Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 09 de maio de 2000 Páx. 7.343

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da acta da comisión paritaria de aplicación, arbitraxe e interpretación, prevista no artigo 5 do convenio colectivo da empresa Crown Cork de España, S.A.

Vista a acta da comisión paritaria de aplicación, arbitraxe e interpretación, prevista no artigo 5 do convenio colectivo da empresa Crown Cork de España, S.A., fábrica de Vigo (antes Envases Carnaud Metalbox, S.A.), nº de código 3600582, con data do 24 de febreiro de 2000, e que tivo entrada nesta delegación provincial o día 24 de marzo de 2000, sobre interpretación dos artigos 13 e 28 do devandito convenio, esta autoridade laboral, ó abeiro do disposto nos artigos 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 31 de marzo de 2000.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Acta de reunión 1/2000 da comisión paritaria. Fábrica de Vigo

Asistentes:

Representación dos traballadores:

Emilio Pérez Pérez.

José Ramón González Bosco.

José Luis Pousa Prado.

Ángel Rodríguez Viéitez.

Juan Iglesias Carreira.

Representación da dirección da empresa:

Camilo Gómez Macías.

Luis Estévez Fontenla.

Ignacio Alfageme Pernas.

Antonio Vidal Pérez.

Ángel Pérez Cebrián.

En Vigo, ás doce horas do día 24 de febreiro de 2000, coa asistencia das persoas arriba indicadas, reúnese a comisión paritaria prevista no artigo 5 do convenio colectivo de Crown Cork de España, S.A. da fábrica de Vigo.

Actúan como secretarios de cada parte, na representación dos traballadores, José Ramón González Bosco e, por parte da representación da dirección, Ángel Pérez Cebrián.

A reunión axustouse á orde do día prevista e incluíu os seguintes puntos:

1. Portería (artigo 28. Vacantes e revisión de categorías).

A representación dos traballadores considera que, tralo traslado de Manuel Ares do posto de portería á quenda de fin de semana do departamento de calidade, se produciu unha vacante que, de conformidade co previsto no punto 2 a) do artigo do convenio arriba indicado, debe ser ocupada por persoal interno e non mediante a contratación dun servicio externo especializado.

A representación da dirección considera que este traslado non implica a existencia dunha vacante e, en calquera caso, fai referencia ó acordo das partes subscrito o 21 de decembro de 1998 que, no seu punto 4, indica que «as actividades non directamente productivas tales como o servicio de vixilancia e a limpeza, poderán ser atendidas, coma na actualidade, durante todo o ano por empresas externas especializadas e sempre que estes servicios non xeren novos excedentes nestas áreas».

Considera que neste caso se dan totalmente as circunstancias que sinala o parágrafo anterior.

A representación dos traballadores intervén para sinalar que non procede que se mencione a citada acta, xa que esta reunión se axusta única e exclusivamente á interpretación do convenio colectivo.

Tras deliberar, as partes manteñen as súas posicións iniciais polo que non se consegue acordo do 80 % dos membros que a compoñen.

2. Horas extras (artigo 13).

A interpretación dos puntos 1 e 2 do artigo non está sometida a litixio e é coincidente por ámbalas partes.

A representación da dirección considera que o total cumprimento destes puntos vai ser durante este ano moi complexo, xa que durante o mes de xaneiro e debido ó programa de mantemento, o número de horas extras realizadas foi elevado. Pero manifesta a súa vontade de reduci-lo número de horas extraor

dinarias ó estrictamente imprescindible e, neste sentido, valora o cambio introducido no procedemento interno de autorización de horas extras. Indica tamén que o calendario de mantemento axudará ó obxectivo común de reducir notablemente o número total das horas extras anuais durante o ano 2000.

No punto 3 do artigo xorde a diferencia interpretativa en relación cos prezos de horas extras que recollen os anexos 5 e 6 do convenio.

A representación dos traballadores manifesta que o prezo sinalado nos anexos de referencia non se axusta ó cálculo da fórmula recollida neste punto.

A representación da dirección indica que a fórmula non é de aplicación debido a que queda anulada pola existencia do último parágrafo do epígrafe que textualmente sinala: «Non obstante o expresado nos parágrafos anteriores, os valores das horas extras por categoría para 1999 será o que aparece no anexo 5 e para o 2000, os que figuran no anexo 6».

Tras deliberar, as partes non chegan a acordar unha postura común.

3. Interpretación do punto 3.1. do preacordo do 20-10-1999.

A representación da dirección inclúe este punto, non tanto polos problemas interpretativos que, en opinión de ámbalas partes, non existen, senón para sinala-la actual situación de déficit dun mecánico de Minster durante as quendas de fin de semana.

De común acordo, as partes consideran que este non é o ámbito no que debe tratarse este asunto, que debe ser remitido á negociación do comité de empresa e a dirección.

Sen outros asuntos que tratar, levántase a reunión no lugar e data indicados.