Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 12 de maio de 2000 Páx. 7.535

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 27 de abril de 2000, da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, pola que se dictan instruccións para o final do curso 1999-2000 nos institutos de educación secundaria, nas escolas de arte, nas escolas oficiais de idiomas, nos conservatorios de música nos conservatorios de danza e na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

Co obxecto de regula-las actividades de final de curso con criterios uniformes nos institutos de educación secundaria, nas escolas de arte, nas escolas oficiais de idiomas, nos conservatorios de música, nos conservatorios de danza, na Escola SUperior de Comunicación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e nos centros privados destes niveis educativos, no período final do curso 1999-2000, esta dirección xeral resolveu dicta-las seguintes instruccións:

Primeiro.

1. Os claustros dos centros sinalados elaborarán un calendario das actividades docentes para o final de curso 1999-2000, de acordo coas instruccións recollidas nesta resolución.

2. Os/As directores/as dos centros citados enviarán ós servicios provinciais da Inspección, antes do 30 de maio, un resumo do calendario aprobado polo claus

tro conforme os modelos recollidos nos anexos a esta resolución. As inspeccións comunicarán as modificacións, se fose o caso, ós centros que proceda antes do 2 de xuño, para que os directores as dean a coñecer ó profesorado para o seu cumprimento.

Segundo.

1. O profesorado dos institutos de educación secundaria seguirá cumprindo o seu horario lectivo ata o día 16 de xuño incluído. Ademais das actividades docentes lectivas, o calendario aprobado polo claustro deberá incluír, ata esa data, as actividades docentes referidas a probas de avaliación, sesións de avaliación conxunta, atención a alumnos pendentes de probas de suficiencia, recuperacións, etc.

2. A partir do 17 de xuño e ata o 30 inclusive, as direccións dos centros poderán modifica-los horarios dos profesores para adecualos ás actividades establecidas no calendario aprobado polo claustro e aceptado pola Inspección (probas de suficiencia, avaliacións finais, entrega de cualificacións, atención a reclamacións, etc.). En todo caso, as direccións dos centros deben garanti-la atención ás reclamacións contra as cualificacións finais, realizadas dentro dos prazos previstos na Orde do 28 de agosto de 1995 (BOE do 20 de setembro) para educación secundaria obligatoria e bacharelato e no punto 10.2º da Orde do 24 de xullo de 1991 (DOG do 28 de agosto) para os alumnos de BUP e FP, norma que tamén será de aplicación para os alumnos de escolas de arte, conservatorios de música, conservatorios de danza, e Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

Terceiro.

As sesións de avaliación final dos alumnos da ESO e do primeiro curso de bacharelato LOXSE terán lugar a partir do 19 de xuño.

Cuarto.

1. As datas de avaliación de COU e do segundo curso de bacharelato LOXSE adecuaranse ás datas previstas para as probas de acceso á universidade.

2. Unha vez realizadas as avaliacións, poderán continua-las clases de COU e do segundo curso de bacharelato LOXSE nas disciplinas que fose necesario ata a realización das probas de acceso ás universidade e, con este fin, quedan autorizadas as direccións dos centros para introduciren modificacións nos horarios dos profesores e grupos de alumnos afectados.

Quinto.

Os alumnos de BUP, FP e bacharelato LOXSE con disciplinas pendentes de cursos anteriores serán convocados a unha proba extraordinaria de suficiencia durante o mes de maio.

Sexto.

As probas de suficiencia do bacharelato unificado e polivalente realizaranse a partir do 19 de xuño.

Entre as sesións de avaliación conxunta e as probas de suficiencia deberá transcorrer, como mínimo, unha semana. A cualificación destas probas realizarase conforme a Resolución do 4 de xullo de 1975 (BOE do 12).

Sétimo.

Os exames para alumnos libres do bacharelato unificado e polivalente terán lugar do 15 ó 30 de xuño e do 1 ó 15 de setembro (Orde do 20 de xuño de 1975, BOE do 28) e para os de formación profesional de segundo grao, do 15 de xuño ó 15 de xullo e do 1 ó 30 de setembro (Orde do 28 de xaneiro de 1985, DOG do 15 de febreiro).

Oitavo.

1. Durante o mes de xuño, as direccións dos centros de ensinanzas de réxime especial poderán adapta-los horarios dos profesores ás necesidades específicas de cada centro. Tal adaptación non poderá supor variación do número global de horas semanais de permanencia no centro previsto no horario lectivo de cada profesor.

2. As escolas de arte non rematarán as actividades docentes antes do día 31 de maio. As probas de suficiencia terán lugar entre os días 1 e 7 de xuño. Os exames libres e, eventualmente, as probas de reválida correspondentes ó plan de estudios de 1963, realizaranse a partir do día 12 de xuño.

3. A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia non rematará as actividades docentes antes do día 31 de maio; os exames finais do curso realizaranse a partir do día 12 de xuño e os exames correspondentes á convocatoria de setembro terán lugar entre os días 1 e 8 de setembro.

4. As escolas oficiais de idiomas manterán as actividades docentes ata o día 31 de maio; realizarán as probas finais ós alumnos oficiais entre os días 1 e 7 de xuño. As probas para alumnos libres dos ciclos elemental e superior terán lugar a partir do día 8 de xuño. As probas de nivel de coñecemento do idioma terán lugar do 15 ó 30 de xuño.

5. Os conservatorios de música e os conservatorios de danza manterán as actividades lectivas ata o día 31 de maio. A avaliación conxunta dos alumnos do plan de estudios LOXSE realizarase entre os días 1 e 7 de xuño. Os exames correspondentes a plans de estudios anteriores á LOXSE terán lugar entre os días 8 e 14 de xuño. Os exames libres realizaranse entre o 15 e o 21 de xuño. A proba de acceso ó grao medio LOXSE realizarase entre o 22 e o 30 de xuño.

Noveno.

Os directores dos institutos de educación secundaria enviarán ó servicio provincial de Inspección respectivo, antes do día 10 de xullo, a memoria anual do centro a que se refire o punto 43 das instruccións que regulan a organización e o funcionamento dos institutos de educación secundaria, aprobadas pola

Orde do 2 de agosto de 1997 (DOG do 1 de setembro). Os equipos directivos dos restantes centros ós que se refire o punto primeiro desta resolución, en aplicación da disposición transitoria primeira da citada Orde do 2 de agosto de 1997, elaborarán ó longo do mes de xuño, logo do informe dos respectivos claustros, unha memoria que recolla o grao de consecución dos obxectivos fixados na programación xeral anual, as dificultades atopadas e as medidas correctoras introducidas, se é o caso. A devandita memoria, con informe do consello escolar do centro, enviarase ó servicio provincial de Inspección na primeira semana de xullo e terase en conta á hora de elabora-la programación do curso seguinte sobre todo para programar novamente obxectivos non acadados ou acadados parcialmente no curso anterior e artellar novos medios para logralos.

Décimo.

Os centros deberán observa-las normas fixadas no Decreto 89/1993, do 19 de abril (DOG do 2) polo que se regula a autorización de libros de texto e outros materiais curriculares para as ensinanzas de réxime xeral, e máis no artigo 8.2º do Decreto 247/1995, do 14 de setembro (DOG do 15), polo que se desenvolve a Lei 3/1983, de normalización lingüística, para a súa aplicación ó ensino en lingua galega nas ensinanzas de réxime xeral impartidas nos diferentes niveis non universitarios, que establece que os materiais que se empreguen nas áreas ou materias que se deben impartir na lingua propia de Galicia terán que estar normalmente en galego. Para tal efecto expoñerán no taboleiro de anuncios, na primeira quincena de xuño, a relación de libros e material didáctico impreso que se utilizará no curso 2000/2001. Unha copia da dita relación será enviada ó servicio provincial da Inspección educativa antes do día 24 de xuño. Así mesmo, observarase a prohibición de venda e/ou distribución de

libros e material didáctico nos centros, tanto por persoal propio, como por persoas alleas a eles.

Décimo primeiro.

Os secretarios dos centros deberán remitir á delegación provincial correspondente fotocopias autenticadas das actas de avaliación final de tódolos cursos do seu centro e dos centros privados adscritos, coa excepción dos determinados no punto seguinte desta resolución, antes do día 15 de xullo de 2000.

Décimo segundo.

As actas correspondentes ós cursos de bacharelato LOXSE enviaranse antes do 15 de setembro, xunto co informe previsto no artigo 15.6º da Orde do 2 de marzo de 1995 (DOG do 9 de maio) pola que se regula a avaliación e cualificación dos alumnos que cursan o bacharelato.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2000.

Severino Somoza Gómez

Director xeral de Centros e Inspección de Educación