Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 07 de abril de 2000 Páx. 4.860

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de industrias e comercio vitivinícolas.

Visto o expediente do convenio colectivo do sector de industrias e comercio vitivinícolas, con nº de código 3600815, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 3-2-2000, subscrito en representación da parte económica pola Asociación de Empresarios de Industrias e Comercio de Viños e Licores de Pontevedra, e da parte social pola central sindical CIG, con data do 15-12-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 2 de marzo de 2000.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo provincial para as industrias e comercio vitivinícolas de Pontevedra

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio obriga a tódalas empresas que se rexan pola ordenanza laboral para as industrias Vitivinícolas, aprobada por Resolución do 29 de abril de 1996, da Dirección Xeral de Traballo do Ministerio de Traballo e Seguridade Social. Quedan obrigadas tódalas empresas e os traballadores da provincia de Pontevedra que se dediquen ó comercio e á elaboración de viños e licores.

Por outra banda, este convenio afecta ás empresas que se dediquen dunha forma exclusiva á actividade do comercio vinícola, que se regulará pola ordenanza laboral do comercio.

Artigo 2º.-Vixencia e prórrogas.

Este convenio entrará en vigor o día da súa publicación no BOP, aínda que os seus efectos económicos se retrotraerán ó primeiro de abril de 1999. Farase efectivo ós 10 días da súa sinatura.

A súa duración será de 2 anos contados desde o día 1 de abril de 1999 ata o 31 de marzo de 2001, prorrogándose tacitamente de ano en ano ata a entrada en vigor do seguinte, se non media denuncia das partes cunha antelación de tres meses polo menos ó remate da súa vixencia. A dita renuncia deberá facerse por escrito dirixido á outra parte afectada polo convenio.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas melloras contidas neste convenio estableceranse co carácter de mínimas. Os pactos ou as situacións actualmente existentes en calquera empresa, que impliquen condicións máis beneficiosas respecto ás acordadas neste convenio, serán respetadas ad personam.

Artigo 4º.-Xornada de traballo.

A duración máxima da xornada ordinaria de traballo será de 40 horas semanais, sendo en todo caso repartida de luns a venres. En ningún caso superarán as 1.784 horas anuais de traballo efectivo.

Artigo 5º.-Horas extraordinarias.

Estas serán as mínimas e imprescindibles e para atender necesidades urxentes e inaprazables, necesitándose, en cada caso, a perceptiva autorización laboral; igualmente respectaranse os límites legais establecidos. Estas horas terán que ser negociadas pola empresa co persoal ou, se é o caso, co comité de empresa ou os delegados de persoal.

Artigo 6º.-Licencias e permisos.

O traballador, avisando coa posible antelación e xustificando adecuadamente, poderá faltar ou ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos seguintes motivos e durante o tempo mínimo que a continuación se expón:

a) Matrimonio: 15 días naturais.

b) Intervención cirúrxica do cónxuxe, dos pais, de un ou do outro cónxuxe e dos fillos: 5 días naturais.

c) Parto da esposa: 5 días naturais.

d) Morte do cónxuxe, fillo, pai ou nai de un ou do outro cónxuxe, netos, avós ou irmáns: durante 2 días, que poderán ampliarse ata 3 máis cando o traballador necesite realizar un desprazamento para o efecto.

e) Morte do tío ou cuñado: 1 día.

f) Enfermidade grave do cónxuxe, fillo, pai ou nai de un ou do outro cónxuxe, netos, avós ou irmáns: durante 2 días, que poderán ampliarse ata 3 máis cando o traballador necesite realizar un desprazamento para o efecto.

g) Necesidades de atender asuntos propios que non admitan demora: de 1 a 5 días, outorgándose a licencia demostrada da súa necesidade.

h) Cumprimento dun deber de carácter público: polo tempo necesario e preciso para iso.

Artigo 7º.-Excedencias.

1. A excedencia forzosa poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto e ó cómputo da antigüidade da súa vixencia, concederase polas designacións ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público.

2. O traballador cun mínimo dun ano de antigüidade na empresa ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de ser situar en excedencia voluntaria por un prazo non menor a dous anos e non maior a cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o remate da excedencia anterior.

3. Os traballadores terán dereito a un período de excedencia, non superior a tres anos, para atender a cada fillo, natural ou adoptivo, contados desde a data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que se estivese a gozar. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Durante o primeiro ano a partir do comezo de cada situación de excedencia, o traballador terá dereito á reserva do seu posto de traballo e a que o devandito período sexa computado para efectos de antigüidade. Unha vez rematado este, e ata o remate do período de excedencia, aplicaránselle, agás convenio colectivo ou individual en contrario, as normas que regulan a excedencia voluntaria.

4. Así mesmo, poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provinical ou superior mentres dure o seu cargo representativo.

5. O traballador excedente só conserva un dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou semellante categoría á súa que houbese ou se producise na empresa.

6. A situación de excedencia poderá estenderse a outros supostos colectivamente acordados, co réxime e para os efectos que alí se presupoñan.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

Todo o persoal afectado por este convenio terá dereito ás gratificacións extraordinarias de xullo e Nadal, cun importe, en cada unha delas, equivalente a unha mensualidade do salario base máis antigüidade.

Ó persoal que ingrese ou cese no transcurso dun ano aboaránselle estas gratificacións rateando o seu importe en relación co tempo de permanencia na empresa, polo cal a fracción de mes se computará como mes completo.

Todo iso sen prexuízo da paga extraordinaria que, en concepto de participación de beneficios, lle corresponda a todo o persoal dunha actividade que se regula pola ordenanza laboral do comercio.

Artigo 9º.-Condicións económicas.

Os salarios base serán establecidos na táboa salarial anexa, e terán a súa aplicación desde o 1 de

abril de 1999 ó 31 de marzo de 2001, experimentando un incremento salarial do 3% para cada ano de vixencia.

Artigo 10º.-Antigüidade.

En concepto de antigüidade establécense trienios do 8% do salario vixente en cada momento e para cada categoría, non podendo supera-la acumulación de incrementos por este concepto o 60%, como máximo, ós 25 ou máis anos.

Artigo 11º.-Vacacións.

O período anual será de 30 días naturais, que se gozarán en dous períodos de 15 días naturais. Un dos ditos períodos gozarase entre o 1 de maio e o 30 de setembro e o outro no resto do ano. Todo iso coa salvidade de que en cada empresa, empresario e traballadores cheguen a outros acordos sobre fixación das vacacións.

O importe das vacacións deberá pagarse antes de comeza-lo desfrute destas e sobre a base do salario real.

Para todo o persoal que antes ou durante o período de vacacións estea en situación de incapacidade laboral transitoria e non por accidente, estas suspenderanse ata que o traballador sexa dado de alta novamente, co cal terá dereito ó desfrute delas ou á parte pendente.

Artigo 12º.-Plus asistencial.

No caso de incapacidade laboral transitoria, derivada de enfermidade profesional ou accidente laboral, a empresa completará ata o 100% do salario do traballador, a prestación correspondente á Seguridade Social, durante un máximo de 12 meses.

Artigo 13º.-Axudas de custo.

A contía das axudas de custo será a seguinte:

1º ano2º ano

Media axuda de custo 2.3282.398

Axuda de custo completa4.0934.216

Terán dereito a elas os que, mediante orde expresa do empresario ou persoa que o represente, se vexan obrigados a realizar asuntos ou traballos de carácter profesional por conta e baixo dependencia da empresa, con desprazamentos a lugares distantes do centro de traballo que lle imposibiliten o seu regreso ou sexa preciso efectuar comidas fóra do seu propio domicilio ou teñan necesidade de desprazarse a localidades onde tamén se lle esixa á misión encomendada unha permanencia que lle obrigue a tomar aloxamento.

Artigo 14º.-Complemento de incapacidade.

Todo traballador que teña algún fillo subnormal, diminuído físico ou minusválido percibirá o primeiro ano a contía de 8.186 ptas. mensuais por cada fillo que se atope na dita situación, e 8.432 ptas. o segundo ano.

Artigo 15º.-Festividade da patrona.

Establécese como festa do patrón, con carácter de aboable e non recuperable, o día da festividade

da Nosa Señora das Viñas, que se celebrará o día 10 de setembro, sendo gratificado o persoal en 13.000 ptas. o primeiro ano e 13.390 ptas. o segundo ano.

Artigo 16º.-Complemento de locomoción.

En compensación dos gastos de locomoción que ten que face-lo traballador para chegar ó seu centro de traballo aboarán a cada un deles ó seu servicio a cantidade de 900 ptas. por día efectivamente traballado o primeiro ano, e 927 ptas. para o segundo.

Artigo 17º.-Categorías.

Os choferes que conduzan camións de máis de 3.500 kilos equipáranse a oficial de primeira; os que conduzan camións ata 3.500 kilos terán a consideración de oficial de segunda.

Artigo 18º.-Roupas de traballo.

As empresas estarán obrigadas a facilitarlles ós seus traballadores un mínimo de dúas roupas de traballo por ano. Ós choferes e repartidores facilitaránselles uniformes de traballo acondicionados ás temperaturas de verán e inverno, así como roupas de auga.

Para o persoal de fábrica ou adega, a empresa facilitará o calzado regulamentario determinado polas normas de seguridade, que se repoñerá segundo as necesidades, así como guantes de seguridade.

Artigo 19º.-Retirada do carné de conducir e multas.

No caso da retirada do permiso de conducir pola autoridade competente, a empresa facilitaralle ó traballador un posto de traballo idóneo de acordo coa súa categoría profesional, sen que con iso mingüe o seu salario. As multas imputables ó traballador serán aboadas por este; no caso contrario pagaraas a empresa. Esta tamén se fará responsable das multas orixinadas por exceso de carga, mal aparcamento no caso de carga e descarga e excesivos viaxeiros que teñan a condición de ser persoal ó servicio da empresa.

Artigo 20º.-Seguro de accidentes.

A empresa contratará un seguro de accidentes que, no caso de morte, lles asegure ós familiares dos traballadores afectados unha indemnización de 2.227.075 ptas. para o primeiro ano, e 2.293.887 ptas. para o segundo e, no caso de incapacidade total, de 3.879.881 ptas. para o primeiro ano e 3.996.277 ptas. para o segundo.

Artigo 21º.-Xubilacións.

Establécese un premio de xubilación de 162.225 ptas. para o primeiro ano de vixencia deste convenio ó traballador que se xubile entre os 60 e 65 anos, e leve máis de 20 de antigüidade na empresa, e 167.091 ptas. para o segundo ano.

Artigo 22º.-Comisión paritaria.

Para o cumprimento do establecido neste convenio créase unha comisión paritaria, con facultades de interpretación, conciliación e arbitraxe.

Artigo 23º.-Persoal de comercio.

Todo persoal que preste os seus servicios en actividades do comercio exclusivamente estará regulado pola ordenanza laboral do comercio, actualizada o 4 de xuño de 1975, naqueles conceptos para os que a dita ordenanza preceptúe condicións laborais de calquera tipo, superiores ás contidas no texto deste convenio.

Artigo 24º.-Adhesión ó AGA.

As empresas afectadas por este convenio, ante discrepancias xurdidas de interpretación de cada un dos artigos, someteranse ó procedemento de arbitraxe do AGA.

Artigo 25º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes deste convenio, pola representación social, a Confederación Intersindical Galega (CIG) e, en representación dos empresarios, a Asociación Patronal Vitivinícola e do Comercio de Viños da Provincia de Pontevedra.

Disposición adicional

Contratos de duración determinada.

Estes contratos non poderán ter unha duración superior a doce meses e, pasado o dito prazo e sen necesidade de denuncia ningunha, o productor converterase automaticamente en fixo, salvo nos casos de reserva de praza por enfermidade ou deber inescusable de carácter público.

Táboa salarial

99/20002000/01

Grupo A. Técnicos titulados
a) Con título superior97.874100.810
b) Con título inferior93.85196.667
c) Practicante86.31188.900

Técnicos non titulados
a) Encargado xeral de adega ou fábrica89.97992.678
b) Encargado de laboratorio86.31188.900
c) Axudante de laboratorio82.79485.278
d) Auxiliar82.79485.278

Grupo B. Administrativos
a) Xefe de primeira93.85196.667
b) Xefe de segunda89.99392.693
c) Oficial de primeira86.31188.900
d) Oficial de segunda82.79485.278
e) Auxiliar81.37483.815
f) Aprendiz de 1º ano72.00074.160
g) Aprendiz de 2º ano74.00076.220

Grupo C
a) Cobrador81.37483.815
b)Almaceneiro81.37483.815
c) Pesador ou basculeiro81.37483.815
d) Garda xurado81.37483.815
e) Vixilante ou sereno81.37483.815
f) Porteiro81.37483.815
g) Ordenanza81.37483.815
h) Telefonista81.37483.815
i) Botóns ou recadeiro81.37483.815
k) Persoal de limpeza81.37483.815

Grupo D. Obreiros
a) Profesionais de oficio:
Capataz de adega ou fábrica89.98992.689
Encargado de sección89.98992.689

99/20002000/01

Oficial de primeira86.31188.900
Oficial de segunda82.79485.278
Encargado de cuadrilla82.79485.278

b) Peóns especializados:
Categoría xeral81.37383.814
Embotelladora e etiquetadora81.37383.814

c) Peóns81.37383.814