Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 26 de abril de 2000 Páx. 6.729

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 17 de abril de 2000 pola que se convocan unhas Xornadas sobre xustiza penal internacional.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2000 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas Xornadas sobre xustiza penal internacional, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Desde que se creou a Organización das Nacións Unidas insistiuse na necesidade de persegui-los crimes máis noxentos contra a humanidade, como o xenocidio e outros actos de semellante gravidade. A Carta das Nacións Unidas xa recollía, como un dos seus primeiros obxectivos, o de asegura-lo respecto universal dos dereitos humanos e das liberdades fundamentais no mundo enteiro (Preámbulo artículos 1.3º e 55 c). A caída do muro de Berlín en 1989 e a desaparición dunha comunidade internacional bipolarizada facilitaron o camiño para acadar ese obxectivo. Un factor que o favoreceu tamén foi a posibilidade de alcanzar un maior consenso entre os estados sobre os valores sociais predominantes na nova comunidade internacional. Por isto, a creación dunha Corte Penal Internacional de carácter permanente constitúe un grande avance dentro desta nova estructura, e o seu estatuto, aprobado

o 17 de xullo de 1998 en Roma pola Conferencia Diplomática de Plenipotenciarios das Nacións Unidas para o seu establecemento, representa un tratado aberto desde agora á manifestación de vontade por parte dos estados. A finalidade deste tribunal é a investigación, o axuizamento e, se é o caso, o castigo das infraccións máis graves que protexen bens xurídicos de alcance universal, os delictos de xenocidio e de lesa humanidade, os crimes de guerra e o delicto de agresión (art. 5.1º).

Preténdese, en suma, con estas xornadas, ilustra-los asistentes sobre os instrumentos e os medios habilitados pola comunidade internacional sobre os aspectos abordados con anterioridade.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Entre Nüremberg e o caso Pinochet.

-O principio de complementariedade: as relacións entre as xurisdiccións nacionais e a Corte.

-A extradición horizontal e a extradición vertical.

-Os crimes do dereito internacional.

-A teoría xeral do delicto na Corte Penal Internacional (CPI).

-Os principios xerais do dereito penal en relación cos crimes internacionais.

-A xurisdicción penal universal.

-Do proxecto á realidade: o proceso de creación do Tribunal Penal Internacional (TPI).

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da EGAP os días 18 e 19 de maio de 2000.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 15 de maio de 2000.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4-15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemen

to administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obte-la confirmación da súa posible admisión, chamando, o día 16 de maio, por teléfono, de 10 a 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir

no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2000.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública