Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 24 de marzo de 2000 Páx. 4.060

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 9 de marzo de 2000 pola que se desenvolven accións no ámbito da economía social dirixidas á promoción e divulgación de cooperativas, sociedades laborais e as súas asociacións.

As distintas axudas e subvencións establecidas nesta orde intégranse dentro das accións que a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais pretende levar a cabo para conseguir un axeitado desenvolvemento en materia de economía social, no que respecta á promoción das cooperativas, das sociedades laborais e das súas estructuras representativas, mediante o apoio á súa creación, difusión e organización, de xeito que redunde en beneficio e mellora do eido económico e sociolaboral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para logra-lo mencionado fin, o Decreto 106/1994, do 21 de abril, establece o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de ámbito laboral e mellora das condicións de traballo, que serán concedidas pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, establecendo no seu artigo 7 as axudas destinadas á creación e constitución de entidades de economía social, de cooperativas e sociedades laborais, así como para a realización de estudios, traballos de investigación, apoio técnico, e promoción e divulgación do cooperativismo e demais formas empresariais de economía social no ámbito autonómico.

Polo que atinxe ás sociedades cooperativas, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas e das súas estructuras de integración económica e representativa, dispoñendo que a Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de traballo, realizará unha política de fomento do movemento cooperativo e adoptará as medidas necesarias para promove-la constitución e o desenvolvemento das cooperativas.

Conforme o disposto establécense na presente orde os seguintes tipos de axudas:

Programa I: fomento e promoción das entidades e empresas de economía social mediante a concesión de axudas a cooperativas de traballo asociado e sociedades laborais.

Programa II: fomento da economía social a través de axudas ó financiamento dos gastos derivados da creación, constitución ou modificacións estatutarias das sociedades laborais, sociedades cooperativas e as súas asociacións.

Programa III: axudas ó fomento e consolidación do asociacionismo, dirixidas ás asociacións de cooperativas e de sociedades laborais.

Programa IV: axudas para a realización de actividades de promoción do cooperativismo.

A Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000, habilita créditos para a finalidade destes programas ou accións.

Por todo o exposto, oído o Consello Galego de Relacións Laborais e, de conformidade coas atribucións que teño conferidas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ós fins para os que foron establecidos,

DISPOÑO:

Programa I: fomento e promoción das empresas de economía social mediante a concesión de axudas a cooperativas de traballo asociado e sociedades laborais.

Artigo 1º.-Finalidade.

Este programa ten como finalidade esencial fomentar e promove-lo cooperativismo dentro do ámbito da Comunidade Autónoma, concedéndolle ás cooperativas de traballo asociado e sociedades laborais, existentes ou de nova creación, axudas económicas de pagamento único pola incorporación de socios traballadores desempregados como consecuencia:

a) Da afectación dalgunha das causas previstas nos artigos 50, 51 e 52 b) e c) do Estatuto dos traballadores, ou que procedan de empresas inmersas nalgún outro proceso de reestructuración ou reconversión.

b) Do peche da empresa de procedencia, polas causas previstas no artigo 49.1º g) do Estatuto dos traballadores, excepto no caso de que na empresa á que se incorporen participe o empresario ou persoas que participasen no capital social da extinta empresa, directa ou indirectamente, ou os seus familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas previstas no artigo 1º desta orde as referidas entidades que, a partir do 16 de setembro de 1999, ocupen durante un tempo mínimo dun ano socios traballadores desempregados polos motivos indicados no citado artigo.

Artigo 3º.-Contía das axudas.

A contía das axudas será de ata 700.000 ptas. por socio traballador ocupado, librándose a dita cantidade por unha soa vez directamente á entidade solicitante ata un tope máximo subvencionable de 10 traballadores.

Non obstante, a comisión de valoración, tendo en conta a importancia e magnitude de proxecto ou as circunstancias que nel concorran, poderá propoñer

un límite subvencionable superior ó establecido no parágrafo anterior.

En todo caso, a contía máxima subvencionable non superará o 70% do investimento efectuado pola entidade no proxecto de creación ou ampliación da empresa.

Programa II: fomento da economía social a través de axudas ó financiamento dos gastos derivados da creación, constitución ou modificacións estatutarias das sociedades laborais, sociedades cooperativas e as súas asociacións.

Artigo 4º.-Finalidade.

