Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 06 de marzo de 2000 Páx. 3.009

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 44/2000, do 18 de febreiro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola obra apeadorio na liña do ferrocarril Redondela-Santiago de Compostela, no p.k. 19+900, no concello de Pontevedra.

Con data do 16 de xuño de 1999, o director xeral de Transportes, por delegación do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, aprobou o proxecto de construcción do apeadoiro na liña do ferrocarril Redondela-Santiago de Compostela no p.k. 19+900, no concello de Pontevedra.

Os bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos no citado proxecto, e valorados segundo os planos que se achegan.

A competencia para efectua-la declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo 2 do Decreto 58/1984, do 28 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de transportes terrestres e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, en relación co convenio asinado entre a Xunta de Galicia e Renfe de data do 3 de agosto de 1998 para a mellora da rede ferroviaria interior de Galicia, considerándose xustificada na referida declaración de urxencia, é necesario a execución immediata das obras deste apeadoiro que dará servicio ós alumnos do Campus Universitario de Pontevedra, en especial ós da Escola de Forestais, que polas adversidades climáticas e polo estado de pavimentación da zona están hoxe penalizados coma usuarios do ferrocarril.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 153 da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de febreiro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declara-la utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación no proxecto de construcción da obra do apeadoiro na liña do ferrocarril Redondela-Santiago de Compostela no p.k. 19+900, no concello de Pontevedra.

Santiago de Compostela dezaoito de febreiro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda