Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 30 de maio de 2000 Páx. 8.362

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 24 de maio de 2000 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas para a mellora da competitividade do sector téxtil e da confección para o ano 2000.

Nos dos últimos anos, o escenario económico internacional relacionado co sector téxtil sufriu profundas alteracións, principalmente pola intensificación da competencia, o incremento no coñecemento e esixencias dos consumidores e a necesidade de incrementar mercados, o que induciu a unha mellora da competitividade constante nas empresas do sector, ou a unha diversificación das súas actividades, tanto desde o punto de vista da empresa como social e económico no caso de zonas de alta dependencia.

Neste contexto internacional, a Unión Europea (UE) desenvolveu desde o ano 1993 ata o 1999 a Iniciativa RETEX, co observar que o sector téxtil e da confección na UE debía afronta-los rigores desta competencia urxente o obxecto de acelera-la adaptación daquel á nova conxuntura. Esta iniciativa, que estaba dirixida ás rexións que dependen estreitamente do sector téxtil-confección, interviña onde podía satisface-las nece

sidades, sobre todo no ámbito dos coñecementos específicos e dos recursos humanos, é dicir o soporte lóxico. O desenvolvemento deste soporte levaba consigo a asistencia ás empresas co fin de optimiza-los métodos organizativos, a cooperación e as tecnoloxías.

Aínda que a vixencia desta iniciativa xa rematou, a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia considera conveniente manter para este ano unha liña de axudas acorde coa filosofía da dita iniciativa, co obxecto de seguir incentivando aquelas actuacións levadas a cabo polas empresas ou asociacións do sector téxtil-confección da nosa Comunidade Autónoma, que contribúan á adaptación competitiva do sector.

Estas axudas financiaranse con Fondos Propios da Comunidade Autónoma galega, Fondos de Compensación Interterritorial (FCI) e Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O contido desta orde de axudas axústase ó establecido polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de abril de 2000, segundo o cal, «Mentres tanto no recaia a decisión da Comisión Europea de compatibilidade coa normativa comunitaria e non entre en vigor a nova disposición normativa, manterase a actividade de fomento autonómica axustándose ás directrices, tanto horizontais como sectoriais, dictadas pola comisión, así como, se é o caso, ós límites de intensidade autorizados a Galicia no Mapa Rexional de Axudas de España para o período 2000-2006.

Na súa virtude e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto deste orde desenvolve-lo marco que regule a convocatoria de axudas, que se concedan no ano 2000, para a incentivación de actuacións que van ser realizadas polas distintas unidades económicas que integran o sector téxtil e da confección na nosa Comunidade Autónoma, co obxectivo de acada-la súa adaptación competitiva.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

Estas axudas outorgaranse con cargo á partida orzamentaria dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2000, 08.03.742-A.770.0 «Axudas á industria do complexo téxtil-confección», sendo o crédito total destinado para esta orde de 199.318.382 pesetas. Esta cantidade poderase incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

Artigo 3º.-Beneficiarios e ámbito de aplicación.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as empresas para as que a súa actividade principal estea incluída nos CNAES 17 e 18, así como as agrupacións, asociacións de empresas ou entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan a súa actividade no ámbito dos sectores téxtiles e da confección, debendo ter, todas elas, o seu domicilio social ou algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma galega.

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

Terán carácter subvencionable aqueles investimentos que teñan por obxecto o desenvolvemento dalgunha ou dalgunhas das seguintes actuacións:

a) Custo do asesoramento externo, de carácter non habitual, para a mellora dos coñecementos técnicos. Este asesoramento poderá referirse ós seguintes puntos:

a.1) Realización de estudios para a implantación de sistemas de estratexia empresarial ou para o fortalecemento da estructura de talleres (mellora dos sistemas de distribución, aumento da flexibilidade e eficacia empresarial, consecución de mellores niveis de calidade e servicio, etc.).

a.2) Realización de estudios de diagnóstico e de implantación de técnicas de xestión empresarial encamiñadas á mellora da eficacia nos procesos xa implantados, dentro das distintas áreas funcionais da empresa.

a.3) Realización de auditorías tecnolóxicas e de estudios de prospectiva e coñecemento do estado da arte tecnolóxica e as súas aplicacións no contorno empresarial.

a.4) Realización de diagnósticos e auditorías de deseño, orientados á creación dunha nova imaxe corporativa.

a.5) Estudios de coñecemento e análise prospectivo de mercados estratéxicos, así como do contorno competitivo en xeral (Benchmarking).

a.6) Actuacións vinculadas á difusión empresarial, a través da aplicación e utilización das novas tecnoloxías da difusión, co obxecto de captar novos mercados ou de consolidar aqueles xa captados.

a.7) Adquisición ou desenvolvemento de software, dentro das distintas áreas funcionais da empresa, co obxecto de procura-la súa informatización ou a incorporación das tecnoloxías da información e as comunicacións.

a.8) Obtención da certificación correspondente á implantación de sistemas da calidade, así como accións encamiñadas ó desenvolvemento de plans de calibración de equipos de medida, estudios de identificación e valoración de custos de non calidade e accións que teñan por obxecto, dentro dun proceso sistemático, a aplicación de ferramentas avanzadas encamiñadas a un proceso de xestión de calidade total.

b) Custo do asesoramento externo, de carácter non habitual, para a realización de proxectos concertados desenvolvidos por empresas (coa adhesión mínima de tres) ou para a realización de actuacións desenvolvidas por asociacións empresariais. Este asesoramento poderá referirse ós seguintes puntos:

b.1) A mellora dos coñecementos técnicos relativos ós epígrafes recollidos na alínea a).

b.2) A difusión acelerada de métodos de producción innovadores e novas formas de organización.

b.3) O fortalecemento dos vínculos entre as empresas e os seus subministradores e clientes, co obxecto de responder ás novas esixencias de flexibilidade e calidade.

b.4) A mellora da información sobre as tendencias do mercado en relación coas medidas de apoio ó deseño, á calidade e á comercialización.

b.5) A creación, exclusivamente por asociacións empresariais, de redes de contacto con outros lugares do Estado e coa Unión Europea en relación coas medidas antes citadas.

b.6) Análise e implantación de estratexias orientadas á exportación.

b.7) Análise de mercados para a estructuración de coleccións.

b.8) Diagnósticos e implantación de melloras da competitividade e custos.

b.9) Análise e implantación de estratexias de aprovisionamento competitivo.

Todos estes proxectos e/ou actuacións deberán caracterizarse pola súa posibilidade de desenvolvemento e implantación nas distintas empresas participantes neles.

c) Custo de adquisición de hardware e software para o seu emprego específico en deseño asistido por ordenador (CAD).

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Para a determinación da preferencia na concesión e contía das axudas teranse en conta os seguintes criterios:

1. Proxectos concertados desenvolvidos por empresas ou para a realización de actuacións desenvolvidas por asociacións empresariais.

2. Creación de novo emprego.

3. Volume de proxectos dentro dunha mesma tipoloxía de actuación.

4. Entidades que non obtivesen subvencións da Consellería de Industria e Comercio, ó abeiro das ordes convocadas no marco da Iniciativa RETEX, nos anos 1997, 1998 e 1999.

Artigo 6º.-Contía das axudas.

As axudas poderán acadar, con carácter xeral, unha contía máxima do 40% do investimento subvencionable, sendo de aplicación, ademais, as seguintes limitacións:

1. Para as actuacións contidas nas alíneas a) e b), agás a a.8), do artigo 4º, as axudas non superarán o importe de 5.000.000 de pesetas por actuación.

2. Para a actuación contida na alínea a.8), do artigo 4º, as axudas non superarán o importe de 500.000 pesetas.

3. Para as actuacións contidas na alínea c), do artigo 4º, as axudas non superarán o importe de 3.000.000 de pesetas.

Artigo 7º.-Período subvencionable.

Considérase como período subvencionable, para os efectos de realización dos investimentos acollidos á presente orde, o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2000, ámbolos dous inclusive.

Artigo 8º.-Solicitudes.

As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral

das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a súa presentación iniciarase a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de xuño de 2000, inclusive.

As solicitudes presentaranse, conforme os modelos que se xuntan como anexos I e II, e acompañaranse da seguinte documentación, todo isto por triplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e dúas copias):

-Memoria explicativa que conterá antecedentes da entidade solicitante, descrición das súas actividades principais, descrición detallada dos investimentos por unidade de actuación e efectos esperados.

-Orzamento desagregado do investimento.

-Calendario de execución do investimento, con indicación expresa da temporalidade de cada unha das actuacións que o configuran (mes de inicio/mes de finalización).

-Incluirase, segundo anexo III, declaración expresa doutras axudas, cumprimento de obrigas fiscais, de estar ó día nas obrigas coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

-Licencia fiscal ou último recibo do imposto de actividades económicas (IAE) e NIF/CIF.

-Documento público acreditativo do poder con que actúa o solicitante e fotocopia do seu DNI.

Artigo 9º.-Emenda de defectos.

Se a solicitude non reúne os requisitos esixidos nesta orde, o interesado será requirido para que, nun prazo de 10 días a partir do seguinte ó da recepción deste requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, se considerará desistido da súa petición logo da correspondente resolución de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 10º.-Valoración dos proxectos.

Para cada expediente de solicitude de subvención, os xefes de servicio de Xestión de cada delegación provincial emitirán un informe de cumprimento dos requisitos esixidos na convocatoria.

As solicitudes, ás que se lles achegará o devandito informe, serán estudiadas por unha comisión técnica, que estará constituída polo titular da Dirección Xeral

de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas ou persoa en quen delegue, que a presidirá, actuando como vocais un subdirector xeral, un xefe de servicio da dita dirección xeral e mailos catro delegados provinciais da Consellería de Industria e Comercio ou, no seu defecto, os xefes de servicio de Xestión de cada delegación provincial. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe de servicio da dirección xeral.

Artigo 11º.-Resolución e aceptación de axudas.

Á vista do informe da comisión técnica, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme co establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, emitirá a resolución que proceda.

O prazo máximo para dictar e notificar ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados a partir do día seguinte ó da publicacion desta orde. O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa, polo que de conformidade co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da recepción da súa notificación, se fose expresa; se non o fora, o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do devandito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, poderá interpoñerse o recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Industria e Comercio ou ante o delegado provincial, segundo proceda, no prazo dun mes se o acto fose expreso; se non o fora, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

A resolución de concesión determinará, cando menos, o importe do orzamento subvencionable, a porcentaxe de subvención que corresponda dentro dos límites establecidos por esta orde e o importe da subvención concedida.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario, por escrito, no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ó da recepción da súa notificación, coas condicións específicas que se recollen nesta orde e as que, de se-lo caso, se inclúan na resolución. No caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 12º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento da subvención, o beneficiario deberá presentar na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, tendo de prazo para iso ata o 31 de outubro, inclusive.

Esta documentación xustificativa, que se presentará por triplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e dúas copias), constará dos seguintes documentos:

-Informe técnico no que se describa a realización do investimento e os datos e incidencias máis significativos producidos na súa execución.

-Documentos acreditativos do investimento (facturas e documentos xustificativos do seu pagamento).

-Para todas aquelas actuacións intanxibles deberase presentar, así mesmo, unha copia de cada un dos estudios, diagnósticos, etc. que se realizaran ou desenvolveran.

-Declaración de axudas obtidas ou que se prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado, indicando a súa contía.

-Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta na que se debe realiza-lo pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

-Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega e de estar ó día no imposto sobre actividades económicas.

-Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da axuda.

Artigo 13º.-Modificación do investimento subvencionado.

Cando por circunstancias técnicas se varíe o contido específico do investimento ou actuacións recollidas no proxecto inicial e as ditas variacións incidan no investimento subvencionable, o beneficiario deberá

comunicar, con anterioridade á súa materialización, os correspondentes cambios, solicitando a conformidade á Consellería de Industria e Comercio antes do 15 de outubro de 2000, inclusive. A conformidade expresa da Consellería de Industria e Comercio ás ditas modificacións requirirá informe favorable dos servicios técnicos centrais da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, e só será outorgada cando non alteren significativamente o proxecto inicial.

De acordo co establecido no artigo 78.7º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 14º.-Pagamento das axudas.

A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certifiquen, se é o caso, trala inspección correspondente, que se realizou o investimento que foi obxecto de subvención e demais condicións impostas na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida por estes servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do investimento ou actuacións subvencionables.

No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ó inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda reducirase proporcionalmente.

Así mesmo, para as actuacións subvencionables recollidas na alínea c) do artigo 4º desta orde, cando a entrega do equipamento no presente exercicio esixira o pagamento de calquera tipo de anticipos no exercicio anterior, os ditos pagamentos consideraranse parte do investimento do presente exercicio.

Artigo 15º.-Reducción e concorrencia de axudas.

Cando o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima de subvención establecida no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, procederá ó reintegro do exceso percibido á Administración Autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puideran derivarse.

Artigo 16º.-Control.

En todo caso, os beneficiarios sométense ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Industria e Comercio e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autó

noma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 17º.-Incumprimento de obrigas.

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas impostas na presente orde, ou as que, se é o caso, se inclúan na resolución, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, despois de audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e dos seus xuros de demora, sen prexuízo, de se-lo caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 do citado texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Os beneficiarios atópanse suxeitos ó réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o artigo 79 do citado texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 18º.-Renuncia das axudas.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido nos parágrafos primeiro e segundo do artigo anterior.

Artigo 19º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, e na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2000.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio