Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 23 de marzo de 2000 Páx. 3.982

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 6 de marzo de 2000 pola que se regulan as axudas individuais non periódicas para minusválidos e persoas maiores.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social. Así mesmo, no seu artigo 33.2º, establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de Seguridade Social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais de Galicia, nos artigos 50 e 52, recolle a posibilidade de conceder de maneira singular prestacións económicas non periódicas a persoas en estado de necesidade.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 347/1997, do 9 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia en materia de xestion de créditos orzamentarios, e o Decreto 351/1997, do 10 de decembro,

polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, así como no Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, ten ó seu cargo competencias en maeteria de servicios sociais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia modificada, no seu artigo 78 pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, establécense os requisitos xerais para as subvencións que concederá esta Administración autonómica.

Segundo a Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, existe crédito adecuado nas aplicacións 11.03.212D.480.4, 11.03.212D.482.5 e 11.03.212A.487.0, para financia-las axudas que se establecen no articulado da presente orde e que se concederán, en todo caso, tendo en conta o límite das dispoñibilidades orzamentarias.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ó fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. O obxecto da presente orde é a convocatoria de axudas individuais, de carácter non periódico, para persoas maiores ou que padezan algún tipo de minusvalidez, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A solicitude, tramitación e concesión das axudas obxecto da presente orde axustarase ó disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Artigo 2º.-Axudas individuais a persoas con minusvalidez.

1. Tipoloxía.

Poderán concederse axudas individuais para os seguintes fin e polas contías máximas que a continuación se detallan:

1.1. Rehabilitación.

a) Estimulación precoz:

-Por cada tratamento particular: 15.000 ptas. (mensuais).

-Por conxunto de tratamentos: 38.000 ptas. (mensuais).

b) Recuperación médico-funcional:

-Fisioterapia, psicomotricidade, terapia da linguaxe e medicina ortopédica.

-Por cada tipo de tratamento: 15.000 ptas. (mensuais).

-Polo conxunto de tratamentos: 38.000 ptas. (mensuais).

c) Tratamentos psicoterapéuticos: 15.000 ptas. (mensuais).

1.2. Asistencia especializada.

a) Asistencia persoal:

-De desenvolvemento persoal: 400.000 ptas.

b) Adaptación funcional do fogar: 400.000 ptas.

c) Institucionalizada fóra da Comunidade Autónoma en réxime de internado: 65.000 ptas. (mensuais).

1.3. Mobilidade e comunicación.

a) Adapatación de vehículos de motor: 430.000 ptas.

b) Eliminación de barreiras arquitectónicas ou de comunicación: 400.000 ptas.

c) Adquisición de axudas técnicas: ata o curto real.

1.4. De promoción profesional.

-Recuperación profesional: 35.000 ptas. (mensuais).

1.5. Axudas complementarias de rehabilitación do artigo 1.1., e recuperación profesional, artigo 1.4.

a) Transportes:

-Transporte especial: 15.000 ptas. (mensuais).

-Transportes: 9.000 ptas. (mensuais).

b) Comedor:

-Axudas individuais por comida en casos específicos: 9.000 ptas. (mensuais).

c) Residencia:

-Axudas para residencia en casos individuais: 12.000 ptas. (mensuais).

1.6. Prórroga de bolsas.

Nas contías que establece a orde do Ministerio de Relacións coas Cortes da Secretaría do Goberno do 28 de febreiro de 1990 (BOE nº 55, do 5 de marzo). A prórroga outórgase polo período comprendido entre o 1 xaneiro e o 31 de decembro do 2000. O pagamento realizarase directamente ós centros onde están acollidos os beneficiarios, logo da entrega por aqueles de relacións certificadas destes últimos.

As contías máximas fixadas neste artigo experimentarán os incrementos que, se é o caso, determine a Administración do Estado para os mesmos conceptos.

2. Requisitos.

Ademais dos requisitos establecidos no Real decreto 620/1981, do 5 de febreiro, sobre o réxime unificado das axudas públicas a diminuídos, os beneficiarios destas axudas deberán reunir con carácter xeral os seguintes:

a) Estar afectado por unha minusvalidez física, psíquica ou sensorial recoñecida cun grao igual ou superior ó 33%, ou ter recoñecido dereito a pensión de invalidez permanente total, absoluta ou grande invalidez, que a axuda ou servicio que solicita sexa derivado da súa minusvalidez e non supera-la idade de 65 anos.

b) Para prórroga de bolsas, ter sido beneficiario no ano 1986 dunha axuda, sempre que non cambien as circunstancias que a motivaron e se reúnan os requi-

sitos que establece o Real decreto 620/1981 e maila orde ministerial do 5 de marzo de 1982.

Artigo 3º.-Axudas individuais a persoas maiores.

1. Contido.

Trátase de prestacións económicas que teñen por finalidade contribuír ó financiamento dos gastos ocasionados por unha acción determinada e que atendan ós conceptos e cos importes máximos que se sinalan.

1.1. Atención especializada.

-Adquisición de próteses dentais: 80.000 ptas.

-Adquisición de axudas técnicas: 80.000 ptas.

-Atención en residencias para anciáns afectados de graves discapacidades: 80.000 ptas. (mensual).

-Atención en centros de día para anciáns afectados de graves discapacidades: 40.000 ptas. (mensual)

-Adquisición de prótese auditiva: ata un máximo de 75.000 ptas.

1.2. Adaptación funcional do fogar: ata 220.000 ptas.

Dentro deste epígrafe atenderanse preferentemente as persoas que non son beneficiarias de axudas para situacións de emerxencia social por conceptos semellantes ós que neste se recollen.

2. Beneficiarios de axudas.

-Persoas que teñan cumpridos 65 ou máis anos.

Artigo 4º.-Normas comúns.

1. As axudas recollidas na presente orde considéranse subsidiarias de calquera outra que se poida conceder para a mesma finalidade calquera outro organismo ou Administración pública. Consecuentemente, estas axudas irán destinadas a atender aquelas necesidades, non incluídas no ámbito doutras liñas de protección social ou que, estándoo, non foran concedidas ós que soliciten estas.

2. Nas solicitudes para adquisición de axudas técnicas, entenderase por axuda técnica aqueles utensilios, dispositivos ou equipos de diferente grao de complexidade, utilizables por ou para persoas con discapacidade, para suplir ou complementa-la súa limitación ou as súas carencias funcionais.

3. Nestes procedementos de concesión de axudas aplicarase o disposto no acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 17 de novembro, publicado o 9 de decembro en virtude da Resolución do 30 de novembro.

Artigo 5º.-Documentación.

1. A documentación xeral que deberán achega-los beneficiarios será a seguinte:

a) Instancia, subscrita polo beneficiario ou polo seu representante legal, segundo modelo oficial conforme o anexo da presente orde, que se facilitará nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, así como en calquera das oficinas de Información Administrativa e Atención ó Cidadán da Xunta de Galicia.

b) Fotocopia do DNI, partida de nacemento ou outro documento análogo do beneficiario e, se é o caso, do representante legal, debidamente compulsada.

c) Certificación do padrón municipal de habitantes comprensivo de tódolos conviventes.

d) Informe social emitido por un diplomado en traballo social ou asistente social dos servicios sociais de atención primaria. O dito informe non será necesario, excepto que a Comisión Provincial de Valoración o considere conveniente, nas prórrogas das axudas (tratamentos, complementarias e atención en centros), na adaptación de vehículos de motor, adquisición de próteses dentais e auditivas a persoas maiores.

e) Orzamento detallado do gasto que se vai realizar.

f) Declaración do imposto sobre a renda da unidade familiar correspondente ó último exercicio. No caso de non te-la obriga de presentala, deberán achegar certificación negativa da correspondente Delegación de Facenda, así coma declaración xurada da totalidade de ingresos do beneficiario e dos restantes membros da unidade familiar, acompañada dos xustificantes dos respectivos ingresos.

2. Ademais e segundo o tipo de axuda que soliciten, os interesados deberán presenta-la seguinte documentación específica:

2.1. Axudas para adaptación de vehículos de motor: fotocopia do carné de conducir do beneficiario, e informe médico emitido pola Sección de Cualificación e Valoración de Minusvalidez, da imposibilidade de utilización do transporte público.

2.2. Axudas de tratamento: informe da Sección de Cualificación e Valoración de Minusvalidez, no que se especifique que necesita o tratamento para o que solicita a axuda e que o dito tratamento non pode recibilo en calquera outro centro ou organismo público.

2.3. Prórroga de bolsas para minusválidos en centros de atención especializada:

a) Dictame técnico acreditativo de cumpri-la deficiencia requirida para ser beneficiario destas bolsas, expedido pola respectiva delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

b) Declaración responsable relativa a que o minusválido a favor do que se solicita a prórroga da bolsa non é beneficiario doutras bolsas ou axudas da mesma natureza e finalidade, debendo expresar, en caso contrario, as contías das axudas das que gocen e dos organismos que as concederan.

c) Certificación expedida polo representante autorizado do centro respectivo na que se acredite que o minusválido a favor de quen se solicita a prórroga da bolsa está atendido nel, así como o custo real desta asistencia.

2.4. Prórroga de tratamentos, axudas complementarias e atención en centros a minusválidos e persoas maiores:

Os beneficiarios destas axudas durante o ano 1999, unicamente terán que presenta-lo impreso da solicitude cuberto, con declaración xurada de que non variaron as circunstancias que no seu día motivaron a concesión da axuda; de existir variación deberán xuntar datos acreditativos de tal circunstancia, sen prexuízo das facultades administrativas de compro

bación dos datos declarados e da procedencia das axudas.

2.5. Axudas para adquisición de próteses auditivas:

Informe médico emitido por un otorrinolaringólogo que xustifique a necesidade da prótese, no caso de que a dita necesidade non conste no Informe da Sección de Cualificación e Valoración de Minusvalidez.

3. Os perceptores das axudas ou subvencións quedan sometidos ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte á data de publicación da presente orde.

2. Poderán admitirse e tramitarse fóra do prazo establecido no número anterior, e como data límite ata o 30 de setembro as solicitudes de axudas que non admitan demora, dada a súa natureza, sempre que se acredite a aparición da necesidade con posterioridade ó prazo normal da presentación de solicitudes.

3. As solicitudes de prórrogas de axudas nos casos nos que proceda, terán que presentarse inescusablemente dentro dos dous últimos meses do ano.

Artigo 7º.-Lugar de presentación das solicitudes.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse, de conformidade cos modelos normalizados, nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, ou nos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 8º.-Tramitación.

1. As delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais comprobarán que tódalas solicitudes reúnan os requisitos establecidos na presente orde. No caso de que a documentación resulte incompleta ou defectuosa requirirá o solicitante, para que nun prazo de 10 días achegue a documentación necesaria ou emende os defectos observados, con indicación de que se non o fixera así, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución, que deberá dictarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

2. Unha vez se teñan corrixidos os erros e achegada, de se-lo caso, a documentación requirida, remitirase á Comisión Provincial de Valoración, que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación desta, seguindo os criterios obxectivos recollidos na presente orde e nas demais normas de desenvolvemento.

3. A composición da Comisión Provincial de Valoración será a seguinte:

a) Presidente: o xefe da Área de Servicios Sociais.

b) Vocais: dous funcionarios da Área de Servicios Sociais, sendo un deles, se é posible, o xefe do Servicio correspondente. Así mesmo, poderá formar parte da comisión un traballador social dos Servicios de Aten

ción Primaria. Actuará como secretario un dos vocais da Área de Servicios Sociais.

Ás reunións da comisión poderá asistir un representante designado pola Intervención Territorial, que actuará con voz pero sen voto. Se por calquera causa algún dos seus compoñentes non puidese asistir ás reunións, será substituído polo que designe o órgano competente para o outorgamento das axudas, debendo recaer, sempre que fose posible, noutro funcionario do mesmo servicio que o substituído.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

Os criterios que se terán en conta para a valoración das solicitudes de axudas individuais serán os seguintes:

a) Nivel de renda familiar.

As axudas individuais contidas nesta orde poderanse conceder, co límite máximo que permitan os créditos dispoñibles para isto, preferentemente ós peticionarios con ingresos familiares per cápita inferiores ó 70% do salario mínimo interprofesional vixente.

b) Continuidade na prestación outorgada en exercicios anteriores no caso de axudas de prórrogas e sempre que se acredite suficientemente a necesidade.

c) Circunstancias familiares e sociais dos beneficiarios.

d) Carencia de servicios sociais especializados no ámbito de residencia do beneficiario.

Artigo 10º.-Resolución.

1. Delégase nos delegados provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde.

As resolucións seranlles notificadas en tódolos casos ós interesados, motivándose a resolución respecto das que foran desestimatorias.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 11º.-Xustificación e pagamento.

1. No momento da xustificación da execución total do proxecto, e en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas coma as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. As delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais aboaranlles ós beneficiarios a contía das axudas concedidas, logo da presentación, se é o caso, dos xustificantes requiridos na resolución de concesión das devanditas axudas. Estes xustificantes deberán presentarse antes do 30 de novembro de 2000. No caso das axudas correspondentes ó mes de decembro, que pola peculiar natureza de pagamento (mensual, diario, etc.) non poden ser xustificadas naquela data, disporán de prazo ata o día 30 do devandito mes.

Disposicións adicionales

Primeira.-A concesión destas axudas terá como límite global o crédito consignado en cada unha das partidas orzamentarias para estes fins. As partidas que haberán de soporta-lo gasto serán, coa súa correspondiente dotación, a 11.03.212D.480.4., con 73.440.000 pesetas, a 11.03.212D.482.5 con 64.260.000 pesetas e a 11.03.212A.487.0. con 1.000.000 de pesetas.

Segunda.-Segundo o disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, logo da súa modificación pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, procederá o reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e os xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:

-Incumprimento da obriga de xustificación.

-Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

-Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

-Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da subvención ou axuda pública.

Terceira.-As infraccións en materia de subvencións, así como a súa graduación e prescrición, e as correspondentes sancións, someteranse ó réxime establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, logo da súa modificación pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Cuarta.-Os beneficiarios obríganse a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das suas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Quinta.-As resolucións dictadas en relación con estas axudas, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse o recurso potestativo de reposición perante o mesmo órgano que as dictou ou seren impugnadas directamente ante a orde xurisidiccional contencioso administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Servicios Sociais para dicta-las normas que sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2000.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais