Rematado o prazo fixado pola Resolución do 1 de marzo de 2000, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG nº 51, do 14 de marzo), de presentación de solicitudes para a elaboración das listas
reguladas no Decreto 89/1997, do 10 de abril; elaboradas as citadas listas pola comisión permanente de selección para postos reservados a funcionarios e relativos ó corpo subalterno da Xunta de Galicia (grupo E), correspondentes ó punto A do artigo 12 do devandito decreto.
Efectuada proposta pola citada comisión en sesión do 11 de maio de 2000, unha vez elevada esta e de conformidade co establecido na base 6.2 da citada resolución, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro.-Facer públicas as relacións de solicitantes para a cobertura, con carácter temporal, mediante o nomeamento de persoal interino, de postos de traballo reservados a funcionarios do corpo subalterno da Xunta de Galicia (grupo E), listas A1 e A2.
Anexo I: figuran os solicitantes incluídos nas listas.
Anexo II: figuran os solicitantes excluídos nas listas.
Segundo.-Os citados anexos atoparanse expostos nos taboleiros de anuncios da Consellería da Presidencia e Administración Pública e nos das súas delegacións provinciais, no da Delegación Territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura en Vigo e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia.
Para efectos de información, o teléfono de contacto é o 902 12 00 12, en horarios das 9 ás 19 horas, de luns a venres, e das 9 ás 4 horas os sábados.
Terceiro.-Os interesados disporán dun prazo de 10 días para a corrección de erros e, se é o caso, formula-las oportunas alegacións, que se dirixirán á comisión permanente de selección de persoal para a cobertura de postos de traballo reservados a funcionarios (Dirección Xeral da Función Pública, Consellería da Presidencia e Administración Pública, edificios administrativos San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).
Unha vez transcorrido o prazo citado con anterioridade, se é o caso, levaranse a efecto as emendas e comprobacións procedentes, do que se dará oportuna publicidade.
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2000.
Joaquín López-Rúa Soler
Director xeral da Función Pública