Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 24 de abril de 2000 Páx. 6.595

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 1999, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da canteira de granito ornamental Elsa, 6700, no termo municipal de Arteixo (A Coruña), promovido por Arenas y Gravas, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia (DOG do 25 de setembro), faise pública a Resolución do 23 de febreiro de 1999, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da canteira de granito ornamental denominada Elsa, nº 6700, promovido por Arenas y Gravas, S.A. no termo municipal de Arteixo (A Coruña), que se transcribe como anexos a esta resolución.

A Coruña, 27 de decembro de 1999.

Jesús Espada Martinez

Delegado provincial da Coruña

ANEXO

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación presentada, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental establece pola presente DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de xeito que se asegure a minoración dos posibles efectos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

A presente declaración refírese, en exclusiva, ás actuacións mineiras que, sobre unha superficie total de 33.500 m, dos cales 22.000 m se destinarán á extracción, e para unha duración da explotación de 20 anos, vén definida no proxecto de referencia.

Tanto para outras zonas ou áreas por explotar como para unha duración maior á prevista precisaríase unha nova declaración.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Sobre a emisión de po e gases.

Co fin de evita-los posibles efectos negativos que puidera ocasiona-lo po xerado pola explotación, adoptaranse as medidas necesarias de forma que no núcleo habitado de Furoca e no polígono industrial da Grela, relativamente próximos á explotación, os niveis de partículas sedimentables non superen os límites establecidos polo Decreto 833/1975, do 6 de febreiro, polo que se desenvolve a Lei 38/1972, do 22 de decembro, de protección do ambiente atmosférico.

2. Protección das augas.

2.1. Os valores límite de vertido que garantan a calidade fisicoquímica das augas, para os parámetros que se indican a continuación, serán, segundo o esta

blecido na táboa do anexo ó título IV do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico, os seguintes:

pH: 5,5,-9,5.

Sólidos en suspensión (mg/l): 80.

Materiais sedimentables (ml/l): 0,5.

Sólidos grosos: ausentes.

2.2. As augas residuais que se xeren nos servicios hixiénicos destinados ós operarios, deberán ser conducidas a unha fosa séptica ou outro sistema de tratamento axeitado.

2.3. Limparanse os lodos da balsa de decantación en períodos de estiaxe e, en calquera caso cando acaden, como máximo, a metade do seu volume.

2.4. Os labores de mantemento da maquinaria levaranse a cabo fóra das zonas en explotación ou xa explotadas, debendo ser recollidos os seus residuos e entregados a un xestor autorizado.

3. Protección do solo.

3.1. En ningún caso a terra vexetal retirada poderá mesturarse cos estériles procedentes da explotación ou con calquera outro tipo de residuos ou entullos e garantirase que non se deteriore por erosión hídrica ou compactación.

3.2. Os amoreamentos da terra vexetal serán de 1,5-2 m de altura máxima, engadindo mulch para mellora-la estructura do solo e para mante-las condicións de osixenación e non amazocamento do solo amoerado en cantidade suficiente. En todo caso deberase achegar cantidade suficiente para manter un 6% de materia orgánica no solo. Xa que o tempo de almacenamento é superior a un ano, someteranse a coidados, mediante un removido temporal, regas, achega de fertilizante mineral e plantación con leguminosas en asociacións de Festuca sp., e Melilotus sp. i.e.). Estes amoreamentos de terra vexetal protexeranse da posible entrada de auga con pequenas canles perimetrais que reconducirán as augas ata as balsas de decantación.

3.3. Non se poderá depositar nin acumular na explotación nin en terreos adxacentes, ningún tipo de residuos sólidos diferentes dos entullos xerados na explotación nos catro primeiros anos de extracción, dos amoreamentos de terra vexetal e dos lodos de decantación, prohibíndose de forma específica o seu vertido noutras zonas da parcela ou en terreos alleos a ela, así como en zonas do dominio público hidráulico sen autorización expresa do organismo de cunca.

En ningún caso se autorizará a formación de entulleiras, aínda con carácter temporal, fóra do perímetro da zona obxecto do ámbito da presente DIA.

4. Protección da fauna e da flora.

4.1. Evitarase a libre circulación de animais entre as parcelas estremeiras e a zona de explotación, mediante a instalación, na parte superior das frontes de explotación, dun peche de malla cunha altura

non inferior a 1,50 m. Queda expresamente prohibido o peche a base de arame de espiño.

4.2. A eliminación da vexetación da área que se vai explotar será sempre mediante sistemas de roza.

5. Protección da paisaxe.

5.1. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente, compatible cos labores de explotación, co fin de que sirva coma pantalla visual ou acústica para a zona que se vai explotar.

6. Restauración.

6.1. Xa que no proxecto o que se propón é o aproveitamento completo da masa que se pode extraer da canteira, procederase ó remodelado dos noiros da explotación mediante técnicas de voaduras de descabezamento que permitan un recheo parcial das bermas, debendo o seu deseño garanti-la integridade do macizo rochoso residual.

6.2. Nas áreas de menos de 20º de pendente, procederase á descompactación dos terreos afectados polo paso da maquinaria mediante técnicas de esclarificación, subsolado e/ou ripado, mantendo na praza unha lixeira pendente (1-2%) que facilite a drenaxe e evite a creación de áreas encharcadas.

6.3. No referente ó punto de fertilización aplicarase o disposto no anexo presentado como documentación adicional, segundo o cal se leva a cabo a achega da calcaria agrícola en po, NPK do tipo 11-9-11 e fertilizante biolóxico na forma e doses indicadas.

6.4. O solo vexetal previamente amoreado, estenderase en orde crecente de calidades, ata coller un perfil semellante ó inicial. A profundidade mínima de terra vexetal que se estenderá na praza da canteira e na plataforma de coroación do dique será de 50 cm de espesor. Así mesmo, nos noiros de oco de extración e máis do dique ou entulleira temporal o espesor da capa de terra vexetal será de 30 cm. No caso de que o solo amoreado sexa insuficiente para a consecución deste obxectivo, faríanse precisas achegas externas que contarán coa súa procedencia e aptitude debidamente xustificadas.

6.5. Considérase axeitada a revexetación coas especies e doses de arbóreas e arbustivas propostas no anexo da documentación complementaria solicitada, pero estas serán de como mínimo dous zumes de idade e con procedencia debidamente acreditada (viveiro oficial ou comercial). En canto á sementeira de pratenses sinalaranse as especies que se van empregar e as súas doses deberán reuni-las seguintes condicións: pureza igual ou superior ó 90%, potencia xerminativa superior ó 95% e ausencia de pragas e enfermidades.

Para a revexetación proposta no dique, ademais da sementeira con pratenses, as especies arbóreas que se empregarán serán as indicadas no proxecto de referencia (Quercus robur e Pinus pinaster) pero cun marco de plantación de 2x2 m en liña e de como mínimo dous zumes de idade, debendo vir reflectido o seu custe no orzamento de restauración.

A restauración das balsas de decantación levarase a cabo no xeito descrito no proxecto.

6.6. Os labores de revexetación realizaranse en outono ou en primavera en función do ciclo vexetativo das especies. Regarase regularmente, fertilizante mineral de reforzo anual e resementeira das superficies revexetadas, cando sexa preciso (% de marras superior ó 10%), ata que se asegure a viabilidade da plantación.

6.7. Unha vez rematada a explotación, desmantelaranse tódalas instalacións adscritas á canteira que puidesen ser construídas durante o período de explotación e procederase ó peche e recuperación das pistas e camiños de acceso e máis das súas gabias, deixando o medio nas condicións precisas para o uso previsto para o terreo e conservando as servidumes propias ou redefinidas. Os custos destes labores virán reflectidos no orzamento de restauración.

6.8. Os lodos procedentes da limpeza da balsa de decantación, unha vez secados, empregaranse no recheo do oco de extracción e máis do dique ou entulleira temporal, depositándose no xeito indicado no plan de restauración do proxecto de referencia.

7. Condicións adicionais.

7.1. Previamente ó inicio da actividade mineira presentarase, a través do órgano substantivo, unha copia da autorización de captación e vertido emitida polo organismo de cunca.

7.2. Nun prazo máximo dun (1) mes desde a notificación da presente DIA e, en calquera caso, previamente á autorización administrativa, o promotor presentará diante do órgano substantivo, que pola súa vez o remitirá a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, a imposición de medidas correctoras adicionais que se deriven da presente DIA, a seguinte documentación:

-Plano dos perfís visuais de acordo co mapa de cuncas achegado e, de se-lo caso, caracterización e localización das pantallas vexetais, de xeito que a explotación non sexa visible desde ningún núcleo habitado nin desde a autovía A-55 (A Coruña-Carballo) e a autoestrada A-9 e representación destas en planos, a escala axeitada e dotados de coordenadas U.T.M. Estas pantallas vexetais, de seren necesarias, terán que cumpri-la súa misión desde o inicio dos labores mineiros e deberá vir incluída a súa medición e o seu custo no correspondente orzamento dos labores de restauración.

-Proxecto do sistema de depuración de augas fecais que se empregará nos servicios hixiénicos destinados ós operarios, incluíndose a localización do punto de vertido deste.

Modificación do orzamento de restauración da superficie de explotación (3,35 ha), incluíndo as medicións e valoración, segundo os prezos actuais de mercado, de tódalas unidades de obra. Incluirase a valoración das medidas correctoras e protectoras

ambientais que se deriven da aplicación da presente DIA (en particular no referente á sementeira e plantación, pantallas vexetais, restauración da balsa de decantación, desmantelamento de instalacións e peche e recuperación das pistas de acceso).

7.3. Nun prazo máximo de dous (2) meses:

-Prospección arqueolóxica superficial intensiva realizada por técnicos competentes, en cumprimento do previsto na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia e do Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia e, de ser necesario, un programa de actuacións arqueolóxicas compatible co plan de obra, de cara á protección e conservación dos xacigos arqueolóxicos.

A avaliación desta documentación será obxecto dunha resolución que será comunicada por esta dirección xeral ó órgano substantivo para os efectos oportunos, non podendo comenza-los labores sen esta resolución.

8. Vixilancia ambiental.

8.1. O promotor remitirá, a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, e xuntamente co plan de labores anual no mes de xaneiro de cada ano, un informe acompañado de reportaxe fotográfica na que se describa o estado da explotación, así como dos traballos de restauración levados a cabo segundo a planificación proxectada, indicando as variacións producidas con respecto a esta, xunto coa previsión dos labores de restauración para o vindeiro ano.

9. Condicións adicionais.

9.1. Para efectos de seguimento da presente DIA, o promotor comunicaralle ó órgano ambiental, a través do órgano substantivo, a data de notificación da DIA ó promotor.

9.2. A proposta de aval que deberá fixa-lo órgano substantivo para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e para facer fronte ós posibles danos que produzan ó medio, segundo o disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, será de 8.000.000 de ptas./ha, que para a superficie de actuación considerada (3,35 ha) ascende a cantidade de vinteseis millóns oitocentas mil pesetas (26.800.000 pesetas). O importe definitivo do aval proporase cando o promotor presente o orzamento do plan de restauración, de acordo co indicado no punto 7.2. da DIA.

9.3. A empresa promotora comunicará a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de comezo da explotación.

9.4. As condicións indicadas nesta DIA son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Non obstante, a empresa promotora, poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta DIA co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves deficiencias para a súa implantación ou implicasen modificacións

importantes na actividade industrial, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican.

Nesta circunstancia, a empresa promotora solicitarao, nun prazo máximo de tres meses despois de lle ser notificada a presente DIA polo órgano substantivo, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado á empresa promotora, que non poderá comeza-los traballos de explotación antes de contar cunha resolución desta dirección xeral para o efecto.

9.5. Se unha vez emitida esta DIA se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan estas.

9.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor, das condicións expostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder ó peche cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

9.8. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime a empresa promotora de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións nela. En materia urbanística, o proxecto estará suxeito ó disposto na Lei 1/1997, do solo de Galicia.

9.9. A empresa promotora queda obrigada a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 1999.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto mineiro consiste na explotación dunha canteira de granito ornamental, cun rendemento dun 35%, unha producción vendible duns 5.500 m/ano sobre unha superficie de explotación de 2,2 ha, ó longo duns 20 anos e situada no termo municipal de Arteixo (A Coruña).

A superficie afectada comprende a explotación propiamente dita cunha superficie de 22.000 m e a pantalla visual, que ocupará unha superficie de 11.500 m.

O material non aproveitable empregarase na creación, durante os primeiros catro anos de explotación, dunha pantalla visual ó sudoeste da explotación, que diminuirá o seu impacto visual, polo que non existirá entulleira como tal.

Non existen infraestructuras porque se empregarán as existentes na canteira e planta de áridos, denominada Cal de Xandía, á que se lle trasladará o material non aproveitable, mentres que os bloques de material útil se transportarán ó serradoiro situado a uns 3 km da explotación.

Os labores de remodelado do terreo consistirán no recheo das bermas con material non aproveitable, cos lodos secos procedentes da balsa de tratamento e, por último, coa capa de terra vexetal.

As medidas correctoras que se aplicarán serán as seguintes:

-Procederase á retirada e amoreamento da terra vexetal nun lugar axeitado e próximo á explotación. Dado que o amoreamento se empregará anualmente nos labores de restauración, non se producirá perda da súa capacidade productiva.

-Deseño e construcción de obras de drenaxe e desaugamento: construcción dunha balsa de decantación, de gabias perimetrais arredor do oco e na pista de transporte e drenaxe da área de servicio con pendente do 1%.

-Retirada e amoreamento temporal dos lodos das balsas de decantación.

-Construcción dun dique que sirva como pantalla visual co material non aproveitable da canteira.

-Mantemento da maquinaria.

-Rega das pistas, da área de servicio e das zonas de arrinque con cisternas.

-Pecharase con valos todo o contorno da explotación para impedi-la circulación de persoas ou animais.

-Sinalizaranse os puntos perigosos que presente o terreo e a área de traballo así como o tráfico de vehículos.

ANEXO II

Resultado das consultas realizadas

Do contido dos informes recibidos cabe destaca-las seguintes consideracións:

A Dirección Xeral de Montes e MAN emite informe favorable sobre o proxecto por cumpri-los requisitos esixidos na lexislación vixente e considera axeitadas as medidas correctoras propostas.

A Dirección Xeral de Industria emite informe favorable sobre o estudio ambiental, establecendo adicionalmente as seguintes condicións:

-Ámbito da declaración: referirase en exclusiva ás actuacións mineiras reflectidas no proxecto presentado.

-Os niveis de emisión de partículas sólidas non excederán os límites establecidos no Decreto 833/1975. Regaranse regularmente as pistas e superficies utilizadas, aténdose en todo caso ó disposto na ITC.07.1.04. A composición dos gases dos

motores de combustión interna deberá axustarse os valores regulamentados.

-No referente ás pistas e vías, e en canto ás condicións ambientais, cumprirase o disposto na ITC.07.1.03.

-Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente, compatible coa explotación, que sirva como pantalla visual ou acústica.

-Prohíbese expresamente calquera depósito, vertido o acumulación de residuos, tanto na zona de explotación como en terreos adxacentes.

-Os aceites usados deberán entregarse a un xestor autorizado.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural destaca a inexistencia de informes baseados en traballos de campo relativos ó impacto da explotación sobre o patrimonio arqueolóxico, polo que é necesario realizar unha prospección arqueolóxica intensiva da zona que abrangue a explotación, que deberá incorporar un proxecto de obra cun programa de actuacións arqueolóxicas (se é necesario) compatible co plan de obra, de cara á protección e conservación dos xacigos arqueolóxicos, en coordinación coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable sobre a realización do devandito proxecto.

A Dirección xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo conclúe que non existe ningún inconveniente en que se leve a cabo a explotación, sempre e cando se apliquen as medidas correctoras e o plan de restauración que figuran no estudio, por considerar que con isto estará garantida a recuperación da zona impactada.

Non obstante, a implantación da pantalla visual arbórea deberá efectuarse antes do inicio da actividade, empregándose especies vexetais presentes na zona, con exemplares dun porte suficiente para que esta fución se realice de forma axeitada desde o primeiro momento, minimizándose así os mencionados impactos.

A Coruña, 27 de decembro de 1999.