Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 30 de maio de 2000 Páx. 8.346

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 24 de abril de 2000 pola que se regula o procedemento para a admisión de alumnos en bacharelato e ciclos formativos de formación profesional específica de grao medio, en centros sostidos con fondos públicos.

O Decreto 87/1995, do 10 de marzo, establece os criterios de admisión de alumnos nos centros docentes dos niveis non universitarios sostidos con fondos públicos. Na súa disposición derradeira faculta a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións que esixa o desenvolvemento e a execución do dito decreto. A experiencia acumulada no proceso de implantación anticipada das ensinanzas da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, de cara á implantación xeneralizada do bacharelato e ciclos formativos de grao medio aconsellan introducir distintas modificacións no procedemento actual de admisión. Polo tanto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-A presente orde será de aplicación nos procesos de admisión de alumnos e alumnas que desexen cursar ensinanzas de bacharelato ou ciclos formativos de formación profesional específica de grao medio nos centros de educación secundaria sostidos con fondos públicos. A admisión dos ditos alumnos realizarase de acordo cos criterios que figuran no anexo I desta orde e desenvolverase segundo o establecido nos artigos seguintes.

Segundo.-Os directores dos centros establecerán un período do 15 ó 30 de maio para que tódolos alumnos e alumnas do centro poidan formaliza-la reserva de praza.

A continuidade no centro non requirirá novo proceso de admisión, agás no suposto de que o número de postos escolares ofertados nunha determinada modalidade de bacharelato ou ciclo formativo de grao medio sexa inferior ó número de solicitudes de reserva de praza efectuadas, e existan vacantes nesas mesmas ensinanzas noutro o noutros centros sostidos con fondos públicos da mesma localidade ou comarca, se é o caso.

Terceiro.

1. Fixada a capacidade dos centros pola Administración educativa e formalizadas as reservas de prazas, os directores dos centros farán público, antes do 16 de xuño, o número de postos escolares previsiblemente dispoñibles para o curso seguinte, especificados para cada curso e modalidade de bacharelato e para cada ciclo de formación profesional específica de grao medio.

2. En todo caso, para os solicitantes de ciclos formativos de grao medio que acrediten ter superada a proba de acceso reservaranse, polo menos, o 20% das prazas ofertadas en cada ciclo.

3. Así mesmo, cando a oferta de postos escolares dunha determinada modalidade de bacharelato ou

ciclo formativo de grao medio sexa inferior ás solicitudes de reserva de praza realizadas e existan vacantes nesas mesmas ensinanzas noutro o noutros centros sostidos con fondos públicos da mesma localidade ou comarca, se é o caso, antes do día 28 de xuño, os consellos escolares deses centros efectuarán o proceso de admisión de acordo cos criterios establecidos na presente orde. As solicitudes dos alumnos que non resulten admitidos no instituto no que están cursando ensinanzas serán remitidas ó delegado provincial para que a Inspección Educativa ou a comisión de escolarización, se é o caso, resolvan sobre a escolarización destes alumnos antes de inicia-lo proceso ordinario de escolarización previsto nos puntos seguintes.

Cuarto.-O prazo de presentación de solicitudes de admisión será do 17 de xuño ó 2 de xullo. Cando este último coincida con día non lectivo prorrogarase automaticamente ata o primeiro día hábil.

Quinto.-As solicitudes axustaranse ó modelo oficial que se publica como anexo II ou anexo III a esta orde, segundo se trate das ensinanzas establecidas pola pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, ou das establecidas pola Lei 14/1970, respectivamente, e presentaranse xunto coa documentación que acredite o cumprimento dos requisitos académicos esixidos e con tódolos xustificantes dos criterios de baremación establecidos no anexo I.

Sexto.

1. Cada solicitante presentará no centro que solicita en primeiro lugar unha única instancia, relacionando nela, por orde de preferencia, tódolos centros e as ensinanzas segundo as modalidades e réxime para os que solicita praza.

2. A presentación de máis dunha solicitude será causa de exclusión do proceso de baremación, procedéndose á súa escolarización ó final do proceso, se houbese praza.

3. No caso de que o alumno non obtivese praza no centro solicitado en primeiro lugar, o director remitirá a solicitude, xunto coa correspondente documentación, á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que procederá a escolariza-lo alumno de acordo co que se dispón nesta orde.

Sétimo.-Sen prexuízo do sinalado no punto 6.1., as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán dispoñer que, en determinadas localidades, as solicitudes se presenten nun único centro ou dependencia.

Oitavo.-As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria delimitarán as zonas de influencia das distintas modalidades de bacharelato e dos ciclos formativos de grao medio autorizados en cada centro, co obxecto de aplica-la puntuación que corresponda por proximidade do domicilio.

Noveno.-Os órganos competentes dos centros, conforme o establecido no artigo 17 do Decreto 87/1995, do 10 de marzo, adxudicarán os postos escolares vacantes ós alumnos que o soliciten e reúnan os requisitos previstos no artigo 6 do dito decreto, conforme os seguintes criterios:

a) No suposto que nun centro existan máis prazas vacantes que solicitudes, serán admitidos tódolos solicitantes.

b) Se o número de solicitantes é superior ó de prazas vacantes, adxudicaranse estas ós solicitantes que obteñan maior puntuación, logo de aplica-los criterios de baremación fixados no anexo I desta orde.

Non obstante o establecido nos puntos anteriores, nos centros daqueles concellos nos que a inspección considere que pode haber problemas de escolarización, non poderán ser admitidos alumnos procedentes doutros concellos, nos que exista un centro escolar que oferte as mesmas modalidades de bacharelato ou os mesmos ciclos formativos, ata que remate o proceso de escolarización e sexan resoltos os casos a que se fai referencia no punto sexto.2 desta orde.

Décimo.-A resolución pola que se adxudican as prazas e a relación de solicitantes, coa totalidade da puntuación outorgada por epígrafes, faranse públicas antes do 17 de xullo no taboleiro de anuncios do centro. Simultaneamente enviaranse ó Servicio de Inspección da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria copias delas xunto co número de prazas non cubertas, desagregadas por cursos , modalidades de bacharelato e ciclos formativos de grao medio , xunto coa documentación que sinala o punto quinto desta orde.

Décimo primeiro.

1. As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán constituír comisións de escolarización naquelas localidades que crean conveniente. As inspeccións provinciais de educación ou, se é o caso, as comisións de escolarización distribuirán aqueles alumnos que non obteñan posto escolar no centro solicitado en primeiro lugar entre os centros que conten con prazas vacantes, tendo en conta as preferencias dos alumnos e os criterios de baremación establecidos no anexo I.

2. As resolucións das inspeccións ou, se é o caso, das comisións de escolarización serán remitidas a cada centro, xunto coa documentación dos alumnos destinados a el, onde se farán públicas antes do 20 de xullo.

3. As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán constituír, así mesmo, unha comisión de escolarización provincial que deberá realiza-las seguintes funcións:

a) Resolver sobre as solicitudes de praza que non foron atendidas polos centros, comisións de escolarización ou inspección, conforme se establece no punto 1 deste mesmo número.

b) Remitirlle á comisión autonómica as solicitudes que non poden ser atendidas na provincia.

c) Así mesmo, comunicará o número de prazas dispoñibles das diferentes ensinanzas existentes na provincia á comisión autonómica.

4. A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa poderá constituír unha comisión de escolarización autonómica que deberá resolver sobre as solicitudes daquelas persoas que non puideron ser escolarizadas polas comisións provinciais.

Décimo segundo.

1. As comisións de escolarización que se constitúan nunha localidade, se é o caso, estarán integradas por:

-Un membro da Inspección Educativa, designado polo delegado provincial da Consellería de Educa

ción e Ordenación Universitaria, que actuará como presidente.

-Dous directores de institutos de educación secundaria designados polo delegado provincial.

-Dous representantes dos pais de alumnos designados polas federacións das asociacións de pais de alumnos.

-Un representante do concello.

-Actuará como secretario da comisión, con voz pero sen voto, un funcionario designado polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. As comisións de escolarización provinciais estarán integradas por:

-O inspector xefe do Servicio de Inspección provincial que actuará como presidente.

-Dous inspectores designados polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Dous directores de institutos de educación secundaria designados polo delegado provincial.

-Dous representantes dos pais de alumnos designados polas federacións das asociacións de pais de alumnos.

-Actuará como secretario da comisión, con voz pero sen voto, un funcionario designado polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. A comisión de escolarización autonómica estará integrada por:

-O inspector xefe da Inspección central que actuará como presidente.

-Un inspector ou inspectora de Educación de cada unha das provincias por proposta do delegado provincial.

-Actuará como secretario ou secretaria da comisión, con voz e sen voto, un funcionario da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

4. No caso de non constituírse as comisións de escolarización provincial ou autonómica, resolverá a Inspección provincial ou a Inspección central, respectivamente.

Décimo terceiro.-A matrícula formalizarase en dous prazos:

-Un ordinario, do 15 ó 30 de xullo, para os alumnos admitidos en cada centro. Transcorrido este prazo, entenderase que o alumnado admitido que non se matriculase renuncia á praza.

-Outro extraordinario, do 1 ó 10 de setembro, só para os alumnos que, en aplicación da normativa, non lles fose posible matricularse no prazo ordinario, sen prexuízo do establecido no punto décimo quinto desta orde.

Décimo cuarto.-Rematado cada un dos prazos de matrícula, os directores de centros públicos e concertados comunicarán á delegación provincial de Educación o número de postos escolares vacantes especificando curso e modalidade de bacharelato ou, se é o caso, ciclo formativo.

Décimo quinto.-Os alumnos que, por traslado de localidade ou por outras causas debidamente xustificadas, non se matricularan nos prazos fixados presentarán a súa solicitude, xunto cos xustificantes correspondentes na delegación provincial de educación, que resolverá, segundo proceda, tendo en conta o informe da inspección educativa.

Décimo sexto.-Contra as resolucións dos consellos escolares, das comisións de escolarización e das inspeccións poderá presentarse reclamación no prazo de tres días, contados a partir da data da súa publicación, ante o órgano que as dictou, que deberá resolver no prazo de cinco días. Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso no prazo de cinco días, contados a partir da súa comunicación, perante a delegación provincial de Educación, que resolverá, no prazo de cinco días. No caso da comisión autonómica o recurso interporase ante a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa que resolverá tamén no prazo de cinco días. Todo iso sen prexuízo do establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992.

Décimo sétimo.-As persoas que teñan acceso á documentación presentada polos solicitantes no proceso de admisión de alumnos terán o mesmo deber de sixilo en relación con ela que os funcionarios da Administración pública.

Disposición transitoria

A presente orde será de aplicación para a admisión de alumnos nos centros sostidos con fondos públicos que impartan as ensinanzas establecidas pola Lei 14/1970, do 4 de agosto, xeral de educación e financiamento da reforma educativa, mentres non se extingan estas ensinanzas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Queda derrogada a Orde do 6 de abril de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 12 de maio) pola que se regula o procedemento para a admisión de alumnos en bacharelato e ciclos formativos de formación profesional específica de grao medio, en centros sostidos con fondos públicos.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.-Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las normas necesarias para a aplicación e desenvolvementos desta orde.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO I

Criterios de admisión

Criterio prioritario:

Os solicitantes que padezan minusvalidez física, psíquica ou sensorial terán prioridade para ser admi

tidos naqueles centros que estean levando a cabo proxectos educativos de integración na discapacidade específica, sempre que o informe do xefe do departamento de orientación ou do especialista do equipo de orientación específico aconselle esta modalidade de escolarización como a máis axeitada para o alumno.

Xustificante: informe do xefe do departamento de orientación ou do especialista do equipo de orientación específico.

Proximidade do domicilio:

a) Alumnos con domicilio na zona de influencia do centro solicitado: 5 puntos.

b) Alumnos con domicilio en zonas limítrofes á do centro solicitado: 2 puntos.

c) Alumnos con domicilio no mesmo concello que o centro solicitado: 1 punto.

d) Alumnos con domicilio que non estean en ningunha das circunstancias anteriores: 0 puntos.

Xustificante: certificado de empadroamento, expedido polo concello.

Renda anual da unidade familiar:

a) Rendas iguais ou inferiores ó dobre do salario mínimo interprofesional: 2 puntos.

b) Rendas superiores ó dobre do salario mínimo interprofesional que non superen o cuádruplo do salario mínimo interprofesional: 1 punto.

c) Rendas superiores ó cuádruplo do salario mínimo interprofesional: 0 puntos.

Xustificante: fotocopia compulsada da declaración da renda. Se os pais do solicitante fan a declaración por separado, presentarase fotocopia compulsada de ámbalas dúas. (De non presentala outorgaranse 0 puntos por este epígrafe).

Existencia de irmáns matriculados no centro:

a) Primeiro irmán no centro: 3 puntos.

b) Por cada un dos irmáns seguintes: 1 punto.

Xustificante: comprobación por parte do centro.

Outros criterios:

a) Pola condición de familia numerosa: 1 punto.

Xustificante: fotocopia compulsada do título de familia numerosa.

b) Pola condición de minusválido: 1 punto.

Xustificante: certificado médico.

Criterios para resolve-los casos de empate na puntuación outorgada ós solicitantes:

a) Maior puntuación obtida no epígrafe de proximidade domiciliaria.

b) Maior puntuación obtida no epígrafe de irmáns matriculados no centro.

c) A condición de minusvalidez.

d) A condición de familia numerosa.

e) Maior puntuación obtida no epígrafe de rendas anuais de unidade familiar.

f) O sorteo público ante o consello escolar do centro.