Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Xoves, 04 de maio de 2000 Páx. 7.119

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2000, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, Diario Oficial de Galicia, no convenio colectivo da empresa Servimgal, S.L. de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Servimgal, S.L. de Ourense (código convenio 3200882), con entrada nesta delegación provincial o día 10-3-2000, subscrito pola parte económica pola empresa e da parte social, polos delegados de persoal o día 29-1-2000 e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo,

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 24 de marzo de 2000.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo para a empresa Servimgal, S.L.

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Comisión negociadora.

As partes asinantes do presente convenio colectivo foron José Manuel Cotilla, en representación de Servimgal, S.L., pola parte empresarial; José Luis Campos Rúa, Camila Salgado Borrajo e Agustín Menor Outeiriño como delegados de persoal, en representación dos traballadores; e José Gómez, María José Lorenzo e Patricia López, pola central sindical de CC.OO.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O ámbito territorial do convenio é o do centro de traballo da empresa Servimgal, S.L., existente na actualidade na provincia de Ourense.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

O convenio afecta á totalidade do persoal de lavandería pertencente ó cadro de persoal da empresa, coas excepcións que a normativa vixente prevé.

Artigo 4º.-Vixencia e duración.

O convenio entrará en vigor o día do seu asinamento sen prexuízo do cal as condicións económicas serán aplicadas a partir do 1 de xaneiro de 2000.

Terá unha vixencia dun ano, que expirará o 31 de decembro de 2000.

Artigo 5º.-Prórroga e denuncia.

Este convenio quedará automaticamente denunciado dous meses antes do seu vencemento. Non obstante, subsistirán os seus preceptos ata a entrada en vigor do que o substitúa.

Artigo 6º.-Condicións e compensación de melloras.

As condicións contidas neste convenio colectivo establécense con carácter de mínimas.

Tódalas melloras que se implanten por normas legais ou outras serán compensables e absorbibles ata onde alcancen, cos aumentos e melloras existentes ou que poidan establecerse no futuro, sempre que en cómputo anual a suma das condicións do convenio sexan máis beneficiosas.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

De acordo coa lexislación vixente, crearase unha comisión paritaria para a interpretación do convido, composta por tres membros da representación dos traballadores e tres da empresa.

A propia comisión establecerá as normas de funcionamento.

Persoal

Artigo 8º.-Cadros de persoal.

A empresa dará a coñecer no transcurso do mes de febreiro de cada ano un rexistro do persoal ó seu servicio, ordenado polo seu número e facendo consta-los seguintes datos: nome e número do traballador, categoría laboral e a súa antigüidade nela, profesión ou oficio e servicio no que traballa.

Estes datos referiranse á situación laboral e profesional dos traballadores o 1 de xaneiro de cada ano de publicación no rexistro.

Artigo 9º.-Categorías.

-Responsable de equipo.

-Auxiliar administrativo.

-Oficial 1ª lavandería.

-Conductor lavandeiro.

-Axudante de lavandería.

Artigo 10º.-Mobilidade funcional.

A empresa, en caso de necesidade xustificada, pode encomendar tarefas correspondentes a categoría inferior a aquela pola que está contratado o

traballador, limitándoa temporalmente; neste caso, o traballador recibirá a retribución correspondente á categoría pola que está contratado. En todo caso, a empresa non poderá encomenda-la realización das tarefas descritas por un prazo superior a tres meses.

Se se lle encomendase ó traballador o desempeño de funcións correspondentes a categorías superiores, percibirá o salario correspondente á categoría na cal realice as súas funcións. Transcorridos seis meses desde que comezou o desempeño de tales funcións, consolidarase o ascenso para tódolos efectos.

Artigo 11º.-Formación.

Constituirase unha comisión de formación composta por: un delegado do persoal e un membro da dirección.

Facer un estudio de necesidades. Os delegados deberán realizar un informe anual do estudio de necesidades da empresa, co fin de detectar que formación se necesita e qué tipo de curso se debe realizar.

Unha vez detectadas as necesidades e definidos os cursos que se deberán impartir, elaborarase un informe no que se determine o nivel de prioridades deles e por grupo de necesidade.

Os delegados deberán elabora-los programas dos cursos, xunto coa empresa.

Artigo 12º.-Ascensos.

Tódalas vacantes que se produzan na empresa cubriranse en primeiro lugar mediante o sistema de ascensos, por consenso cos criterios que se marquen.

Os delegados de persoal deberán participar no concurso para cubri-las vacantes por ascensos, tanto no proceso de valoración dos méritos e probas como na súa cualificación.

Artigo 13º.-Persoal de novo ingreso (período de proba).

Ó persoal de novo ingreso faráselle un contrato de traballo por escrito, debendo quedar no seu poder unha copia del.

Os períodos de proba para o persoal de novo ingreso serán os seguintes:

-Persoal técnico: 2 meses.

-Persoal administrativo e de recibo e entrega: 15 días.

-Persoal subalterno: 15 días.

-Persoal restante: 15 días.

Artigo 14º.-Contratación de novo persoal e medidas de fomento do emprego.

A empresa comunicaralles ós representantes dos traballadores, con suficiente antelación, a súa intención de contratar novo persoal, sexa eventual ou fixo, para efectos de que, en igualdade de condicións, se lles poida dar preferencia ós familiares dos traballadores.

Co fin de fomenta-la contratación e debido ós límites a esta impostos a causa das últimas modificacións lexislativas, as partes acordan que a duración máxima do contrato eventual por circunstancias da producción será de doce meses nun período de quince meses.

Réxime de traballo

Artigo 15º.-Xornada.

Establécese que a xornada será a mesma en días laborables e horas efectivas de traballo para todo o persoal.

O número de horas será de 40 horas semanais coas horas de descanso que establece a lei.

Sempre que se poida realizarase a xornada continua. Esta non poderá exceder de 7 horas diarias, mediando entre xornada e xornada 12 horas ininterrompidas de descanso.

En caso de xornada continua, terase dereito a un descanso para bocadillo de 25 minutos, que serán contabilizados como xornada efectiva.

A xornada de traballo estará abranguida entre luns e domingo e con tres quendas rotativas e un día e medio de descanso semanal ininterrompido. O cadro horario confeccionarase nos primeiros días de xaneiro, coa conformidade dos delegados dos traballadores.

Artigo 16º.-Traballo nocturno.

As horas traballadas durante o período abranguido entre as dez da noite e as seis da mañá terán unha retribución específica incrementada nun 30% sobre o salario base de cada traballador, e percibirase sobre as horas efectivas traballadas.

Para cubri-las necesidades da quenda de noite recorrerase preferentemente a persoal voluntario.

Artigo 17º.-Vacacións.

O período de vacacións será do mes natural no que se desfruten.

O calendario onde consten as vacacións do persoal laboral fixarase antes do 28 de febreiro, elaborándose de mutuo acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores, sendo estas obrigatoriamente rotativas.

Se ó inicio das vacacións un traballador estivese de baixa por accidente de traballo, enfermidade grave ou enfermidade con hospitalización, entendendo esta dentro do período de baixa, terá dereito ó desfrute delas o mes seguinte ó da súa incorporación ó traballo.

As vacacións desfrutaranse no período abranguido entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, ámbolos dous inclusive.

Os traballadores que desfruten as súas vacacións por necesidade da empresa nun mes distinto ós abranguidos no período descrito, terán dereito a unha bolsa de vacacións, cun importe mínimo que se fixa en 12.780 pesetas.

Artigo 18º.-Licencias.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, incluída prima media mensual para o persoal horario, polo tempo e os motivos seguintes:

Casamento: 15 días naturais.

Nacemento de fillo ou adopción legal: 3 días laborables, que se poderán desfrutar dentro dos sete días seguintes ó parto. No caso de necesidade de desprazamento a distancia superior á da provincia serán 4 días laborables.

Falecemento:

-De pais, fillos ou cónxuxe do traballador: 4 días naturais.

-De avós, netos e irmáns do traballador: 3 días naturais.

-De pais, avós, netos e irmáns do cónxuxe: 2 días naturais.

Se existe necesidade de desprazamento a distancia superior á da provincia, corresponderán 2 días naturais máis.

Para efectos de cómputo dos días de permiso por falecemento, considerarase que:

-Computarase como de permiso o día do falecemento se este se producise antes de transcorrida a metade da xornada laborable do traballador.

-Se o falecemento se produce en día non laborable para o traballador, computarase como día de permiso no caso de que o falecemento tivese lugar antes das 12 horas.

Enfermidade grave:

-De pais, fillos e cónxuxe do traballador: 3 días naturais. En caso de necesidade, de desprazamento a distancia superior á da provincia, corresponderán 2 días máis.

-De avós, netos e irmáns do traballador: 2 días naturais.

-De pais, avós, netos e irmáns do cónxuxe: 2 días naturais.

-Operación cirúrxica: o tempo desta, sexa cal sexa a operación.

Nestes últimos casos, se existe necesidade de desprazamento a distancia superior á da provincia corresponderán 2 días naturais máis.

A referencia a cónxuxe nos permisos antes citados faise extensiva á persoa que conviva maritalmente co traballador, que acredite a súa situación de convivencia mediante certificado do concello, libro de familia ou documento substitutorio.

Casamento:

-De pais, fillos, irmáns e netos: 1 día natural.

Traslado de domicilio: 2 días naturais.

Cumprimento de deber público: polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, con posterior xustificación.

Exames:

-Os traballadores matriculados en centros oficiais ou recoñecidos polo MEC, que cursen con regularidade estudios para a obtención dun título académico ou profesional, a teor da Lei xeral de educación, terán dereito ós permisos necesarios para concorrer ós exames correspondentes.

Asuntos propios: 2 días naturais no ano 2000.

Artigo 19º.-Excedencias.

1. O traballador con polo menos unha antigüidade na empresa dun ano ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia coa conservación do posto de traballo por prazo non menor dun ano e non maior de tres. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

2. Para cursar estudios por tempo superior a 1 ano e inferior a 5 anos. Este período só poderá ser desfrutado outra vez polo traballador, se transcorreron 4 anos desde o final doutra excedencia, xa sexa voluntaria ou especial.

3. Cando concorran circunstancias de enfermidade grave de longa duración ou defunción do cónxuxe ou familiares abranguidos no 1º grao de consanguinidade e se acredite a necesidade de atender persoalmente as consecuencias derivadas daquelas situacións.

Esta excedencia non será inferior a 3 meses nin superior a 1 ano.

4. Cando o cónxuxe sexa trasladado por razóns laborais a un centro de traballo fóra da provincia onde o traballador preste os seus servicios. Esta excedencia non poderá ser inferior a 6 meses nin superior a 2 anos.

5. Cando opten por seguir un tratamento baixo vixilancia médica por razóns de alcoholemia ou toxicomanía. Esta excedencia non poderá ser superior a 1 ano e só poderá solicitarse unha vez. Para reintegrarse deberá acreditarse o rigoroso seguimento do tratamento.

As excedencias citadas non computarán ningunha antigüidade.

A comunicación para reintegrarse á empresa deberá formularse por escrito e cun mes de antelación á data do remate da excedencia.

Artigo 20º.-Excedencia para o coidado dos fillos.

Os traballadores fixos con polo menos un ano de antigüidade, terán dereito a solicitar unha excedencia especial, con reserva do posto de traballo, para o coidado persoal e directo dos fillos menores de 4 anos, tanto cando o sexa por natureza como por adopción.

Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito. A dita situación de excedencia non poderá exceder para efectos de antigüidade e de cotización á Seguridade Social de tres anos.

Artigo 21º.-Servicio militar ou prestación social.

O traballador que pase a presta-lo servicio militar activo terá dereito á reserva do seu posto de traballo e cómputo de antigüidade, comunicándolle este á empresa nos dous meses anteriores a súa intención de reincorporarse ó traballo.

Réxime de retribucións

Artigo 22º.-Retribucións.

As retribucións entenderanse sobre xornada completa, realizándose o aboamento por meses dentro dos 3 primeiros días do mes seguinte como máximo.

As retribucións para o ano 2000 fíxanse na táboa anexa.

O traballador terá dereito a percibir anticipos a conta do traballo realizado e ata o 90% da retribución devengada.

Artigo 23º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores percibirán dúas gratificacións extraordinarias, que se aboarán nos meses de xuño e decembro, antes do 30 de xuño e do 15 de decembro. O importe de cada unha das pagas será dunha mensualidade de salario base convenio, aplicando o que corresponda a cada un dos niveis, mailo importe dunha mensualidade do complemento de antigüidade. Estas pagas percibiranse íntegras independentemente que o traballador estivera en situación de IT en calquera das súas modalidades durante o período do seu devengo.

Artigo 24º.-Complementos.

Antigüidade: todo o persoal afectado por este convenio percibirá un premio por antigüidade polo importe do 4% do seu salario base por cada trienio cumprido.

Transporte: fíxase un complemento de transporte na contía de 11.600 pesetas, que será igual para tódalas categorías e aboarase nas doce mensualidades.

Artigo 25º.-Horas extraordinarias.

O pagamento da hora extraordinaria normal será de 650 ptas./hora, nocturnas 900 ptas./hora, festivos 1.100 ptas./hora.

Os representantes dos traballadores recibirán periodicamente información do número de horas realizadas por traballador e por departamento.

Artigo 26º.-Adaptación do persoal con capacidade diminuída.

O persoal que, por deficiencia das súas condicións físicas ou por outras circunstancias, non estea en

situación de dar rendemento normal na súa categoría, pasará a outro traballo e respectaráselle o salario que tivese acreditado antes de pasar a dita situación.

Artigo 27º.-Incapacidade transitoria.

Nos períodos de baixa por accidente de traballo, hospitalización e convalecencia ata 15 días, o traballador terá dereito a que a empresa complete ó seu cargo exclusivo as prestacións da Seguridade Social, de forma que o traballador perciba durante os días de baixa o 100% do salario máis antigüidade, complemento de transporte, complemento de penosidade e nocturnidade.

Melloras sociais

Artigo 28º.-Seguros.

Contratarase un seguro colectivo de vida con cargo á empresa, e que abrangue todo o persoal dela.

O capital asegurado será equivalente ó salario anual, tomando o nivel do 1 de xaneiro de cada ano.

As coberturas deste seguro serán:

a) Morte por accidente, incluído en itinere.

b) Invalidez permanente absoluta: derivada de enfermidade profesional.

c) Gran invalidez: aboamento do capital asegurado derivado de enfermidade profesional.

Artigo 29º.-Roupa de traballo.

A empresa facilitaralle ó persoal a correspondente roupa de traballo. Serán entregados dous equipos completos ó ano, con calzado incluído. Estes serán entregados no verán e no inverno.

Artigo 30º.-Recoñecementos médicos.

Todo o persoal se someterá a unha revisión médica e xinecolóxica anual obrigatoria, que será por conta da empresa.

O resultado do dito recoñecemento seralle entregado a cada traballador.

Artigo 31º.-Saúde laboral.

Nomearase un comité de saúde laboral con tódalas demais normas contidas segundo a Lei 31/1995, de riscos laborais.

Artigo 32º.-Acción sindical.

Os delegados de persoal terán dereito a:

1. Seren informados pola dirección da empresa periodicamente, sobre a evolución xeral, situación da producción, programa de producción e evolución probable do emprego.

2. Anualmente, coñece-lo balance, a conta de resultados e a memoria.

3. A empresa informará previamente sobre sancións por faltas graves e, en especial, en supostos de despedimento.

4. A empresa facilitaralles ós delegados de persoal o modelo ou modelos de contrato de traballo que habitualmente utilice; igualmente, facilitaralles unha copia básica de tódolos contratos que se realicen.

5. Existirá un taboleiro de anuncios, que porá a empresa, para que os delegados de persoal poidan publicar, inserir, etc.

6. Os representantes dos traballadores deberán emitir informe previo e participar nas seguintes cuestións:

a) Os delegados de persoal non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesional por causas ou en razón do desempeño da súa función.

b) Poderán exerce-la liberdade de expresión no interior da empresa nas materias propias da súa representación, podendo publicar ou distribuír, sen perturba-lo normal desenvolvemento do proceso productivo, aquelas publicacións de interese laboral ou social, e exercerán tales tarefas de acordo coa normativa legal vixente para o efecto.

Artigo 33º.-Asemblea de traballadores.

Os traballadores terán dereito a reunirse en asemblea unha vez ó mes e por un tempo máximo dunha hora durante a xornada, debéndolle comunicar a esta a súa realización cunha antelación de 48 horas, salvo situación de excepción, sempre de mutuo acordo coa empresa.

Artigo 34º.-Vestiarios.

A empresa está obrigada a facilitar unha zona de vestiarios independentemente para homes e mulleres, con duchas e armarios e o que establece a Lei de saúde laboral.

Táboa salarial para o ano 2000

CategoríaSalario baseComplemento

especialidade

Complemento

penosidade, toxicidade,

perigosidade

Complemento

transporte

Complemento

responsabilidade

Responsable de equipo82.000 pesetas15.000 pesetas11.600 pesetas17.000 pesetas

Auxiliar administrativo92.204 pesetas11.600 pesetas

Oficial 1ª lavandería77.000 pesetas20% S/B11.600 pesetas

Conductor lavandeiro77.000 pesetas15.000 pesetas20% S/B11.600 pesetas

Axudante lavandería75.000 pesetas11.600 pesetas