Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 07 de marzo de 2000 Páx. 3.076

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 24 de febreiro de 2000 pola que se convocan axudas económicas para a realización de formación práctica en empresas destinadas a alumnos/as do último curso de formación profesional de segundo grao e ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica en centros dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

As prácticas en empresas do sector pesqueiro, ademais do seu carácter obrigatorio como módulo de formación nos centros de traballo para os ciclos formativos de formación profesional específica e a súa coveniencia para os alumnos do último curso de FP2, teñen un enorme interese polo seu valor didácti

co-pedagóxico e a posibilidade, no ámbito sociolaboral, de achega-los alumnos/as ó mundo no que se desenvolverá a súa vida profesional.

Por todo isto, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

DISPÓN:

Primeiro.-Convocar axudas cofinanciadas co Fondo Social Europeo, para a realización de formación práctica en empresas destinadas a alumnos/as do último curso de formación profesional de segundo grao e ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica en centros dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Segundo.-Serán requisitos indispensables para solicitar estas axudas:

2.1. Que os/as solicitantes estean matriculados no último curso dunha especialidade de formación profesional ou ciclo formativo de formación profesional específica en centros dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

2.2. Que as solicitudes do alumnado se formalicen no modelo de impreso que figura no anexo, que estean asinadas polo interesado/a e teñan o visto e prace do director do centro conforme reúnen tódolos requisitos.

Terceiro.-Presentación de solicitudes.

3.1. Os alumnos/as que reúnan os requisitos para participar destas axudas presentarán a correspondente solicitude, no modelo anexo a esta orde, no centro onde estean matriculados e nos prazos seguintes:

a) Para os alumnos do 2º curso do ciclo superior e de FP2, nun prazo de 20 días hábiles a partir do día seguinte ó de publicación desta orde no DOG.

b) Para os alumnos do ciclo medio, nun prazo de 20 días hábiles a partir do 1 de xuño de 2000.

Cuarto.-Criterios de selección.

4.1. Ter aprobados tódolos módulos profesionais.

Para os alumnos que teñan un único módulo avaliado negativamente, fará falta informe do titor no que se especifique que o alumno ten fundadas posibilidades de superalo mediante as actividades de recuperación establecidas.

4.2. Dispor de convenio educativo entre centro e empresa.

Quinto.-Contía das axudas.

5.1. A contía solicitada por día estará en función da distancia que exista entre a empresa e o domicilio do alumno/a, segundo o baremo seguinte:

-Dentro dun radio de 5 km320 ptas.-De 6 km ata 15 km520 ptas.-De 16 km ata 30 km725 ptas.-De 31 km ata 50 km1.125 ptas.

-Máis de 50 km (con retorno no día)1.330 ptas.-Máis de 50 km (sen retorno no día)5.150 ptas.

5.2. O número máximo de xornadas para a formación profesional de segundo grao será de quince e, para os ciclos formativos, as suficientes para completa-las horas que fixa o módulo de formación nos centros de traballo. A contía da axuda para os ciclos formativos non poderá supera-las 130.000 ptas. no grao superior de producción acuícola e as 175.000 ptas. no grao medio e no grao superior dos demais ciclos.

5.3. Malia o anterior, se a contía total das solicitudes superase o crédito dispoñible, queda autorizada a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para reaxusta-la contía en razón da distancia e do orzamento dispoñible. Neste caso, comunicaráselles ós interesados/as a modificación efectuada.

5.4. O alumno/a estará acollido á mutualidade do seguro escolar e á póliza de seguro de accidentes de traballo e responsabilidade civil, subscrita polo centro educativo onde cursa as ensinanzas.

Sexto.-Comisión de selección e seguimento das axudas.

6.1. A selección das peticións e o seguimento das axudas levarase a cabo por unha comisión integrada por:

-O delegado territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou persoa en quen delegue.

-O xefe do Servicio de Ensinanzas Náutico e Marítimo-Pesqueiras.

-Os directores dos centros onde se impartan as ensinanzas.

-Os xefes de estudio dos centros onde se impartan as ensinanzas.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, que actuará como secretario/a, con voz e voto.

6.2. Das reunións celebradas pola comisión, levantarase acta, que será remitida á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Sétimo.-Adxudicación de axudas.

7.1. A dirección do centro, unha vez revisadas as solicitudes, confeccionará un proxecto de expediente económico para a formación en empresas. Este expediente económico, xunto cunha copia de tódalas solicitudes, remitirase á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación dentro dos 15 días seguintes ó remate do prazo de presentación de solicitudes.

7.2. A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, logo de revisa-las solicitudes e comproba-la vixencia dos concertos de colaboración, reexpedirá toda a documentación á comisión de selección e seguimento das axudas.

7.3. A comisión, vistas as solicitudes presentadas, os proxectos económicos e o crédito dispoñible, fará a oportuna proposta de adxudicación ó director xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

O director xeral resolverá, notificándolle a cada centro a concesión ou denegación provisional das axudas e, se é o caso, a modificación das contías solicitadas.

7.4. A partir da data de comunicación ós centros mencionada no punto anterior, abrirase un prazo de 10 días naturais para que os interesados formulen as reclamacións que consideren oportunas perante a comisión de selección.

7.5. Resoltas as reclamacións formuladas, a Dirección Xeral, no prazo de 15 días, dictará resolución na que se farán consta-las adxudicacións definitivas. Contra esta resolución poderase interpoñer, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, recurso de alzada perante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da notificación ou publicación da citada resolución.

A falta de notificación no termo de tres meses determinará a súa denegación presunta.

Oitavo.-Aboamento das axudas.

O pagamento das axudas farase dunha soa vez, logo da certificación do centro de que se remataron as xornadas de prácticas e ata un límite de 6.500.000 ptas. (39.065,79 euros), con cargo á aplicación orzamentaria 12.04.322S.480.0. Formación Profesional FSE, existindo crédito suficiente na partida indicada nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2000.

Noveno.-Estas axudas son incompatibles coas de residencia por razón de estudios.

Décimo.-O beneficiario está obrigado ó reintegro total ou parcial da axuda no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Ademais, está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposición derradeira

Autorízase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para desenvolve-lo disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2000.

P.D. (Orde 17-12-1997, DOG nº 246, do 22)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura