Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 16 de marzo de 2000 Páx. 3.628

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 24 de febreiro de 2000 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de doce bolsas para estadías de persoal dos departamentos de estudios galegos de universidades de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa colaboración en proxectos de investigación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

O artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, en harmonía co artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, establece a competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a promoción e o ensino da lingua galega e o fomento da investigación.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu artigo 22 establece que o Goberno galego asumirá a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega, asesorará a Administración e os particulares, e coordinará os servicios encamiñados a consegui-los obxectivos que esa mesma lei determina.

Dentro do plan de actividades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para 2000 figura a convotoria pública de bolsas de investigación para realizar proxectos concretos sobre lingüística, literatura, antropoloxía e historia galegas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, centro que debe servir de lugar de conexión e relación para os estudios que se fagan en Galicia e noutras comunidades.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no artigo 3 do Decreto 25/1993, do 11 de febreiro (DOG nº 34, do 19 de febreiro) de creación e posta en funcionamento do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, modificado polo Decreto 330/1997, do 13 de novembro (DOG nº 227, do 24 de novembro).

Por todo isto, apróbanse as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

O concurso ten por obxecto a adxudicación de doce bolsas para estadías e participación en actividades de diversos proxectos de investigación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, destinadas a licenciados ou estudiantes dos dous últimos anos de licenciatura vinculados a universidades de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

-Unha asignación mensual que será de 85.000 ptas., 100.000 ptas. ou 120.000 ptas., coa retención fiscal que corresponda, segundo procedan de universidades españolas, da Unión Europea, ou doutros países do mundo, respectivamente. A percepción desta dotación será compatible co do soldo habitual percibido, sempre que se poida produci-la oportuna compatibilidade recoñecida polo centro de orixe pero non con outro tipo de bolsa ou axuda para o mesmo plan de traballo.

-Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

Para o gasto que se proxecta existe crédito adecuado e suficiente na partida orzamentaria 07.06.353E.480.3, por unha contía máxima total de 10.567.200 ptas. (10.080.000 ptas. correspondente ó pagamento das mensualidades e de 487.200 ptas. para o pagamento da asistencia sanitaria), correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

Terceira.-Duración.

O período de desfrute das bolsas será dun mínimo de dous meses e dun máximo de sete, tendo en conta que a data tope é ata o 31 de decembro.

A data de incorporación ó centro será dentro dos vinte días seguintes ó da notificación da adxudicación. Se o adxudicatario ou adxudicataria non se incorporase no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa de atraso debidamente xustificada e así apreciada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través do director xeral de Política Lingüística.

Cuarta.-Solicitudes.

As solicitudes formularanse no modelo que se xunta como anexo e irán dirixidas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e entregaranse na sede do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (estrada Santiago-Noia km 3, A Barcia, 15896 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG.

Canda o formulario de solicitude entregarase a seguinte documentación:

-Currículum vitae, xunto con cantos documentos poidan avalalo.

-Certificación académica persoal completa.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada na que conste que non dispón doutra bolsa para o mesmo fin e que non foi nunca separado do servicio de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

-Plan de traballo que se pretende levar a cabo no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (1.000 palabras de extensión máxima) e duración prevista da estadía no propio centro.

-Informe do profesor do departamento da universidade de orixe que lle dirixe o proxecto.

Tódolos documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles, en versión galega ou castelá.

Vistas tódalas solicitudes, darase un prazo de 10 días para emenda-la falta de documentación; transcorridos estes días sen a devandita emenda arquivaranse os devanditos expedientes.

Quinta.-Selección.

A avaliación dos proxecto e dos méritos alegados ou acreditados polos solicitantes levaraa a cabo unha comisión nomeada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. Estará presidida polo director xeral de Política Lingüística e composta, ademais, por catro vocais, actuando como secretaria a xefa do servicio do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

A comisión considerará como solicitudes de especial interese aquelas presentadas por estudiantes universitarios que estean a participar nas actividades sobre lingua, literatura, antropoloxía ou historia galegas que se estean a desenvolver no departamento de estudios galegos da súa universidade.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes que non estean acreditados documentalmente.

O presidente da comisión elevará informe sobre os candidatos e candidatas seleccionados para a súa

proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universiaria para o seu nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sexta.-Obrigas.

Os bolseiros participarán nas actividades que lles encomende a Consellería de Educación e Ordenación Universiaria (a través da Dirección Xeral de Política Lingüística) tendo como centro de referencia o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en horario habitual de xornada de mañá ou tarde.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nestas bases suporá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades xa cobradas.

A condición de bolseiro non dará lugar a relación contractual ningunha, nin laboral nin administrativa, coa Xunta de Galicia.

Unha vez finalizada a bolsa presentarase un informe da actividade realizada, co visto e prace do director do proxecto e a declaración xurada de non percibir ningunha outra bolsa.

Sétima.-A resolución, que esgota a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Oitava.-Pagamento da bolsa.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente logo do informe do director da investigación, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Queda facultado o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Director xeral de Política Lingüística