Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Xoves, 13 de abril de 2000 Páx. 6.220

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2000 pola que se convoca e regula a concesión de axudas a corporacións locais para actividades de información, educación e defensa do consumidor e usuario para o ano 2000.

Correspóndelle á Administración impulsa-la creación e mellora de oficinas municipais de información ó consumidor (OMIC), para facilitarlles ós consumidores e usuarios, coa maior rapidez, a información e defensa dos seus dereitos e lexítimos intereses.

En virtude disto, e de conformidade cos artigos 24 e concordantes do Estatuto galego do consumidor e usuario, e o capítulo II do Decreto 185/1994, do 16 de xuño, sobre información e orientación ó consumidor e usuario,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O Instituto Galego de Consumo concederalles axudas ós concellos desta Comunidade Autónoma, con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343A.460.0 dos orzamentos xerais desta comunidade para o ano 2000 cun crédito máximo de 40.000.000 de pesetas, para actuacións de información e defensa dos consumidores e usuarios galegos que se realicen durante o ano 2000, a través das súas correspondentes oficinas municipais de información ó consumidor (OMIC). As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin.

Para que os concellos se poidan beneficiar das axudas ás que fai referencia o artigo 2º desta resolución, as oficinas municipais de información ó consumidor (OMIC), deberán ademais das derivadas do Decreto 185/1994, do 16 de xuño, cumpri-las seguintes condicións:

a) Estar abertas ó público 5 horas diarias como mínimo e contar cun rótulo no que conste de maneira destacada o obxecto da oficina.

b) Facilitarlle ó público información e asesoramento sobre os seus dereitos como consumidor e a forma de exercelos.

c) Atende-las consultas, reclamacións e denuncias dos consumidores e usuarios colaborando para tal fin co Instituto Galego de Consumo.

Artigo 2º.-Obxecto.

O obxecto das subvencións a que se refiere o artigo anterior será o seguinte:

a) Gastos de instalación de novas oficinas municipais de información ó consumidor.

b) Gastos de funcionamento das oficinas municipais de información ó consumidor xa instaladas.

c) Programas específicos que contribúan á defensa, protección e promoción dos intereses xerais dos consumidores e usuarios, á información e a mellora-la súa posición no mercado. Os programas que se van financiar son os seguintes:

1. Proxectos que faciliten a transición á moeda única e melloren a posición do consumidor no mercado.

2. Proxectos que contribúan a incrementa-lo número de adhesións ó sistema arbitral de consumo e en especial en sectores de gran relevancia social, tal é o caso de servicios básicos.

3. Proxectos dirixidos á mocidade co obxectivo de eleva-lo seu nivel de formación en materia de consumo.

4. Proxectos que contribúan a mellora-la formación e información do consumidor en relación coas novas tecnoloxías, a sociedade de información e a liberalización dos servicios básicos dirixidos ós cidadáns.

5. Proxectos que reforcen a formación e educación en materia de consumo dentro do sistema educativo.

Artigo 3º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes (anexo I) para acollerse ás axudas económicas previstas nesta resolución dirixiranse ós servicios provinciais de consumo ou ós servicios centrais do Instituto Galego de Consumo, sendo en todo caso de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa actual redacción. O prazo de presentación será de trinta días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes iran coa seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do órgano competente pola que se acolle á axuda, coa expresión da cantidade exacta solicitada (anexo II).

b) Certificación da poboación de feito, segundo o último censo dispoñible (anexo III).

c) Certificación do secretario/a do concello na que se faga consta-lo horario no que a oficina permanece aberta ó público para atende-los consumidores e usuarios e para cursar reclamacións ou denuncias que presenten, e que será polo menos de cinco horas diarias ou vintecinco semanais.

d) Se é o caso, certificación do secretario/a do concello da existencia do Consello Local de Consumo, se estivese constituído, ou do acordo de creación do mesmo en 1999 (anexo IV).

e) Se é o caso, certificación do secretario do concello da existencia de mancomunidade con outros concellos e/ou de actuacións conxuntas con asociacións, para actividades sobre consumo (anexo V).

f) Certificado do secretario do concello do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para actividades ás que fai referencia o artigo anterior, por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

g) Se a axuda solicitada está destinada á instalación dunha nova OMIC, deberase presenta-la certificación do órgano competente pola que se aproba o proxecto correspondente, na que ademais de garanti-las condicións de idoneidade do local para unha correcta atención ó público, valorarase economicamente o custo do proxecto e a súa necesidade.

h) Certificación do secretario do concello do número de consultas e reclamacións atendidas pola OMIC en 1999 (anexo VI).

Artigo 4º.-Tramitación.

Os servicios centrais e provinciais de consumo comprobarán se a solicitude e documentación presentadas reúne os requisitos esixidos nesta resolución, e no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedimento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, requirirase o interesado para que no prazo de 10 días a partir do seguinte ó da recepción do dito requirimento emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición, e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da devandita lei.

Artigo 5º.-Avaliación das solicitudes.

1. Realizado o trámite anterior, as solicitudes pasarán para o seu exame á comisión de valoración que efectuará proposta de resolución e a elevará ó presidente do Instituto Galego de Consumo, como órgano competente para resolver.

2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, a comisión da valoración estará formada polos seguintes membros: o xerente do Instituto Galego de Consumo, que actuará como presidente, o xefe de Servicio de Información e Educación, o xefe de Servicio de protección ó Consumidor e os xefes de

servicio provinciais de Consumo, que actuarán como vocais, e un funcionario designado polo xerente, que actuará como secretario. A dita comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a ela o presidente, ou persoa en quen delegue, un vocal e o secretario.

3. A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir dos solicitantes das axudas a información ou documentación adicional, que non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

4. A comisión de valoración avaliará os programas atendendo os seguintes criterios:

a) A realización conxunta do proxecto por varios concellos e/ou en colaboración coas asociacións de consumidores.

b) A calidade do proxecto.

c) O custo medio por beneficiario das accións desenvolvidas e a achega económica que realice a entidade ou entidades peticionarias.

d) O seu ámbito demográfico e territorial e, se é o caso, o impacto económico e social.

Artigo 6º.-Contía.

A contía das axudas axustarase ás seguintes porcentaxes:

a) Para a instalación de novas oficinas municipais de información ó consumidor, a axuda será de ata o 70 por cento do seu custo.

b) Para os gastos de funcionamento a axuda será de ata o 70 por cento do seu custo.

c) Para programas específicos ata un máximo do 80 por cento do seu custo.

As corporacións locais beneficiarias deberán facer consta-lo patrocinio do Instituto Galego de Consumo na información publicitaria relativa ás actuacións subvencionadas.

Artigo 7º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, unha vez emitido o informe-proposta pola Comisión de Valoración e fiscalizado pola intervención, correspóndelle ó presidente do Instituto Galego de Consumo. A dita resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa notificación.

2. A notificación das resolucións deberase producir no prazo de 3 meses, contados a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimada.

Artigo 8º.-Pagamento e xustificación.

As axudas concedidas faranse efectivas despois da xustificación polo concello beneficiario da realización dos proxectos, actuacións e custos que foron obxecto da subvención.

Para a xustificación da subvención concedida, a corporación local deberá presentar, antes do 31 de decembro de 2000, certificación do secretario/a do concello, logo de informe do interventor ou xefe de contabilidade da corporación, co visto e prace do alcalde, sobre o total dos gastos efectuados desagregada por accións ou proxectos, obxecto de subvención (anexo VII), ademais da seguinte documentación:

a) Certificación do secretario/a do concello, complementaria da presentada coa solicitude (punto 2.f do artigo 3º), do conxunto tanto das axudas solicitadas como as pendentes de resolución para os mesmos fins, obxecto desta resolución.

b) Memoria dos proxectos realizados pola corporación.

c) Certificación da conta bancaria na que conste o ordinal bancario, código do banco, código da sucursal e código da conta corrente onde deba realizarse o pagamento, expedida pola entidade bancaria.

Artigo 9º.-Concorrencia de axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

O importe desta axuda en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable establecido.

Artigo 10º.-Control e reintegro das cantidades percibidas.

O Instituto Galego de Consumo poderá realiza-las comprobacións que considere oportunas respecto da axuda económica concedida. Para estes efectos

poderalle requirir ó beneficiario toda a información e documentación que estime necesaria.

Así mesmo, o beneficiario está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia, nas súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

A falta de xustificación dos gastos, unha aplicación diferente á sinalada na solictude e/ou, en xeral, o incumprimento dalgún dos requisitos esixidos nesta resolución dará lugar á retirada da subvención, coa conseguinte obriga da devolución da axuda percibida e dos xuros de mora, nos supostos previstos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, do réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado polo artigo 6º da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Cando por concorrencia de subvencións ou axudas o importe total subvencionado exceda do custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario ou da porcentaxe máxima establecida nesta resolución procederá o reintegro ó Instituto Galego de Consumo do exceso percibido.

Procederá o reintegro total ou parcial da subvención percibida e os xuros de mora devengados desde o momento do seu pagamento nos casos que se establecen no punto 9 do artigo 6º da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

As cantidades que se reintegren terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará aplicable para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 do Decreto 1/1999, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 11º.-Lexislación aplicable.

Con independencia do establecido nesta resolución, aplicarase en todo caso o disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2000.

Víctor Tello Calvo

Presidente do Instituto Galego de Consumo