Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 30 de maio de 2000 Páx. 8.373

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2000, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de limpeza de edificios e locais de Ourense para o ano 2000.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector de limpezas de edificios e locais de Ourense para o ano 2000 (código convenio nº 3200225), con entrada nesta delegación provincial o día 29-3-2000, subscrito, pola parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Limpiezas de Edificios y Locales de Ourense, e da parte social, pola centrais sindicais CIG, CC.OO. e UGT, o día 29-2-2000.

De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores; no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e no Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seú depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 12 de abril de 2000.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo de limpeza de edificios e locais de Ourense para o 2000

Artigo 1º.-Ámbito territorial, funcional e persoal.

No seu ámbito territorial, funcional e persoal, este convenio colectivo afectará as empresas establecidas ou que se poidan establecer en Ourense e na súa provincia, xa sexan naturais ou xurídicas, que se dediquen á actividade de limpeza de edificios e locais.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Atópanse incluídos no ámbito de aplicación deste convenio, tódolos traballadores/as dependentes destas empresas, así como aquelas persoas que de acordo co texto da ordenanza poidan saír do seu ámbito.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

O presente convenio comezará a rexer para tódolos efectos a partir do 1 de xaneiro de 2000, e rematará o 31 de decembro de 2000, agás no incremento salarial, que queda fixado para o ano 2001, e mantendo a súa vixencia mentres non sexa substituído por outro convenio entre as partes, se ben o presente convenio comezará a súa negociación no mes de novembro do dito ano, data na que se constituirá a comisión negociadora. En calquera caso, o seu artigo quedará vixente ata a substitución por outro convenio.

Este convenio prorrogarase tacitamente de ano en ano se non é denunciado por calquera das partes con tres meses de antelación ó termo da súa vixencia. A fórmula de denuncia será por medio de comunicación da parte denunciante á outra parte, na que se expresará o desexo de denunciar e negociar un novo convenio.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas de calquera índole contidas no presente convenio teñen o carácter de mínimas, polo que os pactos, cláusulas e situacións máis beneficiosas con respecto a este convenio subsistirán para aqueles que as viñan desfrutando, pero sen que poida interpretarse que sobre as chamadas condicións máis beneficiosas tivese que computarse o melloramento económico que supón este convenio.

Artigo 5º.-Antigüidade.

Os traballadores fixos comprendidos no ámbito de aplicación deste convenio desfrutarán, como complemento persoal de antigüidade, dun aumento periódico por cada tres anos de servicios prestados na mesma empresa ou centro de traballo na contía do 5% de salario base por cada trienio.

Artigo 6º.-Pagas extraordinarias.

O persoal comprendido no presente convenio percibirá tres pagas extraordinarias, unha de xullo, outra de decembro e outra de beneficios, pagadoira no mes de marzo, na contía cada unha delas de 30 días de salario base máis antigüidade. O cálculo das ditas pagas efectuarase por sextas partes ou doceavas partes segundo o teña determinado cada empresa.

O período de IT en calquera das súas modalidades non influirá no importe delas, que se cobrarán íntegras, con independencia do tempo en que o traballador estea de baixa.

Artigo 7º.-Complemento de transporte.

En compensación dos gastos de transporte xurdidos por este convenio terán dereito a 100 ptas. por cada día efectivo de traballo. A partir de 1999 este complemento incrementarase na mesma porcentaxe có incremento salarial de cada ano, se ben o dito incremento pasará ó complemento de actividade.

Artigo 8º.-Complemento de actividade.

Establécese un complemento de actividade para tódolos traballadores do sector, que se fixa na contía de 210 ptas. por día efectivo de traballo.

Artigo 9º.-Complemento de toxicidade, perigosidade e nocturnidade.

Estes complementos aboaranse na contía que en cada momento estableza a lexislación vixente nestas materias.

Artigo 10º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral será de 40 horas semanais, entendéndose como traballados os 20 minutos de bocadillo naquelas empresas que os viñesen desfrutando.

Artigo 11º.-Festivos.

O traballador cunha xornada laboral que se desenvolva en domingo ou festivo, de mutuo acordo coa empresa, poderá:

A. Desfrutar en compensación dun día de descanso semanal.

B. Percibi-lo aboamento correspondente segundo a normativa laboral vixente.

C. Acumula-lo descanso ós días de vacacións regulamentarios.

Consideraranse festivos, para tódolos efectos, os días seguintes:

Para os traballadores cunha xornada que sexa de luns a sábado: 22 de abril, 17 de xuño, 11 e 18 de novembro e 23 e 30 de decembro.

Para aqueles traballadores que teñan unha xornada de luns a venres: 16 de xuño, 13 de outubro, 17 de novembro e 22 e 29 de decembro. Se na data de publicación do convenio no BOP algún dos días libres establecidos fosen anteriores á mencionada publicación, eses días substituiranse por outros fixados de común acordo entre empresa e os traballadores.

As ditas datas poderán ser modificadas de común acordo entre empresa e os traballadores.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias.

Durante a vixencia deste convenio non se farán horas extraordinarias de carácter normal; non obstante, poderán facerse horas extraordinarias debidas a forza maior e as de carácter estructural.

Considéranse horas extraordinarias as motivadas por forza maior, as traballadas e empregadas na reparación de sinistros ou as que se fagan para prevelos. E as horas estructurais, as que con carácter extraordinario e esporádico se fagan no seo da empresa para cubri-la realización dun traballo que non fose posible prever nin substituír por contratacións temporais ou a tempo parcial previstas na lei.

Enviarase á Delegación Provincial de Xustiza, Interior ou Relacións Laborais informe mensual destas horas e será feito conxuntamente polo comité de empresa e a dirección e, se é o caso, polos delegados de persoal.

O incumprimento do pactado neste artigo, así como o referente ó artigo 35 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, ou o Real decreto 1958, do 20 de agosto, considerarase como unha falta grave para os efectos do disposto no artigo 57 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 13º.-Licencias.

Logo da solicitude dos traballadores afectados considerarase licencia retribuída no tempo que se indica nos seguintes casos:

Por matrimonio do traballador: 15 días naturais.

Por matrimonio de fillos: 1 día natural.

Por nacemento de fillo: 2 días.

Morte do cónxuxe ou familiares en primeiro e segundo grao de consanguinidade ou afinidade, é dicir, pais, fillos, avós, netos, irmáns, pais políticos, irmáns políticos e netos políticos: 3 días naturais, se é na provincia e 5 se é fóra dela. En caso de enfermidade grave ou hospitalización: 2 días.

Por morte de parentes de terceiro grao, é dicir: tíos, bisavós, bisnetos políticos, bisavós políticos e sobriños políticos: 1 día natural.

Nos demais casos haberá que aterse ó disposto na lexislación vixente.

En caso de asistencia ó médico, os traballadores disporán dun tempo de 3 horas, debendo aportar xustificante expedido polo facultativo ou o centro ó que asistiran no caso de ter empregado un tempo superior. No caso de desprazamento ó especialista, haberá que ter en conta a distancia e en consecuencia o tempo indispensable (entenderase o especialista da Seguridade Social).

Artigo 14º.-Reducción de xornada por motivos familiares.

As traballadoras, por lactación de fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, por propia vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da súa xornada en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou polo pai en caso de que ambos traballasen.

Quen, por razón de garda legal, teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou un minusválido físico ou psíquico ou sensorial que non desempeñe unha actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo cunha diminución proporcional do salario entre, alomenos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Terá o mesmo dereito quen se precise encargar do coidado directo dun familiar ata o seguinte grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non poida valerse por si mesmo e que non desempeñe actividade retribuída.

A reducción da xornada estipulada no presente punto constitúe un dereito individual dos traballadores homes e mulleres. Non embargante, se dous ou máis traballadores da empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

A corrección horaria e a determinación do período de desfrute do permiso de lactación e da reducción da xornada corresponderalle ó traballador, dentro da súa xornada ordinaria. O traballador deberá avisa-lo empresario, con quince días de anticipación, da data en que se incorporará á súa xornada ordinaria.

Artigo 15º.-Suspensión do contrato por maternidade, risco durante o embarazo, adopción e acollemento.

O punto 1º.d) do artigo 45 do ET queda redactado do seguinte xeito:

d) Maternidade, risco durante o embarazo da muller traballadora e adopción ou acollemento, preadoptivo ou permanente, de menores de seis anos.

No non previsto haberá que se ater ó sinalado na Lei 39/1999, do 5 de novembro, para promove-la conciliación da vida familiar e a laboral das persoas traballadoras.

Artigo 16º.-Excedencias.

Todo traballador cunha antigüidade na empresa de, alomenos, un ano, terán dereito a que se recoñeza en situacíon de excedencia voluntaria por un período máximo de 5 anos, e non perderá en ningún caso, a antigüidade que mantiña no momento de solicitala e será obrigatorio para a empresa a concesión da dita excedencia.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza, como por adopción, ou nos supostos de acollemento, tanto permanente como preadoptivo, contados desde a data de nacemento ou, se é o caso, da resolución xudicial ou administrativa.

Tamén terá dereito a un período de excedencia de duración non superior a un ano, agás que se estableza unha duración maior por negociación colectiva, os traballadores para atenderen o coidado dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razón de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse en por si e non desempeñe actividade retribuída.

En todo o non previsto neste convenio nesta materia, haberase que ater ó disposto na Lei 39/1999, do 5 de novembro, para promove-la conciliación da vida familiar e laboral das persoas traballadoras.

Artigo 17º.-Cambio de posto de traballo por embarazo.

As mulleres embarazadas terán dereito a cambiar de posto de traballo co fin de que en ningún caso

estean obrigadas a desempeña-las súas funcións nos lugares radioactivos ou infecciosos que supoñan perigo para o seu estado.

Artigo 18º.-Roupa de traballo.

Todo o persoal será dotado de roupa de traballo adecuada e regulamentaria, fundas para os homes e batas para as mulleres cada seis meses, zapatillas cada tres meses, luvas cada vinte días e zocos cada nove meses. O persoal terá que devolve-la roupa e utensilios usados no momento en que se produza a substitución. No caso de nova contrata, a empresa adxudicataria terá a obriga de entrega-la roupa de traballo e calzado nun período que non exceda de quince días.

Artigo 19º.-Incapacidade laboral transitoria.

O traballador que cause baixa por accidente laboral percibirá o 100 por cento do salario do convenio desde o primeiro día de baixa.

Por IT derivada de enfermidade será en cada momento o que establezan as normas vixentes, agás no suposto de que a enfermidade se prolongase por encima dos dezaoito días, e neste caso, a empresa cubrirá o 100 por cento do salario de convenio ata os cento sesenta días.

No caso de IT por enfermidade, a empresa completará igualmente o 100 por cento do salario do traballador no suposto de que esta requira hospitalización e, en todo caso, mentres esta dure. Igualmente, o traballador terá dereito ó 100 por cento do seu salario no caso de convalecencia na casa por un período máximo de corenta días e sempre que estivese hospitalizado polo menos un día.

Artigo 20º.-Subrogación empresarial.

Co fin de conserva-los postos de traballo darase automaticamente a incorporación dos traballadores da empresa cesante no cadro de persoal da nova concesionaria do servicio, independentemente da súa personalidade xurídica: sociedade anónima, sociedade limitada, sociedade civil, cooperativa ou empresario individual, etc. e sempre que os traballadores que se van subrogar leven traballando na empresa cesante máis de catro ou máis meses e nos seguintes casos:

1. Cando os traballadores da empresa cesante presten servicios no dito centro, con independencia da duración da súa xornada laboral que se respectará na súa integridade e de cál sexa a modalidade do seu contrato de traballo.

Enténdese como obriga subrogatoria exclusivamente a dos traballadores adscritos ó centro de traballo, dos que se lle solicitará ó contratista principal listaxe con categorías, antigüidade e postos de traballo.

2. Cando os traballadores, no momento do cambio de titularidade da contrata, se atopen en situación de incapacidade temporal, invalidez provisional,

excedencia ou vacacións, servicio militar ou situación análoga, pasando a estar adscritos ó novo titular.

O persoal contratado interinamente para a substitución de traballadores a que se refire o parágrafo anterior pasará á nova empresa adxudicataria ata o momento da incorporación destes.

3. Cando os traballadores afectados compartan a súa xornada laboral con outros centros de traballo.

4. Se por esixencias do cliente contratante tivese que ampliarse a contrata co persoal de novo ingreso, este tamén será incorporado á nova empresa. Cando se amplíe a xornada nun centro de traballo, terán preferencia para o incremento da xornada laboral os/as traballadores/as que presten servicios no dito centro e non teñan xornada completa.

5. En caso de xubilación, baixa definitiva, por calquera causa, dun traballador/a, os traballadores/as da dita contrata sen xornada completa terán dereito a ver aumentada a súa xornada ata completala ou nun máximo de 12 horas.

6. No caso de que o cliente rescindise o contrato de arrendamento de limpeza cunha empresa, para realizalo co seu propio persoal, e posteriormente contratase con outra o dito servicio, a nova empresa concesionaria incorporará ó seu cadro de persoal o persoal afectado da primeira empresa, sempre e cando non transcorrese máis dun ano desde a nova contratación.

7. No suposto de que unha empresa de limpeza tivese que reducir persoal no centro por esixencias do cliente e posteriormente lle fose rescindido o contrato, a nova empresa concesionaria do servicio deberá incluír no seu cadro de persoal a todo o persoal empregado no dito centro, incluíndo aquel que no seu día quedou afectado pola reducción do cadro de persoal. Para estes efectos, entenderase que quedan desvinculados laboralmente da empresa cesante en canto ós centros nos que deixen de prestar servicios.

A empresa cesante deberá acreditar relación do cadro de persoal, con expresión da liquidación e saldo de salarios, antigüidade, gratificacións, vacacións, etc., relativos ó persoal afecto ó dito centro, antes das 48 horas de se iniciaren os servicios de limpeza pola nova empresa contratista, ou ben ata as 24 horas seguintes á data de inicio dos servicios pola nova empresa.

A nova empresa concesionaria incorporará ó seu cadro o persoal afectado polo cambio de titularidade con iguais dereitos e obrigas que tivesen na empresa cesante. Non obstante, non se responsabilizará das posibles diferencias salariais ou de infracotización á Seguridade Social das que fose responsable a empresa cesante.

8. Nos contratos que subscriban as empresas cos seus clientes, constará unha cláusula que lembre a vixencia do artigo 18 do convenio colectivo provincial de limpezas de edificios e locais de Ourense,

así como a necesidade de dar cumprimento ó establecido na Lei de saúde laboral.

Artigo 21º.-Garantía dos cargos sindicais.

Con motivo de situacións concretas, como son a confección do cadro horario, calendario de vacacións e acordo para a negociación colectiva, o empresario daralles posibilidade ós traballadores e ós seus representantes sindicais de reunírense nos locais da empresa durante a xornada de traballo, sen que poida excederse dunha hora nos ditos casos e de común acordo para a designación de traballos urxentes que poidan xurdir.

Artigo 22º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio terá 30 días naturais ininterrompidos de vacacións anuais retribuídas.

O persoal que teña as vacacións nos meses de outubro a abril, ambos inclusive, de trinta días ininterrompidos e por necesidades da empresa, percibirá unha bolsa extrasalarial de 9.000 pesetas.

Farase un calendario de vacacións en cada empresa, de acordo entre empresa e traballadores e comité, de tal xeito que os traballadores desfruten as súas vacacións rotativamente respectando a lexislación vixente.

No caso de que un traballador cause baixa antes do desfrute das vacacións, estas posporanse, fixarase un novo período e o traballador afectado pasará a desfrutalas cando lle corresponda segundo as quendas, e non terá dereito o traballador á bolsa de vacacións se o novo período fixado correspondese dentro dos meses que dan dereito á percepción da dita bolsa. En caso contrario, se a baixa se producise durante o desfrute destas, estas seguirán correndo ata se cumpri-lo período correspondente.

Artigo 23º.-Control médico.

Os traballadores que fagan o seu traballo en lugares radioactivos ou infecciosos, terán dereito a realizar un control médico cada seis meses, de acordo coas normas sanitarias vixentes. O resto dos traballadores terá dereito ó dito control, como mínimo, unha vez ó ano.

Artigo 24º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento do pactado no presente convenio e, en xeral, para cantas cuestións se deriven da aplicación do presente convenio, establécese unha comisión paritaria que estará integrada polos mesmos asinantes do presente convenio.

A dita comisión paritaria reunirase no prazo de tres meses desde a sinatura do presente convenio, co fin de analiza-lo intrusismo existente no sector, que está a producir unha grave competencia desleal, con graves prexuízos, tanto para os traballadores coma para as empresas, instando das autoridades pertinentes as accións legais que correspondan, así como para analizar e concretar aquelas cuestións que redunden en beneficio para o sector.

Artigo 25º.-Xubilación.

Todo traballador afectado polo presente convenio poderá solicita-la xubilación ós 64 anos, ó abeiro do disposto no Real decreto lei 14/1981, do 28 de agosto; neste suposto a empresa estará obrigada a contratar outro traballador perceptor de desemprego ou demandante novo de primero emprego a través dun contrato de idéntica natureza.

Artigo 26º.-Póliza de seguros.

As empresas comprendidas no ámbito de aplicación deste convenio establecerán para tódolos traballadores unha póliza de seguros de morte e invalidez por accidente de traballo que lles garanta ós seus traballadores: 2.500.000 pesetas en caso de morte e 3.200.000 pesetas en caso de invalidez permanente total, absoluta e gran invalidez.

Artigo 27º.-Incremento salarial.

Os salarios deste convenio foron incrementados con respecto ós de 1999 nun 3,2 por cento para o ano 2000 e para o ano 2001 no IPC real resultante o 31 de decembro de 2000, unha vez que fose constatado o dito dato polo INE, máis 0,5 por cento, co que quedan así fixadas as táboas salariais para o ano 2001.

Artigo 28º.-Período de proba.

Poderá concertarse por escrito un período de proba que en ningún caso poderá exceder de seis meses para os técnicos titulados, nin de tres meses para os demais traballadores, agás para os non cualificados. Neste caso, a duración máxima será de 15 días laborables.

Artigo 29º.-Axudas de custo.

Establécese un importe mínimo para as axudas de custo establecidas no artigo 42 da ordenanza, de 4.350 pesetas, cando se teña que comer ou pasa-la noite fóra da casa. De 3.250 pesetas cando se realicen as dúas comidas principais fóra do domicilio, e de 1.650 pesetas cando se realice unha soa comida. En todo caso, as ditas contías son mínimas e tamén poderá establecerse o sistema de gastos que se deben xustificar.

Artigo 30º.-Réxime disciplinario para o acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto ou a intimidade e/ou contra a liberdade dos traballadores/as, conductas de acoso sexual, verbais ou físicas, serán conceptuadas como faltas moi graves, graves ou leves en función da repercusión do feito (*). Nos supostos nos que se leve a cabo servíndose da súa relación xerárquica coa persoa e/ou persoas con contrato laboral non indefinido, a sanción aplicarase no seu grao máximo.

O comité de empresa, sección sindical ou representantes dos traballadores/as, a dirección de persoal da empresa velará polo dereito á intimidade cando así fose requirido.

(*) Dada a falta de normativa existente, poderá seguirse a descrición de sancións incluídas na Lei de infraccións e sancións pola orde social do 7 de abril de 1988.

Artigo 31º.-Empresas de traballo temporal.

Ós traballadores que sexan contratados a través dunha ETT para prestaren os seus servicios nas empresas usuarias de limpeza seralles de aplicación o presente convenio colectivo. Ó mesmo tempo, de tódolos contratos que faga a empresa usuaria nesta modalidade (a través da ETT) darase copia deste ó representante sindical, se o houber.

Artigo 32º.-Contratos para a formación.

Os contratos para a formación que están regulados no artigo 11 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, do ET, terán unha duración mínima de seis meses e máxima de tres anos, de conformidade co sinalado na letra C) do nº 2 do mencionado artigo 11. En todo o demais, haberá que aterse ó preceptuado na lexislación vixente na materia.

Artigo 33º.-Medidas de fomento para o emprego e da contratación laboral.

O contrato de duración determinada da modalidade eventual por circunstancias da producción, acumulación de tarefas ou excesos de pedidos, regulado no artigo 15.1º.b) do Estatuto dos traballadores, segundo a redacción dada pola Lei 63/1997, poderá ter unha duración máxima de 13 meses e medio dentro dun período de 18 meses.

A devandita duración máxima será aplicable tanto ós novos contratos desta modalidade asinados a partir da entrada en vigor do dito convenio como ás prórrogas dos contratos de traballo vixentes antes da entrada en vigor.

Disposicións xerais

Primeira.-Ámbalas partes acordan mante-lo texto da derrogada ordenanza de traballo, como dereito supletorio, para aquelas cuestións non previstas no propio texto do convenio.

Segunda.-As empresas afectadas por este convenio deberán ter un exemplar deste, así como a copia dos boletíns de cotización á Seguridade Social, no taboleiro de anuncios da empresa para coñecemento de tódolos traballadores, co fin de que constaten a súa situación laboral mensual.

Terceira.-As partes asinantes do presente convenio son a Asociación Provincial de Empresarios de Limpiezas de Edificios y Locales de Ourense e as centrais sindicais CC.OO, UGT e a CIG, ámbalas partes con capacidade legal suficiente e lexitimidade, de conformidade co disposto no real decreto lexislativo que aprobou o texto refundido do Estatuto dos traballadores.

Cuarta.-Ante a conveniencia de regula-lo sector e combate-la clandestinidade, as partes asinantes do presente convenio acordan que se reúna a comisión paritaria do convenio na primeira semana de

xaneiro, abril, setembro e decembro de cada ano para trata-los temas relacionados co dito sector e toma-las medidas que, se é o caso, correspondan.

Quinta.-Co fin de evita-los problemas que poidan xurdir no momento de se producir unha subrogación, e no caso de xurdir algunha desavinza derivada da subrogación, as partes asinantes do presente convenio acordan, no caso de xurdir, que ámbalas empresas afectadas se reunirán conxuntamente cun representante das organizacións sindicais asinantes deste convenio e un representante da Confederación Empresarial de Ourense, co obxecto de tratar de aclara-la situación e soluciona-lo conflicto xurdido pola subrogación; levantarase acta da dita reunión, na que constará o acordo, o desacordo ou, se é o caso, a inasistencia dunha das partes.

Sexta.-Cláusula de sumisión ó AGA.

Ante a importancia que poida ter para a resolución pacífica dos conflictos laborais, a elaboración dun acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA), asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e as centrais sindicais CC.OO., UGT e a CIG, as partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos nos que están formulados.

Sétima.-Durante a vixencia deste convenio, a conversión en indefinidos daqueles contratos que se concertasen con carácter temporal ou por duración determinada, acolleranse ó disposto na letra b), parágrafo 2º da disposición adicional primeira da Lei 63/1997, do 26 de decembro, de medidas urxentes para a mellora do mercado e fomento da contratación indefinida, en virtude do cal os ditos contratos quedarán incluídos no réxime previsto para os contratos de fomento da contratación indefinida.

Oitava.-Ámbalas partes comprométense a constituír, en data inmediata e de entre os seus integrantes, unha comisión para o seguimento e aplicación no sector do RDL (1997 do 17 de maio), norma reguladora para o fomento da contratación indefinida. A dita comisión reunirase con carácter ordinario cada catro meses e con carácter extraordinario cada vez que unha das partes o solicite.

Disposicións derradeiras

No suposto de modificación dos textos da ordenanza laboral do 15-2-1975, texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e a Lei 11/1985, do 2 de agosto, os aspectos non reflectidos neste convenio e contidos nas ditas leis pasarán a formar parte deste.

ANEXO I

Táboa salarial

Persoal directivo e técnico

Subgrupo I. Persoal directivo:

Director202.483 ptas.

Director comercial183.046 ptas.

Director administrativo183.046 ptas.

Xefe de persoal183.046 ptas.

Xefe de compras183.046 ptas.

Xefe de xección183.046 ptas.

Subgrupo II. Persoal titulado.

Titulado de grao superior149.906 ptas.

Titulado de grao medio130.956 ptas.

Titulado Lab. ou Prof.112.387 ptas.

Administrativos ou administrativas

Xefe de primeira125.189 ptas.

Xefe de segunda98.981 ptas.

Caixeiro98.981 ptas.

Oficial de primeira97.768 ptas.

Oficial de segunda96.674 ptas.

Auxiliar95.153 ptas.

Cobrador94.735 ptas.

Mandos intermedios

Encargado xeral113.185 ptas.

Supervisor encargado de zona98.304 ptas.

Supervisor encargado de sector94.601 ptas.

Persoal subalterno

Ordenanza91.298 ptas.

Almacenista91.298 ptas.

Listeiro91.298 ptas.

Vixilante91.298 ptas.

Mozo dos recados65.574 ptas.

Persoal obreiro

Especialista3.083 ptas./día.

Peón especializado3.083 ptas./día.

Limpadora3.021 ptas./día.

Peón3.021 ptas./día.

Axudante3.021 ptas./día.

Oficial de primeira de Of. varios3.095 ptas./día.

Encargado de grupo ou edificio3.101 ptas./día.

Responsable de equipo3.044 ptas./día.

Conductor limpados3.044 ptas./día

Traballadores menores de 18 anosS.M.I.