Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Martes, 23 de maio de 2000 Páx. 8.015

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 2000, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo galego para o sector de pompas fúnebres.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico para o sector de pompas fúnebres (código de convenio nº 8200565), que se subscribiu con data do 1 de marzo de 2000, entre os representantes da Asociación de Empresarios de Pompas Fúnebres de Galicia, pola parte empresarial, e os representantes dos traballadores, UGT-Galicia, e S.N de CC.OO. de Galicia, pola parte social, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta dirección xeral,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2000.

José María Fernández Olea

Director xeral de Relacións Laborais

Convenio galego para o sector de pompas fúnebres

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio colectivo será de aplicación en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O presente convenio regula as relacións laborais entre empresas de pompas fúnebres, radicadas no ámbito territorial desta comunidade, e o persoal que preste os seus servicios nestas, quedando exluídos do convenio as relacións ás que se refire o artigo 1, punto 3º do Estatutos dos traballadores.

Artigo 3º.-Vixencia.

O presente convenio que entrará en vigor a partir da data da súa publicación no DOG, terá unha duración de catro anos, contados desde o 1 de xaneiro de 2000 ata o 31 de decembro de 2003.

Os efectos económicos do presente convenio operarán desde o 1-1-2000.

As cantidades aboadas polas empresas durante o ano 2000 que supoñan unha maior retribución, en cómputo anual, con respecto ó ano 1999, serán consideradas como entregas a conta do presente convenio.

Na falta de denuncia expresa, entenderase prorrogada tacitamente por períodos anuais.

Calquera das partes poderá solicita-la súa revisión, formulando a denuncia deste á outra parte e a autoridade laboral competente, con tres meses de antelación á data de expiración da súa vixencia ou á de calquera das súas prórrogas.

No caso de que non chegase a constituírse a mesa de negociación, despois de realizada a correspondente denuncia, o texto do convenio quedará prorrogado, non así os seus conceptos salariais, que aumentarán co IPC oficial do ano anterior que teña o Estado, a partir do 1 de xaneiro do 2004.

Artigo 4º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas forman un todo orgánico e indivisible, e, para os efectos da súa aplicación práctica, serán considerados globalmente en cómputo anual.

Artigo 5º.-Absorción e compensación.

As retribucións establecidas neste convenio compensarán e absorberán tódalas existentes á súa entrada en vigor, calquera que sexa a natureza ou orixe destas.

As empresas que en cómputo anual aboen por calquera concepto ou índole retribucións ou salarios superiores ós establecidos no presente convenio colectivo, poderán absolbelos e compensalos na forma en que o propio convenio establece e, en todo caso, o artigo 26.5º do ET.

Ós traballadores garantízaselles, en todo caso, un incremento salarial do 3,5% sobre a súa retribución bruta anual do ano anterior, durante a vixencia do presente convenio, excluídas comisións ou incentivos de producción. A diferencia entre a retribución así calculada e as cantidades en táboas constituirán un complemento persoal que se calculará cada ano

segundo a actualización das novas táboas e aboarase distribuído en catorce ou quince pagas.

Artigo 6º.-Dereitos adquiridos e garantías ad personam.

Respectaranse as condicións superiores pactadas, a título persoal ou a nivel de empresa que teñan establecidas as empresas ó entrar en vigor este convenio e que, con carácter global, excedan de dito convenio en cómputo anual.

No mesmo sentido, aqueles traballadores que realizasen tarefas non especificadas no presente convenio, dado o seu carácter simplemente enunciativo, respectando, en todo caso, o establecido no contrato de traballo, continuaranas realizando, sen prexuízo do disposto nos artigos 28 e 29 do presente convenio.

Artigo 7º.-Comisión paritaria e sometemento ó AGA.

Constitúese unha comisión paritaria no presente convenio coas funcións que se indican a continuación:

-Interpretación da aplicación da totalidade das cláusulas do convenio.

-Vixencia do cumprimento do pactado.

-Estudio da evolución das relacións entre as partes contratantes.

-Cantas outras actividades tendan á maior eficacia práctica do convenio ou veñan establecidas no seu texto.

A comisión paritaria estará formada por seis membros ou vocais que serán designados, tres pola representación social e tres pola representación empresarial.

Os acordos requirirán, para a súa validez, a metade máis un da totalidade dos seus membros ou vocais.

Para a resolución pacífica dos conflictos laborais, as partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia e prórrogas, acordan someterse ás disposicións contidas no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos Colectivos de Traballo (AGA), asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as Organizacións Sindicais CC.OO., UGT e CIG, nos propios termos en que están formuladas.

Artigo 8º.-Período de proba.

1. A duración do período de proba non poderá exceder de seis meses para os técnicos titulados, nin de tres meses para os demais traballadores.

O empresario e o traballador están, respectivamente, obrigados a realiza-las experiencias que constitúan o obxecto do período de proba.

Será nulo o pacto que estableza un período de proba cando o traballador desempeñase as mesmas funcións con anterioridade na empresa, baixo calquera modalidade de contratación.

2. Durante o período de proba, o traballador terá os dereitos e obrigacións correspondentes ó posto

de traballo que desempeñe como se fose do cadro de persoal, agás os derivados da resolución da relación laboral, que se poderá producir a petición de calquera das partes durante o seu transcurso.

3. Transcorrido o período de proba sen que se produza o desestimento, o contrato producirá plenos efectos, computándose o tempo dos servicios prestados na antigüidade do traballador na empresa.

As situacións de incapacidade temporal, risco para o embarazo, maternidade e adopción ou acollemento, que afecten ó traballador durante o período de proba interrompen o cómputo deste.

Artigo 9º.-Organización do traballo.

1. O traballador estará obrigado a realiza-lo traballo acordado baixo a dirección do empresario ou persoa en quen este delegue.

2. No cumprimento da obriga de traballar asumida no contrato, o traballador débelle ó empresario a dilixencia e a colaboración no traballo que marquen as disposicións legais. En calquera caso, o traballador e o empresario someteranse nas súas recíprocas prestacións ás esixencias da boa fe.

3. O empresario poderá adopta-las medidas que estime oportunas de vixilancia e control para verifica-lo cumprimento polo traballador das súas obrigas e deberes laborais, gardando na súa adopción e aplicación a consideración debida á súa dignidade humana e tendo en conta a capacidade real dos traballadores diminuídos, se é o caso.

4. O empresario poderá verifica-lo estado de enfermidade ou accidente do traballador que sexa alegado por este para xustifica-las súas faltas de asistencia ó traballo, mediante recoñecemento por conta do persoal médico con quen teña contratado a empresa as continxencias médicas de accidentes. A negativa do traballador ós ditos recoñecementos poderá determina-la suspensión dos dereitos económicos que puideran existir por conta do empresario por esas situacións.

Artigo 10º.-Contratación, ingresos e provisión.

En materia de contratación haberá que aterse ó disposto no Real decreto legislativo 1/1995, do 24 de marzo, que recolle o texto refundido do Estatuto dos traballadores, e demais lexislación vixente.

Artigo 11º.-Coñecemento do convenio.

Tanto as empresas como o persoal deben coñecer perfectamente este convenio e cumprilo con exactitude e dilixencia. A dirección da empresa e os representantes dos traballadores promoverán a adecuada difusión del.

Artigo 12º.-Realización das tarefas.

1. As empresas dotarán os servicios co persoal necesario nos termos de calidade e profesionalidade suficiente para garanti-la súa prestación e cumprindo en todo caso a normativa en materia de prevención de riscos laborais.

2. Os traballadores das categorías que se vaian extinguir que non se integraron nas novas categorías serán destinados nas quendas e servicios que menos afecten o normal desenvolvemento e funcionamento da empresa. A nivel de empresa poderán establecerse, por pacto de empresa, categorías profesionais novas, sempre encadradas nos niveis salariais existentes.

Artigo 13º.-Xornada laboral.

1. A xornada laboral ordinaria será de 1.826 horas anuais de traballo efectivo para o ano 2000, reducíndose esta en 25 horas no ano 2001, 25 horas no ano 2002 e 25 horas no ano 2003.

2. A xornada de traballo efectivo, dadas as características especiais e de atención ó público, que concorren nas empresas afectadas polo presente convenio, será fixada e distribuída polas empresas en función das súas necesidades de servicio, de forma que, en todo momento, quede garantida a prestación deste, podendo establecerse, se é o caso, quendas que estimen necesario para dar cobertura a súa actividade.

3. Enténdese por traballo efectivo a presencia do traballador no seu posto de traballo e dedicado a el.

Establécese un descando de 15 minutos para o persoal con xornada continuada, computable como traballo efectivo, non sendo así para aqueles que estivesen en xornada partida.

4. A xornada dos traballadores dos que a actividade pon en marcha ou cerra o traballo dos demais, sempre que o servicio non se poida realizar alternando con outros traballadores dentro das horas da xornada ordinaria, poderá ampliarse polo tempo necesario para iso, na forma e mediante a compensación que se establece no presente convenio e con respecto, en todo caso, dos períodos de descanso entre xornadas e semanal previstos na lexislación vixente. O tempo de traballo prolongado non se terá en conta para os efectos da duración máxima da xornada ordinaria laboral, nin para o cómputo do número máximo de horas extraordinarias.

5. Polas propias características da actividade, as empresas poderán establecer, por circunstancias imprevistas urxentes, extraordinarias ou fortuítas, prolongacións da xornada ordinaria que deba realiza-lo traballador, aboaranse ou compensaranse con tempo de descanso como horas extraordinarias.

Para establece-la xornada irregular haberá que aterse ó establecido no artigo 34.2º e 3º parágrafos, do texto refundido do Estatuto dos traballadores.

As horas extraordinarias liquidaranse mensualmente. Consideraranse horas extras as que superen 40 semanais e non sexan compensadas no mesmo mes ou no mes seguinte.

6. A xornada de traballo será distribuída durante tódolos días do ano, incluídos sábados, domingos e festivos.

Artigo 14º.-Descando semanal.

Os traballadores/as terán dereito a un descanso semanal dun día e medio, ininterrompido, pola súa condición de servicio permanente. A empresa coidará de que todo o persoal goce rotativamente do descanso dominical.

Artigo 15º.-Domingos e festivos.

Tódolos traballadores/as que traballan en domingos ou en calquera dos días festivos establecidos de acordo co calendario laboral percibirán un incremento sobre o salario base diario do 25% para os domingos e do 50% para os días festivos. Estes incrementos poderán ser substituídos e compensados por tempos de descanso, logo de acordo.

Artigo 16º.-Horas extraordinarias.

As empresas, sempre que non se perturbe o normal proceso do servicio e de acordo co traballador, poderán compensa-al retribución das horas extraordinarias por tempos de descanso na porcentaxe que se estableza, debendo efectuarse dentro dos 2 meses seguintes á súa realización. Noutro caso, serán aboadas economicamente ó custo establecido para as referidas horas na táboa do convenio, cunha recarga do 25% en días laborales e do 50% os días festivos. Considéranse festivos para estes efectos os establecidos no calendario laboral e mailos períodos de descanso.

Artigo 17º.-Vacacións.

1. O período de vacación anuais retribuídas, non substituíble por compensación económica, non será inferior a 30 días naturais.

2. O calendario de vacacións fixarase en cada empresa. O traballador coñecerá as datas que lle correspondan dous meses antes, alomenos, do comezo destas.

3. As empresas coidarán que tódolos traballadores gocen as súas vacacións de forma rotativa.

Artigo 18º.-Salario base.

Nos importes brutos anuais da táboa que se reproduce ó final considéranse abranguidos tódolos conceptos existentes na actualidade (salario base, antigüidade, complemento de convenio, complemento persoal, complemento de transporte, complemento voluntario, etc.).

Os importes brutos anuais refírense á xornada laboral que establece o convenio. A división do salario base anual entre a xornada anual dará lugar ó valor hora.

Artigo 19º.-Mobilidade xeográfica.

Considérase que existe mobilidade xeográfica cando a empresa traslade o traballador a un centro de traballo distinto do habitual que diste máis de 25 km, ou trinta minutos de desprazamento, sempre que os

desprazamentos se produzan fóra da xornada de traballo e por conta do traballador. En caso contrario, ou sexa, se os desprazamentos a un centro de traballo distinto se producen dentro do límite espacial de 25 km ou temporal de 30 minutos, e os desprazamentos se realizan dentro da xornada de traballo e en medios de trasporte facilitados pola empresa, non se considerará que existe mobilidade xeográfica.

No primeiro suposto entenderase que se produce unha modificación substancial das condicións de traballo, polo que a empresa deberá pactar co traballador as condicións nas cales o traballador poderá aceptar ou non a dita mobilidade.

Artigo 20º.-Nocturnidade.

Cando o traballo se realice entre as 22 da noite e as 6 da mañá, o salario incrementarase nun 25%. Este complemento soamente se percibirá polas horas efectivamente traballadas dentro dese horario, agás que o salario estea expresamente fixado en función da nocturnidade.

Artigo 21º.-Antigüidade.

O concepto de antigüidade extínguese á entrada en vigor deste convenio. En compensación, para o cálculo das táboas salariales que figuran no anexo I, aplicouse un incremento do 4% cada un dos anos de vixencia deste.

Artigo 22º.-Compensación por incapacidade temporal e accidente de traballo.

Os traballadores percibirán o 100% do salario base desde o primeito día de baixa en caso de enfermidade profesional, accidente laboral, incluído o accidente in itinere, ou os que causen baixa de IT por intervención cirúrxica ou hospitalización, por un período máximo de 6 meses de convalecencia.

Artigo 23º.-Axudas de custo e gastos de desprazamento.

Unha vez acordado o itinerario e efectuado, este aboarase por parte da empresa ó traballador que realice o servicio os gastos reais debidamente xustificados e previamente autorizados. A empresa anticipará a cantidade necesaria antes de efectuarse o desprazamento.

Respectaranse as condicións particulares de cada empresa que supoñan unhas condicións superiores.

Artigo 24º.-Invalidez permanente total.

Ós traballadores/as afectados declarados en situación de invalidez permanente total para o seu traballo habitual, daráselles ocupación efectiva, sempre que exista vacante un posto de traballo adecuado ás súas limitacións funcionais e cualificación profesional, asignándolle o salario que corresponda ó seu emprego.

Artigo 25º.-Premio por xubilación e invalidez.

A empresa terá a obriga de concede-la xubilación ós 64 anos a aqueles traballadores/as, que o soliciten de acordo coa lexislación vixente en cada momento

(real decreto de xubilación ós 64 anos. 1194/1985 do 17 de xullo). Os traballadores cun mínimo de 10 anos de antigüidade na empresa percibirán os seguintes premios por xubilación:

-Ós 64 anos: 2 mensualidades.

-Ós 63 anos: 3 mensualidades.

-Ós 62 anos: 4 mensualidades.

-Ós 61 anos: 5 mensualidades.

-Ós 60 anos: 6 mensualidades.

Potenciarase especialmente o contrato de relevo.

Artigo 26º.-Axuda por defunción.

Cando un traballador/a cunha antigüidade superior a 6 meses e con contrato laboral fixo faleza estando en activo, a empresa aboaralles ós seus familiares o importe de dúas mensualidades.

Respectaranse as condicións particulares de cada empresa que supoñan unhas condicións superiores.

Artigo 27º.-Categorías profesionais.

1. Encargado/a xefe administrativo: é o traballador/a que está a cargo da empresa, encadrada no ámbito da aplicación deste convenio, sendo o superior xerárquico do resto dos traballadores.

2. Oficial administrativo/a: é o traballador/a que, dotado de iniciativa e responsabilidade, baixo a supervisión do seu inmediato superior, debe realizar con máxima eficacia no ámbito administrativo os traballos seguintes: control e despacho de correspondencia; relacións administrativas con organismos oficiais, institucións, empresas e asesorías externas da empresa; contabilidade da empresa; confección de nóminas e seguros sociais; efectuará cobramentos e pagamentos que lle sexan encomendados, así como colaborará nas tarefas de infografía e publicidade necrolóxica en función dos seus coñecementos; organización administrativa en xeral; atención das comunicacións en caso de ausencia ou inexistencia de categoría inferior, e todos aqueles cometidos que sexan adecuados para o fiel cumprimento da súa función. Deberá posuír coñecementos de informática de xestión a nivel usuario, retención de impostos, IRPF, etc. Á vez, ofrecerlles ós clientes as distintas modalidades de servicio e proceder

á súa contratación domiciliaria, ben sexa por medios manuais ou mecanizados; tramita-la documentación administrativa dos servicios diante dos xulgados, concellos, cemiterios, médicos, despachos relixiosos, aduanas, sanidade e xefatura de aeroportos ou servicios portuarios e vendas.

3. Auxiliar administrativo/a: é o persoal que realizando os traballos de tramitación diante dos xulgados, concellos, médicos, etc. mecanografando os documentos e coñecendo os elementos de traballo que se lle faciliten e realizando os traballos administrativos básicos e tamén as vendas.

4. Azafata: colaborar en xestións administrativas dentro e fóra das instalacións da empresa. Teñen

asignadas, preferentemente, tarefas de información e atención ó público e todas cantas tarefas afecten a boa marcha dos locais de capelas. Poderán simultanea-lo seu labor coa de telefonista e ser adquiridas para efectuar traballos de cerimonial.

5. Conductor-funerario: nesta categoría incluímos:

-Conductor-funerario de 3ª: por ser esta unha categoría de entrada na profesión, o conductor funerario de 3ª, durante os tres anos que permanece na categoría iniciarase nas distintas tarefas da profesión e acadará o coñecemento dos distintos servicios que ofrecen as empresas funerarias. Iniciarase no ofrecemento ós clientes das distintas modalidades de servicio, ben sexa por medios manuais ou mecanizados.

-Conductor-funerario de 2ª: ofrecerlles ós clientes as distintas modalidades de servicio e realizar tódalas tarefas propias da profesión salvo a contratación directa de servicios, que se realizará baixo a supervisión dun superior.

-Conductor-funerario de 1ª: ofrecerlles ós clientes as distintas modalidades de servicio e proceder á súa contratación domiciliaria, ben sexa por medio de manuais ou mecanizados; tramita-la documentación administrativa dos servicios diante dos xulgados, concellos, cemiterios, médicos, despachos relixiosos, aduanas, sanidade e xefaturas de aeroportos ou servicios portuarios; efectua-las operacións de acondicionamento do cadáver (lavado, taponado e afeitado), así como a súa vestimenta; realizará as tarefas preparatorias para a conservación transitoria, embalsamamento e tanatopraxia, colaborando en todo momento co tanatólogo ou tanopractor na realización das referidas operacións; realizará o enferetramento, peche de féretros segundo a normativa vixente, así como traslado destes; recollerá os cadáveres oficiais e realizará o seu traslado ó depósito xudicial, porteará as urnas de restos de cinzas; realizará a carga, descarga e a portaxe de coroas, adornos florais e ornatos de sepultura;

instalará os elementos necesarios para o enloitamento e ornato das cámaras mortuorias, así como encargarse das tarefas de desinfección das cámaras e utensilios, encargarase do bo estado de conservación e mantemento das mercadorías depositadas nos almacéns das empresas, acabado, ensamblaxe e acondicionamento de féretros, así como o das labores de repaso de mercadorías con defectos; efectuará cobramentos e pagamentos que lle sexan encomendados, así como colaborará nas tarefas de publicidade necrolóxica en función dos seus coñecementos; organizará as comitivas de vehículos de acompañamento e dor; encargarase do mantemento e conservación dos vehículos; conducirá os vehículos da empresa; realizará as tarefas de atención ó cliente que lle sexan encomendadas polos seus superiores, así como as tarefas de incineración.

6. Limpeza e mantemento: é o persoal que se encarga da limpeza e mantemento das instalacións da empresa, así como dos elementos utilizados nos distintos servicios.

7. Vixilante-ordenanza: é o persoal que se ocupa de realiza-lo cargo dentro ou fóra das instalacións da empresa, recoller ou entrega-la documentación e atende-las solicitudes dos clientes indicándolles de quen ou de onde poden obter resposta a cada demanda concreta, así como vixia-los puntos e accesos das instalacións da empresa.

En todo caso, as tarefas que se describen son enunciativas e realizaranse aquelas propias dunha empresa funeraria.

Artigo 28º.-Traballos de superior categoría.

1. Por necesidades do servicio, a empresa pode destina-los traballadores a realizar traballos de categoría superior, reintegrándose ó seu antigo posto de traballo cando cese a causa que motivou o cambio.

2. Cando un traballador ocupe un posto de traballo de categoría superior, percibirá, durante o tempo que ocupe no citado posto, a retribución da categoría correspondente ó devandito posto de traballo. Esta retribución será a consignada nas táboas salariais. En ningún caso, o traballador que substitúe a outro poderá invocar ningún dereito á categoría ou condición salariais persoais que puidese te-lo traballador substituído.

3. Ningún traballador poderá desempeñar traballos de superior categoría durante un período superior a seis meses durante un ano ou oito meses durante dous anos.

4. Cando se presupoña que a realización do traballo de superior categoría vai supera-lo período dun mes, a dirección da empresa deberá comunicárllelo ós representantes dos traballadores.

Artigo 29º.-Traballos de inferior categoría.

1. Por necesidades perentorias ou imprevisibles da actividade, ou por non dispor dun posto de traballo da súa categoría, a empresa poderá destinar a un traballador a realizar traballos de inferior categoría profesional, manténdose a retribución correspondente a súa categoría.

2. Cando se lle comunique a un traballador que realice traballos de inferior categoría, comunicáraselles tamén ós representantes dos traballadores, para que emitan informe e, unha vez analizado o dito informe, determinarase se debe continuar realizando este traballo ou debe pasar de feito inmediato a realizar o da súa categoría. En todo caso, procurarase que esta situación se manteña o menor tempo posible e en ningún caso deberá supera-los tres meses.

Artigo 30º.-Ascensos, traslados e permutas.

O ascenso, traslado e permutas dos/as traballadores/as nas empresas farase conforme o establecido nos regulamentos de réxime interno desta e do Estatuto dos traballadores.

Os conductores funerarios serán contratados como conductores funerarios de 3ª, ascendendo a CF de 2ª despois de 3 anos de prestación de servicios e

de 2ª a 1ª ó pasar 2 anos de permanencia na devandita categoría anterior.

En todo caso, garantirase un 60% de contratos indefinidos de todo o cadro de persoal, non podendo encadear un mesmo traballador, dous contratos temporais entre si.

Artigo 31º.-Excedencia.

1. A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto e ó cómputo da antigüidade da súa vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público.

2. O traballador con, alomenos, unha antigüidade na empresa dun ano ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor a dous anos e non maior a cinco. Este dereito soamente poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreran catro anos desde o remate da anterior excedencia.

3. Os traballadores terán dereito a un período de excedencia, non superior a tres anos, para atende-lo coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por naturaza como por adopción, ou nos supostos de acollemento, tanto permanente como preadoptivo, que comezará a contar desde a data de nacemento ou se é o caso, da resolución xudicial ou administrativa.

Tamén terán dereito a un período de excedencia, de duración non superior a un ano, agás que se estableza unha duración maior por negociación colectiva, os traballadores e traballadoras para atende-lo coidado dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo, e non desenvolva unha actividade retribuída.

A excedencia abordada no presente punto non constitúe un dereito individual dos traballadores, homes e mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

Cando un novo suxeito causante dera dereito a un novo período de excedencia, ó comezo dela rematará a que, se é o caso, se viñese desfrutando.

O período que o traballador ou traballadora permaneza en situación de excedencia conforme ó establecido neste artigo, será computable para efectos de antigüidade e terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional, para o cal deberá ser convocado ou convocada polo empresario, especialmente con ocasión da súa reincorporación. Durante o primeiro ano de duración da excedencia, terá dereito á reserva do seu posto de traballo. Transcorrido ese prazo, a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

4. Pola súa banda, poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

5. O traballador excedente conserva soamente un dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou semellante categoría á súa que houbese se se producisen na empresa.

6. A situación de excedencia poderá estenderse a outros supostos colectivamente acordados, co réxime e os efectos que alí se prevexan.

Artigo 32º.-Permisos e licencias.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos ou polo tempo seguinte:

a) Quince días en caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou polo falecemento, accidente ou enfermidade grave ou hospitalización de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, abranguido o exercicio de sufraxio activo. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, haberá que aterse ó que esta dispoña en canto á duració da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación de traballo debido en máis do 20% das horas laborais nun período de tres meses, poderá a empresa pasar ó traballador afectado á situación de excedencia regulada no punto 1º do artigo 46 do ET.

No suposto de que o traballador, por cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

f) Polo tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto que deban realizarse dentro da xornada de traballo.

As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da súa xornada en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou o pai, no caso en que ámbolos dous traballen.

Quen por razón de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou un diminuído físico, psíquico ou sensorial, que non desempeñe unha actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo coa disminución proporcional do salario entre, alomenos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Terá o mesmo dereito quen precise encargarse do coidado directo dun familiar, ata o segundo grao de consaguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non poida valerse por si mesmo e que non desempeñe actividade retribuída.

A reducción de xornada recollida no presente punto constitúe un dereito individual dos traballadores, homes e mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

A concreción horaria e a determinación do período de desfrute do permiso de lactación e da reducción de xornada, previstos nos puntos 4 e 5 deste artigo, corresponderalles o traballador, dentro da súa xornada ordenaria. O traballador deberá preavisa-lo empresario con quince días de antelación á data en que se reincorporará á súa xornada ordinaria.

As discrepancias xurdidas entre empresario e traballador sobre a concreción horaria e a determinación dos períodos de desfrute previstos nos puntos 4 e 5 deste artigo serán resoltos pola xurisdicción competente a través do procedemento establecido no artigo 138 bis da Lei de procedemento laboral.

Artigo 33º.-Dereitos sindicais.

1. Tódolos traballadores teñen dereito a sindicarse libremente para a promoción e defensa dos seus intereses económicos e sociais, nos termos establecidos pola Lei orgánica 11/1995, do 2 de agosto, de liberdade sindical.

2. As empresas respectarán o dereito de tódolos traballadores a sindicarse libremente; admitirán que os traballadores afiliados a un sindicato poidan celebrar reunións, recadar cotas e distribuír información sindical sen pertubar-la actividade normal das empresas; non poderán suxeita-lo emprego dun traballador á condición de que non se afilie ou renuncie a súa afiliación sindical, e tampouco despedir un traballador ou prexudicalo de calquera outra forma, á causa da súa afiliación ou actividade sindical. Por requirimento dos traballadores afiliados ás centrais sindicais asinantes do presente convenio colectivo, as empresas descontarán da nómina mensual dos traballadores o importe da cota sindical correspondente.

Artigo 34º.-Faltas e sancións.

1. As presentes normas de réxime disciplinario perseguen o mantemento da disciplina laboral, aspecto fundamental para a normal convivencia,

ordenación técnica e organización da empresa, así como para a garantía e defensa dos dereitos e intereses lexítimos de traballadores e empresarios.

2. As faltas, sempre que sexan constitutivas dun incumprimento contractual culpable do traballador, poderán ser sancionadas pola dirección da empresa, de acordo coa gradación que se establece no presente artigo.

3. Toda falta cometida polos traballadores será clasificada como leve, grave ou moi grave.

4. A falta, sexa cal fose a súa cualificación, requirirá comunicación escrita e motivada da empresa ó traballador.

5. A imposición de sancións por faltas moi graves será notificada ós representantes legais dos traballadores, se os houbese.

6. Consideraranse como faltas leves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo, ata tres ocasións nun mes, por un tempo total inferior a vinte minutos.

b) A inasistencia xustificada ó traballo dun día, durante o período dun mes.

c) A non comunicación, con antelación previa debida, da inasistencia ó traballo por causa xustificada, agás que se acreditase a imposibilidade da notificación.

d) O abandono do posto de traballo sen causa xustificada por breves períodos de tempo e sempre que iso non causase risco á integridade das persoas ou das cousas, sendo así poderá ser cualificado, segundo a gravidade, como falta grave ou moi grave.

e) A desatención e falta de corrección no trato co público, cando non se prexudique gravemente a imaxe da empresa.

f) Os descoidos na conservación do material que se tivese a cargo ou fora responsable e que produzan deterioros leves a este.

g) A embriaguez non habitual no traballo.

7. Consideraranse como faltas graves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou saída do traballo, ata en tres ocasións nun mes, por un tempo total de ata sesenta minutos.

b) A inasistencia inxustificada ó traballo de dous ou catro días durante o período dun mes.

c) O entorpecemento, a omisión maliciosa e o falseamento de datos que tivesen incidencia na Seguridade Social.

d) A simulación de enfermidade ou accidente, sen prexuízo do disposto na letra d) do número 7 deste mesmo precepto.

e) A suplantación doutro traballador, alterando os rexistros e controis de entrada e saída do traballo.

f) A desobediencia ás ordes e instruccións de traballo, incluídas as relativas ás normas de seguridade

e hixiene, así como a imprudencia ou neglixencia no traballo, agás que delas derivasen prexuízos graves á empresa que causasen avaría nas instalacións, maquinarias e, en xeral, bens da empresa ou comportasen risco de accidente para as persoas, onde serán consideradas como faltas moi graves.

g) A falta de comunicación á empresa dos desperfectos ou anormalidades observados nos útiles, ferramentas, vehículos ou bens ó seu cargo, cando diso se derivase un prexuízo grave á empresa.

h) A realización, se o oportuno permiso de traballos particulares durante a xornada, así como o emprego de útiles, ferramentas, maquinaria, vehículos e, en xeral, bens da empresa para os que non estivese autorizado ou para usos alleos ós do traballo encomendado, mesmo fóra da xornada laboral.

i) O quebrantamento ou a violación de segredos de obrigada reserva que non produza grave prexuízo para a empresa.

j) A embriaguez habitual no traballo.

k) A falta de aseo e limpeza persoal cando poida afecta-lo proceso productivo ou á prestación do servicio e sempre que, previamente, mediase a oportuna advertencia da empresa.

l) A execución deficiente dos traballos encomendados, sempre que diso non se derivase prexuízo grave para as persoas ou cousas.

ll) A diminución do rendemento normal no traballo de xeito non repetido.

m) As ofensas de palabras proferidas ou de obra, cometidas contra as persoas, dentro do centro de traballo, cando revistan acusada gravidade.

n) A reincidencia na comisión de cinco faltas leves, aínda que sexa de distinta natureza e sempre que mediase sanción distinta á amoestación verbal, dentro dun trimestre.

8. Consideraranse como faltas moi graves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo en dez ocasións durante seis meses ou en vinte ocasións durante un ano, debidamente advertida.

b) A inasistencia inxustificada ó traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos, nun período dun mes.

c) A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas ou apropiación, furto ou roubo de bens propiedade da empresa, compañeiros ou de calquera outras persoas dentro das dependencias da empresa.

d) A simulación de enfermidade ou accidente ou a prolongación da baixa de enfermidade ou accidente coa finalidade de realizar traballo por conta propia ou allea.

e) O quebrantamento ou violación de segredos de obriga reservada que produza grave prexuízo á empresa.

f) A embriaguez habitual ou toxicomanía, se repercute negativamente no traballo.

g) A realización de actividades que impliquen competencia desleal á empresa.

h) A diminución voluntaria e continuada no rendemento do traballo normal ou pactado.

i) A inobservancia dos servicios de mantemento no caso de folga.

j) O abuso de autoridade exercido polos que desempeñen funcións de mando.

k) O acoso sexual.

l) A reiterada non utilización dos elementos de protección en materia de seguridade e hixiene, debidamente advertida.

m) As derivadas dos puntos 6.d) e 7.l) e m) do presente artigo.

n) A reincidencia ou reiteración na comisión das faltas graves, considerando como tal aquela situación na que, con anterioridade ó momento da comisión do feito, o traballador fose sancionado dúas ou máis veces por faltas graves, aínda de distinta natureza, durante o período dun ano.

9. Sancións: as sancións máximas que poderán imporse pola comisión das faltas enumeradas no artigo anterior son as seguintes:

a) Por falta leve: amoestación verbal ou escrita e suspensión de emprego e soldo de ata dous días.

b) Por falta grave: suspensión de emprego e soldo de tres a catorce días.

c) Por falta moi grave: suspensión de emprego e soldo de catorce días a un mes, traslado a centro de traballo de localidade distinta durante un período de ata un ano e despedimento disciplinario.

As anotacións desfavorables que como consecuencia das sancións impostas puideran facerse constar nos expedientes persoais quedarán canceladas ó cumprírense os prazos de dous, catro e oito meses, segundo se trate de falta leve, grave ou moi grave.

Seguridade e hixiene

Artigo 35º.-Obxectivos.

1. As partes asinantes do presente convenio colectivo, co obxecto de promover activamente a protección da saúde dos traballadores, comprometeranse a desenvolve-la Lei de prevención de riscos laborais e acada-lo maior grao de seguridade no desenvolvemento da actividade.

2. A patronal do sector manifesta a súa intención de cumprir escrupulosamente as disposicións legais vixentes e considera-la política de prevención como un elemento integrado no conxunto da súa actividade ó mesmo nivel que as súas políticas sobre outras materias.

Artigo 36º.-Recoñecementos médicos.

Sen prexuízo de cantas obrigas e criterios se establecen en canto á vixilancia da saúde no artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, as empresas están obrigadas á realización dun recoñecemento médico anual para tódolos traballadores, por persoal médico designado polo empresario, así como a concede-lo tempo necesario para a realización destes recoñecementos.

Artigo 37º.-Roupa de traballo.

As empresas estarán obrigadas a subministra-la roupa necesaria para que o traballador teña dous uniformes, de verán e inverno, completos e en bo estado, incluído o calzado que sexa necesario.

O traballador será o responsable de mante-la roupa de traballo que se lle entregue en perfecto estado de limpeza e hixiene. A roupa de traballo non poderá ser utilizada fóra das horas de traballo.

Artigo 38º.-Formación profesional.

A formación profesional, en tódalas súas modalidades (inicial e continua) e niveis, debe ser considerada como un instrumento máis de significativa validez, que colabore para acada-la necesaria conexión entre as cualificacións dos traballadores e os requirimentos do mercado de traballo (emprego), e que faga posible a promoción social integral do traballador, promovendo a diversificación e afondamento dos coñecementos e habilidades de modo permanente.

Para iso, as partes asinantes cren conveniente colaborar, segundo as propias posibilidades, ou mediante entidades especializadas, no diagnóstico e deseño de programas puntuais de formación nas empresas, tendo en conta as especificacións e necesidades concretas, así como as características xenéricas ou individuais dos traballadores afectados.

Nesta perspectiva, as partes asinantes deste convenio acordarán adherirse ó II Acordo Nacional de Formación Continua, subscrito polas confederacións de CC.OO., UGT, CIG e CEOE-CEPYME, segundo Resolución do 14 de xaneiro de 1997, publicado no BOE nº 28, do 1 de febreiro.

Artigo 39º.-Incompatibilidades.

Os traballadores incluídos no ámbito de aplicación do presente convenio, non poderán realizar actividades para si ou para terceiros que teñan algún tipo de relación coas desenvolvidas polas empresas de pompas fúnebres (seguros, venda de artigos funerarios, etc.), agás autorización expresa da empresa.

Aqueles traballadores que, á entrada en vigor do presente convenio, viñesen deselvolvendo algunha das actividades antes mencionadas, co coñecemento da empresa, poderán continuar realizándoas, debendo as empresas proceder á súa autorización por escrito.

Artigo 40º.-Dereitos lingüísticos.

Os traballadores e traballadoras do sector teñen dereito a desenvolve-la súa actividades laboral e profesional en lingua galega.

Os empresarios do sector e mailos representantes dos traballadores fomentarán o uso da lingua galega.

Artigo 41º.-Comisión mixa ad hoc.

A representación dos traballadores do sector e a representación empresarial acordan constituír unha comisión mixta paritaria coa finalidade de resolver aqueles problemas que ten o referido sector, diante das instancias administrativas da Xunta de Galicia que correspondan.

ANEXO

Táboas salariais

Importes brutos anuais para distribuír en 14 ou 15 pagas

Salario base anual

Categoría profesional

* Encargado

* Xefe administrativo

* Conductor funerario 1ª

* Oficial administrativo

* Conductor funerario 2ª

* Auxiliar administrativo

* Azafata

* Conductor funerario 3ª

* Limpeza-mantemento

* Vixilante-ordenanza

* Ano 2000

Salario anual2.000.0001.615.0001.400.0001.302.000

Salario base nominal-14 pagas142.857,14115.357,14100.00093.000

Salario base nominal-15 pagas133.333,33107.666,6693.333,3386.800

* Ano 2001

Salario anual2.142.4001.729.9881.499.6801.394.702

Salario base nominal-14 pagas153.028,57123.570,57107.12099.621,57

Salario base nominal-15 pagas142.826,66115.332,5399.978,6692.980,13

* Ano 2002

Salario anual2.294.9391.853.1631.606.4571.494.005

Salario base nominal-14 pagas163.924,21132.368,78114.746,92106.714,64

Salario base nominal-15 pagas152.995,93123.544,2107.097,1399.600,33

* Ano 2003

Salario anual2.458.3391.985.1081.720.8371.600.378

Salario base nominal-14 pagas175.595,64141.793,42122.916,92114.312,71

Salario base nominal-15 pagas163.889,26132.340,53114.722,46106.691,86

Modo de aplicación.

1. As retribucións brutas anuais (ano 99) increméntanse no 3,5%, exluíndo comisións ou incentivos de producción.

2. Se a cantidade resultante é menor cá cantidade das táboas do ano 2000, aplicarase esta en concepto de salario base.

3. Se a cantidade resultante é maior cá consignada en táboas para o ano 2000, aplicarase a cantidade da táboa como salario base e a diferencia como complemento persoal.

4. No ano 2001 e seguintes volverán a compararse as retribucións individuais brutas, excluídas as comisións e incentivos de producción, axudas de custo e quilometraxes coas táboas do ano 2001 e seguintes.

Se estas retribucións anuais brutas ordinarias son superiores ás táboas do ano en cuestión, aplicaráselle-lo o IPC do ano correspondente. Unha vez apli

cado, se o salario bruto é superior ó das táboas, tomarase este como salario base e o resto como complemento persoal.

En calquera caso, a empresa garantirá o incremento do 3,5% sobre o salario bruto, excluídas comisións e incentivos de producción, axudas de custo e quilometraxe que percibía o traballador a partir do ano 2000 durante toda a duración do convenio.

Se as retribucións brutas individuais, excluídas as comisións, incentivos de producción, axudas de custo e quilometraxe, fosen inferiores ás das táboas, aplicaranse estas.

Explicación.

O incremento anual será do 3%, máis o 4% pola eliminación da antigüidade.

Exemplo.

Na categoría de encargado, no ano 2000, será 2.000 ptas. pois para o ano 2001, será (2.000*1,03)*1,04, para o ano 2000 será (2.142*1,03)*1,04 e así tamén para o 2003.