Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 07 de marzo de 2000 Páx. 3.084

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2000 pola que se convocan unhas xornadas sobre drogas e función policial.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2000, conforme ás funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dunhas xornadas sobre drogas e función policial, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

As xornadas teñen por obxectivo coñecer en profundidade a problemática da intervención policial no tema do tráfico e consumo de drogas e analizar métodos de rehabilitación e comportamento de toxicómanos, etc.

Destinatarios.

As xornadas van dirixidas ós membros dos corpos e forzas de seguridade.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertan é de 250.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestas xornadas deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 3 de maio de 2000.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei

30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

As xornadas realizaranse en sesións de mañá e tarde e nelas abordarase o tema das drogas desde as seguintes perspectivas: sociolóxica, xurídica, política e policial.

Datas.

As xornadas realizaranse durante os días 10 e 11 de maio de 2000.

O horario será en xornada de mañá (9.30 h-14 h) e tarde (16 h-20 h) o día 10, e en sesión de mañá o día 11.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 5 de maio de 2000 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

Salón de actos nº 1 da Consellería da Presidencia e Administración Pública, sito no edificio administrativo San Caetano, Santiago de Compostela.

Certificado de participación.

Ó remate das xornadas entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nelas.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento das xornadas para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 17 de febreiro de 2000.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade