Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 05 de abril de 2000 Páx. 4.716

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2000 pola que se convocan unhas Xornadas sobre ordenación do litoral.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2000 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas Xornadas sobre ordenación do litoral, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Promove-lo coñecemento do novo modelo de ordenación e xestión do litoral marítimo que se está a poñer en funcionamento pola Comisión Europea, e que xa se está a desenvolver en Francia con gran éxito, así como analiza-la incidencia que ten en sectores estratéxicos como o turismo, as actividades portuarias e a protección ambiental dos recursos costeiros.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Introducción ó réxime xurídico do litoral.

-O programa de demostración de xestión do litoral da Comisión Europea.

-O modelo de ordenación do litoral francés.

-O reparto de competencias en materia de ordenación do litoral.

-Ordenación do turismo no litoral.

-Ordenación e xestión das praias.

-A protección ambiental do litoral.

-A incidencia da actividade portuaria sobre o litoral.

-A ordenación do litoral na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos do Centro de Innovación e Servicios de Galicia (CIS) de Ferrol (A Cabana, s/n, da citada cidade) os días 25 e 26 de abril de 2000.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o mércores, día 19 de abril de 2000.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Adminis

tración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando, o día 24 de abril, por teléfono, de 10 a 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2000.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública