Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Martes, 18 de abril de 2000 Páx. 6.422

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 10 de abril de 2000 pola que se convoca e se regula o réxime de concesión de axudas para o sector artesanal galego.

En Galicia a artesanía pode considerarse como un factor de gran importancia no equilibrio económico, demográfico e social gracias á súa localización e á variedade das súas actividades. Actualmente, preséntase como un sector, aínda que complexo, en ebulición, cun gran abano de actividades en tódolos terreos e para tódolos usos que o converten nun sector productivo cun papel fundamental nas zonas nas que se asentan.

A crecente demanda de productos diferenciados da oferta industrial, cun alto compoñente manual que dota o obxecto dunha individualidade e dunha diferenciación respecto das grandes produccións en serie, permiten augurar un futuro esperanzador para os productos artesanais, sempre que sexan capaces de responder ás esixencias do mercado. Neste sentido, o sector precisa dunha intervención a través do desenvolvemento de accións específicas dirixidas a áreas fundamentais de empresa, e a dota-lo capital humano de formación técnica que contribúa a asegura-lo éxito do desenvolvemento destas accións, recualificando os traballadores e reposicionando o sector.

Así mesmo, a consecución dos niveis de rendibilidade necesarios para garanti-la competitividade da empresa nos mercados obrigan a unha continua adaptación tecnolóxica, que, mantendo o seu carácter artesanal nos procesos de elaboración máis fundamentais para cada producto, facilite tarefas que sendo mecanizadas non

prexudiquen a calidade final do producto, senón que acheguen un grao de eficacia e fiabilidade.

Neste contexto, están a xurdir novas iniciativas de comercialización que se adaptan ó producto artesán e ás esixencias da nova configuración da sociedade e dos mercados, e que teñen por obxectivo posibilitar unha presencia de calidade dos productos artesanais de Galicia, así como o acceso a novos mercados.

A evolución que está a experimenta-lo sector, fai necesario acometer accións para reforza-las unidades productivas que permitan atende-la ascendente demanda deste tipo de productos. Polo que é preciso o apoio para realizar accións de promoción vinculadas coa actividade que contribuirán á mellora da estructura productiva e comercial, coa finalidade de lle facilitar ó colectivo artesanal galego os medios para mellora-la súa competitividade e acada-la súa plena integración económica, sen esquecer que a permanencia do artesán non debe ser considerada unicamente desde o punto de vista económico, senón que ten que ser, tamén, valorada como un ben cultural e social.

Na súa virtude e en uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da axuda.

Esta orde ten por obxecto a convocatoria de axudas, que se conceden no exercicio de 2000, para o fomento e desenvolvemento do sector artesanal na Comunidade Autónoma de Galicia, a través do apoio tanto ás unidades productivas como ás asociacións de artesáns. A estratexia específica articularase en elementos básicos ou fundamentais como son a creación, mellora ou adecuación das unidades productivas, así como a divulgación e promoción dos productos artesáns ou a formación técnica.

Por outra parte, a orde establece os mecanismos para a concesión destas axudas, quedando garantidos os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade que deben presidi-lo seu outorgamento.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

As axudas faranse efectivas con cargo á partida orzamentaria 08.03.661-D.770.0 «Apoio á artesanía» dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, á que se destina un importe global de 113.560.000 pesetas.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os artesáns e obradoiros artesanais, sempre que estean establecidos en Galicia e inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, que se regula polo Decreto 145/1993, do 24 de xuño.

Así mesmo, poderán acceder a estas axudas as asociacións artesanais de carácter profesional e legalmente constituídas, con domicilio en Galicia e que conten

entre os seus membros con máis de vinte artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

1. Serán actuacións subvencionables as desenvolvidas por artesáns, obradoiros artesanais, asociacións artesanais e proxectos concertados (coa adhesión mínima de tres obradoiros), incluídas nos seguintes puntos:

a) Proxectos que se destinen a investimentos para a creación e posta en funcionamento de novas instalacións, así como á mellora, ampliación ou modernización das xa existentes. Dentro deste punto atenderanse:

-Obras de reforma, rehabilitación, acondicionamento de locais e obras de nova construcción, que deberán cumprir cos requisitos esixidos legalmente en cada caso, destinadas a obradoiros ou o desenvolvemento dunha actividade artesanal. A contía máxima da subvención nestes conceptos será de 2.000.000 de pesetas.

-Adquisición en réxime de propiedade de maquinaria, ferramentas e equipo auxiliar; equipos para procesos de informatización, propios das características da actividade artesanal e instalacións de deseño asistido por ordenador, sendo a contía máxima da subvención, no epígrafe de equipos informáticos, de 300.000 pesetas.

b) Proxectos que se destinen a divulgar e promocionar productos artesanais: deseño de imaxes corporativas, realización de catálogos ou outro tipo de soporte publicitario, especificamente concibidos e dirixidos ó fomento da actividade e a potenciación das canles de comercialización dos productos artesáns, sendo a contía máxima da subvención neste punto de 1.000.000 de pesetas.

c) Adquisición de elementos ou mobiliario básicos que formen parte do deseño dun expositor, cunha contía máxima para subvencionar de 500.000 pesetas. Así mesmo, atenderase a participación como expositor con stand propio en feiras de carácter profesional, considerándose subvencionables os gastos que ocasionen os espacios que se contraten, aluguer ou construcción do stand e transporte do material, cun tope máximo de subvención de 300.000 pesetas.

d) Os gastos de inscrición en programas formativos de perfeccionamento que teñan relación coa súa actividade, cun máximo de dous asistentes por obradoiro. As actividades de formación non poderán ter unha duración superior a 100 horas e a contía máxima para subvencionar non excederá de 100.000 pesetas por participante, cantidades que non serán computables para os efectos do 50 por cento que se fixa no artigo 6º desta orde.

e) Estudios ou proxectos que teñan por finalidade:

-Mellorar, impulsar e potencia-las produccións das actividades artesanais tradicionais de: tecidos en baixo lizo, zoqueiro, toneleiro, selleiro, albardeiro, oleiro, forxa, follateiro, caldeirería, afiador, cestería e labores de palla.

-Mellora-la comercialización dos productos artesanais: acceso ós novos mercados e o desenvolvemento de novos productos.

2. A contratación en prácticas, por parte de obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, de traballadores desempregados inscritos no momento da contratación no Servicio Público de Emprego, que non tiveran relación laboral coa empresa a través dun contrato de igual modalidade.

Os contratos en prácticas deberán cumpri-las esixencias e formalidades que establece o artigo 11 do Estatuto dos traballadores e as normas regulamentarias de desenvolvemento. As axudas previstas neste punto serán de aplicación ós contratos en prácticas que se realicen desde o 1 de xaneiro ó 15 de outubro do 2000.

Para que os devanditos contratos poidan ser obxecto da subvención deberán concertarse a xornada completa, por unha duración inicial non inferior a doce meses e non poderán supoñe-la sucesión de traballadores en prácticas para ocupa-lo mesmo posto de traballo.

Exclúense deste punto, os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario ou dos que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos.

A contía que se vai percibir por este concepto poderá acada-la cantidade de 600.000 pesetas por traballador.

3. Terán carácter subvencionable as seguintes actuacións que desenvolvan asociacións profesionais artesanais ou proxectos concertados (coa adhesión mínima de 3 obradoiros) que se destinen a:

-Desenvolver accións conxuntas de distribución, comercialización, ou calquera outra fórmula de colaboración empresarial.

-Crear redes de comunicación e transferencia de información con outros lugares do Estado e coa Unión Europea.

-Mellora-la información sobre tendencias de mercado en relación co deseño, coa comercialización de productos artesanais e co desenvolvemento do sector.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables e para a súa valoración, tendo en conta as porcentaxes e cantidades máximas establecidas, a Consellería de Industria e Comercio atenderá ós seguintes criterios xerais:

-Adecuación técnica e calidade do proxecto que se vai executar e a incidencia del na mellora da calidade do producto artesanal.

-Mellora da comercialización, divulgación e promoción de productos artesanais.

-Capacidade de xerar actividade económica na empresa, creación de novas unidades productivas e contribución á potenciación e creación de postos de traballo.

-Novidade das propostas.

-Tamaño da empresa.

-No caso dun proxecto concertado, número de empresas participantes e efectos e vantaxes derivadas da cooperación.

-Que o solicitante sexa xove artesán ou muller.

-Exercer algunha das seguintes actividades artesanais tradicionais: tecidos en baixo lizo, zoqueiro, toneleiro, selleiro, albardeiro, oleiro, forxa, follateiro, caldeirería, cestería e labores de palla.

-Que o solicitante non percibira nos dous últimos anos axudas da Consellería de Industria e Comercio, nin doutra institución, organismo ou Administración pública destinadas ó colectivo artesanal.

-Dispoñibilidade orzamentaria.

-Outros que se consideren de relevancia en cada caso.

Artigo 6º.-Contía das subvencións.

As axudas poderán acada-las cantidades máximas indicadas en cada epígrafe das accións subvencionables e, con carácter xeral, ata o 50 por cento do investimento subvencionable, agás as actuacións de formación e contratación, cun máximo de 4.000.000 de pesetas por entidade.

Non se valorarán, para efectos de investimento, os gastos que se realicen en pagamento de impostos, IVE, taxas, contribucións, licencias, etcétera, nin outros de carácter tributario, fiscal ou sometido a aranceis, e os investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro.

Artigo 7º.-Período subvencionable.

Considérase como período subvencionable, para os efectos da realización dos investimentos acollidos a esta orde, o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2000, ámbolos dous inclusive.

Artigo 8º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a súa presentación iniciarase a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 19 de maio de 2000.

As solicitudes presentaranse por triplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e dúas copias), conforme

os modelos que se xuntan como anexos I e II, e acompañaranse da seguinte documentación:

-Memoria explicativa do proxecto ou actuación que se vai desenvolver e prazo detallado para a súa execución.

-Orzamento desagregado do investimento e, nos casos en que proceda, presentarase: copia do proxecto elaborado pola empresa ou particular que o realice; factura pro forma ou contrato de maquinaria ou bens que se pretenden adquirir ou das actuacións que se van realizar, elaborada pola empresa subministradora. En calquera dos casos, o proxecto ou a factura pro forma irá dirixida ó solicitante da axuda e contará coa sinatura e DNI ou CIF/NIF do autor do orzamento.

-Fotocopia da carta de artesán e do certificado de inscrición do obradoiro no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, agás cando a axuda que se solicita se destine á creación dun obradoiro artesanal que se presentará a fotocopia da carta de artesán. En calquera caso, estes documentos deberán acreditarse documentalmente no momento de presentación da solicitude.

-Memoria das actividades profesionais realizadas, asinada polo solicitante, con mención expresa do proceso de producción artesán, volume de producción e facturación.

-Copia compulsada do último recibo do imposto de actividades económicas que ampara a actividade de que se trate e do NIF/CIF do solicitante.

-Copia cotexada do documento público acreditativo do poder co que actúa o solicitante e do seu DNI, se se trata dunha persoa xurídica.

-As asociacións profesionais artesanais presentarán fotocopia compulsada do CIF, estatutos e certificación ou documento que acredite a súa constitución legal. Así mesmo, certificación emitida polo secretario da asociación onde conste o número de asociados e documento que acredite a inscrición dun mínimo de vinte artesáns no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

-Para a execución de proxectos concertados a adhesión das empresas plasmarase mediante certificación destas, na que se recolla o seu compromiso na execución dos devanditos proxectos.

-No caso de acollerse ás axudas á contratación, memoria na que se recolla unha definición precisa dos postos de traballo e o compromiso de contratación dos traballadores. Se os contratos xa foron realizados ó longo do ano 2000, presentarase copia do contrato, memoria, alta na Seguridade Social, DNI de cada traballador contratado e documento acreditativo da súa inscrición como demandante de emprego.

-Cando se trate de entidades acollidas ó réxime de exención do IVE, documentación acreditativa da súa exención.

-Declaración expresa doutras axudas, cumprimentos de obrigas fiscais, de estar ó corrente nas obrigas coa seguridade social e coa Comunidade Autónoma galega, conforme o modelo que se achega como anexo III desta orde.

Artigo 9º.-Emenda de defectos.

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos nesta orde para cada caso concreto, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días a partir do día seguinte á recepción do dito requirimento, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, considerarase desistido da súa petición logo da correspondente resolución de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Valoración dos proxectos.

Por cada expediente, os xefes de servicio de xestión de cada delegación provincial emitirán un informe de cumprimento dos requisitos esixidos na convocatoria.

As solicitudes, ás que se lles achegará o devandito informe, estudiaranse por unha comisión técnica constituída polo titular da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas ou persoa na que delegue, que a presidirá, actuarán como vocais o subdirector xeral de Apoio Sectorial, o xefe do Servicio de Xestión e Cooperación Empresarial da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, mailos catro delegados provinciais da Consellería de Industria e Comercio ou no seu defecto os xefes de Servicio de Xestión de cada delegación provincial. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe do Servicio de Xestión e Cooperación Empresarial.

Artigo 11º.-Resolución e aceptación de axudas.

Vista a proposta elevada pola comisión técnica, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, emitirá a resolución que proceda.

O prazo máximo para dictar e notificarlles ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados a partir da publicación desta orde.

O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima ó interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa, polo que de conformidade co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, se fose expresa; se non o fora, o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do devandito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da

Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderá interpoñerse o recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Industria e Comercio ou ante o delegado provincial, segundo proceda, no prazo dun mes se o acto fose expreso; se non o fose, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

A resolución de concesión determinará, cando menos, o importe do orzamento subvencionable, a porcentaxe de subvención que corresponda dentro dos límites establecidos por esta orde e o importe da subvención concedida.

Unha vez concedida a subvención esta deberá ser aceptada polo beneficiario, por escrito, no prazo de 15 días naturales contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, coas condicións específicas que se recollen nesta orde e as que, de se-lo caso, se inclúan na resolución. No caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Seguimento e obrigas do beneficiario.

A concesión da axuda levará consigo as seguintes obrigas:

-Para o caso da creación dun obradoiro artesanal, darse de alta no imposto de actividades económicas (IAE) que ampara a actividade correspondente, e solicitar con anterioridade ó 16 de outubro de 2000, inclusive, perante a Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, a inscrición na sección segunda do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Para a inscrición dun obradoiro artesanal deberá obterse, previamente, o documento de cualificación de taller artesanal.

-Non allea-los bens obxecto da subvención nun prazo mínimo de dous anos, contados desde a data de concesión da subvención.

-Facer consta-lo financiamento da Consellería de Industria e Comercio, Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas en tódalas actuacións que se financien con cargo a esta orde, así como en toda referencia que se faga a elas en calquera medio de difusión.

-No caso de acollerse ás axudas á contratación, o mantemento dos postos de traballo creados por un período dun ano. Os obradoiros que se beneficien destas axudas, co fin de garanti-lo mantemento dos postos de traballo creados, deberán presentar, dentro do primeiro e último trimestre do ano 2001, unha relación da variación das altas e baixas do persoal adscrito.

-No suposto de extinción da relación laboral do traballador polo que se concedese subvención, a cobertura do posto por un novo traballador, que deberá reuni-los mesmos requisitos có traballador substituído, terá que realizarse dentro do mes seguinte ó da baixa, feito que

deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria á consellería, dentro dos 10 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda. Esta obriga manterase durante un ano desde a data de realización do contrato obxecto de subvención e, en caso de incumprimento, terá que se ater ó disposto no artigo 18º desta orde.

Artigo 13º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento da subvención o beneficiario deberá presentar, por triplicado, con data límite o día 31 de outubro de 2000, inclusive, na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a documentación acreditativa do investimento realizado, na que deberán quedar descritos e identificados os bens adquiridos ou servicios prestados, así como os prezos desagregados e acreditación do seu pagamento polas formas aceptadas pola normativa vixente. No caso de catálogos, soportes publicitarios, estudios ou proxectos achegaranse ademais tres exemplares deles.

A xustificación para efectos de asistencia a programas formativos e feiras farase efectiva mediante a certificación expresa de participación no certame no período prefixado, emitida pola institución ou entidade organizadora, así como da factura xustificativa da contratación do espacio da feira, tendo que presentar igualmente os certificados relacionados no parágrafo anterior.

Unirase á documentación que se sinala nos epígrafes anteriores:

-Memoria detallada coas actividades realizadas.

-Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se deba realiza-lo pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

-Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

-Declaración complementaria das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, noutras admininistracións ou organismos para o mesmo proxecto.

-No caso da realización de contratos e de non achegarse con anterioridade, documento de alta na Seguridade Social e contratos de traballo debidamente formalizados.

-Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da subvención.

Así mesmo, en función do compromiso adquirido, deberá presenta-los documentos que acrediten o que se estipula para cada caso no artigo 12º.

Artigo 14º.-Modificación do proxecto subvencionado.

Cando por circunstancias técnicas se varíe o contido específico dos investimentos ou actuacións recollidas no proxecto inicial e as ditas variacións incidan no investimento subvencionable, o beneficiario deberá

comunicar, con anterioridade á súa materialización, os correspondentes cambios, solicitando a conformidade á Consellería de Industria e Comercio antes do 15 de outubro do ano 2000. A conformidade expresa da Consellería de Industria e Comercio ás ditas modificacións requirirá informe favorable dos servicios técnicos centrais da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, e só será outorgada cando non alteren significativamente o proxecto inicial.

De acordo co establecido no artigo 78.7º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 15º.-Pagamento da subvención.

A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certifiquen, de se-lo caso, trala inspección correspondente, que se realizou o investimento obxecto de subvención e demais condicións impostas na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida por estes servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións subvencionables.

No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ó inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda reducirase proporcionalmente.

Artigo 16º.-Concorrencia de axudas.

De acordo co establecido no acordo da Xunta de Galicia, do 17 de novembro de 1999, no que se establece un mecanismo de seguimento e control da concorrencia e acumulación das axudas públicas nun mesmo proxecto e peticionario e se autoriza a Consellería de Economía e Facenda para o seu desenvolvemento, que se publicou mediante Resolución do 30 de novembro de 1999, cando o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario, procederá ó reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puideran derivarse.

As subvencións previstas nesta orde para a contratación en prácticas serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorga-las administracións públicas como medida de fomento de emprego. Os ditos incentivos son compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

Artigo 17º.-Control.

En todo caso, os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Industria e Comercio e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás pre

vistas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 18º.-Incumprimento de obrigas.

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas impostas na presente orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundio da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, logo da audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e dos seus xuros de demora, sen prexuízo, de se-lo caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Os beneficiarios atopanse suxeitos ó réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o artigo 79 do texto refundido la Lei de réximo financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 19º.-Renuncia das axudas.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido nos parágrados primeiro e segundo do artigo anterior.

Artigo 20º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 decembro, e na Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, así mesmo axustarase á norma de mínimos para axudas estatais da comisión.

Disposición única

Facúltase o director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2000.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio