Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 30 de maio de 2000 Páx. 8.384

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 22 de maio de 2000 pola que se modifica a do 15 de decembro de 1993, sobre delegación de atribucións no secretario xeral da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude é o órgano da Administración autonómica ó que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de políticas activas de emprego, familia, infancia e menores, muller e xuventude, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e nos termos sinalados pola Constitución española, como así o recolle o Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a súa estructura orgánica, modificado polo Decreto 117/1999, do 23 de abril.

A acumulación de funcións na titular da consellería e a conveniencia de imprimir unha adecuada axilización administrativa en beneficio tanto da Administración como dos administrados, sen mingua da necesaria garantía xurídica e do obrigado respecto ós principios que informan a actividade administrativa que recolle a nosa Constitución no artigo 103.1º, aconsellan delegar novas funcións no secretario xeral legalmente atribuídas á titular da consellería, que determina a Orde do 15 de decembro de 1993 (DOG nº 244, do 21 de decembro).

Na súa virtude e facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38.43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, segundo a redacción que lle foi dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Engádese a alínea f) ó artigo 1º da Orde do 15 de decembro de 1993, co seguinte texto:

«f) A resolución dos recursos administrativos que se interpoñan contra as resolucións dos órganos centrais e periféricos da consellería nos casos en que a delegación non estea prohibida expresamente».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude