Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 07 de abril de 2000 Páx. 4.886

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza administrativamente, se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV Vilalba-A Carba-Tesouro, nos termos municipais de Vilalba e Xermade (Lugo) e As Pontes de García Rodríguez (A Coruña). (Expediente 29/1999 A.T., provincia de Lugo e 117/1999 A.T., provincia da Coruña).

Examinado o expediente instruído a pedimento da empresa Electra de Viesgo, S.A., con enderezo para efectos de notificación en r/ Medio nº 12, 39003 Santander, resultan os seguintes antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 1 de marzo de 1999 a citada empresa solicita a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública da citada instalación; presentando o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

-Liña de alta tensión a 132 kV, en dobre circuíto, cunha lonxitude de 29.253 m, dos cales 10.617 m, entre os apoios 30-49 e 78-1, discorre en dobre circuíto para a entrada e saída na subestación de Carba, conductor LA-280 HAWZ e cable de terra con fibras ópticas OPGW de 114,56 mm de sección sobre apoios metálicos de celosía, con orixe na nova subestación de Vilalba e final na subestación de Tesouro-As Pontes de García Rodríguez, capacidade de transporte: 131 MVA.

-Os termos municipais vense afectados polas seguintes lonxitudes de liña:

-Provincia de Lugo:

-Termo municipal de Vilalba 20,420 km.

-Termo municipal de Xermade 7,388 km.

-Total 27,808 km.

-Provincia da Coruña:

-Termo municipal das Pontes de García Rodríguez 1,447 km.

Segundo.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña e Lugo someteu o citado proxecto de instalacións, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, a trámite de información pública mediante Resolución do 14 de xuño de 1999, publicada no DOG do 7-7-1999, BOP de Lugo de 30-6-1999, BOP da Coruña do 9-7-1999, o diario A Voz de Galicia do 28-6-1999 e El Progreso de 24-6-1999, nos taboleiros de anuncios dos concellos de Vilalba, Xermade e As Pontes de García

Rodríguez e nas delegacións provinciais de Lugo e A Coruña; así mesmo as delegacións provinciais notificaron individualmente a mencionada solicitude a cada un dos interesados que figuran na dita relación e, no caso de titulares descoñecidos ou de domicilio ignorado, deu traslado das actuacións ó Ministerio Fiscal.

Separadamente presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan a bens, instalacións, obras ou servicios, centros ou zonas dependente doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, se é o caso, establecesen o condicionado procedente.

Terceiro.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública, formuláronse as seguintes alegacións:

1) José e Eduardo Cillero Gato manifestan ser copropietarios por herdanza da súa nai Remedios Gato Cabana e solicitan un cambio de situación do apoio nº 21 co fin de situalo no linde do predio.

2) César Castelo Fernández manifesta que existe un erro na relación de bens e dereitos afectados publicada, en canto á natureza do terreo. Igualmente manifesta a súa desconformidade coas valoracións ofrecidas como indemnización.

3) Visitación Baamonde Cillero manifesta a súa desconformidade coa indemnización ofrecida pola empresa , dada a natureza do predio.

4) Ramiro Alonso Otero, en nome de Manuel Pereira Matovelle, respecto dos predios nº 591 e 592, manifesta que a superficie sinalada na relación de bens e dereitos afectados publicada non corresponde coa realidade. Igualmente manifesta a ausencia de oferta de indemnización por parte da empresa beneficiaria.

5) Engracia Alonso Pereira manifesta que a superficie sinalada na relación de bens e dereitos afectados publicada non corresponde coa realidade e que non recibiron ningunha oferta de indemnización por parte da empresa beneficiaria.

6) Antonio Alonso Pereira manifesta que a superficie sinalada na relación de bens e dereitos afectados publicada non corresponde coa realidade e que non recibiron ningunha oferta de indemnización por parte da empresa beneficiaria, e que existe un erro na titularidade do predio afectado.

7) Ana Isabel Valado Ramudo, en nome de Antonia Ramudo Pereira, solicita información sobre a indemnización que lle corresponde.

8) Luis Noche Fraga manifesta que existe un erro na titularidade da relación de bens e dereitos afectados publicada.

9) Antonio González Cendán manifesta que existe un erro na titularidade da relación de bens e dereitos afectados publicada e a súa desconformidade coa declaración de urxente ocupación por non considerar urxente a construcción.

10) José Vilar Silva manifesta a súa desconformidade en canto á superficie afectada relación de bens e dereitos afectados publicada, así como en canto á declaración de urxente ocupación por non considerar urxente a construcción da liña. Igualmente solicita a situación do apoio nº 94 no linde.

11) Heliodoro Cillero Ferreiro respecto do predio nº 90 manifesta a súa desconformidade co trazado por afectar a unha plantación de árbores, e solicita que se desvíe cara ó sur.

12) J. Ramón Fernández López, respecto do predio nº 56, manifesta que non é o único propietario do predio, así como a súa desconformidade co paso da liña xa que menoscaba as súas expectativas urbanísticas, solicita que se desvíe 30 m ó norte ou ben se enterre a liña.

13) María Corsina Cupeiro Seco manifesta a súa desconformidade co voo e superficie notificados.

14) Francisca Baamonde Cillero solicita unha desviación do trazado da liña, alegando que o predio afectado se sitúa nunha zona cualificada como industrial, polo que o paso da liña suporía unha perda de valor considerable.

15) Carlos Gómez Osa e Xosé Manuel Irimia Vázquez, concelleiros do BNG, manifestan a súa desconformidade coa finalidade da obra, considerando que do estudio do proxecto non se extrae ningunha conclusión que sirva para cumprir unha das finalidades que se propoñen, a de mellora-la subministración eléctrica da zona.

16) Jesús López Novo solicita documentación gráfica adicional na que se reflicta debidamente a afección da liña sobre o predio. Igualmente solicita a expropiación total do predio.

17) Xosé López Balseiro, respecto do predio nº 6, manifesta a súa desconformidade coas valoracións ofrecidas, así como o paso da liña polo seu predio, considerando a posibilidade doutro trazado con menor impacto territorial e ambiental.

18) Mª Josefa Filgueiras López herdeira de Josefa López Bouza e Generoso Filgueiras Chao, Servando López Bouza e Vicente López Seco manifestan:

a) A súa desconformidade coa afectación das parcelas.

b) A súa desconformidade coa indemnización amigable ofertada e a valoración realizada das distintas afeccións.

c) Que lles sexa expropiado todo o predio.

Vicente López Seco manifesta ademais que se aclaren os criterios de clasificación seguidos para a determinación da natureza dos predios afectados.

19) Estrella Franco Castro, Vicenta Franco Castro, Josefa Franco Castro e Carmen Criado Doval manifestan que existe un erro na cualificación dos terreos.

As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria para a súa contestación, facilitando esta as informacións adicionais.

Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial da Coruña e Lugo, comprobándose mediante inspección sobre o terreo seguindo o trazado proposto para a instalación desta liña, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume de paso, non se dan as prohibicións nin limitacións previstas no artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e nos artigos 25 e 26 do Regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 21 de xuño, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, o Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, nos seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación a estas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1) Non se toman en consideración as alegacións referidas á valoración da afección das parcelas, por non seren obxecto desta fase do expediente, xa que esta valoración corresponde á fase de prezo xusto.

2) Con respecto ás alegacións referidas a posibles erros na determinación de servidumes así como na natureza dos terreos afectados, estas tomaranse en consideración cando se proceda ó levantamento de actas de ocupación incluíndose na correspondente folla de aprecio.

3) En relación ós cambios de titularidade nas parcelas, a empresa beneficiaria tomará razón delas e procederase a tramitación dos expedientes cos alegantes. Non obstante, durante a fase do levantamento de actas previas á ocupación, da que serán convenientemente notificados, deberán presenta-la documentación acreditativa da dita titularidade.

4) A empresa Electra de Viesgo, S.A. acepta o cambio proposto por José e Eduardo Cillero Gato de situación do apoio nº 21 e do apoio nº 94 solicitado por José Vilar Silva, en canto á urxente ocupación

do predio cabe dicir que a declaración de utilidade pública se realiza ó abeiro do artigo 52 de a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados, implicando a súa urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

5) Non se pode acepta-la alegación presentada por Heliodoro Cillero Ferreiro, Francisca Baamonde Cillero, Xosé López Balseiro, toda vez que a variante proposta afecta a terceiros non incursos no expediente.

6) Non se pode aceptar a alegación presentada por José Ramón Fernández López, dado que non existe no Regulamento técnico de liñas eléctricas aéreas de alta tensión, prohibición de construír, sempre que se cumpran as distancias mínimas que establece o artigo 35 do citado regulamento, entre os conductores da liña eléctrica e a edificación que se pretende.

7) Non procede acepta-las alegacións presentadas por Carlos Gómez Osa e Xosé Manuel Irimia Vázquez, concelleiros do BNG, posto que a execución da obra supón unha mellora da infraestructura eléctrica da zona e por tanto un beneficio directo para os abonados, permitindo ademais a evacuación de enerxía do parque eólico da Carba.

8) En canto á alegación presentada por Jesús López Novo cabe dicir que:

a) O proxecto estivo exposto durante o período de información pública na delegación provincial de Industria.

b) Non se pode acepta-la expropiación total porque a servidume de paso da liña eléctrica non impide a súa edificación, o seu aproveitamento agrícola ou forestal, polo que non concorre o requisito esixido na Lei de expropiación forzosa, e non procede a dita expropiación

9) Con respecto ás alegacións presentadas por Mª Josefa Filgueiras López, Servando López Bouza e Vicente López Seco cabe manifesta-lo seguinte:

-Calquera variación do trazado previsto deberá estar suficientemente motivada e non afectar a terceiros non incursos no expediente.

-Durante o trámite de información pública cumpríronse tódolos requisitos esixidos pola Lei de expropiación forzosa. A ocupación temporal é desde o inicio das obras ata a súa fin.

-Non podemos acepta-la expropiación total solicitada xa que os alegantes non presentan ningunha documentación que cuantifique a perda económica que din sufrir coa servidume proposta e que xustifique a súa solicitude. Como indica o artigo 22 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

10) Por último non se pode acepta-lo cambio de trazado solicitado por Heliodoro Cillero Ferreiro, xa que o predio do alegante queda totalmente desa

fectado en detrimento dos predios colindantes desde á VI-76 á VI-96, e incluso afectando a novos propietarios non incursos no expediente.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1º Autoriza-la liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV Vilalba-A Carba-Tesouro, nos termos municipais de Vilalba e Xermade (Lugo) e As Pontes de García Rodríguez (A Coruña).

2º Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

3º Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2000.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria