Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 08 de maio de 2000 Páx. 7.254

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 4 de abril de 2000 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvenciona-la realización de estudios e proxectos por parte das entidades locais de Galicia para o fomento do asociacionismo municipal, así como para a fusión ou incorporación voluntaria de municipios.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais en cumprimento do establecido nos artigos 120 e 136 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, vén colaborando coas entidades locais galegas, para fomenta-la constitución de mancomunidades de municipios e áreas metropolitanas, para favorece-lo asociacionismo municipal. Co obxecto de reforzar estas fórmulas de asociacionismo e colaboración, na presente convocatoria inclúese, ó abeiro do artigo 152 desta lei, a posibilidade de subvencionar tamén estudios e proxectos para a constitución de consorcios locais; ademais e neste contexto, considérase tamén necesario por mandato do artigo 13 da Lei de administración local de Galicia, fomentar proxectos de fusión de municipios ou para a incorporación voluntaria a outros. Todo isto para favorecer mecanismos de xestión dos intereses locais que permitan facer fronte ás novas esixencias de servicios públicos demandados polos veciños con organizacións fortes e dotadas

de medios suficientes.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Establécense subvencións en réxime de concorrencia competitiva en favor das entidades locais de Galicia, destinadas á realización de estudios e proxectos que sexan necesarios para a constitución de mancomunidades, áreas metropolitanas e consorcios a que se refiren os artigos 120, 136 e 152 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, así como para a fusión de municipios ou para a incorporación voluntaria a outros prevista no artigo 13 desta lei.

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 02.13.123A.461.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000, ata un límite de once millóns de pesetas (11.000.000 de ptas.).

Artigo 2º

A axuda económica que se conceda poderá acada-lo 100% do total do orzamento presentado.

Artigo 3º

1. As entidades locais que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición; por medio

de instancia dirixida ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, segundo modelo que figura como anexo desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais ou en calquera outro dos que establece o artigo 38.4? da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo da entidade local ou entidades locais interesadas polo que se acorda realiza-lo/s proxecto/s ou estudio/s, así como as súas condicións e a aceptación de tódolos requisitos establecidos na presente orde.

b) Memoria xustificativa do proxecto ou estudio incluíndo as determinacións previstas na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia para a iniciativa de que se trate.

c) Orzamento detallado do estudio ou proxecto.

d) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes (acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de novembro de 1999, no que se establece un mecanismo de seguimento e control da concorrencia e acumulación das axudas públicas nun mesmo proxecto e peticionario e se autoriza á Consellería de Economía e Facenda para o seu desenvolvemento. Diario Oficial de Galicia nº 236, do 9 de decembro de 1999).

3. A licitación, se é o caso, e adxudicación dos proxectos ou estudios será realizada polas entidades locais conforme a súa propia normativa, dándolle conta deste acto á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais mediante certificación expedida polo secretario xeral da corporación.

Artigo 4º

A valoración das solicitudes presentadas basearase nos seguintes criterios:

a) Relación de obras, servicios ou actividades que vai desenvolve-la nova entidade.

b) A poboación e extensión dos termos municipais integrados.

En todo caso, os proyectos que se presenten atenderanse coa seguinte orde de prioridade:

1º Proxectos de fusión de municipios ou para a incorporación voluntaria a outros.

2º Proxectos de constitución de mancomunidades de municipios, áreas metropolitanas e consorcios.

Artigo 5º

1. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Xustiza e Administración local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, estendéndose o correspondente informe.

2. O director xeral de Xustiza e Administración local elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá.

A resolución notificaráselles a tódolos beneficiarios da subvención na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme ó disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 6 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de seis meses contados desde a publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 6º

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, nun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da resolución, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Xustiza e Administración local poderá comprobar, cando o considere conveniente a cumprimentación da finalidade da axuda.

2. Os beneficiarios da subvención presentarán copia do proxecto ou estudio redactado, así como facturas orixinais do gasto por triplicado, así como acreditación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, antes do 15 de outubro de 2000, inescusablemente.

Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (acordo da Xunta de Galicia do 17 de novembro de1999. Diario Oficial de Galicia nº 236, do 9 de decembro).

O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 7º

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal como se establece na Lei 8/1999, do 30 de decembro (Diario Oficial de Galicia, do 31), de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 8º

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais anulará os beneficios concedidos, e conforme o disposto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación; e, se procede, instruirá expediente sancionador, conforme o previsto no citado Decreto lexislativo 1/1999 e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Administración Local, para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2000.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais