Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 31 de marzo de 2000 Páx. 4.446

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 21 de marzo de 2000 pola que se regula a pesca peláxica coa arte de cerco na campaña 2000.

Oída a comisión sectorial de cerco do Consello Galego de Pesca e analizados os resultados das campañas precedentes, procede agora, de conformidade co disposto na Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, e co Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, establece-las normas reguladoras da presente campaña, coas que se trata de acadar unha maior protección dos recursos, así como mellora-la súa comercialización.

Na súa virtude esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Recursos Mariños,

DISPÓN:

Artigo 1º

As embarcacións autorizadas para exerce-la pesca de cerco que realicen o desembarco das súas capturas de especies peláxicas nos portos de ámbito territorial desta Comunidade Autónoma limitarán as súas capturas e desembarcos ás seguintes cantidades diarias respectando, en todo caso, o total admisible de capturas e cotas establecidas polo Regulamento (CE) nº 2742/1999, do 17 de decembro.

-Sardiña (Sardina pilchardus): 7.000 kg.

-Parrocha (sardiña de 11 a 15 cm de tamaño): 500 kg.

-Xarda (Scomber Scombrus): 10.000 kg.

-Rincha (xarda de 20 a 23 cm de tamaño): 6.000 kg.

-Xurelo (Trachurus trachurus): 6.000 kg.

-Bocareu (Engraulis encrasicholus): 10.000 kg.

-Bocareu pequeno (bocareu de máis de 60 pezas/kg e tamaño superior ó correspondente tamaño mínimo establecido): 2.000 kg.

-Mestura ou varios (entendéndose por mestura cando a especie máis abundante non supere o 80% do total das capturas): 10.000 kg.

En calquera caso, non poderá excede-los 7.500 kg, o conxunto de sardiña e parrocha.

Artigo 2º

Os límites diarios establecidos no artigo anterior deben considerarse referidos ás capturas obtidas en xornadas de pesca contadas por días naturais.

Se as capturas obtidas superasen as cantidades sinaladas, a cesión dos excedentes a outras embarcacións poderase facer unicamente cando se leve a cabo no mar, fóra do porto, quedando prohibido o transbordo e traspaso deles noutras condicións.

Artigo 3º

Para a descarga de especies peláxicas autorízanse os seguintes portos: Ribadeo, Foz, Burela, San Cibrao, Celeiro, Cariño, Sada, A Coruña, Malpica de Bergantiños, Laxe, Camariñas, Portosín, Aguiño, Ribeira, Cambados, Portonovo, Marín, Bueu e Vigo.

Non obstante, segundo o disposto no punto 3º do artigo 16 do Decreto 419/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco, se os lotes vendidos por telefonía se pretenden descargar nun porto distinto ó da venda, a entidade concesionaria da lonxa ou a responsable do centro da venda estará obrigada a comunicarllo de xeito inmediato á delegación territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, non podendo realizarse a descarga ata dúas horas despois de ser transmitida a dita comunicación.

Artigo 4º

Os buques poderán utilizar, con carácter circunstancial, para as súas actividades pesqueiras portos diferentes ó do seu porto base, coas seguintes limitacións:

-O cumprimento da normativa específica do porto.

-O estricto respecto ós usos e costumes dos pescadores locais.

-A capacidade de atracada e subministración dos servicios básicos.

Artigo 5º

Os tamaños das especies non poderán ser inferiores ás establecidas na Orde do 15 de novembro de 1992, pola que se regulan os tamaños mínimos de extracción e comercialización de diversas especies de peixes, moluscos, crustáceos e equinodermos.

Non obstante, de acordo co establecido no Regulamento (CE) nº 2742/1999 do consello, do 17 de decembro de 1999, que fixan para 2000 os totais

admisibles de capturas de determinadas poboacións e grupos de poboacións de peixes e determinadas condicións nas que poden pescarse, no caso do xurelo (Trachurus spp.) admitirase un 5% en peso e en cómputo total, con tamaño comprendido entre 12 e 15 cm. Ó se-la cota de xurelo asignada a España para 2000, nas divisións CIEM VIIIc e IX de 36.580 TM. a cantidade total admitida de xurelo de tamaño comprendido entre 12 e 15 cm é de 1.829 TM. Para os efectos do control desta cantidade, aplicarase o coeficiente 1,2 ó peso dos desembarques.

Para efectos de control e xestión desta cota, as correspondentes federacións provinciais de confrarías de pescadores remitiranlle á Dirección Xeral de Recursos Mariños, antes do día 15 de cada mes, a información relativa ás cantidades de xurelo de tamaño comprendido entre 12 e 15 cm capturado durante o mes anterior.

Artigo 6º

As capturas desembarcadas terán que ser obrigatoriamente consignadas no libro de control de capturas de especies peláxicas establecido pola Orde do 11 de agosto de 1987, na lonxa onde se realice a primeira venda.

O establecido no parágrafo anterior será sen prexuízo das obrigas derivadas dos regulamentos (CEE) 2847/1993 do Consello das Comunidades Europeas e 2807/1983 da comisión, respecto ó diario de a bordo.

Os mencionados libros de control de capturas peláxicas deberán ser dilixenciados nas correspondentes delegacións territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, anualmente ó inicio de cada campaña. En todo caso, deberán estar dilixenciadas no prazo de 30 días naturais contados a partir da entrada en vigor desta orde.

Artigo 7º

Horario de pesca:

Das 12 horas do luns ata as 16 horas do venres.

As horas que se sinalan entenderanse como de saída e de entrada no porto.

Artigo 8º

O incumprimento do establecido nesta orde sancionarase segundo a Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección dos recursos marítimo-pesqueiros.

Disposición adicional

O disposto na presente orde terá vixencia ata a expresa regulación da próxima campaña.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para dicta-las resolucións precisas para o mellor cumprimento do aquí establecido.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día 1 de abril de 2000.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2000.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura