Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 20 de marzo de 2000 Páx. 3.767

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de marzo de 2000 pola que se convocan axudas a alumnos e profesores de centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidos con fondos públicos, que participen en estadías e intercambios con centros educativos doutros países para favorece-la aprendizaxe activa de linguas e para realizar estadías en empresas.

A aprendizaxe das linguas estranxeiras é unha das necesidades que máis se manifesta desde tódolos ámbitos sociais. Esta necesidade vai profundamente ligada ó progreso científico e tecnolóxico. As industrias e os especialistas constitúen redes de comunicación que ignoran as fronteiras lingüísticas e nacionais. Así, o aumento das relacións internacionais, a mobilidade laboral e a circulación das ideas e da información está provocando unha forte demanda social en favor da aprendizaxe das linguas estranxeiras, de tal xeito que mesmo o número de linguas que os cidadáns dun determinado país dominan constitúe un indicador importante do seu grao de desenvolvemento. Por outra parte, a mellor protección contra tódalas formas de racismo e de xenofobia lógrase mediante o coñecemento e a experiencia directa da realidade dos outros e mediante a mellora das capacidades de comunicación.

Por todo isto, o Comité de ministros do Consello de Europa advirte dos perigos que poden derivarse da marxinación das persoas que non posúan as competencias necesarias para comunicar nunha Europa interactiva.

En consecuencia, a necesidade de mobilidade laboral e de acceso á información, así como a importancia da tolerancia e da compresión mutuas fan das capacidade reais de comunicar sen fronteiras lingüísticas un elemento indispensable da formación de todo cidadán. Por iso, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria iniciou no curso 1999/2000 un plan de potenciación da aprendizaxe das linguas estranxeiras nos colexios de educación infantil e primaria e nos institutos de educación secundaria.

A experiencia demostra que a estadía nos países dos que se estudia a lingua constitúe un medio moi eficaz de progreso na adquisición desa lingua e da súa cultura.

Por outra parte, no marco das relacións escola-empresa existen proxectos de colaboración por medio de estadías prácticas en empresas ou institucións. O intercambio de experiencias e as estadías formativas en centros educativos e empresas doutros países son aspectos esenciais para adquiri-la visión dun mercado global no que a vida laboral se desenvolve sobre os principios de mobilidade e libre circulación dos traballadores.

Dado que a colaboración con centros educativos doutros países resulta fundamental como medio eficaz de facilita-lo desenvolvemento de capacidades do alumnado a nivel lingüístico e profesional e que as axudas económicas procedentes de programas da Unión Europea resultan insuficientes para atende-la forte demanda dos centros da nosa Comunidade Autónoma, a Consellería de Educación convoca axudas para a realización de intercambios e estadías formativas de alumnos co fin de posibilitar que, tanto os centros de educación primaria como os de educación secundaria e os que imparten ensinanzas de réxime especial, poidan organizar programas de inmersión, máis breves no caso da educación primaria, para que ó longo da súa escolaridade o alumnado chegue a alcanzar en varias linguas un nivel de competencia comunicativa adecuado.

En consecuencia co anteriormente exposto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto da convocatoria.

1. Convócanse axudas dirixidas a alumnos e profesores de centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidos con fondos públicos, que participen en estadías e intercambios de alumnos con centros educativos doutros países, para a aprendizaxe activa das linguas durante o ano 2000.

2. Igualmente, convócanse axudas dirixidas a alumnos e profesores de formación profesional de centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidos con fondos públicos, que participen en estadías en empresas doutros países durante o ano 2000.

As axudas concederanse con cargo á partida orzamentaria 07.04.322T.480.0 por importe total máximo de 86.999.000 pesetas.

Segundo.-Destinatarios.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos e profesores a través dos centros que se indican: colexios de educación infantil e primaria; colexios de educación primaria; centros públicos integrados; institutos de educación secundaria; escolas oficiais de idiomas; Instituto Galego de Bacharelato a Distancia e centros colaboradores; conservatorios de música; escolas de artes, centros privados concertados e centros de educación permanentes de adultos.

Terceiro.-Modalidades de axudas.

1. Visitas preparatorias do profesorado responsable da estadía de alumnos no centro receptor doutro país, co obxecto de facilita-los acordos de colaboración entre os centros e a preparación axeitada do proxecto.

2. Visitas de estudio do profesorado responsable de proxectos co fin de garanti-la súa continuidade.

3. Proxectos de aprendizaxe activa de linguas a través de estadías de alumnos en centros educativos estranxeiros, intercambios bilaterais centro a centro ou encontros multilaterais de distintos grupos de alumnos nun país estranxeiro, que teñan como obxectivo o aumento da motivación dos estudiantes no que respecta á aprendizaxe dunha lingua estranxeira e á súa utilización como medio de comunicación.

4. Proxectos de estadías formativas de alumnos en empresas e centros educativos de formación profesional para completa-la súa formación práctica e as súas competencias lingüísticas a nivel profesional.

5. Proxectos de estadías formativas de profesores en empresas e centros educativos de Formación Profesional para completa-la súa formación práctica.

Cuarto.-Requisitos.

1. Estas actividades deberán estar integradas na programación do curso e ser aprobadas polo Consello Escolar. O seu obxectivo básico será o intercambio cultural, o achegamento lingüístico e o perfeccionamento profesional e poderán solicitarse sempre que o centro non teña ningunha axuda concedida na convocatoria de intercambios do Ministerio de Educación e Cultura, na acción Lingua E do programa Sócrates, no Programa Leonardo ou noutras convocatorias similares á actividade para a que solicita axuda.

2. As visitas preparatorias ou de estudio contarán cunha axuda variable en función do país, e serán realizadas por un só profesor de cada centro educativo, salvo casos excepcionais debidamente xustificados.

3. Os proxectos de aprendizaxe activa de linguas comprenderán as actividades realizadas ó longo do curso, que culminarán na viaxe dos alumnos. As viaxes poderán ter unha duración variable non inferior a dez días, agás os alumnos de educación primaria, que poderán realizar estadías de cinco días de duración.

4. As axudas para os proxectos de aprendizaxe activa de linguas determinaranse en función dunha contía máxima diaria por alumno/profesor en concepto de reintegro de gastos de transporte, mantenza e aloxamento, tendo en conta a distancia entre os centros, o orzamento global do proxecto e a calidade e interese das actividades que se van realizar. As cantidades percibidas en ningún caso poderán supera-lo 75% do custo total do proxecto.

5. Na valoración das solicitudes, daráselles prioridade ós proxectos que teñan en conta a realización de actividades lectivas conxuntas durante o desenvolvemento do proxecto, como actividades específicas de aprendizaxe da lingua do país que se visita, así como a participación no Plan de potenciación de Idiomas desta Comunidade Autónoma.

6. Os proxectos de aprendizaxe activa de linguas deberán contar cun número mínimo de dez alumnos, que estarán acompañados durante a viaxe e a estadía por un mínimo dun profesor do centro ou centros solicitantes, podendo chegar a tres se o número de alumnos supera os trinta. Non obstante, a dirección xeral poderá autorizar en casos excepcionais e debidamente xustificados un número inferior de alumnos. Non poderán participar alumnos de educación infantil, e no caso de alumnos de educación primaria, un dos profesores poderá ser substituído por un representante da Asociación de Pais de Alumnos.

7. As estadías de alumnos en empresas terán unha duración mínima de dúas semanas e deberán contar cun titor que supervise o programa formativo que se vai desenvolver. Este deberá estar relacionado coa especialidade que cursen os alumnos. En ningún caso a realización das prácticas suporá relación laboral ou administrativa.

8. As estadías de profesores en empresas deberán contar cun programa formativo, terán unha duración mínima de dúas semanas e deberán contar co visto e prace da inspección educativa.

Quinto.-Solicitudes.

1. Convócanse catro períodos de presentación de solicitudes: o primeiro no prazo de quince días naturais contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, o segundo ata o 10 de abril, o terceiro desde o 11 de abril

ó 1 de xuño e o derradeiro desde o 2 de xuño ó 15 de setembro. Reservarase un 50% do importe total das axudas para o primeiro prazo, un 20% para o segundo, un 20% para o terceiro e un 10% para o último, sendo acumulable o orzamento excedente de cada período para o seguinte.

2. As solicitudes seguirán o modelo establecido no anexo I desta orde e irán acompañadas da documentación que se indica a continuación:

2.1. Axudas para visitas preparatorias e de estudios:

-Orzamento da viaxe.

-Proposta de proxecto do centro galego, co visto e prace do director.

-Documento de aceptación do centro receptor.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público.

2.2. Axudas para viaxes de alumnos para a aprendizaxe de lingua estranxeira:

-Proxecto pedagóxico da viaxe, que incluirá os obxectivos e as actividades de aprendizaxe realizadas durante o curso no propio centro, así como as actividades que se van realizar no centro receptor. Estas deberán estar relacionadas co traballo desenvolto polos alumnos durante o curso escolar, das que se achegarán mostras acompañando a documentación. As ditas mostras poderanse presentar en soporte fotográfico ou vídeo.

-Certificado do director de que a actividade está recollida na programación do centro e está autorizada polo Consello Escolar.

-Declaración xurada do director na que se fará consta-la contratación dunha póliza de seguros que cubra o desprazamento e estadía dos alumnos no estranxeiro.

-Autorización do pai, nai ou titor legal para a participación do alumno nesta actividade. A autorización será solicitada polo director e quedará en poder do centro.

-Modalidade de aloxamento e tipo de transporte que se utilizará.

-Calendario da viaxe indicando as datas de saída e chegada do grupo.

-Nome do profesor coordinador e dos profesores acompañantes, materias que imparten e situación administrativa que teñan no centro.

-Listas dos alumnos participantes no intercambio.

-Orzamento detallado dos gastos por conceptos con indicación dos derivados do aloxamento, segundo as modalidades de acollida, do transporte ó país que se visita, así como doutros gastos previstos. Deberase indicar o custo global por alumno e o custo global por grupo.

-Documento de aceptación do centro receptor.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público.

2.3. No caso de proxectos de estadías de alumnos en empresas:

-Proxecto pedagóxico da estadía, indicando os obxectivos da viaxe, empresas onde se realizarán as prácticas, sistemas de seguimento e preparación que seguirán os alumnos participantes, incluíndo as clases de reforzo de lingua estranxeira.

-Certificación do director do centro ou centros escolares no que conste que a actividade está recollida na programación xeral do centro e autorizado polo Consello Escolar, de encargarse do proxecto desde o principio ó final.

-Declaración xurada do director na que se fará consta-la contratación dunha póliza de seguros que cubra o desprazamento e responsabilidade civil dos alumnos no estranxeiro.

-Calendario de actividades.

-Nome do profesor coordinador e dos profesores acompañantes, materias que imparten e situación administrativa que teñen no centro.

-Listas dos alumnos participantes.

-Orzamento detallado dos gastos da viaxe ó país que se visita, aloxamento, etc. Deberase indicar o custo global por alumno e o custo global por grupo.

-Documento de aceptación do centro receptor.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público.

2.4. No caso de proxectos de estadías de profesores en empresas:

-Proxecto de formación na empresa.

-Calendario.

-Nomes dos participantes.

-Orzamento.

-Documento de aceptación do centro receptor.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público.

Sexto.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes asinadas polo director do centro dirixiranse á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (San Lázaro, 15771 Santiago de Compostela), presentándose a través do rexistro xeral. Tamén poderán utilizarse para a presentación de solicitudes calquera das dependencias previstas no artigo 38.4º da Lei 4/1999,

de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que optasen por presenta-la súa solicitude nunha oficina de correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, aquelas solicitudes que non acheguen os requisitos sinalados, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días emende as faltas ou acompañe os documentos preceptivos; de non o facer considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente.

Sétimo.-Comisión de selección e criterios de valoración dos proxectos.

As solicitudes serán avaliadas por unha comisión de selección integrada polos seguintes membros:

Presidente: o subdirector xeral de Formación Profesional e Educación de Adultos ou persoa na que delegue.

Vocais: o xefe de Servicio de Educación de Adultos e Xestión Económica, o xefe de Servicio de Formación do Profesorado, a xefa de Servicio de Ordenación e Innovación Educativa, a xefa de Servicio de Formación en Empresas e Orientación Laboral e un inspector educativo ou persoas nas que deleguen.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da subdirección xeral.

A comisión reunirase en catro ocasións durante o ano e seleccionará os proxectos tendo en conta os seguintes criterios:

a) Non ter recibido esta axuda en anteriores convocatorias.

b) A calidade do proxecto pedagóxico e a súa realización co máximo de aproveitamento, así como a metodoloxía empregada.

c) Centros situados en zonas rurais ou desfavorecidas.

d) Ter solicitada e non concedida axuda Lingua E ou Leonardo para a mesma actividade, sempre que cumpra os requisitos de calidade do proxecto.

e) A acollida familiar como modalidade de aloxamento.

A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación de subvencións e elevará ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá o que proceda.

Oitavo.-Comunicación.

A concesión ou denegación do reintegro seralle notificada directamente ó centro escolar pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Contra esta resolución os interesados

poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

As solicitudes entenderanse denegadas de non dictarse resolución expresa no prazo de tres meses contados desde o último día de presentación de solicitudes.

Noveno.-Prazos dos pagamentos.

Para as axudas que non superen o importe de 1.000.000 de pesetas, no momento da concesión poderá acordarse un anticipo de pagamento de ata un 80%, logo de aceptación da subvención. O 20% restante librarase unha vez finalizada e xustificada a actividade. Nas axudas que superen esta cantidade o pagamento realizarase integramente unha vez rematada a actividade.

Décimo.-Xustificación da actividade.

Logo de efectuada a viaxe o centro docente deberá tramita-la seguinte documentación, no prazo máximo dun mes:

-Certificación do Consello Escolar do centro aprobatoria das contas, xuntando unha relación dos gastos efectuados.

-Xustificación da totalidade do custo da viaxe de acordo cos datos indicados no orzamento inicial. O importe da subvención nunca poderá superar illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza. No caso de que o custo final sexa inferior ó inicialmente previsto deberase minora-la axuda concedida en proporción á axuda xustificada.

-Memoria do traballo realizado durante a estadía no país de acollida, que deberá ser presentada un mes despois do remate da actividade. A memoria estará acompañada dun certificado do director do centro no que se faga consta-lo nome e número do DNI do profesor responsable do proxecto, dos profesores que o acompañaron na viaxe e dos alumnos participantes.

-Os proxectos e traballos realizados polos centros seleccionados quedarán en poder da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional reservándose o dereito de difundi-los traballos rea

lizados en función da súa orixinalidade e pasando a formar parte dos fondos documentais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público.

Décimo primero.-Modificación da resolución de concesión das axudas.

A non xustificación da axuda percibida conforme o disposto nesta orde levará consigo o reintegro das cantidades non xustificadas de acordo coa Orde do 12 de xullo de 1998 (DOG do 7 de agosto).

Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Décimo segundo.-Recoñecemento das actividades realizadas.

Esta actividade terá a consideración de actividade de innovación educativa ó amparo do apartado 14.1º da Orde do 13 de decembro de 1994 (DOG do 13 de xaneiro de 1995) sobre o procedemento de recoñecemento das actividades de promoción do funcionario de carreira docente non universitario. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional expedirá a certificación correspondente ó profesorado participante unha vez presentada a memoria correspondente e recibido o informe favorable.

Décimo terceiro.-Contra a presente orde os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no DOG, segundo o disposto na Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las disposicións necesarias no desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria