Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 12 de abril de 2000 Páx. 5.085

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 30 de marzo de 2000 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas para fillos do persoal dos servicios centrais da Xunta de Galicia, no Centro Infantil de Vite dependente da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Dentro da política de fomento da acción social destinada ós seus traballadores, que vén levando a cabo a Xunta de Galicia, inclúese, entre outras, a atención ás necesidades derivadas da situación familiar daqueles. Tales necesidades, apreciadas pola Administración foron, así mesmo, postas de manifesto en diversas ocasións polas organizacións sindicais con representación entre o citado colectivo.

Polo exposto e sendo consciente a Administración da importancia do problema, con data do 28 de marzo de 2000, a Consellería da Presidencia e Administración Pública e a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude asinaron un acordo de prórroga do acordo de colaboración asinado o 1 de xullo de 1996 que tiña por obxecto poñer á disposición do persoal de servicios centrais da Xunta de Galicia cinco novas unidades do Centro Infantil de Vite, dependente da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, para a atención dos seus fillos de idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos.

Por todo o exposto, en virtude das competencias que teño atribuídas

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regula-lo procedemento de adxudicación de prazas para fillos do persoal dos servicios centrais da Xunta de Galicia no Centro Infantil do Polígono de Vite da cidade de Santiago de Compostela, dependente da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, tanto no relativo ás solicitudes de novo ingreso e de reserva de praza como á cobertura de vacantes que poidan producirse ó longo do curso.

Artigo 2º.-Requisitos.

Para a cobertura destas prazas establécense como requisitos:

-Ser fillo/a do persoal dos servicios centrais da Xunta de Galicia ou estar acollido legalmente.

-Ter como mínimo 3 meses de idade e non ter cumpridos os 4 anos antes do 31 de decembro do presente ano.

Artigo 3º.-Solicitudes de novo ingreso.

1. O prazo para a presentación de solicitudes de novo ingreso segundo o modelo oficial (anexo I) será do 10 ó 15 de maio de cada ano. As referidas solicitudes presentaranse no rexistro da Consellería da Presidencia e Administración Pública, sen prexuízo do disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude, achegárense os seguintes documentos:

-Fotocopia da última nómina na que se acredite estar traballando nos servicios centrais da Xunta de Galicia.

-Fotocopia do libro de familia.

-Fotocopia da declaración do IRPF do ano 1998 de cada membro da unidade familiar que perciba ingresos económicos polos que está obrigado a facer declaracións, ou declaración xurada en sentido contrario. Considerarase unidade familiar, para estes efectos, a formada por pais e fillos, ou no caso de familias monoparentais só pai ou nai e fillos.

-Informe do correspondente equipo de valoración no que se indique o grao de minusvalidez do neno/a, así como a súa necesidade de integración, se é o caso.

3. No caso de que a solicitude non reúna os requisitos esixidos, a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública requirirá o interesado para que, nun prazo de dez días, corrixa os defectos detectados, con indicación de que, se así non se fixese, terase por desistida a súa petición, logo de resolución en tal sentido.

Artigo 4º.-Reserva de praza.

Os funcionarios con nenos/as xa matriculados no Centro Infantil de Vite que desexen renovar praza nel, deberán cubri-la folla de reserva de praza (anexo II), na que deberán figurar, entre outros, os ingresos económicos actualizados (última nómina), e presentala no devandito centro, sen prexuízo do disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre o 20 e o 30 de abril.

Transcorrido este prazo, a dirección do centro infantil remitirá á Dirección Xeral de Función Pública, a lista nominal por grupos de idade dos nenos e nenas que renoven praza.

Correspóndelle ó director xeral da Función Pública a resolución das solicitudes de reserva de praza.

Non poderá renovar praza quen no momento de formaliza-la súa solicitude manteña algunha mensualidade sen pagar de calquera curso.

Artigo 5º.-Baremo de admisión.

Se a demanda supera a oferta de prazas, aplicaránselle a tódalas solicitudes o baremo que a continuación se especifica, tendo en conta a renda per Cápita (RPC) familiar.

Entenderase por RPC a suma dos ingresos reflectidos nas declaracións do IRPF dos membros da unidade familiar computables para efectos económicos, segundo o establecido no artigo 3º.2, dividido polo número destes.

Criterios económicos:

-Renda per cápita familiar anual de menos 750.000 ptas.: 4 puntos.

-Renda per Cápita familiar anual entre 750.001 e 1.000.000 de ptas.: 3 puntos.

-Renda per Cápita familiar anual entre 1.000.001 e 1.500.000 ptas.: 2 puntos.

-Renda per Cápita familiar anual entre 1.500.001 e 2.000.000 de ptas.: 1 punto.

Criterios familiares:

-Por familia numerosa: 3 puntos.

-Por ter 1 ou máis irmáns no centro: 2 puntos.

-Por ter formalizado un acollemento familiar: 2 puntos.

-Por familia monoparental: 1 punto.

A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o devandito baremo. Para estes efectos tódolos extremos que desexen que sexan valorados terán que ser acreditados documentalmente.

No caso de que haxa empates entre varios solicitantes aplicaranse os criterios familiares en orde descendente para proceder ó desempate.

Artigo 6º.-Comisión de baremación.

A comisión de baremación estará composta polas seguintes persoas:

-Presidente: subdirectora xeral de Familia.

-Secretario: xefe de sección de Relacións Laborais.

-Vocais:

* 2 técnicos da Dirección Xeral de Familia.

* 1 funcionario da Dirección Xeral da Función Pública.

* O/a director/a do centro infantil.

* Un representante sindical do persoal funcionario.

* Un representante sindical do persoal laboral.

Artigo 7º.-Relación provisional de admitidos.

1. A comisión fará pública a relación provisional, coa puntuación obtida, por cada un dos solicitantes entre o 1 e o 10 de xuño.

Esta relación expoñerase na Consellería da Presidencia e Administración Pública e na Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

2. Os solicitantes que o desexen poderán efectua-las reclamacións, debidamente documentadas, que coiden oportunas no prazo de dez días contados desde a data de publicación da relación provisional.

Artigo 8º.-Relación definitiva de admitidos.

1. Unha vez examinadas e resoltas as posibles reclamacións, por resolución da Dirección Xeral da Función Pública procederase á publicación da relación definitiva de admitidos e da lista de espera coa puntuación obtida en cada caso, entre os días 5 e 15 de xullo. Tales relacións exporanse nos taboleiros de anuncios das consellerías de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e da Presidencia e Administración Pública. A comisión elaborará a proposta inicial de selección e determinará a contía que se deberá aboar como tarifa ou as exencións aplicables en cada caso, sempre de acordo coas tarifas en vigor segundo disposto no artigo 11º.

2. As resolucións recaídas deberánselles notificar ós solicitantes admitidos. Estes disporán dun prazo de dez días para confirma-la a súa praza e achega-la documentación complementaria segundo o disposto no artigo 9º.

Contra estas resolucións, que non esgotan a vía administrativa, caberá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación da resolución.

3. Con carácter xeral o prazo máximo para resolve-lo procedemento previsto nesta convocatoria será de 5 meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

Artigo 9º.-Documentación complementaria.

1. Os interesados terán que presentar dentro dos dez días seguintes á notificación da admisión:

-Certificado médico do neno ou nena.

Se non se presentase a devandita documentación no prazo sinalado, terase por decaída a solicitude da praza, logo de resolución en tal sentido.

Artigo 10º.-Lista de espera.

As solicitudes que, por circunstancias sobrevidas debidamente xustificadas, non se presentasen nos prazos fixados nesta convocatoria, serán tramitadas e baremadas para a súa inclusión na lista de espera, segundo a puntuación obtida.

Artigo 11º.-Tarifas.

1. Para a determinación das tarifas aplicables terase en conta o establecido no Decreto 179/1992, do 26 de xuño, modificado polo Decreto 67/1997, do 21 de marzo, da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, polo que se modifica o réxime de prezos das garderías infantís de titularidade autonómica.

2. O pagamento de tarifas será mensual e deberase aboar nos dez primeiros días de cada mes.

3. Non se aboará a tarifa correspondente ó mes no que o usuario desfrute as súas vacacións anuais. Se por calquera motivo o centro permanecese pechado durante un número superior a quince días naturais consecutivos, non se aboará a tarifa que corresponda a este período.

4. A inasistencia do usuario durante un período determinado non supón reducción ningunha nin exención da tarifa, mentres non se formalice a baixa correspondente.

Non obstante e con carácter excepcional, poderá eximirse do pagamento da cota a aqueles usuarios que por motivos de saúde non poidan asistir ó centro durante un período superior a 45 días continuados. Nestes casos a solicitude de exención da tarifa durante o período que corresponda, xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse perante o director xeral da Función Pública.

5. Ó longo do curso poderase proceder á revisión da tarifa fixada inicialmente, sempre que se produzan e xustifiquen variacións nas circunstancias económicas ou familiares. Neste sentido, o beneficiario queda obrigado a comunicar calquera variación que se produza ó respecto.

Artigo 12º.-Baixas.

Causarase baixa no centro infantil por algunha das circunstancias seguintes:

1. Por cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no centro.

2. Por vontade dos pais ou representantes legais.

3. Por perda da condición de traballador/a dos servicios centrais da Xunta de Galicia.

4. Por comprobación de falsidade nos documentos ou datos achegados.

5. Por incompatibilidade ou inadaptación absoluta do neno para permanecer no centro.

6. Por falta de asistencia continuada durante un mes sen causa xustificada.

As baixas serán resoltas pola Dirección Xeral da Función Pública, unha vez oídos a dirección do centro e mailo interesado, agás a reflectida no punto 2.

As baixas producidas ó longo do curso escolar por calquera dos motivos anteriormente expostos cubriranse coas solicitudes que quedasen en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral da Función Pública para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

Documentación que se xunta:-Última nómina.-Libro de familia.-Xustificación de haberes (última nómina e declaración do IRPF do ano 1998 ou declaración xurada de non estar obrigado a facelo, de se-lo caso).-Informe do organismo competente sobre a necesidade de integración no caso de nenos/as con minusvalideces física, psíquica ou sensorial.-Título de familia numerosa.-Contrato de acollemento familiar.-Documentación acreditativa de incidencias alegadas no eido socio-familiar.