Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 07 de abril de 2000 Páx. 4.838

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 21 de marzo de 2000 pola que se modifica a dotación orzamentaria establecida na Orde do 29 de novembro de 1996, pola que se desenvolve o Decreto 155/1996, do 9 de maio, polo que se regulan os horarios do persoal adscrito ó Servicio de Protección de Recursos da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

O Decreto 155/1996, do 9 de maio, establece a regulación dos horarios do persoal adscrito ó Servicio de Protección de Recursos da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, regulando a xornada de traballo e, de xeito xenérico, o réxime de quendas e o dereito a compensacións económicas por mor das características do servicio.

Para a concreción destas medidas, o artigo 2 do decreto remite a unha orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura que fixará os horarios ós que deben axustarse as quendas de traballo. Así mesmo, especificará as compensacións económicas derivadas do réxime especial de traballo deste persoal e os órganos encargados da programación das quendas o do control horario.

En virtude do anterior publicouse a Orde do 29 de novembro de 1996, que no seu artigo 8 establece que a aplicación orzamentaria do complemento de productividade que retribúe a actividade extraordinaria que regula a dita orde quedará limitada ás dotacións orzamentarias iniciais que anualmente se establezan para a consellería, fixando para o exercicio de 1996 a cantidade en sesenta millóns de pesetas.

Por resolución da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 8-10-1999, (DOG nº 202, do 19), ordénase a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 7 de outubro de 1999, polo que se aproba a nova relación do posto de traballo da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura; na citada RPT inclúense 10 novos postos de traballo dependentes da base do Servicio de Protección de Recursos en Muxía (A Coruña), ós que lles é de aplicación o Decreto 155/1996, do 9 de maio e a Orde do 29 de novembro de 1996.

Polo exposto anteriormente, en virtude do establecido na disposición derradeira segunda do Decreto 155/1996, do 9 de maio,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 8, derradeiro parágrafo, da Orde do 29 de novembro de 1996, pola que se desenvolve o Decreto 155/1996, do 9 de maio, que queda redactado do xeito seguinte:

«A dotación orzamentaria do complemento de productividade regulado por esta orde establécese en sesenta e nove millóns de pesetas».

Disposición derradeira

Esta orde terá vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación no DOG; sen embargo, o seu contido económico será aplicable desde o un de xaneiro de dous mil.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2000.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura