Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 16 de marzo de 2000 Páx. 3.644

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 22 de febreiro de 2000 pola que se publica o calendario das feiras do debuxo e do gravado que vai celebra-la Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

As feiras culturais de Galicia, reguladas polo Decreto 40/1995, do 27 de xaneiro, son acontecementos nalgúns casos de aínda novo e cada ano máis forte impulso, como as feiras de debuxo e gravado de cada vez maior demanda e éxito. Para o ano 2000, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ten a intención de mante-la presencia destes eventos nas nosas prazas e rúas, e achegar así novos aspectos da cultura ó cidadán galego, en diferentes xornadas, o calendario das cales, xunto co modelo de inscrición, procede publicar para o coñecemento público e para facilitárlle-lo acceso a estas a tódolos posibles interesados. Por iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As feiras de debuxo e gravado obxecto desta orde constitúense como seccións das feiras culturais de Galicia organizadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural.

Artigo 2º

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia realizará, neste ano 2000, feiras do debuxo e o gravado nos seguintes lugares e datas:

LocalidadeData

Santiago de Compostela28 de abril ó 2 de maio

Ourense26 ó 28 de maio

Lugo16 ó 18 de xuño

Vigo12 ó 16 de xullo

A Coruña12 ó 17 de agosto

Pontevedra25 ó 29 de agosto

Estas datas poderán variarse en función das solicitudes presentadas ou de calquera circunstancia imprevista que puidese obrigar á anulación da feira ou ó cambio de data ou lugar. Nese caso informarase do cambio ou anulación a tódolos participantes nesta.

Artigo 3º

As solicitudes para participar nestas feiras deberán facerse segundo modelo de instancia que se achega coa presente orde (anexo I). Os solicitantes de participación nas feiras de debuxo e gravado deberán igualmente xuntar currículum para o caso de excede-las solicitudes o número de prazas dispoñibles. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles a partir do día seguinte ó de publicación da presente orde.

Artigo 4º

Poderán participar nas feiras de debuxo e gravado tódolos artistas que o soliciten. No caso de existir maior número de solicitudes que de prazas dispoñibles farase unha selección dos participantes que terá en conta de forma prioritaria o currículum artístico dos solicitantes, en especial nos campos obxecto da feira. Poderanse ter en conta tamén outros aspectos, como a participación noutras feiras de debuxo e gravado organizadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. O comité de selección poderá tamén realizar invitacións a artistas que considere que sirvan para mellora-la calidade e o interese da feira. Estas invitacións non poderán exceder en ningún caso o 10% das prazas existentes.

O comité de selección estará presidido polo director xeral de Promoción Cultural ou persoa na que este delegue, os xefes de servicio do Libro e Bibliotecas, e de Promoción Cultural e o coordinador das feiras.

Artigo 5º

Os materiais permitidos nas feiras de debuxo e de gravado son exclusivamente os realizados sobre papel ou materiais análogos. Están expresamente prohibidos outros tipos de obras artísticas, como óleo ou pintura sobre lenzo, escultura ou cerámica, traballos sobre camisetas ou pezas de roupa e, en xeral, calquera que non se axuste á citada normativa. En caso de dúbida o comité de selección poderá decidir acerca da inclusión ou non do material.

Artigo 6º

Os participantes comprométense a ter aberta a caseta da feira no horario sinalado para a feira. O non cumprimento desta norma será considerado como motivo de exclusión en posteriores feiras.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2000.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo