Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 20 de marzo de 2000 Páx. 3.764

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 29 de febreiro de 2000 pola que se fai público o nomeamento dos vocais da Comisión Autonómica da Muller.

A Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, de creación do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller establece, no seu artigo 3, entre as funcións que ten que desenvolver este organismo, a de cooperar con tódalas entidades que polos seus fins ou actividades contribúan á consecución dos obxectivos previstos nesta lei.

O III Plan de Igualdade de Oportunidades das Mulleres Galegas, con vixencia para 1998-2001, recolle a necesidade de colaboración recíproca entre o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e as deputacións, os concellos e as asociacións de mulleres.

Tendo en conta o acordo do Pleno do Consello do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, reunido en sesión que tivo lugar o 17 de xullo de 1996, creouse a Comisión Autónomica da Muller polo Decreto 106/1997, do 17 de abril, derrogado expresamente polo Decreto 312/1999, do 11 de novembro, polo que se refunde a normativa existente en materia da muller.

De conformidade co previsto no artigo 22 da disposición anteriormente mencionada, esta comisión pretende ser unha vía de comunicación entre o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e a sociedade en xeral, sendo unha canle da citada comunicación as deputacións, os concellos e as asociacións de mulleres de forma que permita e favoreza a ineludible transformación do papel das mulleres na sociedade galega, fomentando unha participación máis activa destas.

Así mesmo, no artigo 25 do Decreto 312/1999, do 11 de novembro, disponse que os/as vocais da Comisión Autonómica da Muller serán nomeados/as polo presidente/a da comisión, por proposta da institución, asociación ou entidade a quen representen.

Realizado o nomeamento por cada unha delas, cómpre facelo público procedendo á súa publicación para os efectos da súa constitución:

En representación das vocalías da muller das organizacións sindicais máis representativas da Comunidade Autónoma de Galicia:

Pola organización sindical Unión Xeral de Traballadores de Galicia, a secretaria executiva de Acción Social da Comisión Executiva UGT de Galicia.

Pola organización sindical Comisións Obreiras de Galicia: a responsable da Secretaría do S. N. de CC.OO. de Galicia.

Pola organización sindical Confederación Intersindical Galega, a secretaria nacional da Secretaría da Muller da Confederación Intersindical Galega.

En representación das corporacións locais:

Polas deputacións provinciais: a deputada da Deputación Provincial de Pontevedra da Área da Muller.

Polos concellos cunha poboación superior a 20.000 habitantes: a concelleira da Área de Participación Cidadá do Concello de Vigo.

Polos concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes: a alcaldesa-presidenta do Concello de Sober (Lugo).

En representación das asociacións de amas de casa:

A presidenta da Asociación Provincial de Amas de Casa de Ourense.

A presidenta da Asociación Provincial de Amas de Casa de Lugo.

Polas asociacións de mulleres rurais:

A presidenta da Federación Galega de Mulleres Rurais (Fegamur).

A presidenta da Federación Galega de Mulleres Rurais A Peregrina (Pontevedra).

Polas asociacións de mulleres empresarias:

A presidenta da Federación de Empresarias de Galicia.

Polas asociacións sociais e culturais:

A presidenta do Grupo de Estudios sobre a Condición da Muller Alecrín, en Vigo (Pontevedra).

A presidenta da Federación Galega de Viúvas.

Polas organizacións non gobernamentais (ONG) que traballen con colectivos de mulleres con problemáticas de especial dificultade.

A presidenta da Asociación de Mulleres Separadas e Divorciadas de Lugo.

A presidenta da Agrupación de Mariscadoras a Pé de Vilaxoán (Vilanova de Arousa-Pontevedra).

Polo Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

O/A xefe/a do Servicio de Cooperación, Estudios e Programas.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude