Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Martes, 18 de abril de 2000 Páx. 6.434

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2000, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector da industria de ebanistería e afíns.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector da industria de ebanistería e afíns (código 2700245), da provincia de Lugo, asinado o día 17 de febreiro de 2000, pola representación da asociación empresarial e das centrais sindicais UGT (59,1%), CC.OO. (13,6%) e USO (13,6%), e de conformidade co disposto no artigo 90 números 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta delegacion provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 15 de marzo de 2000.

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

Acta

Asistentes:

Pola asociación empresarial:

Ángel Hermida Seivane.

Julio Moure López.

Gonzalo Expósito Chorén.

Polas centrais sindicais:

UGT (59,1%):

Adolfo Mosteirín Turia.

Pedro González Sordo.

Plácido Regueiro Corgoso.

José Luis Docampo Fortes.

Carlos García Vázquez.

CC.OO. (13,6%):

Ángel Barreiro Pérez.

Jesús Varela Lodeiro.

USO (13,6%):

Manuel Expósito López.

Manuel Silvarrey Cabado.

En Lugo, sendo as 17 horas do días 17 de febreiro de 2000, reúnense nos locais da Confederación de Empresarios de Lugo (praza de Santo Domingo, nº 6-8, 2º de Lugo) as persoas á marxe relacionadas, integrantes todas elas da comisión negociadora do convenio colectivo para a industria da ebanistería e afíns de Lugo e, tralas deliberacións oportunas, tómanse os seguintes acordos:

Primeiro.-Aproba-lo texto do convenio colectivo provincial de industria de ebanistería e afíns da provincia de Lugo, que e anexa a esta acta, xunto coas súas táboas, para o cal as partes contan coa capacidade legal necesaria, tal e como se expresa na acta de constitución da comisión negociadora.

Sen prexuízo do sinalado, a central sindical CIG solicita que conste na acta da sinatura que non subscribe o convenio pola súa preferencia pola sinatura dun convenio provincial ou autonómico sen depender do convenio colectivo estatal da madeira.

Segundo.-Remitirlle-la presente acta á autoridade laboral competente, para os efectos legais oportunos.

E non habendo máis asuntos que tratar, e en proba de conformidade, asinan esta acta as persoas á marxe relacionadas en lugar e data indicados no encabezamento.

Rubricado

Convenio colectivo provincial para a industria

da ebanistería e afíns da provincia de Lugo

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio será de aplicación a tódalas empresas da provincia de Lugo, establecidas ou que se establezan no futuro, que rexéndose polo convenio colectivo estatal da madeira publicado no BOE do 20 de maio de 1996 e tendo os seus centros de traallo na provincia, teñan ó seu servicio traballadores encadrados nas actividades de ebanistería, mobles curvados, fábricas de mobles en serie, carpintería e carpintería mecánica, envases e embalaxes, brochas, cepillos, pinceis e vasoiras, almacéns de madeira e tapicerías, fábricas de cadaleitos, carpintería de ribeira e demais actividades de segunda transformación da madeira, previstas no anexo I do convenio colectivo estatal da madeira. As condicións pactadas neste convenio teñen o carácter de mínimas obrigadas.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O presente convenio terá unha duración dun ano, desde o 1 de xaneiro de 2000 ata o 31 de decembro de 2000, con independencia da data de publicación no BOP ou no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º.-Comisión mixta paritaria.

Constituirase un comité mixto paritario entre as partes asinantes do convenio. O citado órgano, integrado por 7 representantes da asociación empresarial asinante, 5 membros de UGT, 1 membro de CC.OO. e 1 membro de USO, igualmente asinantes do convenio, cumprirá as funcións de aplicación do pactado, así como do seu seguimento. Caso de non chegar a acordo na dita comisión, ámbalas dúas partes sométense á competencia do Servicio de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) e xurisdicción competente.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Os traballadores que anteriormente a este convenio viñesen gozando de mellores condicións cás aquí pactadas, poderán acollerse a elas, séndolles respectadas para tódolos efectos.

Artigo 5º.-Denuncia.

A denuncia do convenio deberá presentarse cunha antelación mínima de 30 días á data de finalización do convenio, por calquera das partes. A ausencia de denuncia deste convenio significará, en todo caso, a súa prórroga por un ano, en iguais termos, salvo no referente á táboa salarial que se verá incrementada en igual contía có IPC anual.

Artigo 6º.-Xornada laboral.

A xornada laboral de traballo queda fixada para o ano 2000 en 1.780 horas ó ano de traballo efectivo, tanto en réxime de xornada continuada como partida, que se distribuirá de luns a venres, ambos inclusive, salvo nos casos de que entre empresa e traballadores se tome un acordo en contra con respecto ó traballo dos sábados.

Independentemente do anterior, a empresa queda facultada, naqueles supostos de que non se traballe o sábado, para nomear un servicio de urxencia para manter un nivel mínimo de servicios de asistencia ó público, sendo os ditos nomeamentos de carácter representativo. A compensación ós traballadores que traballen en sábado, efectuarase de forma horaria con carácter mensual.

As empresas poderán distribuí-la xornada establecida no parágrafo primeiro deste artigo ó longo do ano mediante criterios de fixación uniforme ou irregular, afectando a uniformidade ou irregularidade ben a todo o cadro de persoal ou de forma diversa por seccións ou departamentos, por períodos estacionais do ano en función das previsións das distintas cargas de traballo e desprazamentos da demanda. En todo caso a distribución irregular da xornada respectará os topes mínimos e máximos de distribución previstos no artigo 43 do convenio colectivo estatal da madeira.

Para os efectos dunha mellor organización do traballo as empresas poderán establecer un calendario anual no que se recolla a distribución da xornada pactada ó longo do ano.

Artigo 7º.-Vacacións.

O persoal comprendido neste convenio gozarán dun período anual de 30 días naturais de vacacións, preferentemente entre os meses de xuño e setembro. No primeiro trimestre do ano, as empresas poñerán en coñecemento de todo o persoal o calendario de vacacións, así como os criterios seguidos para o seu establecemento. Despois da citada exposición, existirá sempre a posibilidade de reaxuste do calendario proposto, ben por medio dun prazo de reclamación daqueles traballadores que sexan prexudicados ou polo establecemento dun acordo entre empresa e traballador.

No suposto de desacordo, haberá que se ater ó que dispoña a autoridade laboral ou a xurisdicción laboral.

Artigo 8º.-Período de proba.

O persoal comprendido neste convenio, para os efectos de establece-la duración dos períodos de proba axustarase á seguinte escala:

Peón: 15 días.

Resto de categorías: 30 días.

Artigo 9º.-Licencias retribuídas.

O persoal gozará das seguintes licencias retribuídas:

-15 días en caso de matrimonio.

-2 días por cambio de domicilio na cidade.

-5 días por cambio de residencia fóra do municipio.

Considérase non laborable a xornada de tarde do 24 e 31 de decembro.

Así mesmo, considerarase non laborable a xornada de mañá do día 24 ou 31 de decembro, segundo acordo entre empresa e traballadores.

Nos restantes casos, haberá que aterse ó disposto no cadro de permisos e licencias recollido no anexo II do convenio colectivo estatal da madeira e na lexislación laboral vixente.

Artigo 10º.-Roupa de traballo.

As empresas entregaranlles ós traballadores dúas pezas de roupa anualmente, unha en xullo e outra en decembro. En traballos especiais entregaranse, se fose necesario, a roupa oportuna.

Artigo 11º.-Salarios.

Durante o ano 2000 os salarios serán os establecidos na táboa salarial anexa, resultado de aplicar un incremento do 3,5% sobre das táboas do ano 1999, desde a súa publicación no BOP ou no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, terá carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2000.

Artigo 12º.-Pagas extraordinarias.

Establécese unha en xullo de 30 días, que se pagará antes do 30 de xuño, denominada paga de verán e outra en decembro de 30 días que se aboarán antes do 20 do citado mes, denominada paga de Nadal. A contía das pagas mencionadas será de 30 días de salario base máis a antigüidade e a compensación por perda da antigüidade.

As pagas extraordinarias reguladas neste artigo devengaranse por semestres naturais e por cada día natural no que se devengase o salario base.

Artigo 13º.-Premio de xubililación.

Os traballadores que e xubilen con máis de 10 anos de antigüidade na empresa, percibirán, nos dous supostos que se sinalan, unha gratificación equivalente ó número de mensualidades que se relacionan:

Ós 65 anos: 1 mes.

Ós 64 anos: 2 meses.

Ós 63 anos: 2 meses e medio.

Ós 62 anos: 3 meses.

Ós 61 anos: 3 meses e medio.

Ós 60 anos: 4 meses.

Artigo 14º.-Seguro de invalidez ou morte.

As empresas suxeitas a este convenio contratarán un seguro por accidentes de traballo polas contías de 4.000.000 de pesetas por invalidez permanente,

nos graos de total, absoluta e grande invalidez, e de 2.500.000 pesetas no caso de morte.

Artigo 15º.-Axudas de custo.

Aboaranse conforme os gastos habidos, ou que se xustifiquen segundo factura.

Artigo 16º.-Aprendices.

Os anos traballados como aprendiz nunha empresa serán computables para os efectos de duración de aprendizaxe, noutra das mesmas especialidades, logo de certificación do aproveitamento pola empresa anterior, ou certificación de capacitación por un centro de formación profesional.

O tempo de aprendizaxe nunha empresa será computable para os efectos de antigüidade. Para os efectos de determina-los salarios que corresponden, tratarase o establecido na táboa salarial anexa.

Artigo 17º.-Dereitos sindicais.

As empresas vinculadas ó presente convenio recoñecen os sindicatos debidamente implantados no sector como elemento básico ou representativo, para afrontar a través dos seus delegados de persoal e comité de empresa as necesarias relacións entre traballadores e empresario. Para o exercicio das súas funcións representativas recoñéceselles ós membros dos comités de empresa e delegados de persoal o número mínimo de horas retribuídas mensuais previstas no artigo 68 do Estatuto dos traballadores segundo o número de traballadores de cada centro de traballo, sen que en ningún caso o crédito horario mensual poida ser inferior a 16 horas.

Cota sindical. As empresas, a requirimento dos traballadores ou dos seus representantes sindicais (comité ou delegados), descontarán da nómina mensual do traballador o importe da cota sindical correspondente. O traballador interesado na realización de tal operación remitiralle á dirección da empresa un escrito no que expresará, con claridade, a orde do desconto, a central sindical ou sindicato ó que pertence, a contía da cota e o número de contas correntes e entidades a onde debe ser transferida a dita cantidade. A dirección da empresa entregará copia da transferencia á representación sindical se a houbera.

Taboleiro de anuncios. Os delegados de persoal e seccións sindicais constituídos a teor da lexislación vixente, disporán dun taboleiro de anuncios para expoñer comunicados relativos a problemas laborais da empresa ou do sector.

Artigo 18º.-Compensación en caso de baixa por enfermidade ou accidente.

Nestes supostos a empresa aboaralles ós seus traballadores o complemento necesario para que unidas á compensación económica, debida á incapacidade temporal, por accidente de traballo e enfermidade profesional, o traballador perciba o salario que se establece neste convenio a partir do día seguinte ó inicio da baixa e mentres perciba a indemnización económica a cargo da Seguridade Social podendo a empresa controla-la evolución da enfermidade ou accidente por medio dos seus servicios, deste dictame médico dependerá a subsistencia do referido beneficio, sen prexuízo das sancións que resulten pertinentes.

Igualmente, no caso de enfermidade común, o 100% aboarase a partir das 20 semanas de baixa e, en todo caso, cando exista hospitalización e durante o tempo en que dure esta.

Artigo 19º.-Dos traballos tóxicos, penosos e perigosos.

En todo caso para a súa cualificación e determinación fidedignas, logo de comunicación á empresa do traballador e traballadores supostamente afectados, haberá que aterse ó que determine a autoridade laboral previo expediente legalmente tramitado para tal efecto.

En canto á súa retribución e demais aspectos normativos haberá que aterse ó disposto no convenio colectivo estatal da madeira.

Artigo 20º

Cando no cumprimento das obrigas laborais puideran producirse a retirada do carné de conducir, por infracción ou accidente, a empresa comprometerase a ocupar ó traballador afectado, naquelas tarefas que non requiran tal condición. Esta medida non será de aplicación no caso de infracción reiterada ou de retirada definitiva do carné.

Artigo 21º

A idade de xubilación voluntaria será de 64 anos cumpridos. A todas aquelas empresas que lle sexa solicitada por un traballador a dita xubilación á idade xa citada, veranse obrigadas a contratar outro traballador, titular de dereito ás prestacións de desemprego ou novo demandante de primeiro emprego, mediante un contrato da mesma condición có extinguido na forma e condicións que establece a lexislación vixente.

Artigo 22º.-Normas supletorias.

En todo o non previsto neste convenio colectivo, haberá que aterse ó disposto no convenio colectivo estatal da madeira e demais lexislación vixente.

Artigo 23º.-Recoñecemento médico.

As empresas vinculadas a este convenio colectivo están obrigadas á realización dun recoñecemento médico anual para todo o persoal, a través do Gabinete Técnico Provincial de Seguridade e Hixiene, ou a través da Mutua Patronal de Accidentes de Traballo. O tempo empregado no recoñecemento será aboado pola empresa, quen facilitará os medios de transporte para este desprazamento.

Artigo 24º.-Traballo da muller.

Os dereitos e obrigas establecidas na lexislación laboral e neste convenio afectarán por igual o home e a muller.

As empresas están obrigadas a pagar, por igual traballo, os mesmos salarios e complementos sen discriminación de sexo.

Para os efectos da extinción do contrato de traballo por causas obxectivas non se computarán como faltas de asistencia as dos traballadores en período de licencia por maternidade.

Artigo 25º.-Comisión de seguridade e hixiene no traballo.

As partes asinantes acordan constituír unha comisión paritaria provincial sectorial de seguridade e

hixiene no traballo, integrada por un representante de cada unha das centrais sindicais asinantes do convenio e un número de representantes da Asociación de Empresarios de Ebanistería de Lugo, igual ó total das centrais sindicais.

Ámbalas representacións comprométense a manter reunións periódicas, logo de convocatoria de calquera das partes con 15 días de antelación.

As funcións básicas da comisión de seguridade e hixiene terán como obxectivos prioritarios:

1. Promove-la observancia das disposicións legais vixentes para a previsión dos riscos profesionais no ámbito do sector.

2. Prestarlles asesoramento ós empresarios e traballadores para evitar e/ou reduci-los riscos que atenten contra a integridade física e contra a saúde dos traballadores.

3. Dar a coñece-las normas e procedementos e que en materia de seguridade e hixiene dicten os organismos especializados nesta materia.

4. Solicitar informes sobre os resultados estatísticos dos recoñecementos médicos que se realicen ós traballadores deste sector.

Cantas outras funcións a comisión se atribúa, orientadas ó desenvolvemento e mellora da seguridade e hixiene no traballo, no sector, na provincia de Lugo.

Artigo 26º.-Comisión de formación profesional.

As partes signatarias acordan constituír unha comisión paritaria provincial sectorial de formación profesional, integrada por un representante de cada unha das centrais sindicais asinantes do convenio e un número de representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Ebanisteria de Lugo igual ó total das centrais sindicais.

Serán funcións desta comisión:

-Requirir das administracións autonómicas competentes o recoñecemento desta comisión interlocutor social sectorial que reciba a información existente sobre programas e cursos de formación profesional con financiamento oficial que afectan o sector de ebanistería, co fin de colaborar tanto nos que estean en marcha, como os que poidan programar máis adiante.

-Elaborar estudios sobre necesidades e requirimentos de formación profesional no sector para chegar a defini-la organización e programación dela, tanto ocupacional coma regulada (observatorio ocupacional).

-Elaborar plans formativos necesarios para consegui-la homologación das cualificacións profesionais dos traballadores técnicos, administrativas e manuais, coas súas equivalentes na Comunidade Económica Europea.

-Cantas outras funcións a comisión se atribúa, orientadas ó desenvolvemento e mellora da formación profesional no sector, na provincia de Lugo.

Artigo 27º.-Complemento de antigüidade.

A partir do 30 de setembro de 1996 non se devengan por este concepto novos dereitos quedando polo tanto suprimido.

Non osbstante, os traballadores que xerasen antes do 30 de setembro de 1996 novos dereitos e contías en concepto de antigüidade manterán a cantidade consolidada na dita data. A contía mencionada figurará na nómina de cada traballador como complemento persoal baixo o concepto de antigüidade consolidade non sendo tal contía absorvible nin compensable. Para tales efectos fíxase na táboa salarial anexa o importe do quinquenio consolidado para cada unha das categorías profesionais.

Para compensa-la perda económica que supón a desaparición do concepto de antigüidade, os traballadores suxeitos a este convenio colectivo pasarán a percibir durante o ano 2000 as contías que figuran na táboa salarial anexa baixo o concepto de compensación antigüidade, e que baixo este mesmo concepto figurará na nómina dos traballadores.

Artigo 28º.-Vinculación á totalidade.

Como queira que as condicións pactadas neste convenio colectivo son o resultado da adaptación ó convenio colectivo estatal da madeira, se se dese o caso de que a xurisdicción competente anualase ou invalidase, habendo resolución firme, algúns ou tódolos seus pactos e polo tanto quedase sen efecto o convenio colectivo estatal pola aplicación do seu artigo 16, o convenio colectivo estatal deixará de rexer no futuro no que respecta a este convenio colectivo provincial.

Por outra parte e no suposto de que a xurisdicción competente estimase que algunha das condicións pactadas neste convenio colectivo conculca a legalidade vixente ou lesiona gravemente intereses de terceiros e como queira que este convenio na súa redacción actual constitúe un todo orgánico indivisible, terase por totalmente ineficaz debendo ser reconsiderado o seu contido íntegro pola comisión negociadora.

Disposicións adicionais.

Primeira.-As partes asinantes deste convenio consideran o acordo interprofesional galego sobre os procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo como a canle idónea para a solución dos conflictos colectivos laborais.

Segunda.-As empresas disporán dun mes desde a publicación deste convenio no BOP ou no Diario Oficial de Galicia para aboa-las diferencias salariais entre as cantidades que viñeran percibindo e as que se pactan neste convenio, en concepto de atrasos desde o 1 de xaneiro de 2000 ata a data da publicación.

Táboa de salarios do convenio da ebanistería

de Lugo

Vixencia desde o 1-1-2000 ó 31-12-2000

Categoría

profesional

Salario

día

Compens.

Antigüid.

(ano)

Compens.

Antigüid.

(mes)

Quinq.

Consolid.

Salario

anual

Encargado e similares4.52925.0321.78878.2151.949.857

Oficial 1ª Conduc. e Asimil.4.51724.9621.78377.9871.944.687

Oficial 2ª Conduc. e Asimil.4.37324.1641.72675.5071.882.689

Peón, axudante e Asimil.4.28023.6461.68973.8921.842.646

Aprendiz 17 anos 2.71214.9941.07146.8421.167.594

Aprendiz 16 anos 2.42013.38495641.8371.041.884

Categoría

profesional

Salario

mes

Compens.

Antigüid.

(ano)

Compens.

Antigüid.

(mes)

Quinq.

Consolid.

Salario

anual

Xefe oficina e proxectista136.64924.8781.77777.7411.937.964

Oficial 1ª administrativo

e xefe taller

135.37524.6401.76077.0181.919.890

Oficial 2ª administrativo

e xefe taller

131.59423.9541.71174.8661.866.270

Auxiliar administrativo129.08423.5061.67973.4371.830.682

Aprendiz maior 18 anos127.52023.2121.65872.5491.808.492