Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 02 de marzo de 2000 Páx. 2.830

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 14 de febreiro de 2000, das consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, pola que se convocan subvencións para as corporacións locais da Comunidade Autónoma que vaian establecer un programa de axudas ás familias para a escolarización dos seus fillos para o curso académico 2000/2001.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social e, no seu artigo 31, a competencia plena para a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades.

Por outra parte, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia no seu artigo 5, punto 2 b) establece que, sen prexuízo do disposto na lexislación de réxime local e na Lei galega de servicios sociais, as corporacións locais exercerán as súas competencias en materia de protección á familia, á infancia e á adolescencia, a través da provisión directa de servicios sociais e prestacións destinadas ás familias residentes no respectivo territorio que presenten aspectos carenciais, entre outras actuacións.

Dentro do ámbito de actuación da familia e da infancia e co fin de facer efectivo o principio de igualdade no exercicio do dereito á educación, as consellerías de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e a de Educación e Ordenación Universitaria consideran necesario establecer un programa de axudas económicas que compense a aquelas familias que non dispoñan de rendas familiares suficientes para afronta-los gastos derivados da escolarización dos seus fillos ó comezo do curso escolar, a través de subvencións ás corporacións locais.

Con este fin, na de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2000 nas aplicacións 14.02.212A.463.0 e 07.03.323A.480.0 existen partidas consignadas para as axudas que se establecen no articulado da presente orde por un importe de 21.828.000 ptas. e 70.000.000 de ptas., respectivamente.

Na súa virtude, en uso das facultades atribuídas,

DISPONSE:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o establecemento de axudas económicas destinadas ás corporacións

locais para contribuír, parcialmente, ó financiamento dun programa de axudas á escolarización.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicita-las axudas que se regulan nesta orde as corporacións locais que vaian poñer en marcha un programa de axudas á escolarización para o curso académico 2000/2001 destinado a aquelas familias que non dispoñan de ingresos suficientes para atende-los gastos orixinados polo comezo do curso escolar, entendendo por tales a compra de material escolar, vestiario e outros gastos directamente relacionados con el.

Artigo 3º.-Criterios de valoración.

Para a adxudicación das subvencións teranse en conta os seguintes criterios de valoración:

-Poboación que estea cursando estudios de ensino obrigatorio e/ou educación infantil, no ámbito da corporación local solicitante.

-Nº de beneficiarios da renda de integración social de Galicia con cargas familiares no ámbito da corporación local solicitante.

-Orzamento destinado ó programa pola corporación local.

Artigo 4º.-Financiamento.

As corporacións locais deberán contribuír ó financiamento das axudas, polo menos cunha contía igual ó total subvencionado.

Artigo 5º.-Xestión das subvencións.

A xestión destas axudas correspóndelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, para o que se tramitará a correspondente ampliación de crédito de xeito que se poida xestionar todo o orzamento desde a devandita consellería.

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. As corporacións locais presentarán unha solicitude, conforme o modelo que figura como anexo I da presente orde, á cal xuntarán a seguinte documentación:

-Certificación da secretaría do acordo plenario, da Comisión de Goberno no caso de que teña competencia para isto, ou do órgano colexiado superior que autorice a petición.

-Compromiso expreso e asinado polo representante legal da corporación local ou persoa en quen deleguen, de participar, polo menos, no programa cunha contía igual ó total subvencionado.

-Breve memoria na que figuren os requisitos esixidos ós solicitantes das axudas, o baremo aplicable para a súa concesión, así como a contía das axudas que se van outorgar.

-Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para este mesmo programa, das distintas administracións públicas competentes.

2. As ditas solicitudes presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Tramitación dos expedientes.

As respectivas delegacións provinciais comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos esixidos na presente orde e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados a reparación da falta ou a remisión dos documentos preceptivos para poder completa-lo expediente, co apercibimento de que, se así non se fixese nun prazo de 10 días, terase por desistida a súa petición de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, logo de resolución que deberá dictarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

Artigo 8º.-Resolución.

1. A resolución destas axudas correspóndelle ós/ás delegados/as provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, por proposta da comisión de valoración, e unha vez fiscalizadas polas intervencións territoriais. A antedita resolución terá lugar no prazo de catro meses, contado a partir da data de publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes non resoltas en prazo teranse por desestimadas.

As resolucións seranlles notificadas pola delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ás corporacións locais.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidente: o/a xefe/a do Servicio de Familia, Infancia e Menores, ou xefe/a de Servicio de Promoción Estudiantil.

Vocais: tres funcionarios das respectivas delegacións provinciais designados polo/a delegado/a provincial. Actuará como secretario un dos vocais. Poderá asistir con voz pero sen voto un representante da intervención territorial.

2. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano da xurisdicción contencioso-administrativa competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación da presente resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

3. Correspóndelles ás corporacións locais fixa-los requisitos e criterios de valoración, dando preferencia en todo caso ás familias con renda per cápita máis baixa e ás que presenten risco de exclusión social, así como a concesión e denegación das axudas ós beneficiarios, establecendo, así mesmo, os mecanismos que consideren máis axeitados para o seguimento e control do destino dado á axuda con carácter finalista.

4. As corporacións locais deberán resolve-la concesión das axudas destinadas ás familias nun prazo máximo de 3 meses contados desde a notificación da resolución pola delegación provincial.

Artigo 9º.-Pagamentos e xustificación das subvencións.

Unha vez dictada a resolución pola que se concede a subvención, esta farase efectiva de acordo co disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2000, do seguinte xeito:

1. No caso de que a contía da axuda concedida non supere o importe de 1.000.000 de ptas. poderá acordarse no momento da concesión un anticipo de ata un 80%, e librarase o 20% restante no momento da completa xustificación por parte da corporación local do cumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención, e xustificación do gasto conforme os números 3 e 4 deste artigo.

Nos demais casos, poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que a corporación local xustifique os gastos. Estes pagamentos non poderán supera-lo 80% da axuda concedida. O 20% restante librarase no momento da completa xustificación por parte da corporación local do cumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención, e xustificación do gasto conforme os números 3 e 4 deste artigo.

2. En todo caso, e para proceder ó aboamento do primeiro prazo débese achegar unha certificación do secretario ou documento acreditativo da retención do crédito do interventor da corporación na que conste a contribución exacta da corporación local ó programa.

3. Para proceder ó aboamento do último pagamento deberán xustificar un gasto que comprenda tanto a contribución da corporación local como a da Comunidade Autónoma que, en todo caso, será igual ou superior ó dobre da axuda concedida.

Así mesmo, deberán presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución, para este mesmo programa, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. Así mesmo, a corporación local deberá emitir, no prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación expedida polo órgano competente acreditativa de que foi rexistrada na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando co destino final para o que foi concedida. Este documento será necesario para o libramento dos sucesivos pagamentos, se é o caso.

5. Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida e os xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos casos establecidos no artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 10º.-Seguimento do programa.

As corporacións locais comunicarán, nos 30 días seguintes á finalización do prazo á que se refire o artigo 8º.4 da presente orde, á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude as prestacións realizadas, a través dunha memoria que conterá os seguintes datos:

-Crédito total destinado, sinalando a achega correspondente á Xunta de Galicia e á respectiva corporación local.

-Nº de solicitudes presentadas.

-Nº de concesións e denegacións, achegando no primeiro caso relación nominal de beneficiarios e contía concedida a cada un deles.

-Requisitos e/ou baremo que se aplicou.

Outras obrigas das corporacións locais:

-Non minorar nin anula-la consignación que as entidades locais tivesen previsto inicialmente para este fin.

-Entregar ós beneficiarios os fondos recibidos.

-Verificar, se é o caso, o cumprimento e efectividade das condicións ou requisitos determinantes para o outorgamento das axudas.

-Xustifica-la aplicación dos fondos percibidos ante a entidade concedente e, se é o caso, entrega-la xustificación presentada polos beneficiarios.

-Facer constar na publicidade e información referente ó programa, a condición de cofinanciado polas consellerías.

-Someterse ás actuacións de comprobación que respecto da xestión dos ditos fondos pode efectua-la entidade concedente e ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ós procedementos fiscalizadores do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

-Colaborar na restitución das subvencións outorgadas nos supostos nos que concorra causa de reintegro.

En todo caso, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá solicitar en calquera momento a documentación complementaria que estime conveniente.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais para este fin.

Segunda.-As entidades locais beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que poida acorda-la Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, así como as de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda, e ás previstas na normativa do Consello de Contas.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude nos delegados/as provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolve-la concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse os directores xerais de Familia e de Centros e Inspección Educativa para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2000.

Manuela López BesteiroCelso Currás Fernández

Conselleira de Familia eConselleiro de Educación e

Promoción do Emprego,Ordenación Universitaria

Muller e Xuventude