Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 29 de marzo de 2000 Páx. 4.332

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 57/2000, do 16 de marzo, polo que se modifica o Decreto 178/1994, do 16 de xuño, que desenvolve a estructura organizativa do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

A experiencia acumulada nestes anos coa anterior estructura orgánica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela aconsella unha modificación dela, creando unha Dirección de Enfermería que permitirá darlle un pulo á coordinación e xestión das actividades de enfermería.

Esta modificación na estructura organizativa do centro dotarao de maior flexibilidade e facilitará o mellor desenvolvemento das súas funcións co obxecto de garantir unha maior adaptabilidade para obte-lo máximo rendemento dos recursos existentes.

Preténdese, en definitiva, garantir que se teña en conta adecuadamente o volume e diversidade dos recursos humanos e que se adopten solucións organizativas eficaces ante a dispersión dos centros e recursos da área.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, de conformidade co establecido no artigo 34.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de marzo de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modificación da letra C do artigo 1º.1.

Modifícase a letra C do artigo 1º.1. do Decreto 178/1994, que queda redactado da forma seguinte:

Con dependencia do director operativo e dos directores de centro, existirán subdireccións. Con dependencia do director operativo, existirán unha Dirección de Enfermería que poderá contar con subdireccións.

Artigo 2º.-Creación do artigo 7º bis.

Créase o artigo 7º bis, no Decreto 178/1994, que queda redactado como segue:

Artigo 7º bis.-Dirección de Enfermería.

1. O director de Enfermería será nomeado polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, por proposta do xerente xeral. O dito posto proverase a través do procedemento de libre designación, mediante convocatoria pública, entre os que posúan a titulación media adecuada e se atopen vinculados a calquera Administración pública por unha relación funcionarial, estatutaria ou laboral.

2. O director de Enfermería exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación e xestión das unidades e servicios adscritos á súa dirección, realizando o seguimento e avaliación do seu funcionamento e propoñendo, cando así o considere conveniente, as medi

das oportunas tendentes a logra-la mellor prestación da asistencia por parte deles.

b) A promoción e impulso das actividades asistenciais, docentes e investigadoras, desenvolvidas polo persoal de enfermería realizando o seguimento e avaliación permanente delas.

c) O exercicio de tódalas funcións e competencias que lle sexan expresamente delegadas ou encomendadas polo director operativo.

Artigo 3º.-Modificación do artigo 8º.1.

Modifícase o artigo 8º.1 do dito decreto, que queda redactado como segue:

Artigo 8º.-A Subdirección de Investigación e Docencia.

1. O subdirector de Investigación e Docencia, con dependencia directa do director operativo, será nomeado polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais de entre unha terna proposta polo rector da Universidade de Santiago de Compostela. O dito posto proverase a través do procedemento de libre designación mediante convocatoria pública, entre os que posúan titulación superior universitaria e pertenzan ó cadro de profesores da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela.

Artigo 4º.-Modificación do artigo 9º.

Modifícase o artigo 9º do citado decreto, que queda redactado como segue:

Artigo 9º.-As subdireccións.

1. Os subdirectores, en número de seis, serán nomeados polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais por proposta do xerente xeral. O dito posto proverase a través do procedemento de libre designación mediante convocatoria pública, entre os que posúan titulación superior ou de grao medio universitaria e se encontren vinculados a calquera Administración pública por unha relación funcionarial, estatutaria ou laboral.

2. As subdireccións exercerán as seguintes competencias:

-A dirección e execución da actividade asistencial.

-A execución do programa do control de calidade.

-A execución do sistema de información.

-Aqueloutras que lles deleguen os directores.

Artigo 5º.-Modificación do artigo 13º.1.

Modifícase o artigo 13º.1 do dito decreto, que queda redactado como segue:

Artigo 13º.-Comisión de Aseguramento da Calidade.

1. A Comisión de Aseguramento da Calidade é o órgano consultivo e de asesoramento en materia de control de calidade do complexo hospitalario.

Estará composta polos seguintes membros:

Presidente: o director operativo.

Vocais: o subdirector de Investigación e Docencia.

-Os presidentes de cada unha das subcomisións de Aseguramento da Calidade que se formen.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de marzo de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais