Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 05 de xuño de 2000 Páx. 8.596

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 16 de maio de 2000 pola que se declara de interese galego a Fundación para a Promoción da Innovación, Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico na Industria de Automoción de Galicia.

Con data do 15 de maio de 2000 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da

Presidencia e Administración Pública, do 26 de abril de 2000, pola que se clasifica como de interese industrial a Fundación para a Promoción da Innovación, Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico na Industria de Automoción de Galicia, adscribíndose á Consellería de Industria e Comercio, que terá que exerce-lo protectorado plenamente sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 3 dos seus estatutos, ten por obxecto contribuír ó fortalecemento, crecemento e mellora da competitividade da industria da automoción de Galicia, mediante a promoción e prestación de servicios de formación, información e asesoramento, especialmente orientados á innovación, investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

Por todo isto, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o réxime de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación para a Promoción da Innovación, Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico na Industria de Automoción de Galicia ó cumpri-los seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación para a Promoción da Innovación, Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico na Industria de Automoción de Galicia na sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Industria e Comercio para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificado pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2000.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio