Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 31 de maio de 2000 Páx. 8.451

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 23 de maio de 2000 pola que se establecen axudas para a primeira transformación de productos forestais.

O Plan Forestal de Galicia define as accións no sector forestal que deben dar lugar a unha xestión racional deste recurso natural renovable nos seus distintos ámbitos de ordenado aproveitamento.

O crecemento racional continuado da producción madeireira, recollido polo Plan Forestal nos seus corenta anos de vixencia, precisa do bo funcionamento e a concorrencia das empresas de explotación forestal e de serrado en Galicia, principais consumidores dos recursos forestais en materia prima, e sobre a que se apoian os restantes sectores de primeira e sucesivas transformacións.

Así mesmo, ante a crecente competencia internacional e a demanda de novos requisitos ecolóxicos nos productos de consumo, resulta prioritario o desenvolvemento e a implantación de melloras nas condicións laborais, adaptacións ambientais e innovacións na xestión empresarial que permitan unha futura adaptación a criterios esixibles á cadea de custodia e unha mellora na competitividade do sector.

O Real decreto 2666/1998, do 11 de decembro (BOE do 30 de decembro), establece os criterios de selección aplicables ás medidas de fomento da

comercialización e transformación de productos da silvicultura.

O Regulamento (CE)1257/1999 do Consello, do 17 de maio, establece no seu artigo 30 a posibilidade de outorgar axudas para a transformación e comercialización de productos forestais, e no artigo 33 para actividades relacionadas co sector primario no contorno rural.

En virtude de todo iso e ó abeiro do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre o fomento da actividade empresarial en Galicia, e de acordo co artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

Poderán ser subvencionables os seguintes tipos de actuacións:

1) Investimentos en maquinaria de primeira transformación e as súas adaptacións nas industrias de serrado da madeira.

2) Investimentos non productivos que teñan por obxecto a implantación de innovacións na xestión empresarial, seguridade laboral, adaptacións ambientais e iniciativas comerciais conxuntas, e que se axusten ó indicado no anexo I.

3) Estudios de viabilidade sectorial.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas:

1) As industrias de serrado, localizadas en Galicia, de madeira producida en Galicia ou na Unión Europea.

2) As empresas galegas de explotación forestal, para o indicado no número 2) do artigo 1º.

3) Entidades privadas de contrastado nivel técnico, para o indicado no número 3) do artigo 1º.

Os beneficiarios deberán ter, alomenos, o 35% do cadro de persoal da empresa con contratos por tempo indefinido. Para as empresas de nova creación abondará o compromiso de acadar, como mínimo, o 35% de estabilidade laboral ó remate do prazo concedido para xustifica-lo investimento. Non será necesario cumprir este requisito nas subvencións inferiores a 10 millóns de pesetas. No caso de empresas con menos de 10 traballadores, a porcentaxe de estabilidade laboral mínima esixida reducirase ó 33%.

As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acada-la mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, se é o caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione.

De xeito excepcional e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autoriza-la non esixencia da porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración da axuda, do que se dará

coñecemento á Comisión de Seguimento dos Acordos de Apoio á Promoción.

Artigo 3º.-Importe das axudas.

Para o indicado no artigo 1º.1), o importe porcentual máximo das axudas limítase ó 30% do investimento, ou ata o 35% no caso de expedientes que ademais prevexan executar investimentos non productivos recollidos no artigo 1º.2).

Para o indicado no artigo 1º.2) e 3), o importe máximo porcentual das axudas é do 50%.

A contía máxima anual da subvención, para cada solicitante, non superará con carácter xeral os 30 millóns de pesetas, e non será superior ós 4 millóns en estudios de viabilidade sectorial.

Artigo 4º.-Exclusións.

Non serán subvencionables os seguintes investimentos:

a) A adquisición de terreos, obra civil e mobiliario.

b) Os vehículos de motor.

c) A maquinaria usada.

d) Os tributos recuperables polo beneficiario, como o IVE.

e) Os investimentos iniciados con anterioridade ó 1-1-2000.

Artigo 5º.-Criterios de selección.

A concesión de axudas efectuarase baixo o réxime de concorrencia competitiva; a dispoñibilidade orzamentaria limitará o importe e número das axudas, para o que se establecen os seguintes criterios:

1) Primeiramente seleccionaranse os investimentos non productivos (artigo 1º.2) atendendo ós criterios indicados no anexo I, A), aplicándolles unha axuda do 50%.

2) Seguidamente, valoraranse os estudios de viabilidade sectorial, (artigo 1º.3) atendendo ós criterios indicados no anexo I, B), limitando a axuda global a eles a 8 millóns de ptas.

3) O crédito remanente distribuirase entre os investimentos en maquinaria de serra. A selección dos investimentos en maquinaria realizarase de acordo cos seguintes criterios:

-Porcentaxe dos investimentos non productivos sobre o total do investimento para o que solicita axuda: 5 puntos por cada punto porcentual.

-Viabilidade técnica da máquina no proceso industrial e cos obxectivos perseguidos: 5 puntos por cada un dos conceptos mellorados: rendemento horario, seguridade laboral, control automático, calidade da producción, rexistro informático da producción.

-Viabilidade económica e financeira, deducible do imposto de sociedades ou IRPF, segundo proceda: ratio de solvencia inferior a 1: 70 puntos; beneficios máis amortizacións superiores á cuarta parte do investimento total: 10 puntos.

-No caso de elaborar piñeiro, capacidade de producción superior a 5.000 m de productos transformados, deducible da declaración anual de operacións con terceiros: vendas totais superiores a 110 millóns de pesetas: 15 puntos.

-Creación de postos de traballo directos: 2 puntos por cada posto de traballo creado.

Artigo 6º.-Ámbito temporal.

Esta orde aplicarase ás actividades iniciadas durante o ano natural de 2000. No caso de que pola súa importancia ou complexidade o investimento precise para a súa execución un prazo máis longo, a subvención poderá plurianualizarse, sen prexuízo das disposicións que para este efecto recolle a lexislación orzamentaria e demais normativa de aplicación.

Artigo 7º.-Solicitudes e documentación.

Os interesados deberán presentar, perante a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, ou na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, a seguinte documentación:

a) Instancia-solicitude, dirixida ó conselleiro de Medio Ambiente, segundo modelo que figura no anexo II desta orde.

b) Ficha cos datos da empresa solicitante, segundo o anexo III da orde.

c) Estudio, anteproxecto ou proxecto onde se desenvolvan os puntos relacionados no anexo IV desta orde.

d) Xustificación documental de non ter iniciados os investimentos obxecto do proxecto con anterioridade ó 1 de xaneiro de 2000. No caso de non ter comezados os investimentos, pódese solicitar inspección previa comprobatoria.

e) Copia do último imposto de sociedades ou, no seu defecto, do IRPF e da declaración de operacións con terceiros (modelo 347).

f) Copia cotexada do NIF ou CIF.

g) Informe municipal no que se indique a conformidade para o desenvolvemento da actividade da empresa.

h) Declaración xurada do beneficiario sobre as axudas solicitadas, concedidas e/ou obtidas para os mesmos investimentos.

No caso específico de estudios sectoriais, achegarase a documentación indicada nos epígrafes a), f), h) e:

i) Apoio documentado de equipos, departamentos e entidades de contrastado nivel técnico para concorrer ó punto 3) do artigo 1º desta orde.

j) Memoria, obxectivos xerais e específicos que se pretenden conseguir, metodoloxía, orzamento detallado, programa de execución e pagamentos, e forma prevista da divulgación do estudio.

Artigo 8º.-Prazo de presentación de solicitudes.

Establécese un prazo máximo para a presentación de solicitudes de 1 mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9º.-Mellora e corrección da solicitude.

1) Recibidas as solicitudes examinaranse os documentos presentados. No caso de que sexan detectadas faltas ou omisións, requirirase o interesado

para que sexan emendados os erros, ou achegue a documentación preceptiva, no prazo de dez días hábiles, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu da súa petición, arquivándose sen máis trámite posterior.

2) Así mesmo, o Servicio de Producción e Industrias Forestais procederá á inspección previa para comproba-lo non-inicio dos investimentos.

3) Se no transcurso da realización do proxecto se vise a necesidade de introducir modificacións, solicitarase autorización da Consellería de Medio Ambiente, xustificando as razóns do cambio e achegando a oportuna actualización do expediente que recolla as variacións do proxecto orixinal.

Artigo 10º.-Tramitación e concesión de axudas.

O conselleiro de Medio Ambiente resolverá por proposta da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, en función das súas dispoñibilidades orzamentarias e tendo en conta os criterios indicados no artigo 5º desta orde.

A resolución notificaráselle ó interesado.

Contra a resolución da axuda o interesado poderá interpor recurso contencioso-administrativo na forma e no prazo establecido na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

As solicitudes que, unha vez transcorridos catro meses desde a publicación da orde, non tivesen unha comunicación coa correspondente aprobación provisional ou definitiva, poderán entenderse desestimadas, aplicándose para a eficacia do acto presunto o establecido no artigo 43 da Lei 30/1992, de RXAP e PAC, modificado pola Lei 4/1999.

Unha vez recibida a comunicación, o beneficiario terá que enviar, no prazo de dez días hábiles, a súa aceptación das condicións especificadas na resolución da concesión, quedando sen efecto a concesión en caso contrario.

En calquera fase do proceso de tramitación, a Consellería de Medio Ambiente poderá solicitarlle ó interesado as aclaracións ou xustificacións oportunas con respecto ós datos da documentación esixible.

O beneficiario someterase ás actuacións de comprobación e control financeiro dos investimentos subvencionados, por parte da Consellería de Medio Ambiente, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e o Consello de Contas.

Artigo 11º.-Procedemento de pagamento e xustificación.

1) Para a percepción dos pagamentos, sexan parciais ou totais, deberá presentarse antes do 30 de outubro de cada ano a seguinte documentación:

a) Solicitude de cobramento da subvención.

b) Relación ordenada dos investimentos e os pagamentos efectuados, segundo modelo do anexo IV.

c) Xustificación dos investimentos realizados, mediante copias cotexadas das facturas orixinais sobre as que se realizará a toma de razón, así como copias dos documentos bancarios de pagamento.

d) Declaración xurada do beneficiario sobre as axudas solicitadas, concedidas e/ou obtidas para os mesmos investimentos.

e) Certificacións do cumprimento formal das obrigas fiscais, de Seguridade Social e de non ter débedas pendentes de liquidación coa Comunidade Autónoma.

f) Memoria detallada dos investimentos acollidos ó artigo 1º.2) da orde, indicando as actuacións executadas, as medidas correctoras implantadas e a importancia delas na actividade futura da empresa.

g) Actualización da ficha cos datos da empresa, segundo o anexo III da orde, incluíndo a actualización de planos.

h) Ficha bancaria e certificado bancario de conta corrente onde realiza-lo ingreso.

i) Se é o caso, declaración xurada da creación de emprego e da situación laboral dos traballadores. Xuntarase o compromiso, asinado polo solicitante, de mantemento dos postos creados e dos contratos por tempo indefinido durante un mínimo de tres anos desde a súa creación.

2) Á vista da documentación presentada e logo da oportuna inspección, a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural emitirá a correspondente proposta de pagamento.

3) De acordo coa Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, poderanse realizar anticipos e pagamentos parciais. Para iso deberase xuntar factura ou contrato de subministración.

4) Os pagamentos parciais e anticipos serán garantidos mediante aval bancario ou de entidade aseguradora suficiente, que se depositará por tempo indefinido á disposición da Consellería de Medio Ambiente na Tesourería Xeral da Xunta de Galicia. O referido aval garantirá a cantidade anticipada mailos xuros, calculados ó xuro legal do diñeiro para o ano en curso (4,25%) e por un prazo que medie entre a data de solicitude do anticipo e o último día en que este ten que ser xustificado.

O correspondente certificado de depósito de aval bancario devolveráselle ó interesado unha vez que se comprobe, mediante inspección in situ, a realización material do obxecto da subvención así como as restantes condicións da subvención.

5) O pagamento da porcentaxe adicional á maquinaria de serra, recollido no primeiro parágrafo do artigo 3º, queda condicionado á xustificación dos investimentos non productivos.

Artigo 12º.-Disposicións comúns.

1) Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2) As axudas ós investimentos establecidos no artigo 1º.1) desta orde serán compatibles con calquera outra destinada ós mesmos fins e procedentes de administracións públicas, ata un límite de subvención neta equivalente do 60% sobre o investimento total en Lugo, Ourense, Pontevedra e a zona de Ferrol, e do 50% no resto da provincia da Coruña, de acordo co mapa español de axudas rexionais,

segundo notificación da Comisión Europea N 463/94 (96/C25/03).

3) No caso de incumprimento das condicións establecidas nesta orde e as indicadas na resolución de subvención, procederase á revogación da resolución da axuda. Se o beneficiario percibise pagamentos parciais ou anticipos e a execución parcial non cumprise os obxectivos iniciais previstos, así como as condicións da resolución, procederase, logo da tramitación do expediente correspondente, ó reintegro da subvención percibida e mailos xuros de demora.

4) No caso de que se reducisen os investimentos mantendo os obxectivos iniciais, a subvención concedida veríase diminuída na contía proporcional correspondente, sempre que o conxunto do investimento cumpra os fins previstos inicialmente.

Disposición adicional

O aboamento das axudas fixadas nesta orde financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.731A.771.0, dotada de 33.336.245 pesetas para o ano 2000 e con 82.250.000 pesetas para o ano 2001; estas cantidades poderían verse incrementadas a través das oportunas modificacións orzamentarias.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar cantas disposicións complementarias considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2000.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO I

A) Criterios para a selección dos investimentos non productivos ó abeiro do artigo 1º.2) da orde:

A).1. Condicionantes que deben cumpri-los investimentos:

a) O obxectivo destes investimentos será a implantación de: innovacións na xestión empresarial, seguridade laboral, adaptacións ambientais e/ou iniciativas comerciais conxuntas.

b) O investimentos que se considerarán subvencionables poderán ser de dous tipos:

b.1) Accións correctoras, de adaptación ou implantación dos obxectivos previstos.

b.2) Estudios de diagnóstico e planificación de aspectos mellorables na empresa que dean como resultado un plan de melloras con actuacións concretas. Neste caso o custo subvencionable do estudio non superará ó das actuacións de mellora.

c) As actuacións deberán ser contrastadas por técnicos da Dirección Xeral de Montes e MAN en canto

á situación inicial e final, polo que deberán estar perfectamente definidas.

d) Os solicitantes poderán ser empresas de serrado que empreguen madeira galega ou da UE, así como empresas de explotación forestal.

A).2. A selección de investimentos realizarase de acordo cos seguintes baremos:

a) Seguridade laboral:

Establecemento de medidas e plans de seguridade laboral: 30 puntos.

Accións correctoras que respondan a un diagnóstico previo: 50 puntos.

b) Adaptacións ambientais:

Establecemento de medidas e plans de control ambiental: 30 puntos.

Accións correctoras e preventivas de riscos ambientais: 50 puntos.

c) Innovacións na xestión empresarial:

Implantación na empresa de ferramentas de xestión: partes de traballo, ordes de traballo, actualización continua de inventario: 30 puntos.

Aplicacións informáticas específicas adaptadas á empresa, para facilita-la toma de decisións: contabilidade, pedidos, control de custos, rendementos de fabricación: 15 puntos.

Adaptación de maquinaria para o control automatizado de procesos, consumos e produccións, con adaptación de software: 15 puntos.

Preparación do proceso productivo para unha futura adaptación á cadea de custodia de madeira certificada: 20 puntos.

Preparación do proceso productivo para unha futura adaptación á norma ISO14000: 20 puntos.

d) Iniciativas comerciais:

Excluiranse os gastos específicos da propia operación comercial. Poderanse incluí-los gastos de estudios e xestións necesarias para logra-los seguintes obxectivos:

-Establecemento de medidas orientadas á venda conxunta a clientes (especificacións comúns de producto, ...): 20 puntos.

-Establecemento de contratos a medio e longo prazo con propietarios forestais: 30 puntos.

B) Criterios para a selección dos estudios de viabilidade sectorial (artigo 1º.3).

Valoraranse os seguintes aspectos:

-Aplicabilidade directa nas empresas do sector mediante a proposta de liñas específicas de actuación viables: 20 puntos.

-Atención ós puntos críticos do sector na evolución previsible del: 20 puntos.

-Ámbito territorial: 5 puntos por provincia.

-Segmento do sector de aplicabilidade do estudio: producción menor de 5.000 m: 5 puntos; de 5.000 m a 20.000 m: 20 puntos; superior a 20.000 m: 10 puntos. Puntuación non acumulable.

ANEXO IV

MEMORIA DOS INVESTIMENTOS QUE SE VAN REALIZAR

1. Descrición do obxecto do proxecto.

Describiranse separadamente os investimentos non productivos da maquinaria, segundo a seguinte pauta:

A) Descrición dos investimentos que se van realizar.

B) Argumentos técnicos ou económicos da conveniencia dos investimentos que se van realizar.

C) Incidencia esperada do investimento sobre os custos de producción, calidade de producto, aproveitamento da materia prima, melloras na toma de decisións.

D) Melloras esperadas en seguridade laboral, adaptacións ambientais, acceso ó mercado, xestión empresarial ou na competitividade da empresa.

2. Memoria técnica detallada.

A) En investimentos non directamente productivos: obxectivos pretendidos co investimento, razóns que o xustifican e descrición detallada das medidas correctoras que se van executar (este punto deberá ser claro e descritivo pois con base nesta información seleccionaranse os proxectos que se van considerar para subvencións).

B) Se maquinaria: características técnicas dela que xustifiquen a súa adquisición.

3. Xustificación do orzamento.

Mediante orzamento técnico, desagregado por unidades de obra, contrato, factura pro forma ou similar.

4. Programa de execución e pagamentos.

Indicaranse con referencia ó 30 de outubro de cada ano as cantidades previstas para a xustificación dos investimentos en forma de pagamentos ou en execución física.

Este documento será asinado polo solicitante.

5. Declaración xurada de empregados.

Xuntarase declaración xurada, asinada polo representante legal, dos postos de traballo xerados pola empresa e os que se esperan crear cos investimentos, especificarase o número de fixos, os que se reconverten de temporais a fixos e os temporais. Incluirá un compromiso de mante-la porcentaxe mínima do 35% de persoal da empresa con contratos por tempo indefinido.

Só será necesaria para efectos de valoración positiva do expediente.

Este documento será asinado polo solicitante.