Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Mércores, 07 de xuño de 2000 Páx. 8.730

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 de maio de 2000 pola que se efectúa convocatoria pública de axudas ós estudiantes universitarios galegos, descendentes de galegos ou residentes en Galicia interesados en solicita-los créditos para financiamento dos seus estudios de terceiro ciclo e prorroga-los concedidos na convocatoria anterior.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE nº 16, do 19 de xaneiro de 1988) transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG nº 66, do 6 de abril).

A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG nº 156, do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: Universidade da Coruña, de Santiago de Compostela e de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, está a levar a cabo diversas accións de apoio económico ós estudiantes de ensino universitario, coas que se pretende favorece-la calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Neste sentido, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de asinar un convenio de colaboración o día 28 de xullo de 1999 (DOG nº 175, do 9 de setembro) coas entidades financeiras: Banco Pastor, Caixa de Aforros de Galicia, Caixa de Aforros de Vigo, Caixa de Aforros de Pontevedra, Caixa de Aforros de Ourense, Banco Gallego, Banco Simeón e Banco Etcheverría, para facilitarlles ós estudiantes galegos, descendentes de galegos ou residentes en Galicia créditos a baixos xuros para o financiamento dos seus estudios universitarios.

En virtude de todo o anterior, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

a) Convócanse axudas para os estudiantes universitarios galegos, descendentes de galegos ou residentes en Galicia que reúnan os requisitos e condicións establecidas na presente orde interesados en solicita-los créditos ós que se refire o dito convenio para financia-los seus estudios universitarios de terceiro ciclo correspondentes ó curso 2000/2001.

b) Convocánse axudas para os estudiantes universitarios galegos, descendentes de galegos ou residentes en Galicia interesados en solicita-la prórroga para o financiamento dos xuros do préstamo concedido por Orde do 22 de novembro de 1999 (DOG nº 236, do 9 de decembro).

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará a parte correspondente dos créditos ou prórrogas destes con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.483.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, cunha contía máxima de 9.366.600 ptas., acadando unha contía global de 699 millóns de pesetas en axudas, de acordo co estipulado no convenio coas entidades bancarias.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios do préstamo subsidiado ou da prórroga os estudiantes galegos, descendentes de galegos ou residentes en Galicia que cumpran as condicións establecidas na presente convocatoria.

Artigo 4º.-Requisitos.

A) Os créditos poderán ser solicitados polos estudiantes universitarios que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión da nacionalidade española ou dun Estado membro da Unión Europea.

b) Estar matriculado no curso 2000/2001 ou reuni-los requisitos necesarios para matricularse en estudios de terceiro ciclo co fin de realiza-los cursos, seminarios e traballos de investigación tutelados do programa de doutoramento correspondente nalgunha das universidades.

B) As prórrogas poderán ser solicitadas polos estudiantes universitarios que cumpran os seguintes requisitos:

-Estar matriculado no curso 2000/2001 no programa de doutoramento para o que se lle concede o crédito no curso 1999/2000.

Artigo 5º.-Características do préstamo.

Os préstamos serán concedidos pola entidade bancaria de acordo cos termos do convenio e a presente orde.

A contía será como máximo de 500.000 ptas. por cada petición.

Artigo 6º.-Financiamento dos xuros.

Os xuros serán financiados da seguinte forma:

a) A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria contribuirá ó pagamento da terceira parte dos xuros do primeiro ano de duración do préstamo (1,34%), sen prexuízo da posibilidade da concesión dunha prórroga de ata un máximo de tres anos, de acordo co disposto en cada convocatoria, se as necesidades orzamentarias da consellería así o permitisen. A subvención será aboada á entidade financeira con carácter anual, facéndose as dilixencias

administrativas para o seu aboamento antes do primeiro vencemento anual.

b) A entidade financeira pola que opte o alumno, farase cargo doutro tercio dos xuros (1,33%), sempre e cando permaneza vixente a axuda relacionada na alínea a) anterior.

A terceira parte dos xuros restantes (1,33%), serán a cargo do alumno prestatario, sempre e cando se manteñan as axudas anteriores. Polo tanto, o alumno liquidará o préstamo ó tipo de xuro neto do 1,33% nominal anual. No caso de que o alumno non acredite a prórroga da axuda da consellería, citada na alínea a) anterior, o préstamo pasará automaticamente a liquidarse ó tipo de xuro do 4% nominal anual.

Artigo 7º.-Solicitudes.

As solicitudes, segundo modelo anexo I desta orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela) ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, (BOE do 14 de xaneiro) para a presentación de instancias.

Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

As solicitudes para o préstamo deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade.

b) Certificación académica orixinal completa ou copia compulsada dos estudios realizados polo solicitante, na que conste a súa duración en anos académicos, materias cursadas e cualificacións obtidas. No caso de validación deberá presenta-la certificación da institución de orixe.

c) Xustificante da matrícula correspondente ó curso do doutoramento ou solicitude desta.

d) Declaración xurada de familia numerosa, en caso de selo.

e) Copia compulsada da declaración da renda correspondente ó exercicio de 1999 ou documento acreditativo da Axencia Tributaria de non estar suxeito á declaración ante a Facenda.

f) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

g) De se-lo caso, documento acreditativo da súa condición de galego ou ascendencia galega (copia do libro de familia, partida de nacemento,...).

h) Naqueles casos en que o solicitante non sexa galego, nin teña ascendencia galega, pero sexa residente en Galicia, presentará a certificación de resi

dencia, expedida polo concello correspondente, na que conste o tempo de residencia nel.

As solicitudes de prórroga deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade.

b) Certificación académica dos estudios realizados no curso 1999/2000.

c) Xustificante da matrícula correspondente ó curso 2000/2001 ou certificación do director do departamento na que conste que continuará realizando o programa de doutoramento durante o mencionado curso.

d) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de setembro de 2000.

Artigo 8º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria, exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais, e dos vicerrectorados de estudiantes das tres universidades galegas, sinalando se é o caso, as causas de exclusión.

Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas na páxina web da Xunta de Galicia-Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (http: www.xunta.es).

As listas provisionais estarán expostas desde o día 9 ata o día 21 de outubro de 2000. Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formula-las reclamacións para emendar erros e faltas de documentos ante a Dirección Xeral de Universidades, presentando, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, arquivarase o expediente sen máis trámites.

Artigo 9º.-Criterios de selección.

Para os efectos de selección terase en conta a nota media do expediente académico que se calculará de acordo co seguinte baremo:

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Segundo o plan de estudios que se cursase, a nota media calcularase do modo que segue:

a) Estudios organizados por materias:

Media= suma de notas de cada materia/nº total de convocatorias empregadas.

b) Planos de estudios estructurados por créditos:

Media= (N1.P1+N2.P2+........)/(C1.N1+C2.N2+.......)

Onde:

N1= nº de créditos de cada materia.

P1= puntuación de cada materia.

C1= nº de convocatorias empregadas en cada materia.

A comisión avaliadora poderá tamén ter en conta a declaración da renda correspondente ó exercicio de 1999, e a declaración xurada de familia numerosa.

Artigo 10º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:

-Presidente:

O director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

-Vocais:

Un representante por cada unha das universidades da Comunidade Autónoma.

Un representante da Dirección Xeral de Universidades.

-Secretario:

Un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

a) Destina-lo crédito para a finalidade para a que se concede.

b) Asina-lo contrato de préstamo coa entidade bancaria.

c) Amortiza-lo capital obxecto do préstamo e o pagamento dos seus xuros.

d) Así como aquelas condicións específicas que as entidades financeiras de acordo coa súa norma de funcionamento, e o convenio do 28 de xullo de 1999 (DOG do 9 de setembro) determinan.

e) Presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

O incumprimento destas obrigas por parte do interesado dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámites.

Artigo 12º.-Incompatibilidades.

Estes créditos son incompatibles con outros que poidan ser concedidos para o mesmo fin por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 13º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un

informe proposta motivado ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza.

Disposicións adicionais

Primeira.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Segunda.-As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral de Universidades de acordo coa lista de reserva, se a houbese.

Terceira.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral ou da universidade correspondente en virtude da súa representación.

Cuarta.-Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses contados a partir da publicación da orde no DOG, producindo efecto desestimatorio a falta de resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Universidades para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Director Xeral de Universidades