Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Mércores, 07 de xuño de 2000 Páx. 8.734

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

DECRETO 137/2000, do 25 de maio, polo que se declara de utilidade pública e urxente execución a concentración parcelaria da zona de Goá (Cospeito-Lugo).

A parroquia de Goá, que pertence ó concello de Cospeito, está situada ó norte da provincia de Lugo; resultan afectadas pola concentración parcelaria aproximadamente 928 ha.

A dispersión parcelaria que presentan os terreos da dita parroquia, posta de manifesto polos agricultores desta mediante solicitude dirixida ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, motivou un estudio de viabilidade e de valoración das posibilidades que ofrece a zona para incrementa-lo rendemento dos recursos agropecuarios, deducíndose a conveniencia de levar a cabo a concentración parcelaria por razóns de utilidade pública e interese social.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, formulada conforme o establecido na Lei galega 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de maio de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Declarar de utilidade pública e urxente execución a concentración parcelaria da zona de Goá (Cospeito-Lugo).

Artigo 2º

O perímetro da zona será, en principio, o correspondente á totalidade dos terreos da parroquia de Goá. O referido perímetro quedará en definitiva modificado polas rectificacións, inclusións ou exclusións que se acorden, ó abeiro dos artigos 23 e seguintes da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia.

Artigo 3º

A esta zona seranlle de aplicación os beneficios económicos programados ou asumidos pola Xunta de Galicia, para mellorar ou moderniza-las explotacións agrarias e, en concreto, os que sinale o artigo 6 da Lei de concentración parcelaria para Galicia.

Artigo 4º

Os traballos de execución desta concentración parcelaria iniciaranse nun prazo non superior ós 6 meses a partir deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultarase o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para dicta-las disposicións complementarias que requira a execución deste decreto.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecinco de maio de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria