Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Xoves, 04 de maio de 2000 Páx. 7.142

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 14 de abril de 2000 pola que se convoca o I Certame Galego de Imaxe Artística Xuventude 2000.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcions e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en virtude do Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a súa estructura orgánica é o órgano competente da Administración autonómica ó que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de, entre outras, o apoio ó desenvolvemento da actividade xuvenil, que leva a cabo a través da Dirección Xeral de Xuventude. Por outra banda, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural, ten, entre outras funcións, de acordo co disposto no Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, a música, as artes líricas e coreográficas, así como a posta en práctica de medidas de apoio para os artistas.

Polo exposto, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, dada a natureza das actividades que se van realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 2000.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude convoca o I Certame Galego de Imaxe Artística Xuventude 2000 que consta de dúas modalidades: modalidade de fotografía e modalidade de banda deseñada.

As bases establécense no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais polas que se rexe esta convocatoria, inscricións, premios e xurado.

Artigo 2º

O certame obxecto da presente convocatoria está dotado cuns premios únicos para toda a Comunidade

Autónoma galega e será tramitado a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, coa colaboración das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

A Delegación Provincial de Ourense da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude será a encargada de organiza-lo certame ó que se fai mención no artigo 1º.

Artigo 3º

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste certame serán custeadas con cargo ás partidas orzamentarias 14.05.355B.640.1 e 14.01.211A.640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleria de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

ANEXO I

Modalidade de fotografía e modalidade de banda deseñada

I. Participantes.

Modalidade de fotografía.

Galegos ou residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos, cumpridos durante o ano 2000.

Modalidade de banda deseñada.

Galegos ou residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos, cumpridos durante o ano 2000, en grupo ou individualmente.

II. Condicions xerais.

Modalidade de fotografía.

1. A técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor.

2. A temática fará referencia á xuventude en tódalas facetas da súa actividade.

3. Cada autor poderá presentar tódalas fotografías que desexe co mesmo lema e distinto título.

4. As fotografías deberán ser orixinais, non podendo estar publicadas nin ter recibido ningún premio.

5. Xunto coa obra presentada o autor entregará un sobre pechado co lema escrito no seu exterior, figurando no seu interior o boletín de inscrición que se indica no anexo III, xunto cunha fotocopia do DNI por ámbalas dúas caras.

6. Cada fotografía deberá ir montada en soporte consistente, recomendándose as medidas 40x50 cm. Na súa parte posterior deben leva-lo lema e o título correspondente.

7. As fotografías, tanto en cor coma en branco e negro, terán as medidas seguintes:

Máximas: 30 x 40 cm.

Mínimas: 18 x 24 cm.

Ou tamaño equivalente.

8. A organización non se responsabiliza de posibles roturas ou extravíos das obras. A Dirección Xeral de Xuventude subscribirá unha póliza que asegure as obras, de ata un máximo de 100.000 ptas. por obra.

9. A organización realizará un catálogo das obras selecciondas, que lles enviará ós participantes.

10. As obras que reciban os premios establecidos quedarán en poder da Xunta de Galicia.

11. A organización poderá montar unha exposición itinerante coas fotografías.

Modalidade de banda deseñada.

1. A temática será libre, con textos en galego, que terán carácter de inéditos.

2. A técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor.

3. O formato deberá ser DIN A-4 ou DIN A-3 e a súa extensión entre 2 e 6 páxinas inclusive.

4. Cada autor ou autores poderán presenta-las obras que desexen.

5. Cada obra deberá levar lema e título.

6. Xunto coas obras presentadas deberá entregarse un sobre pechado co lema/s escrito/s no seu exterior, figurando no seu interior o boletín de inscrición que se indica no anexo III cos datos do autor ou autores, fotocopia do/s DNI por ámbalas dúas caras e currículo.

7. A organización non se responsabiliza de posibles roturas ou extravíos das obras. A Dirección Xeral de Xuventude subscribirá unha póliza que asegure as obras, de ata un máximo de 100.000 ptas. por obra.

8. A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude reserva para si, con carácter exclusivo, o dereito a editar e difundi-las obras seleccionadas. A Dirección Xeral de Xuventude editará unha revista coas obras que sexan seleccionadas.

III. Inscricións.

Os participantes deberán dirixi-lo impreso de solicitude que se indica no anexo II ó Servicio de Xuventude da delegación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia na que residan habitualmente, que pode ser en:

r/ Ronda da Muralla, 70, 27003 Lugo.

Avda. da Habana, 81-baixo, 32004 Ourense.

r/ Durán Loriga, 9-1º, 15003 A Coruña.

r/ María Berdiales 20-entreplanta, 36203 Vigo.

Todo isto, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico

das administracions públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será ata o día 5 de setembro de 2000.

IV. Premios.

Establécense os seguintes premios:

Modalidade de fotografía:

Categoría A (de 22 a 30 anos)Categoría B (de 14 a 22 anos)

Mellor fotografía:Mellor fotografía:

1º premio: 125.000 ptas. 1º premio: 50.000 ptas.

2º premio: 100.000 ptas. 2º premio: 30.000 ptas.

3º premio: 75.000 ptas. 3º premio: 20.000 ptas.

Mellor colección: 150.000 ptas.Mellor colección: 60.000 ptas.

Cada autor non poderá recibir máis ca un premio.

Modalidade de banda deseñada:

Categoría A (de 22 a 30 anos)Categoría B (de 18 a 22 anos)

1º: 200.000 ptas. 1º: 100.000 ptas.

2º: 150.000 ptas. 2º: 75.000 ptas.

3º: 100.000 ptas. 3º: 50.000 ptas.

4º: 75.000 ptas. 4º: 30.000 ptas.

Categoría C (de 14 a 18 anos).

1º Campamento noutras comunidades autónomas.

2º Campamento na Comunidade Autónoma galega.

As notificacións das decisións do xurado, tanto favorables coma desfavorables, seranlles enviadas ós solicitantes nun prazo non superior a seis meses desde a publicación da presente orde no DOG.

En caso de non recibi-la notificación no antedito prazo poderase entender desestimada a solicitude presentada.

V. Xurado.

O xurado de cada unha das modalidades será nomeado polos delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo de Ourense e estará formado por persoas cualificadas nos ámbitos concretos que se vaian valorar, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de Ourense.

A xuízo do xurado e segundo a calidade da obra poderanse deixar desertos algúns premios.

Así mesmo, farase entrega a cada un dos participantes dun diploma que acredite a súa participación neste I Certame Galego de Imaxe Artística Xuventude 2000.

As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán únicas e indivisibles e estarán suxeitas ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

Durante o outono de 2000, e na Casa da Xuventude de Ourense, realizarase unha exposición coas obras seleccionadas polo xurado.

A decisión do xurado será inapelable.