Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 05 de abril de 2000 Páx. 4.751

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO DA COMARCA DE VERÍN

BASES da convocatoria da praza de xerente da fundación.

En cumprimento do establecido na Lei de Galicia 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación, e de conformidade co acordo adoptado polo padroado da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Verín o día 15 de marzo de 2000, convócanse probas de selección para cubrir, baixo a modalidade de contratación indefinida, unha praza de xerente para facerse cargo da xestión da dita fundación.

As condicións específicas do contrato de traballo así como as funcións que realizará o xerente da fundación estarán á disposición dos interesados na sede da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, sita na estrada Santiago-Noia km 3. A Barcia (Santiago de Compostela). Telf.: 981 54 26 08.

I. Requisitos xerais.

-Ter nacionalidade dun país membro da Unión Europea.

-Ser maior de 18 anos.

-Acreditar titulación universitaria.

-Acreditar formación ou experiencia profesional en tarefas relacionadas co desenvolvemento local.

II. Coñecementos que se requiren.

a) Coñecementos específicos:

-As regulacións e normativas legais que afectan ó modelo de desenvolvemento comarcal.

-Metodoloxías e planificación estratéxica do desenvolvemento comarcal.

-Xestión e coñecemento de programas de desenvolvemento local e creación de emprego.

-Xestión e administración de fundacións de interese galego e de institucións sen finalidade de lucro.

-Estructura social e económica da Comarca de Verín.

b) Coñecementos complementarios:

-Acredita-lo coñecemento da lingua galega.

-Posuír e acredita-lo coñecemento de informática a nivel usuario.

III. Documentación que hai que presentar:

-Fotocopia DNI.

-Currículum vitae xunto coa documentación orixinal ou fotocopia compulsada que acredite os coñecementos, a titulación requirida, méritos e experiencia profesional.

-Solicitude dirixida ó presidente da fundación, segundo anexo I.

IV. Lugar e prazo de presentación.

-As solicitudes presentaranse nas dependencias da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, situada na estrada Santiago-Noia, km 3. A Barcia. 15896 Santiago de Compostela.

-O prazo de presentación será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia.

V. Comisión de selección.

A comisión de selección estará formada polos seguintes membros:

-Presidente: Andrés Precedo Ledo, presidente do padroado da fundación.

-Secretario: Juan M. Jiménez Morán, vicepresidente do padroado da fundación.

-Vocais:

José Mª Soriano Villalba, xefe de Asuntos Económicos da S.D.C.

José Figueroa Dávila, xefe Acción Comarcal da S.D.C.

Rosario Álvarez Cao, xefa de Planificación e Estudios da S.D.C.

VI. Proceso de selección.

1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, a comisión de selección publicará as listas previas de admitidos e excluídos, co motivo da exclusión, se é o caso; establecéndose un prazo de cinco días hábiles para que, por petición do interesado, se poida

reparar calquera erro que sexa emendable. Esgotado este prazo, publicaranse as listas definitivas de admitidos e excluídos e fixarase o lugar e data de realización da proba de coñecementos. Os candidatos deberán asistir provistos do DNI. Estas listas publicaranse no taboleiro de anuncios da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia.

2. As probas de selección consistirán en:

a) Proba escrita teórico-práctica sobre os coñecementos e contidos que se recollen no punto II.a. A puntuación máxima que se poderá acadar nesta proba é de 10 puntos. Os candidatos que non acaden a puntuación de 5 puntos nesta proba quedarán automaticamente eliminados. Os cinco candidatos que obteñan maior puntuación na proba escrita serán convocados á proba oral.

b) Proba oral sobre experiencia profesional en desenvolvemento territorial/local e sobre coñecementos con base na temática que se recolle nos puntos II.a e II.b destas bases. Os cinco candidatos que obtiveran maior puntuación e que ademais superaran a proba escrita serán convocados á proba oral. Os candidatos convocados deberán responder, durante un máximo de 30 minutos, ás preguntas que, sobre os citados contidos, lle sexan formuladas polos membros da comisión de selección. A puntuación máxima que se poderá acadar nesta proba é de 5 puntos, sendo necesario acadar unha puntuación mínima de 2,5 puntos para superar esta proba.

Unha vez valoradas as probas anteriores, a comisión de selección publicará no taboleiro de anuncios da sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia os resultados definitivos, con indicación expresa do candidato seleccionado.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2000.

Andrés Precedo Ledo

Presidente do Padroado da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Verín

ANEXO I

Don/Dna..., con DNI..., en virtude da convocatoria da praza de xerente da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Verín,

SOLICITA:

Participar no proceso selectivo para cubrir unha praza de xerente convocada pola Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Verín mediante anuncio público desta fundación no DOG nº... con data... A tal fin xúntase documentación conforme o recollido nas bases da citada convocatoria.

En Santiago de Compostela o... de... de 2000

Asdo.:...

Presidente do Padroado da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Verín.