Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 12 de abril de 2000 Páx. 5.094

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2000, da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, pola que se convocan premios á mellor idea creativa de tipo práctico e á capacidade de invención e iniciativa para transformala en algo realizable.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, dá resposta á necesidade de adecua-lo noso sistema a unha sociedade en acelerado proceso de modernización, con continuos cambios culturais, tecnolóxicos e productivos, que camiña cara un horizonte común para Europa.

A premente necesidade de contar con persoas máis creativas nos campos da investigación e o desenvolvemento obriga a que se fagan os esforzos necesarios para impulsar e potencia-la creatividade. A educación creativa relaciónase cunha persoa con iniciativa, con recursos e capaz de enfrontar problemas persoais ou de calquera outra índole. Nesta liña, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento está a impulsar actividades relacionadas coa creatividade e a capacidade de invención como medio de promover no alumnado de bacharelato actitudes que os motiven neste campo.

Por todo isto, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, establece, pola presente resolución, as bases para a convocatoria de premios á mellor idea creativa de tipo práctico e á capacidade de invención e iniciativa para transformala en algo realizable.

En consecuencia co anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta resolución é a convocatoria de dous premios por provincia, na primeira fase provincial, e de dous premios na fase autonómica, para o alumnado de calquera dos cursos de bacharelato dos centros de Galicia, públicos e privados, e a aprobación das súas bases de concesión. Estes premios están destinados a galardoa-la mellor idea creativa de tipo práctico e a capacidade de invención e iniciativa para transformala en algo realizable.

Artigo 2º.-Fases da convocatoria.

A convocatoria desenvolverase en dúas fases, unha primeira fase provincial e outra autonómica, á que concorrerán os traballos que resulten seleccionados na fase provincial.

Artigo 3º.-Dotación económica.

Os premios ós que se alude no artigo 1º terán a seguinte dotación económica:

Fase provincial:

-Un primeiro por cada provincia consistente nun ordenador persoal ou unha cámara de vídeo, dun valor aproximado de 200.000 ptas. cunha compensación de 100.000 pesetas para o centro educativo en libros ou outro material didáctico.

-Un segundo premio por cada provincia consistente nunha cámara de fotos, cun valor aproximado de 100.000 ptas. cunha compensación de 50.000 pesetas para o centro educativo en libros ou outro material didáctico.

Fase autonómica:

-Un primeiro premio consistente nun ordenador persoal portátil cun valor aproximado de 500.000 ptas. e unha compensación para o centro educativo de 250.000 pesetas en libros ou outro material didáctico.

-Un segundo premio consistente nunha cámara de vídeo cun valor aproximado de 250.000 ptas. cunha compensación para o centro educativo de 125.000 pesetas en libros ou outro material didáctico.

Ós premios dos alumnos aplicaráselle-la correspondente retención fiscal.

Os gastos relativos ás accións desta convocatoria imputaranse ás aplicacións orzamentarias 04.07.432A.480.0 para os premios dos alumnos que ascenden a un importe máximo de 2.371.200 e 04.07.432A.442.0 para as compensacións ós centros por un importe de 975.000 ptas.

Artigo 4º.-Condicións.

1. Poderán participar na presente convocatoria os alumnos e alumnas de calquera dos cursos de bacharelato dos centros de Galicia, públicos e privados.

2. O concursante deberá presentar un invento, sobre tema libre, do que se valorará a orixinalidade, o grao de utilidade e o rigor da súa presentación.

3. O prazo de presentación dos traballos remata o 22 de maio de 2000.

4. O concursante deberá presenta-lo traballo no seu propio centro educativo acompañado do modelo de solicitude normalizada PSS02 (que se publica como anexo I da presente resolución). O centro, no caso de recibir mais de catro solicitudes, procederá

á selección dos catro mellores inventos, creándose para estes efectos unha comisión presidida polo director do centro, no que participarán como vocais catro profesores, dous do ámbito científico-tecnolóxico e dous do ámbito humanístico-lingüístico. Os inventos seleccionados serán remitidos á delegación provincial correspondente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, antes do 30 de maio de 2000.

5. A participación na convocatoria supón a aceptación de tódalas súas bases, así como a cesión do dereito de propiedade do invento premiado.

Artigo 5º.-Composición e funcións dos xurados.

1. Os inventos seleccionados polos centros educativos serán examinados e avaliados por un xurado en cada unha das súas fases.

Na fase provincial, o xurado estará formado en cada provincia por:

-Un representante da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento que actuará como presidente.

Actuarán como vocais:

-Un representante da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un director dun instituto de Educación Secundaria nomeado pola delegación correspondente.

-Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Na fase autonómica o xurado estará formado por:

-O secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, ou persoa na que delegue, que actuará como presidente.

Actuarán como vocais:

-Os delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou persoas nas que deleguen.

-Un director de IES de cada provincia nomeado pola delegación correspondente.

-Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

2. Os xurados provinciais seleccionarán os inventos premiados na fase provincial antes do 9 de xuño de 2000 e remitirán , antes do 14 de xuño de 2000,

os inventos dos adxudicatarios dos primeiros premios, que serán os candidatos á fase autonómica, á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

3. O xurado autonómico encargarase de selecciona-los inventos premiados de entre os gañadores na fase provincial, todo iso antes do 20 de xuño de 2000.

4. As decisións dos correspondentes xurados son inapelables.

Artigo 6º.-Retirada da documentación.

As persoas responsables dos inventos ou os seus representantes legais poderán retira-los non premiados, no centro educativo ou na delegación provincial correspondente, segundo o caso, no prazo de 30 días contados a partir da resolución dos xurados correspondentes.

Artigo 7º.-Entrega dos premios.

Os premios entregaranse en actos públicos celebrados nas respectivas capitais de provincia no caso dos premios provinciais, e en Santiago de Compostela no caso da fase autonómica.

Artigo 8º

A convocatoria, as súas bases, e tódolos actos administrativos derivados dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º

Para os efectos establecidos nos artigos 42.2º e 43.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes será de 6 meses, contados desde a data de publicación da presente convocatoria, dictándose resolución expresa con respecto á antedita liña de axudas.

A presente resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2000.

Miguel Ángel Ríos Fernández

Secretario xeral de Investigación

e Desenvolvemento