Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 19 de abril de 2000 Páx. 6.544

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DA CORUÑA

ANUNCIO (6/2000).

A Alcaldía Presidencia, con data do 16 de marzo de 2000, dictou a seguinte resolución:

«Primeiro.-Incoar expediente para a aprobación de bases e estatutos da Xunta de Compensación que se vai constituír para a execución do sector 2 (San

Pedro de Visma) do Plan Xeral de Ordenación Municipal vixente.

Segundo.-Aprobar inicialmente o proxecto de bases e estatutos presentado por Antonio Ulloa Allones en nome e representación da Comisión Xestora constituída para estes efectos.

Terceiro.-Ordena-la citación persoal no expediente a aqueles que aparezan como interesados na súa calidade de titulares de bens e dereitos afectados, así como a publicación no Diario Oficial de Galicia do anuncio correspondente segundo o modelo oficial que se xunta, facultando a Comisión Xestora, e no seu nome a Domingo Pérez Paz como presidente desta, para a súa presentación e dilixenciamento ante o órgano correspondente.»

O que se fai público de conformidade co disposto no artigo 133.4º en relación co 102, ambos da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia (BOE número 103 do 30 de abril), advertindo ós interesados de que o expediente se encontra á súa disposición nas oficinas de Xestión do Servicio de Urbanismo, sitas na Avda. da Mariña nº 18, entre as 12 e as 14 horas de luns a venres durante o prazo de 20 días a partir da publicación ou notificación do acordo que se traslada, onde poderá consultalo e presentar cantas alegacións teña por conveniente na defensa dos seus dereitos.

A Coruña, 17 de marzo de 2000.

P.D.

Salvador Fernández Moreda

Concelleiro delegado de Urbanismo

Xunta de Compensación

sector 2,

San Pedro de Visma

Estatutos

Artigo 1º.-Denominación.

A Xunta de Compensación para o solo urbanizable do sector 2, en San Pedro de Visma, constitúese con carácter administrativo, con personalidade xurídica propia e plena capacidade desde a súa inscrición no Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras, segundo dispón o artigo 26.2º do Regulamento de xestión urbanística do 25 de agosto de 1978, e réxese polo disposto na lexislación urbanística estatal e da Comunidade Autonóma, polas demais normas legais que lle foran de aplicación e por estes estatutos.

Artigo 2º.-Domicilio.

O domicilio da Xunta de Compensación establécese no andar 8º, local C, da casa nº 56 da rúa de San Andrés, da Coruña.

Artigo 3º.-Obxecto.

A Xunta de Compensación ten por obxecto a xestión do sector 2 do solo urbanizable para San Pedro de Visma, previsto no Plan Xeral de 1998, e sistema xeral adscrito.

Artigo 4º.-Fins.

Os fins da Xunta consisten en:

a) Redacta-lo proxecto de compensación a través do cal se lles adxudican as parcelas resultantes ós membros dela e ós propietarios non incorporados, no caso de que os seus terreos non sexan expropiados, en aplicación do disposto no artigo 134 da Lei do solo de Galicia, formalizándose tamén a través do dito proxecto as cesións de aproveitamento a favor da Administración, en contía do 10%, con independencia das cesións obrigatorias e gratuítas dos terreos de dominio público.

b) Redacta-lo proxecto de urbanización e executa-las obras previstas, unha vez aprobado polo concello.

c) Asumi-la xestión e defensa dos intereses comúns dos seus membros, diante de calquera autoridade e organismo da Administración pública, así como diante dos xuíces e tribunais, en tódolos seus graos e xurisdiccións, e fronte ós particulares.

d) En xeral, o exercicio de cantos dereitos e actividades lle correspondan segundo os textos legais vixentes.

Artigo 5º.-Órgano urbanístico de control.

O órgano urbanístico de control baixo a tutela do cal actuará a Xunta, segundo o artigo 134 da Lei do solo de Galicia, e 162 e concordantes do Regulamento de xestión urbanística, é o Concello da Coruña.

Artigo 6º.-Duración.

Será a esixida polo cumprimento dos seus fins, e comezará a actuar na data da súa inscrición no Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras da Delegación Provincial da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Artigo 7º.-Composición da Xunta de Compensación.

A Xunta de Compensación componse dos propietarios de terreos afectados que aceptasen o sistema e das entidades públicas titulares de bens demaniais ou patrimoniais incluídos no ámbito ó que se refire o artigo 3º.

Tamén poderán formar parte da xunta as empresas urbanizadoras que vaian participar cos propietarios na xestión do polígono.

A incorporación poderá realizarse en calquera momento, logo do acordo da asemblea.

Os criterios de valoración das achegas da empresa e os de selección réxense polo establecido nas bases de actuación quinta e sexta. A cota de participación fixarase en función da achega da empresa e da proporcionalidade desta co valor do solo.

Os propietarios do polígono que non solicitaran o sistema, poderanse incorporar con igualdade de dereitos e obrigas á Xunta de Compensación, se non o fixeron nun momento anterior, dentro do prazo

dun mes a partir da notificación do acordo de aprobación definitiva dos estatutos e bases de actuación. Transcorrido o dito prazo, a incorporación soamente será posible se non entorpece o desenvolvemento do proceso e o aproba a Xunta de Compensación.

As incorporacions tardías non producirán efecto se no prazo dun mes contado desde o requirimento que o Consello Rector lles formule, non ingresan na caixa da dita Xunta a cantidade que lles corresponda de acordo cos gastos xa realizados.

Para a súa incorporación deberán solicitarllo por escrito ó órgano urbanístico de control.

Artigo 8º.-Órganos de goberno e administración.

Os órganos de goberno e administración son:

a) A Asemblea Xeral.

b) O Consellor Rector.

Artigo 9º.-A Asemblea Xeral.

É o órgano deliberante supremo, y estará composto por tódolos seus membros, os cales decidirán nos asuntos propios da súa competencia, quedando obrigados tódolos membros ó cumprimento dos seus acordos, sen prexuízo dos recursos pertinentes.

Artigo 10º.-Facultades.

Será competencia da Asemblea:

a) Aproba-las cotas de participación.

b) Aproba-los proxectos de compensación e urbanización e outros instrumentos urbanísticos que se consideren necesarios para o desenvolvemento das actuacions.

c) Aproba-la memoria e contas dos exercicios económicos, logo de informe dos censores de contas.

d) Aproba-los orzamentos ordinario e extraordinario.

e) Designa-los compoñentes do Consello Rector e os censores de contas.

f) Acorda-la modificación dos estatutos.

g) Decidi-lo exercicio das reclamacións ou recursos administrativos o xudiciais, sen prexuízo de que en caso de urxencia o acorde o Consello Rector, dando conta despois á Asemblea.

h) Decidi-la imposición de derramas extraordinarias para atende-los gastos non previstos nos orzamentos e liquida-lo déficit temporal destes.

i) Acorda-lo exercicio das facultades fiduciarias que a lexislación vixente outorga ás xuntas de compensación, que comprende a posibilidade de concertar créditos con garantía hipotecaria dos predios pertencentes ós propietarios membros da xunta, pero non a facultade de allea-los ditos predios.

j) Acorda-lo alleamento de parcelas que se lle axudiquen á Xunta no proxecto de compensación.

k) Resolver sobre a incorporación de empresas urbanizadoras.

l) Acorda-la disolución da Xunta.

m) Cantas outras facultades lle sexan recoñecidas á Xunta pola normativa legal.

Artigo 11º.-Clases de asemblea.

As asembleas xerais poderán ser ordinarias ou extraordinarias.

A asemblea ordinaria reunirase dúas veces ó ano.

Dentro dos primeiros catro meses de cada ejercicio económico -que coincidirá co ano natural- realizará sesión para censura-la xestión común e aprobar, se é o caso, a memoria e contas do exercicio anterior, logo de informe dos censores de contas designados para o efecto.

No mes de novembro de cada ano convocarase para coñecer e aproba-lo orzamento do exercicio económico seguinte e nomea-los censores de contas para o dito exercicio.

Nas reunións da asemblea xeral ordinaria poderán adoptarse os acordos sobre as materias que figuren na orde do día, sen prexuízo da adición dos outros asuntos urxentes que a maioría dos presentes considere conveniente tratar.

Toda reunión da asemblea que non sexa das sinaladas no artigo anterior terá a consideración de asemblea xeral extraordinaria.

Reuniranse cando o presidente ou o Consello Rector o consideren conveniente, podendo adoptarse acordos, igual que o establecido no artigo anterior, sobre as materias que figuran na orde do día ou outras urxentes que se teñan que tratar.

Artigo 12º.-Dereito de asistencia.

Poderán asistir ás sesións da asemblea xeneral as persoas físicas e os representantes das persoas xurídicas nos que concorra a calidade de membro da Xunta de Compensación, coas limitacións e requisitos establecidos nestes estatutos.

Os membros da Xunta de Compensación poderán designar, por escrito, a outras persoas que os representen na asemblea xeral.

Artigo 13º.-Convocatoria.

As reunións da asemblea xeral, ordinaria ou extraordinaria, serán convocadas polo presidente do Consello Rector, mediante carta certificada remitida ós membros da Xunta de Compensación con cinco días de antelación, cando menos, á data en que teña que realizarse, sinalando lugar, día, hora e asuntos que se van tratar.

Artigo 14º.-Constitución.

A asemblea xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria cuando concorran a ela, por si mesmos ou por representación, membros da Xunta de Compensación que representen, polo menos, o 60% das cotas.

Transcorrida unha hora sen alcanza-lo quórum indicado, entenderase validamente constituída a asemblea xeral en segunda convocatoria, cualquera que sexa o número de asistentes.

Se, atopándose presentes ou representados a totalidade dos membros da Xunta de Compensación, acordasen por unanimidade realizar asemblea xeral, quedará esta validamente constituída sen necesidade de convocatoria previa.

Artigo 15º.-Adopción de acordos.

O presidente do Consello Rector, ou se é o caso, o vicepresidente, presidirá a asemblea xeral, dirixirá os debates e declarará os asuntos suficientemente considerados, pasando á votación, actuando como secretario o do Consello Rector.

Os acordos adoptaranse por maioría simple de cotas de participación, presentes ou representadas, e, en caso de empate, o voto do presidente terá calidade dirimente.

Non obstante, o acordo de aprobación do proxecto de compensación requirirá en todo caso o voto favorable da maioría absoluta de cotas.

Os acordos da asemblea xeral serán inmediatamente executivos, sempre que foran adoptados consonte o previsto nestes estatutos; todo isto sen prexuízo dos recursos pertinentes.

Artigo 16º.-Actas.

De cada reunión da asemblea xeral levantarase acta, na que se farán constar, clara e sucintamente, os acordos adoptados e o resultado das votacións realizadas.

As ditas actas figurarán no libro de actas correspondente, debidamente dilixenciado; e serán asinadas polo presidente e mailo secretario do Consello Rector.

Artigo 17º.-O Consello Rector.

O Consello Rector estará composto polo presidente, vicepresidente, secretario, tesoureiro, nove vocais e o representante do órgano urbanístico de control. Os compoñentes do Consello Rector serán nomeados pola asemblea xeral entre as persoas físicas e os representantes das persoas xurídicas que teñan a calidade de membros da Xunta de Compensación.

Un dos vocais levará a representación dos propietarios minoritarios.

O representante do órgano urbanístico de control será designado por este no acordo de aprobación definitiva do proxecto de bases de actuación e estatutos da Xunta de Compensación.

Artigo 18º.-Facultades.

Correspóndenlle ó Consello Rector as máis amplas facultades de xestión, representación e defensa dos intereses comúns da xunta, sen máis limitacións que a necesidade de someter ó coñecemento e resolución da asemblea os asuntos que estatutariamente lle estean reservados a esta.

Artigo 19º.-Convocatoria.

O Consello Rector reunirase cantas veces sexa preciso para os intereses da Xunta de Compensación, por iniciativa do presidente ou por petición de seis dos seus membros.

A convocatoria, con indicación dos asuntos que se vaian tratar, e do lugar, a data e a hora da sesión, será cursada polo secretario cun mínimo de cinco días de antelación; quedando validamente constituído o Consello Rector cando concorran á reunión, polo menos, seis dos seus membros.

No caso de ausencia do secretario, este será substituido por un vocal.

Para a reunión do consello non se admiten representacións.

Artigo 20º.-Adopción de acordos.

Os acordos do Consello Rector serán adoptados por maioría simple de votos, recoñecéndose calidade de voto dirimente ó do presidente no caso de empate; e serán inmediatamente executivos.

Artigo 21º.-Actas.

De cada sesión do Consello Rector levantarase acta.

As actas figurarán no libro de actas correspondente debidamente dilixenciado; e serán asinadas polo presidente e polo secretario.

Artigo 22º.-Nomeamento.

A designación do presidente correspóndelle á asemblea co quórum ordinario, igualmente que a dos demais membros do Consello Rector, no momento da formalización da escritura de constitución da Xunta de Compensación, se non foron designados antes pola Comisión Xestora.

Artigo 23º.-Funcións do presidente.

Serán funciones do presidente:

a) Convocar, presidir, suspender e levanta-las sesións da asemblea xeral e do Consello Rector, dirixi-las deliberacións e decidi-los empates con voto de calidade.

b) Te-la representación xudicial e extraxudicial da Xunta de Compensación e dos seus órganos de goberno e administración, podendo outorgar poderes a terceiras persoas para o exercicio da dita representación.

c) Autoriza-las actas da asemblea xeral e do Consello Rector, as certificacións que se expidan e cantos documentos o requiran.

d) Abrir, seguir e cancelar ó nome da Xunta de Compensación contas correntes e de aforro; dispor desas mediante talóns, cheques e demais instrumentos de pagamento; asina-la correspondencia, recibos e xustificantes; librar, aceptar, endosar, anular, descontar efectos mercantís; protestar por falta de aceptación ou de pagamento, letras de cambio; e, en xeral, levar a cabo tódalas operacións usuais de ban

ca esixidas pola actividade da Xunta de Compensación.

e) Executar e facer cumpri-los acordos da asemblea xeral e do Consello Rector.

O vicepresidente será nomeado de igual forma, exercendo as facultades que correspondan ó presidente nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 24º.-Funcións do secretario.

Serán funcións do secretario:

a) Asistir preceptivamente a tódalas reunións da asemblea xeral e do Consello Rector, agás ausencia xustificada.

b) Levantar acta das sesións da asemblea xeral e do Consello Rector, transcribíndoas nos libros de actas dilixenciados para o efecto.

c) Notificarlle ós membros da Xunta non asistentes, os acordos da asemblea no prazo dos quince días seguintes á realización da sesión.

d) Expedir certificacións co visto e prace do presidente.

e) Custodiar tódolos documentos da Xunta de Compensación.

f) Cantas sexan inherentes ó seu cargo ou lle sexan delegadas pola asemblea xeral ou polo Consello Rector.

Artigo 25º.-Funcións do tesoureiro.

Serán funcións do tesoreiro;

a) Controla-los recursos financeiros, sexan diñeiro, valores ou créditos da Xunta de Compensación.

b) Impulsa-la recadación dos dereitos e o pagamento das obrigas.

c) Asesorar para a distribución no tempo das dispoñibilidades diñeirarias na función desas obrigas.

d) Coidar do cumprimento das obrigas garantidas co aval para a devolución deste o antes posible.

e) Para dispoñer de fondos será necesaria a sinatura do tesoureiro e a do presidente ou vicepresidente.

Artigo 26º.-Cotas de participación.

A participación dos membros da Xunta de Compensación nos dereitos e obrigas establecidos, así como a determinación das parcelas resultantes da actuación urbanística que deben ser adjudicadas a cada un daqueles no proxecto de compensación, individualmente ou en réxime de copropiedade, estará definida pola cota ou porcentaxe sobre o total que a cada un lle corresponda.

Para fixa-las respectivas cotas de participación atenderase á superficie dos predios achegados á Xunta de Compensación por cada un dos propietarios de terreos, con suxeición ó establecido no artigo 133.6º da Lei do solo de Galicia e 167 do Regulamento de xestión urbanística.

No suposto de incorporación á xunta de empresas urbanizadoras, procederase ó reaxuste das cotas correspondentes á empresa urbanizadora incorporada, en función das condicións establecidas pola asemblea xeral no momento da integración.

Artigo 27º.-Dereitos dos membros da Xunta de Compensación.

Serán dereitos dos membros da Xunta de Compensación:

a) Concorrer ás reunións da asemblea xeral e intervir na adopción de acordos, proporcionalmente ás súas cotas de participación respectivas.

b) Participar, como elector ou candidato, na designación dos membros do Consello Rector.

c) Adquiri-la titularidade, individual ou en copropiedade, da parcela ou parcelas que lles sexan adxudicadas no proxecto de compensación.

d) Impugna-los acordos e resolucións da asemblea.

e) Percibir, ó tempo da disolución e liquidación da Xunta de Compensación e en proporción ás súas respectivas cotas de participación, a parte de patrimonio daquela que lles correspondese.

f) Os demais dereitos que lles correspondan, de acordo co disposto nos presentes estatutos e nas disposicións legais aplicables.

Artigo 28º.-Obrigas dos membros da Xunta de Compensación.

Os membros da Xunta de Compensación estarán obrigados a:

a) Entregar no seu domicilio os documentos relativos ós dereitos sobre os predios achegados, regularizando, se é o caso, a titularidade dominical e rexistral deles.

b) Cumpri-los acordos adoptados polos órganos rectores e acata-la autoridade dos seus representantes, sen prexuízo dos recursos ós que houber lugar.

c) Determinar no momento da súa incorporación á xunta un domicilio para efectos de notificacións.

d) Satisfacer dentro de prazo as achegas económicas que se lles requiran.

e) Designar, nos supostos de copropiedade, unha persoa que represente os cotitulares no exercicio dos dereitos e cumprimento das obrigas previstos nestes estatutos, sen prexuízo da responsabilidade solidaria daqueles; verificará a dita designación, no caso de non existir acordo entre os interesados, o órgano urbanístico de control, por proposta da Xunta de Compensación. Quedan exceptuados desta obriga os copropietarios que, pola súa vez, sexan propietarios exclusivos doutras parcelas.

f) No suposto de que algún dos membros da Xunta procedese á transmisión parcial ou total dos terreos da súa propiedade achegados á dita Xunta, o trans

mitente deberá comunicarllo a esta dentro dos quince días seguintes á transmisión.

g) O ou os que resulten adquirentes, quedarán subrogados nos dereitos e obrigas do causante. Na escritura pública de transmisión farase mención de que os terreos están afectados e deberanse explicar con claridade as consecuencias da transmisión en relación coas obrigas económicas pendentes.

No suposto de que as partes desexen que a venda non leve implícita a transmisión da condición de socio, deberán indicalo expresamente.

Artigo 29º.-Medios económicos.

Serán ingresos da Xunta:

a) As achegas dos membros.

b) As subvencións, créditos, doazóns, etc., que se obteñan.

c) O producto de alleamentos de bens da xunta ou dos que fosen reservados con tal fin no proxecto de compensación.

d) As rendas e productos do seu patrimonio.

e) As participacións e ingresos que procedan de convenios con outras entidades organismos para a realización de fins urbanísticos.

Artigo 30º.-Regras para a exacción de achegas.

O Consello Rector, ó asina-las cantidades que deben satisface-los socios, definirá a forma e as condicións de pagamento.

Agás acordo en contrario, o ingreso das cantidades que se van satisfacer realizarase dentro do prazo dun mes seguinte á data da notificación do acordo do Consello Rector, e transcorrido o dito prazo, o moroso incorrerá nunha recarga equivalente ó xuro legal do diñeiro, vixente na data, incrementado en tres puntos, da cantidade ou fracción non aboada, debendo ingresa-la totalidade da cantidade debida no prazo dun mes contado a partir do requirimento que o Consello lle practique para o efecto.

Transcorrido este último prazo sen se ter efectuado o pagamento, o Consello Rector procederá contra o moroso por vía de constrinximento ou utilizando o dereito de expropiación, nos termos do artigo 181 do Regulamento de xestión urbanística.

Artigo 31º.-Recursos administrativos.

Contra os acordos da asemblea xeral cabe formular recurso de alzada diante do órgano urbanístico de control, dentro do prazo dos quince días seguintes á data de notificación do acordo, debendo concedérselle audiencia á Xunta de Compensación con carácter previo á resolución do recurso.

Artigo 32º.-Disolución e liquidación.

A Xunta disolverase polo cumprimento dos seus fins, requirindo en todo caso acordo do órgano urbanístico de control, procedendo a continuación o Consello Rector á sua liquidación.

Xunta de Compensación

sector 2

San Pedro de Visma

Bases de actuación

Primeira.-Ámbito territorial e finalidade.

As presentes bases de actuación refírense á Xunta de Compensación para o sector 2 do solo urbanizable en San Pedro de Visma, cos sistemas xerais incluídos e adscritos, e constitúen o instrumento obxectivo que determina os criterios para o cálculo de achegas e adxudicacións e conseguinte reparto equitativo de beneficios e cargas, contratación de obras de urbanización e demais aspectos funcionais que se recollen, no seu contido mínimo, no artigo 167 do Regulamento de xestión urbanística de agosto de 1978.

Segunda.-Criterios para valora-los predios achegados.

De conformidade co establecido no artigo 133 e 101 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, o dereito dos propietarios será proporcional á superficie das respectivas parcelas.

Por aplicación do criterio establecido no artigo 103 do Regulamento de xestión urbanística, no caso de discordia entre os títulos e a realidade física dos predios, prevalecerá esta sobre aqueles.

Terceira.-Criterios de valoración de dereitos reais sobre os predios, servidumes prediais e dereitos persoais que puidesen estar constituídos en razón delas.

Mediante subrogación real, as titularidades existentes sobre os antigos predios quedarán referidas sen solución de continuidade ós correlativos predios resultantes, no seu mesmo estado e condicións, sen prexuízo da extinción dos dereitos e cargas que resulten incompatibles co planeamento, caso no cal se fixará a indemnización correspondente por conta do propietario respectivo.

Non obstante, as indemnizacións pola extinción de servidumes ou dereitos de arrendamento incompatibles co planeamento ou coa súa execución, consideraranse gastos de urbanización, correspondéndolles ós propietarios en proporción á superficie dos seus respectivos terreos.

A compatibilidade ou incompatibilidade dos dereitos e gravames coa nova ordenación, e as súas consecuencias para o traslado, valoración ou constitución dun dereito de crédito con garantía hipotecaria, rexerase polo establecido nos artigos 11 e 12 do Real decreto 1093/1997, do 4 de xullo.

Segundo o artigo 32 da Lei 6/1998, do 13 de abril, sobre réxime do solo e valoracións, a valoración das concesións administrativas e os dereitos reais sobre inmobles, efectuarase de acordo coas disposicións sobre expropiación que especificamente determinan o seu prezo xusto, e subsidiariamente segundo as normas do dereito administrativo, civil ou fiscal que resulten de aplicación.

A valoración das concesións administrativas está regulada no artigo 41 da Lei de expropiación forzosa. Polo que atinxe á valoración de dereitos reais sobre inmobles, a referencia que o artigo 42 desta lei fai á lexislación do imposto sobre dereitos reais debe de entenderse feita ó imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, sendo polo tanto de aplicación o artigo 10.2º do Real decreto lexislativo 1/1993, do 24 de setembro.

As indemnizacións a favor dos arrendatarios rústicos e urbanos fixaranse consonte o previsto na Lei de expropiación forzosa, segundo a remisión que fai o artigo 31.3º da xa antes citada Lei sobre réxime de solo e valoracións.

En canto que a lexislación expropiatoria se limita a remitirse pola súa vez á lexislación sobre arrendamentos, e á falta de normas máis específicas, procede aplica-los criterios dos xurados provinciais de expropiación, avalados por la xurisprudencia do Tribunal Supremo e o disposto no artigo 137 do Regulamento de xestión urbanística, tendo en conta polo tanto:

En arrendamentos rústicos:

a) Carácter da actividade económica principal do arrendatario.

b) Dificultade de substitución da dita actividade.

c) Contía do beneficio do cultivador, fixada no cálculo do rendemento bruto.

d) Valor dos elementos mecánicos propios do arrendamento utilizados na explotación.

e) Te-lo arrendatario o seu domicilio no predio arrendado.

En arrendamentos urbanos:

a) Dificultade de substitución do arrendamento en condicións análogas e especialmente a derivada da diferencia de rendas.

b) Contía dos gastos de traslados.

c) Valor das melloras realizadas no inmoble cando a súa percepción lle corresponda ó arrendatario.

No caso de traslado de industria, os criterios reiteradamente sinalados pola xurisprudencia son: gastos de traslado, gastos de primeiro establecemento e apertura, de desmontaxe e montaxe, prezo do traspaso, maior importe da nova renda que hai que satisfacer dun novo local, indemnización polo afastamento do lugar anterior, indemnización por paralización temporal de actividades ou perda de beneficios, pagamentos e indemnizacións a dependentes e obreiros, perda de clientela, valor de afección.

En todo caso serán de aplicación os criterios estimativos do artigo 43 da Lei de expropiación forzosa.

Cuarta.-Criterios de valoración de edificacións, obras, plantacións e instalacións que se deberán derruír ou demoler.

O mencionado artigo 31 da Lei do 13 de abril 1998 dispón nos seus dous primeiros puntos que as plantacións, sementados, obras e instalacións que existan no solo, agás que polo seu carácter de melloras permanentes foran tidas en conta na determinación do valor do terreo, se valorarán con independencia del, de acordo cos criterios da Lei de expropiación forzosa, e o seu importe seralles satisfeito ós seus titulares.

En canto que a lexislación expropiatoria non fai referencia expresa á determinación do prezo xusto destes elementos, a referencia débese entender feita implicitamente á posibilidade de aplicación do artigo 43.

O valor das edificacións, que así mesmo se calculará con independencia do solo, determinarase de acordo coa normativa catastral, en función do seu custo de reposición, corrixido en atención á antigüedade e estado de conservación delas.

Os criterios aplicables son os do Real decreto 1020/1993, do 25 de xuño, polo que se aproban as normas técnicas de valoración e o cadro marco de valores do solo e das construccións para determina-lo valor catastral dos bens inmobles de natureza urbana, completado pola Orde do 24 de xaneiro de 1995 do Ministerio de Economía e Facenda, coa actualización da Orde do 14 de outubro de 1998.

Quinta.-Criterios para valora-las achegas de empresas urbanizadoras.

En canto que se previu nos estatutos a posibilidade de se incorporaren á Xunta empresas urbanizadoras, procede especificar que a valoración da achega das ditas empresas se determinará en función do custo das obras segundo o orzamento do proxecto de urbanización ou das partidas que vaia executar, convíndose coa Xunta, no momento da incorporación, se esta cifra é definitiva ou se serán de aplicación cláusulas de revisión de prezos.

Para a determinación da contrapartida que corresponda á empresa, a asemblea aprobará o oportuno convenio con ela.

Sexta.-Procedemento para contrata-la execución das obras de urbanización.

A execución das obras de urbanización poderán realizala, en todo ou en parte, empresas urbanizadoras incorporadas á Xunta, nas condicións establecidas no correspondente convenio.

Noutro caso, a selección da empresa urbanizadora realizarase polo procedemento negociado, adxudicándoselle o contrato ó empresario xustificadamente elixido pola Xunta de Compensación mediante acordo da asemblea, logo de consulta e negociación dos termos do contrato con varios empresarios en número non inferior a tres.

No contrato de execución de obras faranse constar, ademais das cláusulas que constitúen o seu contido típico, as seguintes circunstancias:

a) O compromiso da empresa constructora de realiza-las obras de total conformidade co proxecto de urbanización debidamente aprobado.

b) A obriga da empresa de facilita-la acción inspectora da Administración actuante.

c) Aqueles supostos de incumprimento que poidan dar lugar á resolución do contrato, así como as indemnizacións que correspondan por inobservancia das características técnicas das obras ou dos prazos de execución.

d) A retención que, de cada pagamento parcial á conta, teña que efectua-la Xunta, en garantía da correcta execución das obras. Estas retencións non serán devoltas ata que non se teña recibido a obra.

e) O modo e os prazos para aboamento pola Xunta de cantidades á conta en función da obra realizada.

A mesa de contratación estará constituída polos membros do Consello Rector.

Sétima.-Regras para a adxudicación de predios ós membros da Xunta en proporción ós bens ou dereitos achegados, expresando os criterios de adxudicación en comunidade se procedese.

A adxudicación dos predios resultantes ós membros da Xunta farase tendo en conta a relación de proporcionalidade entre os predios achegados por cada un dos asociados, ou sexa, con relación á cota de participación de cada un.

Procurarase, en aplicación do establecido no artigo 95 do Regulamento de xestión urbanística, que os predios adxudicados estean situados no lugar máis próximo posible ó das antigas propiedades dos mesmos titulares. Esta regra non será necesariamente aplicable no caso de que as antigas propiedades estean situadas, en máis do 50% da súa superficie, en terreos destinados polo plan a vías, zonas verdes ou a outros usos incompatibles coa propiedade privada.

Seguindo o contido do artigo 94 do Regulamento de xestión urbanística, cando a escasa contía dos dereitos dalgúns propietarios non permita que se lles adxudiquen predios independentes a todos eles, os soares resultantes adxudicaránselles en pro indiviso a tales propietarios.

Esta mesma regra aplicarase polo que atinxe ós excesos cando, por esixencias da parcelación, o dereito de determinados propietarios non quede esgotado coa adxudicación independente que se faga en favor del.

Sempre que o permitan as esixencias da parcelación, a adxudicación de predios independentes ó maior número posible de propietarios, será preferible á adxudicación pro indiviso; esta última á indemnización en metálico. Nas adxudicacións pro indiviso procurarase tamén a creación de comunidades do menor número posible de comuneiros.

Se a contía dos dereitos dalgún propietario non alcanzase o 15% da parcela mínima edificable, a

adxudicación poderase substituír por unha indemnización en metálico.

Oitava.-Supostos de incumprimento das obrigas dos membros da Xunta de Compensación que darán lugar á expropiación dos seus bens ou dereitos.

O incumprimento polos membros da Xunta de Compensación das obrigas e cargas impostas pola lei e desenvolvidas no Regulamento de xestión urbanística, mesmo cando o incumprimento se refira ós prazos para cumpri-los ditos deberes e cargas, habilitará a Administración actuante para expropia-los seus respectivos dereitos a favor da Xunta de Compensación, que terá a condición xurídica de beneficiaria.

Cando o incumprimento consista na negativa ou demora no pagamento das cantidades debidas á Xunta, esta poderá optar entre solicitar da Administración actuante a aplicación da expropiación ó membro moroso ou solicitar dela o cobramento da débeda por vía de constrinximento.

Non se poderá instar ningún dos procedementos sinalados ata transcorrido un mes desde o requerimento de pagamento efectuado pola Xunta.

O pagamento das cantidades debidas á Xunta, cos xuros e recargas que procedan, realizado en calquera momento anterior ó levantamento da acta de ocupación, dará lugar á cancelación do expediente expropiatorio.

Novena.-Forma e prazos en que os propietarios dos terreos ou titulares doutros dereitos teñan que realizar achegas á Xunta, sexa en metálico, sexa en terreos ou en industria, se é o caso.

Os pagamentos á Xunta de Compensación realizaranse no prazo máximo dun mes, contado desde o día seguinte ó do recibo do requirimento que se practique para o efecto.

O pagamento farase normalmente en metálico, pero por acordo co obrigado, referendado en asemblea, poderase substituír pola entrega de terreos ou prestacións persoais.

Décima.-Regras para a distribución de beneficios e perdas.

A distribución de beneficios e perdas farase en función das cotas dos asociados.

Décima primeira.-Supostos de compensación en metálico nas diferencias de adxudicación.

De conformidade co establecido no artigo 101 da Lei do solo de Galicia, as compensacións económicas substitutivas ou complementarias por diferencias de adxudicación que, se é o caso, procedan, fixaranse atendendo ó prezo medio de venda das parcelas resultantes, sen incluí-los custos de urbanización.