Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 31 de marzo de 2000 Páx. 4.484

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 1999, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se fai pública a clasificación do monte integrado polas parcelas denominadas Boca Aberta, Forcelos, Gándara Vella e San Benito e As Grades, a favor dos veciños da vila de Parada, parroquia de San Lourenzo, no concello de Barbadás.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense acordou, na sesión que tivo lugar o 15 de decembro de 1999, adopta-lo seguinte acordo:

Visto o expediente de clasificación do monte como veciñal en man común integrado polas parcelas denominadas Boca Aberta, Forcelos, Gándara Vella, e San Benito e As Grades, a solicitude dos veciños de Parada (parroquia de San Lourenzo) no concello de Barbadás.

Resultando que con data do 27 de decembro de 1996, tivo entrada no rexistro da Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, en Ourense, escrito dirixido ó Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común asinado polos veciños da vila de Parada (parroquia de San Lourenzo), concello de Barbadás (Ourense), solicitando que se declare o monte integrado polas parcelas Boca Aberta, Forcelos, Gándara Vella, e San Benito e As Grades como veciñal en man común.

Resultando que o xurado provincial en sesión celebrada en data do 18 de marzo de 1997, acordou tomar en consideración o citado escrito e inicia-lo expediente de clasificación do monte designando instructores del a José Manuel Baltar Blanco e José Ramón Goyanes Flores, que aceptaron tal cargo, expedíndose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade nº 2 de Ourense, e remitíndose comunicacións dirixidas ós veciños da vila de Parada, parroquia de San Lourenzo, ó presidente da Deputación Provincial de Ourense, ó alcalde do Concello de Barbadás, á Xerencia Territorial do Catastro, ó xefe do Servicio de Extensión Agraria, á Consellería de Obras Públicas e Ordenación Territorial, e ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, publicándose edictos no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios do Concello de Barbadás, durante o prazo dun mes segundo consta en dilixencia estendida ó dorso do edicto polo secretario do citado concello, que durante o prazo

sinalado en edictos para que os interesados puidesen comparecer ou intervir nel, en defensa dos seus dereitos, non consta presentada ningunha alegación.

Resultando que na reunión do xurado do 30 de setembro de 1998 se adoptou o acordo de nomear instructora a Miriam Areal López en substitución de José Manuel Baltar Blanco nos expedientes de clasificación pendentes.

Resultando que a anotación preventiva de iniciación do expediente, se practicou no Rexistro da Propiedade número dous de Ourense, como segue:

Anotado preventivamente a iniciación do expediente para clasifica-lo predio relacionado no título en comunidade xermánica ou man común no tomo 1.444, libro 104, do Concello de Barbadás, folio 16, predio rexistral número 9.467, anotación letra A.

Resultando que na tramitación do expediente se cumpriron tódalas formalidades legais.

Considerando que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, ten xurisdicción e competencia para coñece-los expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da citada lei.

Considerando que o tipo de comunidade xermánica que institúe a Lei de montes veciñais en man común ten como características esenciais as seguintes: 1) Que os condominios se unen por vínculos persoais de vecindade agrupados en parroquias, aldeas, lugares, casaríos ou barrios non constituídos formalmente en entidades municipais; 2) Que polo tanto o número de titulares é variable e indeterminado; 3) Que o patrimonio colectivo é utilizado e aproveitado polo veciño, en canto membro da agrupación veciñal, faltando a idea de cota no sentido xurídico-romano; 4) Que o patrimonio e a participación é inalienable, imprescritible e inembargable; e 5) Que a comunidade é indivisible, non podendo os comuineiros pedi-la actio communi dividumdo.

Considerando que segundo informacións e testemuños resulta que os montes citados son aproveitados e posuídos en réxime de comunidade xermánica polos veciños da vila de Parada, parroquia de San Lourenzo, concello de Barbadás.

Os datos do citado monte son os que se referencian na parte dispositiva deste acordo.

Considerando que das informacións recollidas resulta que os veciños da vila de Parada (parroquia de San Lourenzo), están conformes coa clasificación do citado monte como veciñal en man común.

Considerando que a teor do disposto na Lei de montes veciñais en man común, o expediente de clasificación se iniciou por acordo do xurado, por instancia dos veciños de Parada (parroquia de San Lourenzo), para que este xurado puidese acorda-la iniciación do expediente de clasificación.

Vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, o Decreto 260/1992, do 4 de setembro, así como o establecido na Lei de procedemento administrativo do 26 de novembro de 1992, modificada pola Lei 4/1999.

Visto o Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, á vista dos antecedentes e fundamentos expostos e por unanimidade dos seus membros

ACORDA:

Primeiro.-Clasifica-lo monte integrado polas parcelas denominadas Boca Aberta, Forcelos, Gándara Vella e San Benito e As Grades, de 14 ha, aproximadamente en conxunto, de superficie, a favor dos veciños da vila de Parada, parroquia de San Lourenzo, no concello de Barbadás (Ourense), e cos datos que a seguir se relacionan, como veciñal en man común, en réxime de comunidade xermánica.

Concello: Barbadás.

Denominación do monte integrado polas parcelas denominadas Boca Aberta, Forcelos, Gándara Vella, e San Benito e As Grades.

Comunidade propietaria: veciños de Parada, parroquia de San Lourenzo.

Superficie: 14 ha, aproximadamente, en conxunto.

-Parcela denominada Boca Aberta:

Superficie: 3 ha, aproximadamente.

Estremas:

Norte: Luis Menéndez Álvarez e camiño veciñal.

Sur: camiño veciñal.

Leste: camiño veciñal.

Oeste: Santiago Cid Iglesias, Manuel Castro Iglesias e Manuel López.

-Parcela denominada Forcelos:

Superficie: 2 ha, aproximadamente.

Estremas:

Norte: Manuel Menéndez Álvarez, Ramona Menéndez Álvarez e Olimpia Iglesias.

Sur: Julia del Río e Eloy Cid.

Leste: Joaquín del Río Padrón e camiño veciñal.

Oeste: Isauro del Río Padrón.

-Parcela denominada Gándara Vella:

Superficie: 6 ha, aproximadamente.

Estremas:

Norte: Emilio del Río, Alejandro Cruz del Río, Dolores Padrón Lamas, Emilio Padrón, Simón Padrón.

Sur: Manuel Fernández Gallego e camiño veciñal.

Leste: Eulalia Padrón.

Oeste: Eliseo Álvarez, Inés Gallego Cruz.

-Parcela denominada San Benito e As Grades:

Superficie: 3 ha, aproximadamente.

Estremas:

Norte: Antonio Padrón Lamas, Eladio Gallego, Evaristo Padrón Gallego, Ramón Cruz Gago.

Sur: Evaristo Padrón Gallego, Camilo Gil e camiño veciñal.

Leste: camiño veciñal, e destros da igrexa.

Oeste: camiño vello, Jesusa Cruz del Río, Clemente Blanco, Felisa Cruz Fernández.

Segundo.-Que se proceda á exclusión do citado monte de calquera inventario, catálogo ou rexistro público no que poidan figurar inscritos a favor de persoa ou entidade distinta á que agora se asigna a súa pertenza.

Notifíquese esta resolución ó alcalde-presidente do Concello de Barbadás, ós representantes da comunidade veciñal, ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais, ós que se lles fará saber que esta resolución, que pon fin á vía administrativa, pode ser obxecto de recurso de reposición potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, ámbolos dous prazos a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia (artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, e artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

O que por orde do presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común se fai público no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento.

Ourense, 15 de decembro de 1999.

Miriam Areal López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Ourense

Visto e prace

Agustín Prado Verdeal

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Ourense