Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 15 de maio de 2000 Páx. 7.581

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 103/2000, do 5 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas prazas de corpos e escalas de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Polo Decreto 44/1999, do 18 de febreiro, aprobouse a oferta de emprego pública correspondente a diversas prazas de corpos e escalas de Administración xeral da Comunidade Autónoma para o ano 1999.

Tendo en conta que a citada oferta non foi desenvolvida por completo dentro do correspondente exercicio orzamentario mediante a publicación da totalidade das convocatorias, esta deixa, en parte, de ter eficacia, polo que as prazas non convocadas deben pasar a formar parte da oferta do ano 2000.

Por outra banda, a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 3/1995, do 10 de abril, no seu artigo 29 establece os criterios en que debe enmarcarse a oferta de emprego público, concibida como instrumento de programación das necesidades de persoal e de racionalización do emprego público e dos procesos de selección do persoal ó servicio das administracións públicas, nos que deben prima-los principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

Tendo en conta os postos de traballo vacantes na Administración xeral desta Comunidade Autónoma que afectan o funcionamento dos servicios públicos esenciais, de conformidade co previsto no artigo 23 da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999, así como no artigo 21 da Lei 49/1998, do 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado, cómpre a aprobación da oferta de emprego público relativa ó persoal funcionario de distintos corpos e escalas de Administración xeral, no ano 2000.

Na súa virtude, consultadas as organizacións sindicais correspondentes, logo de informe da comisión de persoal e de conformidade co establecido no artigo 12.8º da Lei 4/1988, do 26 de maio, modificado pola Lei 3/1995, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de maio de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

De conformidade co disposto no artigo 29 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 3/1995, do 10 de abril, apróbase a oferta de emprego público correspondente a distintos corpos e escalas de Administración xeral da Xunta de Galicia para o 2000, nos termos que se establecen neste decreto.

Artigo 2º

Nesta oferta de emprego público inclúense as necesidades de recursos humanos de carácter funcionarial con asignación orzamentaria, que non poden ser cubertas con efectivos de persoal existentes na actualidade, de acordo cos criterios e segundo a composición que se detalla no anexo.

Artigo 3º

Para lle dar continuidade ó emprego temporal, mentres se abordan os correspondentes procesos selectivos de acceso con carácter permanente á función pública, poderase transforma-la relación de emprego inicial noutra de natureza interina nos termos previstos no Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, ou na normativa de función pública, todo iso de conformidade co artigo 24 e concordantes da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2000.

Artigo 4º

1. Nas probas selectivas para o ingreso en corpos e escalas de funcionarios, incluídas as correspondentes á promoción interna, serán admitidas as persoas con minusvalidez, nos termos previstos neste artigo e demais normativa aplicable.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

Nas probas selectivas, incluíndo os cursos de formación ou período de prácticas, estableceranse, para as persoas con minusvalidez que o soliciten, as adaptacións posibles de tempo e medios para a súa realización. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que os interesados deberán formula-la correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para tal efecto, os tribunais ou a comisión de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.

2. En cada convocatoria reservarase o tres por cento das vacantes ofertadas para seren cubertas por quen teña a condición legal de persoal con minusvalidez, de conformidade co previsto na disposición adicional sétima da Lei 4/1988, do 26 de maio.

Cando o resultado da aplicación da citada porcentaxe dea un resto igual ou superior a 0,5 prazas de reserva, computarase como unha praza para incluír en tal cota.

Cando o número de vacantes ofertadas en cada convocatoria sexa igual ou superior a 10 pero inferior ó número necesario para aplica-lo sinalado nos parágrafos anteriores reservarase, en todo caso, unha praza á devandita cota.

En todo caso, en cada convocatoria establecerase o número concreto de prazas que quedan reservadas para persoas con minusvalidez ás que puidera corresponder esta cota. Farase constar, así mesmo, que non se reserva ningunha praza no suposto de que non se alcanzase o mínimo necesario para isto, de acordo co previsto nos puntos anteriores.

A opción a prazas reservadas terá que formularse na solicitude de participación nas convocatorias, con declaración expresa dos interesados de reuniren a condición esixida ó respecto, que se acreditará se obtivesen praza, mediante certificación dos órganos competentes. As probas selectivas realizaranse en condicións de igualdade cós aspirantes de libre acceso, sen prexuízo das adaptacións previstas neste artigo.

Se na súa realización se lle suscitasen dúbidas ó tribunal respecto da capacidade do aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvoltas polos funcionarios do corpo, escala ou categoría a que se opta, poderán solicita-lo correspondente dictame do órgano competente.

Con anterioridade ó nomeamento e unha vez superado o proceso selectivo, a Consellería da Presidencia e Administración Pública poderá requirir, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, dictame do órgano competente sobre a compatibilidade do candidato para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste último.

Disposición adicional

Queda sen efecto o Decreto 44/1999, do 18 de febreiro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas prazas de corpos e escalas de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999, excepto polo que se refire ás 4 prazas correspondentes ó corpo superior de Administración da Xunta de Galicia (grupo A), escala de letrados.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dictar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de maio de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO

Prazas de corpos e escalas de funcionarios da Administración xeral da Xunta de Galicia

Grupo A:

Corpo superior de Administración da Xunta de Galicia: 20.

Escala de letrados da Xunta de Galicia: 4.

Escala superior de finanzas: 10.

Grupo B:

Corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia: 6.

Escala técnica de inspección turística: 16.

Escala técnica de finanzas: 15.

Grupo C:

Corpo administrativo da Xunta de Galicia: 6.

Grupo D:

Corpo auxiliar da Xunta de Galicia: 116.

Grupo E:

Corpo subalterno da Xunta de Galicia: 125.