Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 11 de maio de 2000 Páx. 7.459

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 24 de abril de 2000 pola que se declara de interese galego a Fundación Cumulum e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Cumulum, con domicilio en Lugo.

Supostos de feito:

Primeiro.-María Luz Darriba Magadán, na súa calidade de representante da fundación, es escrito do 15 de marzo de 2000 formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Lugo, o día 14 de marzo de 2000, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Alfredo Arturo Lorenzo Otero, co número seiscentos corenta e catro do seu protocolo.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Cumulum, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, na Lei estatal 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral, e segundo establece o artigo 32.1º

e 2º do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais, por orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 29 de marzo de 2000 (Diario Oficial de Galicia nº 76, do 18 de abril) clasificouse como de interese cultural a Fundación Cumulum, en cumprimento do disposto no artigo 32.2º c) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é levar a cabo actividades de tipo cultural que axuden a promove-la imaxe de Galicia dentro e fóra do Estado. As ditas actividades serán de índole artístico-cultural con contidos solidarios, e potenciarán os valores da galeguidade.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Cumulum, capacidade xurídica, composición do órgano de goberno, réxime de adopción de acordos, obxecto e domicilio.

O padroado da fundación está constituído polos membros que se designan no artigo 10 dos estatutos da fundación.

Sétimo.-En cumprimento do establecido no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, con data do 19 de abril de 2000, a Asesoría Xurídica emite informe favorable sobre a legalidade da declaración de interese galego da Fundación Cumulum.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime de fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como nos artigos 1 e 4 do Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Cumulum, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola conselleira de Cultura, Comunicación Social e Turismo, asumindo as funcións

que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da súa dotación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha parte, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data de finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas ó longo do ano e da xestión económica do seu patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data de peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débese entender asumido pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, Sección de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992.

Vistas as seguintes normas xurídicas: Constitución española; Estatuto de autonomía para Galicia; Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente; Lei 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral; Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro; Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego; Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo; Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais normativa de pertinente e xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Cumulum.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a composición do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto na normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de lles dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a render contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da publicación. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2000.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo