Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 09 de marzo de 2000 Páx. 3.220

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 1 de marzo de 2000 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas a empresas, agrupacións ou asociacións de empresas que realicen investimentos, estudios e xestión de residuos industriais encamiñados a mellorar e controla-lo ambiente.

Entre as competencias que ten asignadas a Consellería de Medio Ambiente figuran a avaliación e o control dos niveis de emisión e inmisión das industrias, regulados no Decreto 833/1975, do 6 de febreiro, e o control da xestión dos residuos regulados pola Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos.

As industrias deben adaptarse ás esixencias impostas pola lexislación comunitaria en materia de contaminación atmosférica, polo que é preciso un apoio eficaz e selectivo por parte da Administración para que nos procesos productivos se eliminen ou limiten, na medida do posible, os efectos contaminantes. No ámbito dos residuos tóxicos e perigosos, o Consello de Ministros aprobou, o 17 de febreiro de 1995, o Plan Nacional de Residuos Perigosos 1995-2000 e o Plan Nacional de Recuperación de Solos Contaminados 1995-2005. A Consellería de Medio Ambiente pretende consegui-los obxectivos fixados polos ditos plans tanto para a recuperación dos lugares inventariados como contaminados, así como en materia de reducción, reutilización e reciclaxe de residuos perigosos no ámbito desta comunidade autónoma.

Por outra parte, a Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos establece que para a consecución dos obxectivos de reducción, reutilización, reciclaxe e valorización, así como para promove-las tecnoloxías menos contaminantes na eliminación de residuos, prevé que as administracións públicas, no ámbito das súas respectivas competencias, poidan establecer instrumentos de carácter económico e medidas de incentivación.

Por outra parte, tanto a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, como o Real decreto 85/1996, polo que se establecen normas para a aplicación do Regulamento CEE 1836/1993, do Consello, do 29 de xuño, polo que se permite que as empresas do sector industrial se adhiran con carácter voluntario a un sistema comunitario de xestión e auditoría ambiental, inciden na importancia de incentiva-los sistemas de ecoxestión e ecoauditorías voluntarias das empresas.

Na súa virtude, e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Capítulo I

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o

fomento do ambiente industrial, agrícola e gandeiro, co fin de minimiza-la xeración de residuos mediante investimentos en procedementos organizativos, procesos e instalacións industriais e políticas empresariais, co fin de obter melloras ambientais a través de cambios nas materias primas e da súa utilización, medidas organizativas, reutilización en fábrica dos residuos xerados, cambios tecnolóxicos e cambios de productos.

2. Estas axudas concederanse para a realización das actuacións seguintes que, en todo caso, deberán estar rematadas antes do 31 de octubro de 2001:

1) Investimentos en prevención e reducción na xeración de residuos.

2) Estudios.

3) Implantación dun sistema de xestión ambiental mediante a norma ISO 14.001 ou adhesión ó sistema EMAS comunitario.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. As solicitudes irán dirixidas ó conselleiro de Medio Ambiente e deberán ser presentadas no modelo recollido para o efecto no anexo desta orde.

2. Coas solicitudes achegaranse, ademais dos específicos para cada tipo de axuda, os seguintes documentos:

1) Copia compulsada do DNI ou NIF do solicitante e, se é o caso, acreditación da representación do solicitante por calquera medio válido en dereito, de acordo co disposto no artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2) Certificación expedida pola entidade bancaria na que se sinale número de conta da empresa beneficiaria onde se debe realiza-lo pagamento.

3) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 3º.-Lugar e prazos de presentación das solicitudes.

Sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, as solicitudes de axuda poderán ser presentadas nas delegacións provinciais, servicios centrais ou na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, no prazo de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Capítulo II

Axudas a investimentos en prevención e reducción

na xeración de residuos

Artigo 4º.-Obxecto.

Concédense axudas a aqueles investimentos encamiñados á consecución dos seguintes obxectivos:

1. Prevención e reducción na xeración de residuos industriais.

Para conseguir diminuí-la cantidade de residuos industriais poderán ser beneficiarios de subvención aqueles proxectos que propoñan:

a) Cambio materias primas.

b) Medidas organizativas na empresa.

c) Reutilización ou valorización non enerxética na propia industria.

d) Mellora tecnolóxica.

e) Cambios nos productos.

2. Instalacións axeitadadas para a xestión de residuos industriais, así como para aqueles residuos que relaciona o número 2 do Plan Nacional de Residuos Urbanos, aprobado por acordo do Consello de Ministros do 7 de xaneiro de 2000 (BOE do 2 de febreiro), que aínda que non se consideran urbanos estricto sensu, requiren solucións específicas por razón da súa propia peculiaridade.

3. Instalacións de reciclaxe ou reutilización ou minimación de residuos in situ ou de tratamento externo.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Empresas e asociacións ou agrupacións de empresas.

Artigo 6º.-Contía.

Ata un máximo do 50% do orzamento do investimento, de acordo co establecido no artigo 8º.3.

Artigo 7º.-Documentación que hai que presentar.

As solicitudes axustaranse ó modelo oficial que figura como anexo e xuntaranse por triplicado exemplar os seguintes documentos:

1. Estudio que conteña:

a) Memoria técnica explicativa da acción que se vai desenvolver con mención expresa do punto do artigo 1.2º que se vai desenvolver e xustificación, en calquera caso, con datos preexistentes, do interese a priori do campo de actuación elixido.

b) Proxecto e orzamento detallados do investimento periodificados segundo as anualidades para as que se solicita a axuda.

c) Beneficios ambientais que se obteñan.

d) Análises dos beneficios económicos esperados, fluxo de caixa e cálculo do TIR (taxa do rendemento interno).

e) Calendario de prazos de execución.

2. Autorización de productor ou xestor de residuos, se procede.

3. Acreditación, cando proceda, de estar ó corrente no cumprimento do programa de autocontrois de emisións á atmosfera.

Artigo 8º.-Criterios de priorización.

1. As solicitudes avaliaranse en réxime de concorrencia competitiva e para avalia-la prioridade entre elas teranse en conta os seguintes criterios enumerados por orde decrecente de importancia.

1) Investimentos destinados a mellora-las liñas de xestión de residuos perigosos destinados ó tratamento de residuos da Comunidade galega distintos dos producidos pola empresa solicitante.

2) Investimentos destinados a mellora-las liñas de xestión de residuos non perigosos destinados ó tratamento de residuos da Comunidade galega distintos dos producidos pola empresa solicitante.

3) Investimentos que presentan proxectos para prevención na xeración de residuos.

4) Investimentos na reutilización de residuos.

5) Investimentos coa finalidade de reciclar, e/ou valorizar residuos.

2. Considerando os anteriores criterios de priorización, a comisión de avaliación avaliará as solicitudes presentadas tendo en conta as alíneas a), b), c) e d) do estudio ó que se refire o artigo 7º, puntuando da seguinte forma:

Alínea a): ata un máximo de 4 puntos.

Alínea b): ata un máximo de 6 puntos.

Alínea c): ata un máximo dun punto.

Alínea d): ata un máximo de 3 puntos.

As solicitudes que non obtivesen unha puntuación mínima de 7 puntos entenderanse desestimadas.

3. A porcentaxe subvencionable de cada proxecto (tendo en conta que a contía máxima non poderá supera-lo establecido no artigo 6º), determinarase do seguinte xeito:

1) Adcribirase cada solicitude admitida a un dos grupos definidos no número 1 deste artigo.

2) Clasificaranse dentro de cada un destes grupos os investimentos en función da súa contía total, de xeito que os límites de cada subgrupo sexan máis ou menos o dez por cento (±10%) da media dos investimentos incluídos nela.

3) Dentro de cada un destes subgrupos determinarase a porcentaxe (%) de subvención, de xeito que as que obtivesen unha puntuación menor na avaliación definida no número 2 deste artigo non poidan obter unha porcentaxe superior de axuda cás de maior puntuación.

Capítulo III

Estudios

Artigo 9º.-Obxecto.

Concederanse axudas para a realización de estudios encamiñados a consegui-la prevención na mini

mización de residuos mediante as accións definidas no artigo 1º.2.1 desta orde. Estes estudios serán realizados por unha empresa independente da que solicita a subvención e de recoñecida solvencia técnica.

Artigo 10º.-Beneficiarios.

1. As empresas, asociacións ou agrupacións de empresas que encarguen a realización dos citados estudios sobre as súas actividades.

2. As empresas beneficiarias deste tipo de subvención poderán ser beneficiarias de subvencións ó investimento que se deduza do estudio realizado, en futuras convocatorias similares realizadas por esta Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 11º.-Contía.

Ata un máximo do 75% do custo do estudio, de acordo co establecido no artigo 13º.3.

Artigo 12º.-Documentación que hai que presentar.

1. Memoria técnica explicativa da acción que se vai desenvolver con mención expresa do punto do artigo 1º.2.1 que se vai desenvolver e xustificación, en calquera caso, con datos preexistentes, do interese a priori do campo de adecuación elixido. Definirase a enxeñería ou entidade colaboradora da Administración (ECA) que realizará o estudio.

2. Contido do estudio que, polo menos, deberá conter:

a) Proxecto e orzamento detallados do investimento proposto para os obxectivos establecidos no artigo 1º.2.1 periodificados segundo as anualidades para as que se solicita a axuda.

b) Beneficios ambientais que se obteñan.

c) Análise dos beneficios económicos esperados, fluxo de caixa e cálculo do TIR (taxa de rendemento interno).

d) Calendario de prazos de execución.

e) Diagnóstico da situación ambiental da empresa.

f) Programa de mellora ambiental da empresa.

3. Proxecto e orzamento detallados do investimento para a realización do estudio.

4. O estudio subvencionado deberá incluí-lo compromiso da empresa da posta en marcha dos resultados do estudio nun prazo non superior a 5 anos para aqueles investimentos cun período de retorno non superior a 3 anos.

Artigo 13º.-Criterios de priorización.

1. Para avalia-la prioridade das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios enumerados por orde decrecente de importancia:

1.1. Estudios que presentan os proxectos para prevención na xeración de residuos.

1.2. Estudios para a reutilización de residuos.

1.3. Estudios coa finalidade de reciclar, e/ou valorizar residuos.

2. Considerando os anteriores criterios de priorización, a comisión de avaliación avaliará as solicitudes presentadas tendo en conta os puntos 2.1), 2.2), 2.3) e 2.4) da documentación á que se refire o artigo 12º, puntuando da seguinte forma:

Alínea a): ata un máximo de 4 puntos.

Alínea b): ata un máximo de 6 puntos.

Alínea c): ata un máximo de 1 puntos.

Alínea d): ata un máximo de 3 puntos.

As solicitudes que non obtivesen unha puntuación mínima de 7 puntos entenderanse desestimadas.

3. A porcentaxe subvencionable de cada proxecto (tendo en conta que a contía máxima non poderá supera-lo establecido no artigo 11º, determinarase do seguinte xeito:

1) Adcribirase cada solicitude admitida a un dos grupos definidos na alínea 1 deste artigo.

2) Clasificarase dentro de cada un destes grupos os investimentos en función da súa contía total, de xeito que os límites de cada subgrupo sexan máis ou menos o dez por cento (±10%) da media dos investimentos incluídos nela.

3) Dentro de cada un destes subgrupos determinarase a porcentaxe (%) de subvención, de xeito que os que tivesen unha puntuación menor na avaliación definida no número 2 deste artigo non poidan obter unha porcentaxe superior de axuda cás de maior puntuación.

Capítulo IV

Implantación dun sistema de xestión ambiental mediante a norma ISO 14.001 ou adhesión ó sistema EMAS comunitario

Artigo 14º.-Obxecto.

Concédense axudas para a implantación dun sistema de xestión ambiental mediante a norma ISO 14.001 ou adhesión ó sistema EMAS comunitario.

Artigo 15º.-Beneficiarios.

As empresas, asociacións ou agrupacións de empresas.

Artigo 16º.-Contía.

Ata un máximo do 50% do custo do investimento.

Artigo 17º.-Documentación que hai que presentar.

1. Memoria técnica explicativa da acción que se vai desenvolver.

2. Proxecto e orzamento detallados do investimento periodificados segundo as anualidades para as que se solicita a axuda.

3. Acreditación do verificador ambiental que realice as actividades.

4. Proxecto de implantación do sistema de xestión ambiental.

5. No caso de diagnóstico ambiental, presentarase compromiso formal da empresa na que se obriga á implantación das recomendacións realizadas neste diagnóstico, como a posterior implantación, e certificación por ISO 14.001.

Artigo 18º.-Criterios de priorización.

1. Empresas que como resultado da axuda recibida poidan acredita-la súa inscrición no rexistro EMAS.

2. Empresas que como resultado da axuda recibida poidan acreditar que iniciaron o procedemento para a súa inscrición no rexistro EMAS.

3. Empresas que como o resultado da axuda recibida poidan acreditar que obtiveron a certificación ISO 14.001.

4. Empresas que como resultado de axuda recibida poidan acredita-la implantación ISO 14.001.

5. Empresas que como o resultado da axuda recibida realicen un diagnóstico ambiental previo.

O criterio de avaliación das solicitudes considerarase en orde decrecente ó abeiro dos criterios mencionados segundo o procedemento de subgrupos establecidos nos artigos 8º.3 e 13º.3 desta orde de subvencións.

Capítulo V

Tramitación, resolución, xustificación e pagamento

Artigo 19º.-Comisión de avaliación.

Presentada a solicitude xunto coa documentación correspondente, procederase á súa valoración por unha comisión de avaliación de proxectos constituída polo director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a subdirectora xeral de Calidade Ambiental e o subdirector xeral de Avaliación Ambiental e, no caso de carencias ou defectos de forma, requirirase o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se no se fixese deste xeito, terase por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 20º.-Resolución.

1. A resolución da concesión será dictada polo conselleiro de Medio Ambiente nun prazo de seis

meses a partir da publicación da convocatoria no DOG. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderanse desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

2. O outorgamento da axuda debe ser aceptado polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que o beneficiario non comunique no prazo indicado, a aceptación da axuda determinará a súa desestimación.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 21º.-Control e seguimento.

1. Constitúese unha comisión integrada polos mesmos membros da Comisión de Avaliación, que se encargará do control da execución da actividade obxecto da axuda.

2. A referida comisión poderá solicitar, en calquera momento, cantas aclaracións e informes considere convenientes e, no suposto de non seren satisfeitas en prazo, considerarase como incumprimento das condicións de concesión da subvención.

Artigo 22º.-Acreditación de traballos realizados.

Para proceder ó cobramento das axudas será indispensable a presentación, antes do 31 de outubro de 2000 para as subvencións do ano 2000 e antes do 31 de outubro de 2001 para as subvencións do 2001, de tres exemplares da memoria final e do custo dos traballos realizados para o seu exame e análise, así como as facturas, xustificantes bancarios dos pagamentos realizados ou outros xustificantes do investimento solicitado que deberán estar debidamente acreditados ante a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que outorgará a súa conformidade. Os documentos que se presenten como xustificantes deberán ser orixinais ou copias compulsadas. Nas axudas relativas a ecoauditorías ambientais deberá incluírse a declaración ambiental realizada polo verificador ambiental.

Así mesmo, no momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para un mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 23º.-Pagamento.

1. O beneficiario deberá acreditar previamente o cobramento:

a) Que se atope ó corrente das obrigas tributarias e de Seguridade Social.

b) Certificación de non ter pendente ningunha débeda por ningún concepto coa Administración da Comunidade Autónoma.

2. De acordo co establecido na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 poderanse efectuar pagamentos parciais á conta da liquidación, tendo en conta que cando a subvención supere a cifra de 5.000.000 de pesetas será obrigatorio presentar como garantía un aval bancario ou de entidade aseguradora que se considere suficiente e por tempo indefinido.

Artigo 24º.-Reducción do pagamento.

No suposto de que o investimento ou a actividade realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda concedida verase diminuída nunha porcentaxe proporcional.

Artigo 25º.-Aplicación orzamentaria.

Para a concesión das axudas convocadas nesta orde destinaranse ata un máximo de 272.000.000 de ptas. que se imputarán na aplicación orzamentaria 15.03.342-A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2000 e 2001, de acordo coa seguinte distribución:

Ano 2000:

15.03.342-A.770.0: 160.000.000 de ptas.

Ano 2001:

15.03.342-A.770.0: 112.000.000 de ptas.

Artigo 26º.-Compatibilidade de axudas.

Só serán compatibles con outras axudas as previstas no capítulo III desta orde, dentro dos límites establecidos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 outubro, polo que se aproba o texto refundido da lei de réxime financieiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 27.-Reintegro.

Procederá o reintegro total ou parcial das axudas reguladas nesta orde, e dos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei

de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 28º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan esixi-los órganos correspondentes da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 29º.-Recursos.

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Disposición adicional

Ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para dictar cantas disposicións complementarias sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2000.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente