Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 14 de marzo de 2000 Páx. 3.445

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 29 de febreiro de 2000 pola que se convocan dous cursos básicos de informática.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2000 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización de dous cursos básicos de informática, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Os cursos teñen por obxectivo principal da-los coñecementos mínimos necesarios en materia de informática, para que os policías se familiaricen cos novos medios técnicos de traballo.

Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros dos corpos das policías locais de Galicia e membros da unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso de quedaren prazas vacantes, ós membros do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertan en cada curso é de 20.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar cuberta á máquina ou con letra moi clara a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancia rematará o día 6 de abril ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal, ou polo concelleiro de tráfico e seladas; será este requisito indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito comportará a non admisión no devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura,

s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

Os cursos terán lugar en sesión de tarde, de luns a venres, e neles trataranse, entre outros, os seguintes temas:

a) Informática básica.

b) MS-DOS 6.20.

c) Windows 3.11.

d) WordPerfect 6.1.

Datas.

Os cursos terán lugar do 24 de abril ó 15 de maio, das 16 ás 18 horas o primeiro curso e das 18 ás 20 horas o segundo.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 14 de abril no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

Os cursos desenvolveranse na aula de informática da Academia Galega de Seguridade, sita na Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada.

Certificado de asistencia e aproveitamento.

Ó remate de cada curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el e que superen unha proba de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 29 de febreiro de 2000.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade