Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Mércores, 14 de xuño de 2000 Páx. 9.105

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 5 de xuño de 2000 pola que se clasifica como de interese sanitario a Fundación Pública Hospital Comarcal do Salnés.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Pública Hospital Comarcal do Salnés, con domicilio en Vilagarcía de Arousa.

Supostos de feito.

1. A fundación, en escrito de 26 de maio de 2000, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 28 de febreiro de 2000, ante o notario Manuel Peregil Cambón, co número catrocentos doce do seu protocolo, por José María Hernández Cochón, quen comparece no exercicio do seu cargo.

3. Segundo consta no artigo catro cinco dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a realización de actividades de promoción, prestación e xestión directa ou indirecta de recursos e servicios sanitarios, a docencia e investigación de ciencias da saúde, e a promoción da saúde individual e colectiva da comunidade en calquera das súas vertentes, así como a realización doutras actividades que poden colaborar á consecución do obxectivo fundacional.

4. O padroado da fundación estará constituído polas persoas designadas no artigo 10 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese social da Fundación Pública Hospital Comarcal do Salnés, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 30 de maio de 2000.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demáis normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese sanitario a Fundación Pública Hospital Comarcal do Salnés e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia

e Administración Pública