1. Este programa ten como finalidade o apoio á creación e desenvolvemento das sociedades laborais, sociedades cooperativas e as súas asociacións, mediante:

a) Axudas ó financiamento dos gastos derivados da súa constitución.

b) Axudas ó financiamento dos gastos orixinados por modificacións estatutarias para a súa viabilidade ou adaptación legal.

2. Para estes efectos poderán considerarse gastos, entre outros, os seguintes: elaboración ou modificación de estatutos, formalización de escritura pública, elaboración de proxectos técnicos legalmente preceptivos, estudios de viabilidade e auditorías.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias das axudas previstas no artigo 4º desta orde as referidas entidades que realicen ou realizasen os trámites de inscrición da súa constitución ou modificación estatutaria a partir do 16 de setembro de 1999 ata o remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 6º.-Contía das axudas.

A contía das axudas será fixada pola comisión de valoración, logo do exame da documentación achegada e da correspondente xustificación, e poderá ser de ata o 70% dos gastos orixinados, tendo en conta os límites máximos que se sinalan a seguir, efectuándose o seu libramento mediante pagamento único.

-Pola elaboración de estatutos ou da súa modificación e demais trámites derivados do proceso de constitución ou modificación estatutaria: axuda ata un máximo de 200.000 ptas.

-Pola formalización e inscrición da escritura pública correspondente: axuda ata un máximo de 100.000 ptas.

-Pola elaboración de proxectos técnicos legalmente preceptivos, estudios de viabilidade e auditorías: axuda ata un máximo de 500.000 ptas.

Non obstante, a comisión de valoración, tendo en conta a importancia e magnitude do proxecto ou as circunstancias que nel concorran, poderá propoñer uns límites subvencionables superiores ós aquí establecidos.

Programa III: axudas ó fomento e consolidación do asociacionismo, dirixidas ás asociacións de cooperativas e de sociedades laborais.

Artigo 7º.-Finalidade.

Este programa ten como finalidade apoia-lo fomento e consolidación das estructuras representativas da economía social, subvencionando gastos de funcionamento e actividades que realicen as asociacións de cooperativas e de sociedades laborais durante o ano 2000 no exercicio das súas funcións representativas.

Artigo 8º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións de cooperativas e de sociedades laborais legalmente constituídas, e inscritas na Sección Central do Rexistro de Cooperativas no caso das súas unións e federacións ou no rexistro de asociacións profesionais no caso das que agrupen as sociedades laborais, ambos dependentes da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Artigo 9º.-Contía.

A concesión e contía destas axudas serán propostas pola comisión de valoración en función da representatividade que teñan atribuída as asociacións solicitantes, do programa de actividades que desenvolvan e valorando o cumprimento do convenio subscrito para o ano 1999, se é o caso, materializándose aquelas a través de convenios de colaboración subscritos pola consellería con cada unha das entidades beneficiarias, cando as singularidades ou características das propostas así o requiran.

Programa IV: axudas para a realización de actividades de promoción do cooperativismo.

Artigo 10º.-Finalidade.

Este programa ten como finalidade apoia-lo desenvolvemento de actividades para o fomento do cooperativismo a través da promoción específica, subvencionando parcialmente os gastos necesarios para a súa realización.

As actividades obxecto de subvención poderán consistir na organización de cursos, xornadas, conferencias e simposios; na elaboración e publicación de estudios, informes, traballos de investigación, manuais e folletos divulgativos, así como calquera outra acción promocional que fomente o cooperativismo.

Artigo 11º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as sociedades cooperativas e as súas asociacións legalmente

constituídas e inscritas nos rexistros de cooperativas dependentes da Xunta de Galicia, que realicen as devanditas actividades de fomento do cooperativismo, durante o ano 2000.

Artigo 12º.-Contía.

A concesión e contía das axudas será proposta pola comisión de valoración en función do interese da actividade proposta para o fomento do cooperativismo, da solvencia da entidade solicitante, da adecuación dos medios previstos e da viabilidade do proxecto presentado, sen que en ningún caso poidan supera-lo 50% dos gastos necesarios para a súa realización.

Aquelas propostas que, polas súas características ou singularidade, así o requiran poderán materializarse a través de convenios de colaboración subscritos pola consellería con cada unha das entidades beneficiarias.

Normas de procedemento

Artigo 13º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes, que deberán formalizarse por separado para cada un dos programas, presentaranse segundo os modelos que figuran nos anexos desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais ou por calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, moficada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

Documentación xenérica para calquera dos programas:

-Fotocopia compulsada da escritura de constitución ou modificación estatutaria, debidamente inscrita no rexistro correspondente.

-Fotocopia compulsada da tarxeta acreditativa do número de identificación fiscal.

-Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade do representante legal do solicitante da subvención.

-Ficha de solicitude de transferencia bancaria no modelo que figura como anexo da presente orde.

-Certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta que indica.

-Declaración expresa de submisión ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e ás de control financeiro que lle corresponda á Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas

-Declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, segundo modelo que figura como anexo a esta orde.

Non obstante, no suposto de entidades que soliciten máis dun programa dos previstos nesta orde, unicamente deberán entregar un exemplar da documentación xenérica coa primeira das solicitudes presentadas, facendo constar tal circunstancia nas posteriores. En todo caso, tódalas solicitudes deberán presentarse acompañadas da documentación específica para o programa respectivo.

Documentación específica para o programa I:

-Certificación de demanda de emprego do Servicio Público de Emprego de cada traballador desempregado que se incorpore como socio traballador.

-Documentación acreditativa de que os socios traballadores están desempregados como consecuencia da afectación dalgunha das causas previstas nas letras a) ou b) do artigo 1º.

-Memoria, asinada polo órgano competente, na que conste o investimento efectuado pola entidade no proxecto de creación ou ampliación da empresa, segundo o modelo que figura como anexo a esta orde.

Documentación específica para o programa II:

-No caso de modificacións estatutarias, memoria explicativa da súa necesidade.

-Documentos orixinais ou copias autenticadas, acreditativos dos gastos que poidan ser obxecto da referida subvención.

-Para os supostos de axudas a proxectos técnicos legalmente preceptivos, estudios de viabilidade e auditorías debe achegarse factura individualizada correspondente a cada concepto subvencionable, e cuantificada economicamente en tódolos seus puntos, acompañada da documentación que acredite a habilitación legal da empresa ou persoa física que preste o servicio para a realización desa actividade.

Documentación específica para o programa III:

-Memoria, asinada polo órgano competente, segundo modelo que figura como anexo a esta orde.

-Proposta das actividades para as que se solicita a subvención e orzamento detallado cuantificado economicamente en tódolos seus puntos.

Documentación específica para o programa IV:

-Memoria das actividades da entidade solicitante con especial referencia ás de fomento do cooperativismo

-Proposta das actividades para as que se solicita a subvención especificando a súa finalidade, os des

tinatarios e os medios previstos para a súa realización, así como informe relativo á capacidade profesional dos intervenientes e un orzamento detallado cuantificado economicamente en tódolos seus puntos.

Artigo 14º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de setembro de 2000 para as relativas ós programas I e II e o 15 de maio de 2000 para as dos programas III e IV. Poderanse resolver nos quince primeiros días de cada mes natural as solicitudes presentadas no mes inmediatamente anterior, ata o límite do crédito existente para os ditos programas.

Artigo 15º.-Instrucción.

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á Dirección Xeral de Relacións Laborais para que o servicio competente comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos esixidos na presente orde, e no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, logo de resolución, que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 16º.-Avaliación das solicitudes.

1. Realizado o trámite anterior, pasarán para o seu exame á comisión de valoración, que, unha vez estudiada cada solicitude e logo da consulta previa de existencia de crédito, efectuará proposta de resolución que elevará ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, como órgano competente para resolver.

2. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior a comisión de valoración estará formada polos seguintes membros: o director xeral de Relacións Laborais, que actuará como presidente, o subdirector xeral de Traballo, o xefe do Servicio de Cooperativas e Sociedades Laborais, que actuarán como vocais, e un funcionario designado polo director xeral, que actuará como secretario. A dita comisión poderá adoptar validamente os seus acordos, sempre que asistan a ela o presidente ou persoa na que delegue, un vocal e o secretario. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o director xeral de Relacións Laborais.

3. A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir dos solicitantes das axudas información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

4. Para o suposto das axudas previstas nos programas I e II, a comisión de valoración terá en conta como criterios de valoración das solicitudes, o número de traballadores afectados pola iniciativa obxecto da axuda, a viabilidade do proxecto, tanto no campo sociolaboral como no económico, a súa influencia no ámbito territorial e funcional no que se vai desenvolver, así como aqueloutros aspectos que segundo as circunstancias particulares do caso, a comisión de valoración considere oportuno ter en conta pola importancia do proxecto. No caso das axudas do programa III e IV, observarase o disposto nos artigos 9º e 12º desta orde respectivamente.

Artigo 17º.-Resolución.

1. O presidente da comisión de valoración elevará proposta de resolución ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá mediante orde. A dita resolución poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición perante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa notificación.

2. O prazo para resolver será de tres meses e en ningún caso empezará a computarse antes de que transcorrido o previsto no artigo 14º para a presentación de solicitudes.

Transcorrido o devandito prazo sen que se dictase resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da axuda ou subvención.

3. A obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou institucións públicas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da axuda, coa posible revogación total ou parcial dela, segundo proceda.

En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas poderá ser de tal contía que illadamente ou en concorrencia coas concedidas por calquera Administración ou institución pública supere os límites previstos na presente orde.

Artigo 18º.-Forma de pagamento e xustificación.

1. O pagamento das axudas ou subvencións previstas nos programas I e II efectuarase de forma nominativa e pagamento único, pola súa totalidade, a favor das entidades adxudicatarias. No suposto das axudas previstas no programa I desta orde, debe

rán presentar, previamente ó seu pagamento documentación xustificativa do vínculo xurídico co socio traballador, mediante certificación do secretario da entidade cooperativa co visto e prace do presidente onde conste este extremo, ou mediante copia autenticada do contrato no que conste a relación xurídico-laboral, se é o caso, así como a situación da alta da Seguridade Social.

No caso das axudas a proxectos técnicos, estudios de viabilidade e auditorías deberase presentar unha copia deles, previamente ó seu pagamento.

2. O pagamento das axudas previstas no programa III materializarase a través do convenio de colaboración subscrito coa entidade beneficiaria.

3. As axudas previstas no programa IV efectivizaranse mediante pagamento único pola súa totalidade, de forma nominativa a favor das entidades beneficiarias e logo de acreditación dos gastos realizados, tendo en conta que só se aboará ata o 50% dos gastos realmente realizados e xustificados, ata o tope máximo da contía inicialmente concedida como subvención, ou de se-lo caso, segundo se estableza no correspondente convenio de colaboración.

4. Será requisito para a súa percepción a aceptación expresa do beneficiario e a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social. Deberá estar ó día, ademais, das obrigas de carácter fiscal e social esixidas polo artigo 78.4, letra c), do Decreto lexislativo 1/1999, do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, é dicir, non ter débeda pendente de pagamento por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 19º.-Obrigas.

Son obrigas dos beneficiarios:

1. Comunicar calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foron concedidas.

2. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

3. Presentar no momento da xustificación da execución total da actividade subvencionada e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas previstas nesta orde realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.214A.471.00, con crédito inicial de 80.000.000 de pesetas para o conxunto dos programas I, II, III e IV.

Segunda.-Se, unha vez adxudicadas as axudas e subvencións, resultase remanente de crédito, esta consellería reserva para si a facultade de incrementa-la contía das axudas previstas nesta orde ou efectuar convocatorias complementarias, de conformidade co disposto na disposición adicional segunda do Decreto 106/1994, do 21 de abril.

Terceira.-De conformidade co preceptuado no artigo 78.7º do texto refundido da Lei 1/1999, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, procederase ó reintegro das cantidades percibidas e á esixencia dos xuros de demora logo de audiencia dos interesados, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obte-la subvención sen reuni-los requisitos esixidos nas bases reguladoras para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que se concede a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión da subvención.

e) Cando, por concorrencia de subvencións ou axudas, o importe total subvencionado exceda dos topes previstos para os distintos programas desta orde, procederá o reintegro do exceso percibido.

As cantidades que teñan que reintegra-los adxudicatarios terán a consideración de ingresos de dereito público.

Cuarta.-Unicamente se concederán aquelas axudas que non afecten o principio de libre competencia e, noutro caso, estarán sometidas ás condicións da normativa de minimis.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Relacións Laborais para que dicte, no ámbito das súas competencias, as instruccións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2000.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais