visado non comprenderá os honorarios nin as demais condicións contractuais, deixando a súa determinación ó libre acordo das partes.

q) Organizar cursos e outras actividades para a formación profesional dos colexiados.

r) Respectar e esixirlles ós colexiados/as a observancia da lexislación vixente e o cumprimento dos estatutos profesionais e, se é o caso, dos regulamentos de réxime interior do respectivo colexio, así como as normas e decisións que os órganos colexiados adopten en materia da súa competencia.

s) Aproba-los seus orzamentos e regular e fixa-las achegas económicas dos seus colexiados/as.

t) Colaborar, por petición das administracións públicas, na redacción das bases dos concursos que se convoquen para adxudicar traballos ou postos de traballo profesionais e nos xurados e tribunais nos que se esixan ou xulguen coñecementos relativos a materias específicas da profesión de diplomado en traballo social ou asistente social.

u) Exercer cantas funcións poidan redundar en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados/as e da profesión en xeral.

TÍTULO III

Do exercicio da profesión e dos colexiados

e colexiadas

Capítulo I

Do exercicio da profesión

Artigo 9º.-Requisitos do exercicio.

Son requisitos indispensables para o exercicio da profesión:

a) Estar en posesión do título de diplomado en traballo social e/ou de asistente social.

b) Estar incorporado/a ó Colexio Oficial de Galicia, se este é o colexio competente en función de ónde radique o domicilio profesional único ou principal do/a profesional exercente, sendo este requisito suficiente para que el/ela lles poida exerce-la súa actividade en todo o territorio do Estado sempre que comunique, a través deste colexio oficial, ós colexios distintos ó da súa adscrición, as actuacións que vaia realizar nas súas demarcacións, co fin de quedar suxeito, coas condicións económicas que en cada suposto poidan establecerse, ás competencias de ordenación, visado, control deontolóxico e potestade disciplinaria.

c) Estar capacitado física e mentalmente para o cumprimento das funcións propias do traballo social. O dito impedimento deberá declararse oficialmente de maneira expresa polo tribunal ou comisión que en cada momento se determine.

d) Non estar inhabilitado/a ou suspendido/a, en virtude de sentencia firme, para o exercicio da profesión.

e) Non estar baixo sanción disciplinaria de suspensión do exercicio profesional ou expulsión do Colexio de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais onde estea colexiado/a.

Artigo 10º.-Adquisición da condición de colexiado/a.

1. A incorporación ó Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia esixirá, polo menos, a existencia conxunta dos seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade.

b) Presenta-la correspondente solicitude dirixida ó presidente da Xunta de Goberno do Colexio á que deberá xuntarse o título profesional ou, se é o caso, certificado académico acreditativo de finalización

dos estudios correspondentes e recibo acreditativo de ter satisfeitos os dereitos de expedición do título.

Os profesionais co título de traballador social expedido por outros estados membros da Unión Europea deberán achegar, ademais do respectivo título académico, a correspondente resolución de recoñecemento deste para o exercicio da profesión en España.

Nos casos de títulos expedidos por países non membros da Unión Europea, xuntarán o preceptivo título de validación dos seus estudios de diplomado en traballo social.

c) Así mesmo, será necesario que o interesado/a satisfaga a cota de inscrición que determine o colexio oficial. No caso de que o solicitante xa estivese inscrito noutro Colexio de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais, será suficiente que achege certificación deste último, acreditativa do período de colexiación e do pagamento das cotas que lle correspondesen en tal período.

2. A adquisición da condición de colexiado/a farase efectiva mediante a correspondente resolución expresa do colexio, logo da constatación do cumprimento dos requisitos previstos no punto un deste artigo.

Artigo 11º.-Perda da condición de colexiado/a.

A perda da condición de colexiado/a producirase nos seguintes supostos:

a) Baixa voluntaria do interesado/a por cesamento ou baixa no exercicio da profesión, ou pola súa incorporación a outro Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais.

b) Non satisfacer durante o prazo dun ano o pagamento das cotas colexiais, logo do requirimento de pagamento e audiencia do colexiado/a.

c) Ser condenado/a por sentencia firme que leve aparellada a inhabilitación do exercicio profesional, mentres non quede extinguida a correspondente responsabilidade.

d) Ser suxeito de sanción disciplinaria firme de expulsión do colexio.

e) Por falecemento.

Capítulo II

Dereitos e obrigas dos colexiados/as

Artigo 12º.-Dereitos dos colexiados/as.

Son dereitos dos colexiados/as:

a) Exerce-la profesión con plena liberdade, dentro do marco xurídico, deontolóxico e estatutario.

b) Participar na xestión corporativa e, polo tanto, exerce-lo dereito de petición, o de voto e o de acceso ós postos e cargos directivos, a través dos procedementos e cos requisitos estatutariamente establecidos.

c) Pedir e obter do colexio a asistencia e protección que poida necesitar para o correcto exercicio profesional, así como cando considere lesionados os dereitos profesionais ou colexiais.

d) Participar, dentro do respecto ós demais colexiados/as, do uso e proveito dos bens e servicios do colexio nas condicións regulamentariamente establecidas.

e) Ser informado/a da actuación profesional e social do colexio mediante boletíns, guías, anuarios e outras publicacións.

f) Beneficiarse das actividades e servicios comúns de interese para os colexiados/as de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial e de prevención.

g) Esixir do colexio o visado dos traballos profesionais.

h) Garda-lo segredo profesional, sen prexuízo das comunicacións interprofesionais dirixidas ó correcto tratamento dos casos.

i) Formula-las suxestións por escrito e que estas sexan recollidas e tratadas nas reunións da Xunta de Goberno, logo da inclusión na orde do día.

j) Exercita-lo voto de censura.

k) Calquera outro dereito que lle sexa recoñecido nestes estatutos particulares.

Artigo 13º.-Deberes dos colexiados/as.

Son deberes dos colexiados/as:

a) Exerce-la profesión de acordo coa ética profesional.

b) Axusta-la súa actuación profesional ás esixencias legais e estatutarias da organización colexial e someterse ós acordos adoptados polos diferentes órganos colexiais.

c) Comparecer ante os órganos colexiais cando sexan chamados/as para iso.

d) Satisface-las cotas e demais cargas fiscais corporativas, ordinarias ou extraordinarias, de acordo coas que sexan aprobadas en asemblea xeral.

e) Notificarlle ó colexio calquera acto de intrusismo profesional ou exercicio ilegal da profesión de que tivesen coñecemento.

f) Levar coa máxima lealdade as relacións co colexio e cos demais colexiados/as.

g) Garda-lo segredo profesional, sen prexuízo das comunicacións interprofesionais encamiñadas ó correcto tratamento dos casos.

h) Cooperar coa Xunta de Goberno e facilitar información nos asuntos de interese profesional en que se lles solicite, así como naqueloutros que os colexiados/as consideren oportuno.

i) Comunica-la situación laboral, como exercentes ou non, na cal se atopen.

j) Facilitarlle ó colexio os datos correctos necesarios para proceder ó cobramento da cotas de colexiación, así como os cambios que se produzan.

k) Calquera outro deber que derive do regulamento do colexio ou das prescricións xurídicas, éticas ou deontolóxicas vixentes en cada momento.

TÍTULO IV

Dos órganos de goberno dos colexios

Artigo 14º.-Dos órganos de goberno.

Son órganos de goberno do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistente Sociais de Galicia, a Asemblea Xeral e a Xunta de Goberno.

Capítulo I

Asemblea Xeral

Artigo 15º.-Composición e natureza.

A Asemblea Xeral, composta polo/a presidente/a e demais membros da Xunta de Goberno do colexio e por tódolos colexiados/as presentes e legalmente representados/as, é o supremo órgano do colexio. Os seus acordos e resolucións validamente adoptados obrigan a tódolos colexiados/as, incluídos/as os/as que voten en contra deles, se absteñan ou se atopen ausentes.

Artigo 16º.-Funcionamento.

1. As asembleas xerais, que poderán ser ordinarias e extraordinarias, terán lugar na forma e prazos que establezan estes estatutos.

2. Necesariamente deberá ter lugar dúas asembleas ordinarias: a primeira dentro do primeiro trimestre do ano, para a aprobación das contas do exercicio anterior, e a segunda dentro do último trimestre, na que se aprobará o orzamento e o plan de actividades do seguinte exercicio.

3. A Asemblea Xeral extraordinaria terá lugar cando o acorde a Xunta de Goberno ou cando o solicite, como mínimo, un 10% do total de colexiados/as. A petición efectuarase mediante escrito no que conste os asuntos que se van tratar.

4. Tódolos/as colexiados/as teñen dereito a asistir con voz ás asembleas xerais que teñan lugar. Terán dereito a voto tódolos colexiados e colexiadas que estean ó día no pagamento das cotas colexiais, admitíndose a representación e o voto por delegación, mediante autorización escrita e para cada asemblea, debendo necesariamente recae-la dita delegación noutro/a colexiado/a. Só serán válidas as representacións entregadas ó/á secretario/a antes de dar comezo a asemblea. O colexio enviará o modelo para cada asemblea, admitíndose soamente unha representación por colexiado presente.

5. As asembleas serán convocadas, como mínimo, con 20 días de antelación á súa realización. A estas convocatorias daráselles publicidade a través dos medios oportunos para a difusión entre os/as colexiados/as.

Artigo 17º.-Constitución e toma de acordos.

1. A Asemblea Xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria coa asistencia da

metade máis un dos membros que a integran, presentes ou legalmente representados. En segunda convocatoria, calquera que sexa o número de colexiados/as presentes ou legalmente representados, agás naqueles casos nos que sexa esixible un quórum especial.

2. Os acordos serán adoptados por maioría simple dos presentes, dirimindo os empates o voto de calidade do/a presidente/a ou de quen legalmente o substitúa. As votacións serán segretas cando así llo solicite á asemblea algún dos/as colexiados/as e sexa aprobado por maioría simple dos presentes. Os acordos que versen sobre fusión ou absorción do colexio deberán ser adoptados por maioría absoluta.

3. De cada sesión levantarase acta na que se farán consta-las circunstancias de lugar, asistencia, asuntos tratados e intervencións, así como acordos adoptados, e debe ser visada polo presidente/a e asinada polo/a secretario/a.

Artigo 18º.-Funcións da Asemblea Xeral.

Correspóndelle á Asemblea Xeral o exercicio das seguintes funcións:

a) Aproba-los estatutos do colexio, o Regulamento de réxime interior e as normas rectoras de organización e funcionamento do colexio, así como as súas respectivas modificacións.

b) Aproba-los orzamentos para o seguinte exercicio e a conta de ingresos e gastos do exercicio anterior.

c) Aproba-la memoria de xestión anual da Xunta de Goberno.

d) Determina-las cotas e achegas económicas que os colexiados/as deben satisfacer ó colexio.

e) Esixir responsabilidade do presidente/a e dos restantes membros da Xunta de Goberno, promovendo, se é o caso, moción de censura.

f) Decidir sobre todas aquelas cuestións da vida colexial que lle sexan normativa ou estatutariamente atribuídas.

g) Acorda-la fusión, absorción e, se é o caso, disolución do colexio e, en tal suposto, o destino que se lles vai dar ós seus bens, para eleva-la correspondente proposta á Comunidade Autónoma.

h) Resolve-las cuestións de confianza que, se é o caso, promova a Xunta de Goberno.

Capítulo II

Xunta de Goberno

Artigo 19º.-Natureza e composición.

1. A Xunta de Goberno é o órgano colexial representativo e executivo ó que lle corresponde o goberno e a administración do colexio, con suxeición á legalidade vixente e ós estatutos colexiais.

2. A Xunta de Goberno estará composta polo/a presidente/a do colexio, o/a vicepresidente/a, o/a secretario/a, o/a tesoureiro/a e seis vocais.

3. Non poderán formar parte da Xunta de Goberno colexiados/as que se atopen condenados por sentencia firme que leve aparellada a inhabilitación ou suspensión de cargos públicos e os/as que foron obxecto de falta disciplinaria grave ou moi grave en calquera colexio mentres non quede extinguida a correspondente responsabilidade.

Artigo 20º.-Funcionamento.

1. A Xunta de Goberno reunirase en sesión ordinaria polo menos unha vez ó mes, e con carácter extraordinario cando as circunstancias así o aconsellen ou cando sexa solicitada pola cuarta parte dos membros da Xunta de Goberno.

2. Será obrigatoria a asistencia de tódolos membros da Xunta de Goberno ás sesións, entendéndose como renuncia ó cargo a ausencia non xustificada a tres sesións consecutivas.

3. Notificaráselle-la convocatoria da Xunta de Goberno a tódolos seus membros, cunha antelación mínima de dous días.

4. A Xunta de Goberno quedará validamente constituída se están presentes a metade máis un dos seus membros. Os acordos serán tomados pola maioría simple dos presentes. No caso de producirse un empate dirimirase a través do voto de calidade do/da presidente/a.

Artigo 21º.-Funcións da Xunta de Goberno.

Correspóndelle á Xunta de Goberno o exercicio das seguintes funcións:

a) Velar polo cumprimento e a execución dos acordos adoptados pola Asemblea Xeral, así como promove-las iniciativas que pola devandita asemblea lle sexan encomendadas.

b) Resolver sobre as peticións de incorporación ó colexio de novos profesionais, admitindo ou denegando a súa colexiación.

c) Administra-los bens do colexio e dispoñer dos seus recursos.

d) Confeccionar, para a súa aprobación pola Asemblea Xeral, a memoria anual de actividades, a memoria económica e os orzamentos do colexio e render contas ante aquela.

e) Exerce-la potestade disciplinaria sobre os/as colexiados/as.

f) Dirimi-los conflictos que poidan suscitarse entre os /as colexiados/as no exercicio da profesión.

g) Fixa-la data de realización da Asemblea Xeral e a orde do día das súas sesións.

h) Elaborar e propoñe-lo proxecto de Regulamento de réxime interior e as súas modificacións para a súa posterior aprobación pola Asemblea Xeral e propoñerlle a esta a modificación dos estatutos.

i) Informa-los colexiados/as con prontitude sobre tódolos temas de interese xeral e dar resposta ás consultas que aqueles/as fagan.

j) Establecer no seo da Xunta de Goberno as comisións que sexan necesarias para o mellor goberno do colexio.

k) Promove-la cuestión de confianza ante a Asemblea Xeral, cando a maioría absoluta dos seus membros o considere oportuno.

Artigo 22º.-Presidente/a do colexio.

Correspóndenlle ó presidente/a as seguintes funcións:

a) Representa-lo colexio nas súas relacións cos poderes públicos, entidades e corporacións de calquera tipo, así como coas persoas físicas e xurídicas.

b) Asistir como representante do colexio ás asembleas do Consello Xeral.

c) Desempeñar-la presidencia da Xunta de Goberno e da Asemblea Xeral e visa-las actas levantadas tralas reunións dos ditos órganos.

d) Autoriza-los informes e as solicitudes oficiais do colexio que se dirixan a autoridades e corporacións.

e) Convoca-las reunións da Xunta de Goberno e da Asemblea Xeral e dirimi-los empates que se produzan no seo da Xunta de Goberno mediante o seu voto de calidade.

f) Conceder poderes, con capacidade, así mesmo, para absolver posicións en xuízo.

g) Autoriza-la apertura de contas correntes bancarias, ou movemento de fondos e a constitución e cancelación de todo tipo de depósitos e hipotecas.

h) Velar pola correcta conducta profesional dos/as colexiados/as e polo decoro do colexio.

Artigo 23º.-Vicepresidente/a do colexio.

Correspóndelle ó vicepresidente/a o exercicio de todas aquelas funcións que lle sexan delegadas polo presidente/a, asumindo as atribuídas a este/a nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante. No caso de ausencia definitiva do presidente ou presidenta, o vicepresidente ou vicepresidenta ocupará o cargo ata que se convoquen novas eleccións. Estas deberán convocarse na seguinte asemblea xeral ordinaria que realice o colexio oficial.

Artigo 24º.-Secretario/a do colexio.

Correspóndenlle ó secretario/a as seguintes funcións:

a) Leva-los libros necesarios para o mellor e máis ordenado servicio do colexio.

b) Redactar e asina-las actas que necesariamente deben levantarse tralas reunións da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno.

c) Recibir e dar conta ó presidente/a e á Xunta de Goberno de tódalas solicitudes e comunicacións que se dirixan ó colexio.

d) Redacta-la memoria da xestión anual.

e) Dirixi-los servicios administrativos e asumi-la xefatura de persoal de acordo cos estatutos colexiais.

Artigo 25º.-Tesoureiro/a do colexio.

Correspóndenlle ó tesoureiro/a as seguintes funcións:

a) Recadar e custodia-los fondos do colexio.

b) Leva-la contabilidade do colexio e o inventario dos seus bens.

c) Formula-la conta xeral de tesourería e prepara-lo proxecto de orzamentos anuais.

d) Realizar arqueos e balance de situación anuais e cando sexa requirido para iso.

Artigo 26º.-Vocais da Xunta de Goberno.

1. Correspóndelles ós vocais colaborar nas funcións da Xunta de Goberno, asistindo ás súas reunións e deliberacións. Os/as vocais formarán parte e desempeñarán a presidencia das comisións ou ponencias para as que sexan designados/as pola Xunta de Goberno.

2. Así mesmo, substituirán polo tempo que reste do seu mandato o vicepresidente/a, secretario/a e tesoureiro/a nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante, trala adopción de acordo pola Xunta de Goberno, e posterior ratificación pola Asemblea Xeral.

Capítulo III

Procedemento para a elección dos membros da Xunta de Goberno

Artigo 27º.-Condicións de elixibilidade.

1. Os cargos da Xunta de Goberno elixiranse mediante votación na que poderán participar tódolos/as colexiados/as que se atopen ó día no pagamento das cotas colexiais, e que non fosen sancionados por infracción grave ou moi grave ou por sentencia firme á pena de inhabilitación, mentres dure o tempo do seu cumprimento.

2. Para tódolos cargos esixiráselles ós candidatos, ademais, un mínimo de seis meses de colexiación.

3. En ningún caso poderá un mesmo candidato/a presentarse para dous cargos da Xunta de Goberno.

4. A duración do mandato de tódolos cargos da Xunta de Goberno será de catro anos con dereito a reelección.

Artigo 28º.-Electores.

1. Terán dereito a voto, secreto e directo, para a elección dos cargos da Xunta de Goberno, tódolos/as colexiados/as incorporados/as ó respectivo colexio, polo menos un mes antes da convocatoria das eleccións, que estean ó corrente no pagamento das cotas, sempre que non se encontren incursos/as en prohibición legal ou estatutaria.

2. O voto poderá ser emitido persoalmente ou por correo coas garantías que, en cada caso, se establecen nestes estatutos.

Artigo 29º.-Procedemento electoral.

1. A convocatoria das eleccións deberá ser anunciada, pola Xunta de Goberno con tres meses de antelación á data da súa realización.

2. A Xunta de Goberno, polo menos, un mes antes da data de realización daquelas, fará pública a lista definitiva de colexiados/as con dereito a voto na Secretaría do colexio. A dita lista permanecerá no mencionado taboleiro de anuncios do colexio ata a finalización do proceso electoral.

3. Os/as colexiados/as que desexen reclamar sobre a dita lista poderán facelo durante os tres días hábiles seguintes ó da súa exposición no mencionado taboleiro de anuncios. As reclamacións deberán formularse por escrito ante a Xunta de Goberno, que resolverá no prazo de cinco días hábiles unha vez finalizado o prazo de formalización de reclamacións.

4. Os/as colexiados/as que desexen presentarse á elección deberán presenta-la súa candidatura por escrito ó presidente/a do colexio cunha antelación de corenta días á súa realización. Nos tres días seguintes de finalizado este prazo, a Xunta de Goberno fará pública a lista de candidatos/as e abrírase un prazo de cinco días para formular reclamacións contra ela. Estas reclamacións deberán ser resoltas pola Xunta de Goberno dentro dos cinco días seguintes ó da expiración do citado prazo.

5. Os/as colexiados/as que o desexen poderán presentarse da forma indicada, especificando o cargo ó que optan, ou agruparse constituíndo candidatura completa, integrada por tantos candidatos/as como cargos se elixisen, debendo o/a colexiado/a que a encabece face-la comunicación oportuna ó presidente/a do colexio, seguindo o procedemento establecido no punto anterior.

6. A mesa electoral constituirase no momento no que se peche o prazo de presentación de candidatos e estará integrada por un/unha presidente/a, dous vocais e un secretario/a, que terán designados os seus respectivos/as dous suplentes, escollidos por sorteo entre colexiados/as que non se presenten como candidatos/as á elección. Os/as candidatos/as poderán designar interventores/as da mesa, comunicándollo vintecatro horas antes de comeza-la votación á Xunta de Goberno, en número non superior a dous por cada candidatura completa e un por cada candidatura individual. Os interventores poderán asistir a todo o proceso de votación e escrutinio, formula-las reclamacións que coiden oportunas e que serán resoltas polo presidente/a da mesa electoral e recollidas na acta polo secretario/a. A mesa electoral quedará facultada para dirimir e resolver tódolos conflictos e as dúbidas que poidan xurdir sobre o proceso electoral.

7. Os/as colexiados votarán utilizando exclusivamente unha papeleta que lle entregarán, trala identificación, ó presidente/a para que na súa presencia a deposite na urna. O/a secretario/a da mesa deberá consignar na lista de colexiados/as electores/as aqueles/as que vaian depositando o seu voto.

8. Os/as colexiados/as que non voten persoalmente poderán facelo por correo do seguinte xeito:

Enviando unha papeleta, nun sobre pechado, ó presidente/a da mesa electoral. Este sobre irá incluído dentro doutro no que figurará a fotocopia do documento nacional de identidade, tamén pechado, no que conste claramente o remitente.

Os votos por correo enviaranse dirixidos ó presidente/a da mesa electoral. Admitiranse os sobres chegados ó colexio ata o remate da elección, e destruíranse sen abrir os chegados con posterioridade. O voto persoal revogara o voto emitido por correo.

9. Rematada a votación procederase ó escrutinio de tódolos votos, que será público, contabilizándose os votos obtidos por cada candidato/a. Consideraranse nulos tódolos votos recaídos en persoas que non figuren como candidatos/as nas listas, así como aquelas papeletas que conteñan riscaduras, frases ou expresións distintas do nome e cargo do candidato.

10. Os/as candidatos/as que obtivesen o maior número de votos serán escollidos para o respectivo cargo ó que se presenten na candidatura individual ou completa. No caso de empate, escollerase o candidato con máis antigüidade no Colexio de Galicia.

11. Efectuado o escrutinio dos votos nas vintecatro horas seguintes, os candidatos poderán efectua-las reclamacións que consideren oportunas. A Xunta de Goberno, por proposta da mesa electoral, resolverá no prazo máximo das corenta e oito horas seguintes as reclamacións formuladas. Se á vista das impugnacións presentadas a xunta resolvese anula-la elección, comunicarallo ó Consello Xeral e procederá a convocar novas eleccións no prazo máximo dun mes. Neste caso, a Xunta de Goberno continuará en funcións ata que sexan proclamados os cargos da nova xunta escollida.

12. Se non se presentasen reclamacións ou, resoltas estas, se desen sen que concorresen causas de nulidade, procederase á proclamación dos/as candidatos/as elixidos/as, no prazo de cinco días.

13. Os membros electos da Xunta de Goberno deberán tomar posesión dos seus cargos no prazo máximo de quince días desde a súa proclamación. Deberá comunicarse ó Consello Xeral e, se é o caso, á consellería da Xunta de Galicia que sexa competente, a nova xunta de goberno resultante.

Artigo 30º.-Cesamentos.

1. Os membros da Xunta de Goberno cesarán nos seguintes supostos:

a) Termo do mandato.

b) Renuncia do/a interesado/a.

c) Perda das condicións de elixibilidade ás que se refire o artigo 27º.

d) Condena por sentencia firme que leve parella inhabilitación para o exercicio de cargos públicos.

e) Sanción disciplinaria por falta moi grave.

f) Aprobación dunha moción de censura ou perda dunha cuestión de confianza.

g) Falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas da Xunta de Goberno.

2. Se por calquera causa cesasen un número de membros da Xunta de Goberno menor de cinco e maior de dous, esta convocará os postos vacantes nun prazo de tres meses.

Capítulo IV

Moción de censura

Artigo 31º.-Moción de censura.

1. A Asemblea Xeral poderá esixir responsabilidade da Xunta de Goberno e do/a presidente/a mediante a adopción, por maioría absoluta, dun voto de censura.

2. A moción de censura deberá ser proposta por escrito e, polo menos, polo vintecinco por cento dos colexiados /as, expresando claramente as razóns nas que se fundamenta.

3. A moción de censura presentarase ante a Xunta de Goberno, que estará obrigada a convocar unha asemblea xeral extraordinaria no prazo de 20 días desde a presentación da citada moción de censura. A realización da devandita asemblea terá lugar, necesariamente, dentro dos dous meses seguintes ó da súa convocatoria.

4. No caso de cesamento da totalidade da Xunta de Goberno, excepto no caso de aprobación dunha moción de censura, esta permanecerá en funcións ata a elección dunha nova xunta de goberno.

5. A Asemblea Xeral extraordinaria quedará constituída cando asista a metade máis un do censo de colexiados. De existir este quórum, será necesario o voto favorable directo e persoal da metade máis un dos asistentes á asemblea dos representados.

6. Se a moción de censura resultase aprobada pola asemblea xeral, esta designará unha xunta de goberno provisional que convocará novas eleccións no prazo dun mes. Se a moción de censura non fose aprobada, os seus signatarios non poderán presentar outra ata transcorridos seis meses desde ela.

Artigo 32º.-Cuestión de confianza.

A Xunta de Goberno poderá proporlle á Asemblea Xeral a cuestión de confianza sobre a súa xestión. A confianza entenderase dada se vota a favor dela a maioría simple dos presentes na asemblea xeral extraordinaria convocada para o efecto.

TÍTULO V

Réxime económico e financeiro

Artigo 33º.-Capacidade patrimonial.

O Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia ten plena capacidade patrimonial para o cumprimento dos seus fins e plena autonomía para a xestión e administración dos seus bens, sen prexuízo da súa necesaria contribución ó sostemento do Consello Xeral.

Artigo 34º.-Recursos económicos ordinarios.

Constitúen recursos ordinarios do Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia:

a) As cotas de inscrición no colexio que satisfagan os/as colexiados/as e, se é o caso, as cotas de habilitación que estean obrigados/as a satisfacer ó colexio que abarque a demarcación onde vaian ocasionalmente exerce-los/las colexiados/as incorporados/as a colexios sitos en territorios diferentes.

b) As cotas ordinarias e extraordinarias que fixe a Asemblea Xeral do colexio por proposta da Xunta de Goberno.

c) A cota que corresponda cobrar ós colexiados/as respecto daqueles traballos profesionais que sexan obxecto de supervisión ou visado polo Colexio Oficial.

d) Os ingresos que o colexio poida obter por venda de publicacións, impresos, subscricións e expedición de certificacións, así como por realización de dictames, funcións de asesoramento e similares que lle sexan solicitados.

e) Os rendementos de calquera natureza que produzan bens e dereitos que integren o patrimonio do colexio, así como os que produzan as actividades de toda clase que el mesmo desenvolva.

Artigo 35º.-Recursos económicos extraordinarios.

Constitúen recursos extraordinarios dos Colexios de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais:

a) As subvencións, donativos ou calquera clase de axudas que lles sexan concedidas polas administracións públicas, entidades públicas e privadas, e polos particulares.

b) Os bens e dereitos de toda clase que por herdanza, doazón ou calquera outro título pasen a formar parte dos seus patrimonios.

c) As cantidades que por calquera concepto non especificado lles corresponda percibir.

TÍTULO VI

Réxime de distincións e premios

Artigo 36º.-Réxime de distincións e premios.

Os/as colexiados/as poderán ser distinguidos/as ou premiados/as mediante acordo da Asemblea Xeral do Colexio de Galicia, por proposta da súa Xunta de Goberno ou por iniciativa dun número de colexiados/as superior a un dez por cento do total, coas recompensas e premios que se especifican, e que se farán constar no expediente persoal:

a) Felicitacións ou mencións honoríficas.

b) Proposta á Administración pública para a concesión de condecoracións ou calquera outro tipo de honras.

c) Publicación con cargo ós fondos do colexio daqueles traballos de destacado valor profesional.

d) Aqueloutros de tipo económico que a Xunta de Goberno teña en conta e as dispoñibilidades económicas o permitan.

TÍTULO VII

Réxime disciplinario

Capítulo I

Tipificación de infraccións e sancións

Artigo 37º.-Potestade disciplinaria.

1. Correspóndelle á Xunta de Goberno o exercicio da potestade disciplinaria sobre os/as colexiados/as.

2. Os membros da Xunta de Goberno do colexio serán, se é o caso, sancionados polo Consello Xeral de Colexios de Diplomados en Traballo e Asistente Socias.

Artigo 38º.-Infraccións.

1. Serán sancionables tódalas accións e omisións en que incorran os membros dos colexios no exercicio profesional, que se encontren tipificadas como falta nestes estatutos.

2. As infraccións clasifícanse en leves, graves e moi graves.

A) Son infraccións leves:

a) A neglixencia no cumprimento dos deberes profesionais e das obrigas colexiais.

b) A falta de respecto a outros/as colexiados/as.

B) Son infraccións graves:

a) O incumprimento reiterado da obriga de pagamento das cotas colexiais, sempre que sexa requirido para iso.

b) O incumprimento reiterado da obriga de pagamento da porcentaxe que sobre os honorarios profesionais corresponda, se é o caso, ingresar no respectivo colexio.

c) O incumprimento reiterado da disciplina colexial.

d) O desempeño de traballos profesionais que fosen encomendados a outros compañeiros sen obter previamente o seu permiso.

e) O menosprezo grave, a inxuria e as agresións a outros colexiados/as.

f) O incumprimento dos acordos adoptados polos órganos de goberno do colexio ou polos do Consello Xeral de Colexios.

g) A reincidencia de faltas leves.

C) Son infraccións moi graves:

a) A comisión de delictos en calquera grao de participación como consecuencia do exercicio da profesión.

b) O incumprimento das obrigas deontolóxicas e dos deberes profesionais establecidos por norma legal ou estatutaria.

c) O encubrimento do intrusismo profesional.

d) A reincidencia de faltas graves.

Artigo 39º.-Sancións.

1. A comisión dos actos tipificados no artigo anterior poderá determina-la imposición das seguintes sancións:

A) Para as infraccións leves:

a) Apercibimento por escrito.

b) Amoestación privada.

B) Para as infraccións graves:

a) Amoestación pública.

b) Suspensión de exercicio profesional por período máximo de seis meses.

c) Privación temporal do dereito a desempeñar cargos corporativos por período máximo dun ano.

C) Para as infraccións moi graves:

a) Suspensión da condición de colexiado/a por período máximo de dous anos.

b) Expulsión do colexio.

2. En todo caso, deberá atenderse ó principio de proporcionalidade entre a infracción cometida e a sanción que se vai impoñer.

Artigo 40º.-Prescrición.

1. As infraccións leves prescribirán ós seis meses, as graves ós dous anos e as moi graves ós tres anos, a partir do día en que aconteceron os feitos que as motivaron. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado/a, do procedemento sancionador e volverá comeza-lo prazo de prescrición se o expediente sancionador estivese paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ó presunto responsable.

2. As sanción impostas por infraccións leves prescribirán ó ano, as impostas por infraccións graves ós dous anos e as impostas por faltas moi graves ós tres anos, a partir do día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción. Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado/a, do procedemento de execución e volverá transcorre-lo prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ó infractor/a.

Capítulo II

Procedemento sancionador

Artigo 41º.-Actuacións previas e expediente sancionador.

1. Con anterioridade á iniciación do procedemento sancionador, poderanse realizar actuacións previas co obxecto de determinar con carácter preliminar se concorren circunstancias que xustifiquen tal iniciación. En especial, estas actuacións orientaranse a determinar, coa maior precisión posible, os feitos susceptibles de motiva-la incoación do procedemen

to, a identificación da persoa ou persoas que puidesen resultar responsables e as circunstancias relevantes que concorran nuns e noutros.

2. Para a imposición de sancións graves e moi graves será preceptiva a apertura de expediente sancionador, para o cal o/a presidente/a do colexio designará, tralo acordo da Xunta de Goberno, un instructor, podendo recae-lo dito nomeamento en calquera colexiado/a.

3. A apertura do expediente, que conterá unha relación sucinta dos feitos constitutivos da infracción e das sancións que puidesen ser obxecto de aplicación, deberá comunicarse fidedignamente ó interesado/a, co fin de que redacte o correspondente prego de descargos, efectuando as alegacións que coide oportunas e achegando e propoñendo cantas probas considere necesarias. En calquera caso, a non-formulación do citado prego non impedirá a ulterior tramitación do expediente.

4. Para os efectos de lle dar cumprimento ó contido deste punto, observaranse os prazos establecidos na normativa vixente en cada momento.

5. Practicadas, se é o caso, as probas propostas polo/a interesado/a e as que de oficio solicitase o/a instructor/a, este/a elevará proposta de resolución á Xunta de Goberno, co fin de que dicte a oportuna resolución no prazo máximo de vinte días.

6. A imposición das sancións de apercibimento e amoestación privada non requirirán apertura de expediente sancionador; debe impoñelas a Xunta de Goberno logo de audiencia do interesado.

Artigo 42º.-Resolución do expediente.

1. A resolución da Xunta de Goberno, que será motivada e non poderá referirse a feitos distintos dos que serviron de base ó prego de cargos e á proposta de resolución, deberá comunicarse por escrito e claramente ó interesado/a. Na adopción da devandita resolución non poderán intervi-lo/-la instructor/a e cantas outras persoas actuasen no expediente.

2. Contra a resolución que poña fin ó expediente, o interesado/a poderá interpoñer recurso de alzada ante o órgano competente ou, se é o caso, ante o Consello Xeral de Colexios de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais.

3. Esgotados os recursos corporativos, o/a interesado/a poderá recorrer ante a xurisdicción contencioso-administrativa.

TÍTULO VIII

Réxime xurídico dos actos colexiais

Artigo 43º.-Eficacia dos actos e acordos.

1. Os actos e acordos da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno son inmediatamente executivos, agás que neles se estableza o contrario.

2. Sen embargo, a eficacia dos ditos actos e acordos quedará demorada cando así o esixa o seu contido ou se atope supeditada á súa notificación.

Artigo 44º.-Rexistro de actas.

O colexio estará obrigado a levar un rexistro de actas, autorizado polas sinaturas do/a presidente/a e do/a secretario/a, no que constarán os actos e acordos da Asemblea Xeral e os da Xunta de Goberno.

Artigo 45º.-Nulidade de pleno dereito.

Serán nulos de pleno dereito os actos colexiais nos que concorra algún dos seguintes supostos:

a) Os que lesionen o contido esencial dos dereitos e liberdades susceptibles de amparo constitucional.

b) Os dictados por órgano manifestamente incompetente.

c) Os que teñan un contido imposible.

d) Os que sexan constitutivos de infracción penal ou se dicten como consecuencia desta.

e) Os dictados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados.

f) Os actos expresos ou presuntos contrarios ó ordenamento xurídico polos que se adquiren facultades ou dereitos cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición.

Artigo 46º.-Anulabilidade.

1. Serán anulables aqueles actos colexiais que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, incluso a desviación de poder.

2. Sen embargo, o defecto de forma só determinará a anulabilidade cando o acto careza dos requisitos formais indispensables para alcanza-lo seu fin ou dea lugar á indefensión dos/as interesados/as.

3. A realización de actos fóra do tempo establecido para iso só implicará a súa anulabilidade cando o impoña a natureza do termo ou prazo.

Artigo 47º.-Recursos administrativos e xurisdiccionais.

1. Contra as resolucións expresas ou tácitas do colexio poderá interpoñerse recurso de alzada nos termos e prazos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedimento administrativo común, ante o Consello Xeral.

2. As resolucións do Colexio de Diplomados en Traballo Social e Asistentes Sociais de Galicia e, se é o caso, do Consello Xeral que resolvan os recursos de alzada, poñen fin á vía administrativa e son susceptibles de recurso ante a xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 48º.-Lexitimación.

Están lexitimados para recorre-los actos colexiais:

a) Cando se trate de actos ou acordos con efectos xurídicos individualizados, os titulares dun dereito subxectivo ou dun interese lexítimo.

b) Cando se trate de actos ou acordos que afecten a unha pluralidade indeterminada de colexiados/as ou ó colexio en si mesmo, calquera colexiado/a pertencente ó colexio.