Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 12 de abril de 2000 Páx. 5.085

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 74/2000, do 23 de marzo, de modificación do Decreto 38/1999, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

A complexidade técnica e xurídica das competencias en materia de disciplina urbanística, consecuente coas modificacións normativas fan necesaria unha reasignación das funcións e competencias na materia que resulte acorde cos principios de coordinación, economía, celeridade e eficacia que deben presidi-la actuación administrativa e adecuada coa organización da inspección e vixilancia urbanística de recente creación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, co informe previo das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de marzo de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase a letra i) do artigo 6; e o número 2 do artigo 7 do Decreto 38/1999, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, que quedan redactados do seguinte modo:

Artigo 6º, letra i):

«i) Resolve-los expedientes de reposición da legalidade urbanística, nos supostos establecidos polo artigo 180 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, e resolve-los expedientes sancionadores por infraccións urbanísticas moi graves cando a contía da multa non sexa superior a dez millóns de pesetas.».

Artigo 7º, número 2:

«2. Subdirección Xeral de Disciplina e Informes, coas seguintes funcións:

a) Coordina-la inspección e vixilancia urbanística.

b) Acorda-la iniciación dos expedientes sancionadores por infraccións urbanísticas moi graves e nomea-lo seu instructor.

c) Elevarlle ó director xeral a proposta de resolución dos expedientes de reposición da legalidade urbanística nos supostos establecidos polo artigo 180 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

d) Elaborar informes e dictames encomendados polo director xeral.».

Artigo 2º

Elimínase o parágrafo segundo do artigo 13 e a disposición adicional segunda do Decreto 38/1999, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de marzo de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial

Obras Públicas e Vivenda