Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 21 de marzo de 2000 Páx. 3.837

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 6 de marzo de 2000 pola que se regula a explotación do percebe (Pollicipes pollicipes) como recurso específico no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia suxeita a Administración autonómica a garantir que a utilización dos recursos mariños se realice de forma que se obteña o seu máximo rendemento a través dunha explotación económica eficaz e que toda acción de explotación se leve a cabo de forma controlada e debidamente autorizada. Do mesmo xeito, o Decreto 425/1993, do 17 de decembro e a Orde do 31 de maio de 1995, regulan o réxime do permiso de explotación para exerce-la actividade pesqueira e marisqueira, a súa expedición e renovación. Esta orde ten por obxectivo o desenvolvemento normativo do capítulo IV do Decreto 425/1993 no que corresponde á explotación de percebe, derrogando o artigo da orde de 1995 relativo ó permiso que habilita á explotación desta especie.

A actividade de explotación do percebe acadou un grande interese económico no ámbito do mercado do marisco o que demanda unha máis adecuada xestión desta especie. As peculiares características da súa extracción, as diferentes formas de acceso ó recurso, o seu hábitat particular e a propia configuración da tradicional categoría profesional do percebeiro fan necesario considerar este recurso como un recurso específico, e, polo tanto, elaborar unha normativa que regule e aglutine tódolos aspectos que afectan a esta actividade.

A diversa realidade social e xeográfica do litoral galego evidencia tamén a existencia de diferentes modalidades de acceso ó recurso. Trátase dun marisco que se atopa en zonas de difícil acceso, en rochas situadas na zona marítimo-terrestre, ás que se pode acceder por terra, pero en moitos casos o seu acceso só é posible a través dunha embarcación. Situación que se complica naqueles casos en que o mal tempo dificulta o uso da embarcación e fai preciso que os seus tripulantes accedan ó recurso por terra. Esta dualidade de acceso ó recurso fai que teñamos que falar de percebeiros a pé e percebeiros desde embarcación ou con apoio dunha embarcación, o que determina á súa vez unha dualidade de permisos de explotación: o outorgado ó percebeiro con carácter individual e o outorgado á embarcación para a captura de percebe.

O outorgamento do permiso á embarcación é unha consecuencia derivada do difícil acceso en determinadas zonas e segundo dispón o artigo 36 da Lei 6/1993, de pesca de Galicia, os permisos de

explotación de pesca serán expedidos especificamente para especies, bancos, artes e grupos de artes determinadas que poderán ser estacionalmente alternantes. Unha das especies que poden ser alternantes no permiso de explotación da embarcación é o percebe. Mais, na medida en que nesta actividade a unidade de explotación é a persoa ou percebeiro, é preciso regula-lo réxime xurídico dos tripulantes desta embarcación que son os que realizarán a actividade extractiva de percebe e dotalos dunha cualificación profesional de percebeiros, debido precisamente ás esixencias de seguridade e organización que, neste concreto sector, son especialmente importantes. A través desta homoxeneización do réxime administrativo dos percebeiros mellorarase o actual sistema de explotación e acadarase un maior grao de racionalidade na xestión e explotación comercial.

De acordo co anteriormente exposto, logo de consulta-lo sector afectado, e en virtude das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Do percebe como recurso específico.

1. Enténdese por recursos específicos aqueles que polas súas características biolóxicas, económicas ou de captura requiren un sistema particular de ordenación que os diferencia do común dos recursos mariños.

2. Para os efectos da súa regulamentación o percebe intégrase na categoría de recursos específicos.

Artigo 2º.-Do acceso ó recurso.

Unicamente poderán acceder á extracción do percebe aquelas persoas que teñan a certificación de percebeiros, estean en posesión do permiso habilitante correspondente para o exercicio desta actividade e estean inscritos nun plan de explotación de percebe aprobado para o ano que corresponda.

Artigo 3º.-Da obtención do permiso de explotación a pé para percebe.

1. O permiso de explotación a pé para percebe é de carácter individual e intransferible. A solicitude, que se axustará ó modelo que figura como anexo I desta orde, está suxeito ós seguintes requisitos:

a) Ser maior de 18 anos ou menor emancipado e non ser maior de 65 anos.

b) Estar empadroado nun municipio do litoral de Galicia.

c) Non ser titular de concesión ou autorización administrativa para a explotación dos recursos mariños nas zonas marítimas e marítimo-terrestres.

d) Estar en posesión do certificado de percebeiro.

e) Non estar incapacitado para exerce-los labores de marisqueo.

f) Non ser pensionista de xubilación, invalidez permanente absoluta ou total, nin perceptor de subsidios en favor de familiares, ou perceptor da pensión da renda de integración social en Galicia.

2. Á instancia de solicitude xuntaranse dúas fotografías tamaño carné e o xustificante do pagamento da taxa correspondente.

3. O permiso de explotación a pé para percebe outórgase por un período anual e revalidarase por iguais períodos, coincidindo coa aprobación do correspondente plan.

4. A eficacia do permiso de explotación a pé para percebe está condicionada a que o seu titular se afilie ó Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores do Mar.

Artigo 4º.-Do procedemento administrativo que se seguirá para a obtención do permiso de explotación a pé para percebe.

1. Segundo o disposto no artigo 2 do Decreto 425/1993, do 17 de decembro, os delegados territoriais poderán inicia-lo proceso de selección de candidatos ó acceso dun permiso de explotación segundo o seguinte procedemento.

2. Por resolución do delegado territorial comunicaráselle á confraría correspondente a apertura dun prazo de 15 días para a presentación das solicitudes polos interesados. A apertura deste prazo será exposta no taboleiro de anuncios da confraría, así como nos das delegacións territoriais e comarcais da consellería da provincia de que se trate.

3. As solicitudes para a obtención do permiso presentaranse no rexistro das delegacións provinciais ou comarcais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, ou en calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. O proceso de selección das solicitudes estará suxeito ó baremo onde se recollen os criterios de valoración, que será público e exposto nas delegacións territoriais e nas confrarías de pescadores.

5. Unha vez baremadas e valoradas polo órgano competente, farase pública unha relación provisional de seleccionados que será publicada nos lugares previstos no parágrafo segundo.

6. Contra a relación provisional poderán presentarse as reclamacións oportunas nun prazo de 15

días ante o/a delegado/a territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

7. Finalizado o prazo de presentación de reclamacións e unha vez analizadas estas, elevarase a definitiva a relación de admitidos por resolución do delegado territorial, que se fará pública nos lugares indicados anteriormente.

Artigo 5º.-Da obtención da modalidade marisqueo de percebe no permiso de explotación para embarcación.

A modalidade marisqueo de percebe é a habilitación para extraer percebe que vai incluída nun permiso de explotación para embarcación en virtude do artigo 10 do Decreto 425/1993, do 17 de decembro. Para te-la dita modalidade no permiso de explotación dunha embarcación, esta terá que cumpri-los seguintes requisitos:

a) Estar incluída na lista 3ª do Rexistro de Buques así como estar dada de alta no censo de artes menores.

b) Estar incluída nun plan de explotación específico para percebe para o ano correspondente.

c) Ter menos de 10 TRB.

d) Ter menos de cinco artes no seu permiso de explotación de embarcación. No caso de ter cinco deberá xustifica-la renuncia a unha delas.

e) Xustificante do pagamento da taxa correspondente.

Artigo 6º.-O procedemento administrativo de obtención da modalidade marisqueo de percebe.

1. As solicitudes para a obtención da modalidade marisqueo de percebe prevista no artigo anterior presentaranse seguindo o modelo que figura como anexo II desta orde nos lugares previstos no artigo 4.3º.

2. O proceso de selección das solicitudes estará suxeito ó procedemento sinalado no artigo 4º, aplicándose o baremo onde se recollen os criterios de valoración, que será público e exposto nas delegacións territoriais e nas confrarías de pescadores.

Artigo 7º.-Da habilitación dos tripulantes.

1. Para o exercicio da actividade de explotación de percebe co uso dunha embarcación ás que se refire o artigo 5º, os tripulantes debidamente enrolados teñen que estar en posesión dunha acreditación, segundo o modelo que figura no anexo III. Para a súa obtención deben reuni-los seguintes requisitos e axustarse ó seguinte procedemento:

a) O armador da embarcación solicitará á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura o número

de acreditacións equivalente á relación de tripulantes que figuren no plan de explotación, segundo o modelo que figura como anexo IV desta orde.

b) Estas acreditacións serán expedidas pola Administración e expresarán o nome e matrícula da embarcación incluída no plan de explotación específico para percebe, así como o nome e DNI do tripulante enrolado nela.

c) Para ser titulares destas acreditacións, os tripulantes terán que estar en posesión do certificado de percebeiro.

2. Os tripulantes así habilitados poderán realiza-la súa actividade extractiva só cando a embarcación na que están enrolados estea debidamente despachada e figure anotada no seu libro de rexistro da actividade pesqueira a extracción de percebe.

3. A validez desta habilitación dos tripulantes está condicionada a que o seu titular estea enrolado na embarcación incluída no plan de explotación correspondente.

4. Nos supostos en que existira algunha baixa no rol da embarcación ou algún cambio de tripulantes de embarcacións, o tripulante saínte deberá entrega-la tarxeta habilitante ó armador para que a entregue á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. A concesión de novas tarxetas está suxeita a que o armador presente o DNI do novo tripulante, o rol e libretas de inscrición marítima onde conste o desembarco e o nome do novo tripulante embarcado e en posesión do certificado de percebeiro.

Artigo 8º.-Da renovación do permiso de explotación a pé para percebe.

1. A renovación do permiso requirirá a acreditación de ter realizada unha actividade extractiva suficiente, entendendo por esta a que se realiza durante un mínimo dun 70% dos días de actividade laboral efectiva dentro do plan de explotación para a súa entidade organizativa. Para os efectos do cálculo da referida porcentaxe, descontarase do período autorizado o tempo durante o que o mariscador permanecese inactivo por causa de forza maior debidamente xustificada.

2. Á solicitude de renovación, que se axustará ó modelo que figura como anexo V desta orde, xuntarase a seguinte documentación:

a) Xustificante diario de vendas de percebe en lonxa ou centro de venda autorizado, realizadas durante o ano natural anterior á solicitude.

b) Informe de vida laboral con data do mes da solicitude.

c) Xustificante da liquidación da taxa correspondente.

3. Para a renovación do citado permiso o seu titular deberá xustifica-la súa alta no Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores do Mar, salvo que, por causa non imputable ó solicitante, aquela non se puidese facer efectiva.

4. Cada cinco anos será necesario presentar ademais, para a renovación, os certificados que acrediten que se reúnen os requisitos previstos nas letras c), e) e f) do artigo 3.1º desta orde e a presentación de dúas fotografías.

Artigo 9º.-Da renovación da modalidade marisqueo de percebe no permiso de explotación para embarcación.

1. A habilitación para extraer percebe, incluída no permiso de explotación para embarcación será renovada co plan de explotación específico que se presenta anualmente.

2. A renovación do permiso de explotación requirirá o cumprimento das prescricións contidas no plan de explotación específico para percebe de cada ano, o que determinará a súa inclusión ou exclusión do plan de explotación específico.

3. Á solicitude de renovación, que se axustará ó modelo que figura como anexo VI desta orde, xuntarase o xustificante da liquidación da taxa correspondente.

Artigo 10º.-Da renovación da habilitación dos tripulantes.

1. A renovación da habilitación dos tripulantes a que se refire o artigo 7º desta orde está condicionada á inclusión dos seus titulares no plan de explotación específico. Para isto, o armador presentará no plan de explotación a relación de tripulantes titulares da habilitación para que estas sexan actualizadas.

Artigo 11º.-Da resolución.

1. A resolución das solicitudes ás que se refiren os artigos anteriores corresponderalle ós delegados territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, nos seus ámbitos correspondentes.

2. Nos supostos de solicitudes de permisos de explotación, a falta da notificación da resolución determinará a súa desestimación presunta.

3. Contra a resolución cabe recurso de alzada ante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura segundo dispoñen os artigos 114 e 115 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Dos plans específicos de explotación de percebe.

1. A extracción de percebe, tanto en autorizacións como en zonas de libre marisqueo, unicamente poderá realizarse ó amparo dun plan de explotación presentado polas entidades de interese colectivo, tal e como dispón o artigo 13 do Decreto 423/1993, do 17 de decembro.

2. O contido dos plans de explotación axustarase ó modelo que, mediante circular, remitirá a Dirección Xeral de Recursos Mariños a tódalas entidades de interese colectivo constituídas para desenvolver actividades consideradas nesta orde.

3. O ámbito destes plans de explotación será o da zona de producción comprendida dentro do ámbito territorial da entidade interesada. No suposto da elaboración dun plan de explotación conxunto entre dúas ou máis entidades, a zona será a comprendida na totalidade ou parte dos seus ámbitos territoriais, segundo o acordo acadado e ratificado polas partes.

4. O número de permisos de explotación autorizados e a súa posible compatibilidade con outros permisos decidirase no momento de aproba-la orde do plan xeral de explotación para cada ano, de forma que veña indicado o censo de mariscadores a pé e a relación de embarcacións dedicadas á modalidade marisqueo de percebe coa lista nominal de tripulantes en posesión do certificado de percebeiros enrolados ó inicio do plan.

5. Os plans serán presentados nas delegacións territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura antes do primeiro de novembro de cada ano e serán aprobados, se é o caso, por orde do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

6. Cando o contido dos plans non se axuste ó disposto no ordenamento pesqueiro e marisqueiro, ou non sexa viable por contradici-los criterios biolóxicos dos técnicos da administración, ou supoña unha subpesca dos recursos, a Dirección Xeral de Recursos Mariños poderá establece-las modificacións que estime oportunas para acadar unha máis racional explotación, o que será comunicado ás entidades correspondentes.

Artigo 13º.-Do horario.

A explotación de percebe, tanto se o acceso ó recurso ten lugar a pé polas rochas ou desde embarcación, está supeditado ó nivel mareal, polo que o horario de extracción será común para ámbalas dúas modalidades de acceso. Este horario será de dúas horas e media antes a unha hora e media despois da baixamar diúrna, sen que poida pasar das 17 horas.

Artigo 14º.-Das artes de explotación de percebe.

1. Para a captura do percebe utilizaranse as rasquetas ou raspas reguladas no Decreto 424/1993,

estando prohibida expresamente a utilización ou posesión de equipos ou sistema de mergullo.

2. A utilización de equipos como medida de seguridade será, en todo caso, acorde coas disposicións establecidas polo órgano competente en materia de seguridade marítima.

Disposición adicional

O certificado de percebeiro é o título que acredita a formación en materia de marisqueo na súa especialidade de extracción de percebe. A súa obtención terá lugar unha vez superado un curso de formación segundo dispoña a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Disposicións transitorias

Primeira.-Tódolos titulares dun permiso de explotación a pé para percebe e os tripulantes que acrediten estar enrolados nunha embarcación con permiso de explotación para a modalidade marisqueo de percebe, deberán estar en posesión do certificado de percebeiro no prazo máximo de dous anos a partir da entrada en vigor desta orde.

Segunda.-A tódolos titulares dun permiso de explotación a pé para percebe e ós tripulantes das embarcacións con permiso para a modalidade marisqueo de percebe, que á entrada en vigor da presente orde estean en posesión do certificado de mariscador, outrogaráselles o certificado de percebeiro, coa soa realización do módulo de seguridade do seu programa.

Terceira.-Os permisos de explotación a pé para percebe outorgados con anterioridade á entrada en vigor desta orde manterán a súa validez, estando suxeitos ás condicións de revalidación que prevé esta orde.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o artigo 15 da Orde do 31 de maio de 1995, pola que se regula a expedición e revalidación do permiso de explotación para exerce-la actividade pesqueira e marisqueira.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños e o director xeral de Formación Pesqueira e Investigación para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2000.

P.D. (Orde 17-12-1997, DOG nº 246, do 22)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura