Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Venres, 02 de xuño de 2000 Páx. 8.571

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2000, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se concede novo prazo para formular reclamacións, relativas ás puntuacións provisionais dos participantes admitidos no concurso 5/1999, convocado pola Orde do 1 de decembro de 1999.

Por Resolución do 4 de maio de 2000 da Dirección Xeral da Función Pública fixéronse públicas as puntuacións provisionais dos participantes admitidos no concurso 5/1999, na dita resolución concedeuse o prazo de dez días para formular reclamacións a elas.

Con posterioridade á finalización do prazo de presentación das indicadas reclamacións, a Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria mediante resolución, recoñeceu para os efectos de puntuación como cursos de linguaxe administrativa galega, no epígrafe de cursos de galego, os cursos realizados pola Confederación Intersindical Galega, incluídos nos plans de formación continua dos anos 1998 e 1999 que se sinalan no anexo a esta resolución.

En consecuencia, considerando que o prazo de presentación das devanditas reclamacións xa rematou, así como que algún dos solicitantes admitidos ó concurso 5/1999 podería estar en posesión dalgún dos títulos que acrediten a realización dos cursos de referencia, e non alegase, co obxecto de que iso se leve a efecto se o estimasen oportuno é polo que se concede un novo prazo de reclamacións para que os interesados aleguen tal feito.

Por outra banda, cómpre ter en conta que a fixación dun segundo prazo de presentación de reclamacións para a achega, de se-lo caso, desta documentación, afecta a gran número de interesados na resolución do presente concurso de traslados polo que é urxente a súa resolución, sendo preciso reducir á metade o prazo establecido, por razóns de interese público ó abeiro do previsto no artigo 50 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, polo tanto

RESOLVO:

Conceder un novo prazo de cinco días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, para que os participantes admitidos no concurso 5/1999, acheguen documento xustificativo, se é o caso, da realización dalgún dos cursos mencionados no anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2000.

Joaquín López-Rúa Soler

Director xeral da Función Pública

ANEXO

-Curso de linguaxe administrativa galega, manual de estilo, realizado desde o 1-6-1998 ó 12-6-1998 en Lugo.

-Curso de linguaxe administrativa galega, manual de estilo, realizado desde o 28-9-1998 ó 19-10-1998 en Santiago de Compostela.

-Curso de linguaxe administrativa galega, manual de estilo, realizado desde o 16-11-1998 ó 15-12-1998 en Vigo.

-Curso de linguaxe administrativa galega, manual de estilo, realizado desde o 15-6-1999 ó 6-7-1999 en Melide.

-Curso de linguaxe administrativa, realizado desde o 1-10-1999 ó 10-11-1999 en Vigo.